Remove ads
unidade monetaria de Vietnam From Wikipedia, the free encyclopedia
O dong (en vietnamita: đồng) é a unidade monetaria da República Socialista de Vietnam desde o 3 de maio de 1987.[2] O seu código ISO 4217 é VND e o seu símbolo monetario é ₫ ou đ.[3][4] O seu órgano emisor é o Banco Estatal de Vietnam.[5]
Dong vietnamita | |
---|---|
Đồng Việt Nam | |
Código: | VND |
Ámbito: | Vietnam |
Símbolo: | ₫ / đ |
Fracción: | hào (1/10), xu (1/100) (non emitido). |
Moedas: | 200, 500, 1.000, 2.000, 5.000 dong. |
Billetes: | 500, 1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000, 50.000, 100.000, 200.000, 500.000 dong. |
Emisor: | Banco Estatal de Vietnam (Ngân hàng Nhà nước Việt Nam) |
Taxa de troco: 05-03-2021 | 1 EUR = 27.703,4 VND 1 USD = 23.155,63 VND[1] |
O actual dong conserva a denominación da moeda dos extintos Vietnam do Norte e Vietnam do Sur, herdeira, pola súa vez, da piastra da Indochina Francesa.[6][7]
Anteriormente, o dong contaba con dúas moedas divisionarias: o hào, que era unha décima parte, e o xu, a centésima parte.[8]
En 1946, o Goberno do Viet Minh (que posteriormente se converteu en Vietnam do Norte) introduciu a súa propia moeda, o dong, para substituír a piastra da Indochina francesa, cun valor á par. A partir dese momento houbo dúas revalorizacións, en 1951 e en 1959, a primeira cunha taxa de 100:1 e a segunda coa taxa de 1.000:1.[6][7]
En 1953 emitíronse billetes con dupla denominación en piastras e en dong para o Estado de Vietnam, que se converteu en Vietnam do Sur en 1954. O 22 de setembro de 1975, logo da caída de Saigón, cambiouse a moeda survietnamita por unha nova denominada "dong da liberación'', equivalente a 500 dos antigos.[6][7]
Logo da unificación de Vietnam, o dong unificouse tamén, o 3 de maio de 1978. Unha unidade deste novo dong era equivalente á do antigo dong do Norte ou a 0,8 do "dong de liberación de Vietnam do sur".
O 14 de setembro de 1985, o dong foi revalorizado, de xeito que un novo dong pasou a equivaler a 10 dos antigos. Nese momento comezou un ciclo de inflación crónica que continuou ata ben entrada a década de 1990.[6][7]
Esta sección refírese unicamente ao dong do Vietnam unificado.
En 1978 introducíronse moedas de aluminio, datadas en 1976, con valores faciais de 1, 2, e 5 hào, e de 1 dong. Estas moedas foron cuñadas na Casa da Moeda de Berlín, na daquela República Democrática Alemá, e amosan o emblema do Estado nos seus anversoa e o seu valor nos reversos. Por mor da inflación crónica, o valor destas moedas chegou a practicamente desaparecer e, a partir desta serie non circulou no país moeda ningunha durante máis de dúas décadas.
A partir de 1986 comezaron a producirse emisións de moeda conmemorativa en dong cuñadas en diversos metais e aliaxes (cobre, bronce, cuproníquel, prata e ouro), aínda que ningunha delas estaba destinada á circulación.
Mais o 17 de decembro de 2003, o Banco Estatal de Vietnam retomou a emisión de moeda para a súa posta en circulación. Esta nova serie, producida pola Casa da Moeda de Finlandia, compúñase dos valores de 200, 500, 1.000, 2.000 e 5.000 dong, de aceiro, nuns valores bañado en níquel e noutros en latón. Con anterioridade a esta reintrodución da moeda, os consumidores vietnamitas víanse obrigados a cambiar os seus billetes en fichas para accederen a servizos como, por exemplo, as máquinas expendedoras, o que eximía o Estado do alto custo de imprimir billetes de valores pequenos. Xa que logo, as novas moedas foron inicialmente ben acollidas pola poboación, que ao mesmo tempo amosaba a súa preocupación pola limitada cantidade de moedas de 200 dong en circulación, por mor das presións inflacionarias.[9]
Desde o comezo desta nova serie de 2003, o Banco Estatal tivo dificultades para xeneralizar a aceptación das moedas, malia o cesamento da produción de billetes de valores menores, ata o punto de que algúns bancos rexeitaron os depósitos en moedas. Esta situación obrigou a aprobar leis que obrigaban os bancos privados e municipais a faceren transaccións en moedas, en detrimento do uso dos valores inferiores en billetes. Paralelamente, a aceptación do uso das moedas por parte da poboación foi decaendo.[10] Finamente, o Banco Estatal de Vietnam cesou a súa distribución en 2011, aínda mantendo o seu curso legal.[11]
Imaxe | Facial | Data | Aliaxe | Diámetro | Grosor | Peso | Canto | Anverso | Reverso | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
200 đ | 2003 | Ace. bañado en Ni | 20,0 mm | 1,4 mm | 3,1 g | Liso | Escudo de armas; CỘNG HÒA XÃ HỘI CHỦ NGHĨA VIỆT NAM ("República Socialista de Vietnam") | Lenda común:
NGÂN HÀNG NHÀ NƯỚC VIỆT NAM ("Banco Estatal de Vietnam") Motivos centrais: • 200 đ e 500 đ: valor. • 1.000 đ templo Ðô. • 2 .000 đ casa en Tay Nguyen. • 5 .000 đ pagode Môt Côt. | ||
500 đ | 21,8 mm | 1,7 mm | 4,5 g | Estriado alterno | ||||||
1.000 đ | Ace. bañado en lat. | 19,7 mm | 1,9 mm | 3,7 g | Estriado | |||||
2.000 đ | 23,5 mm | 1,7 mm | 5,0 g | Estriado alterno | ||||||
5.000 đ | Lat. | 25,5 mm | 2,2 mm | 7,6 g | Indentado |
Simultaneamente á introdución das primeiras moedas en 1978, nese mesmo ano púxose tamén en circulación a primeira serie de billetes, con valores de 5 hào e de 1, 5, 10, 20 e 50 dong, datados en 1976. En 1980 engadiuse o billete de 2 dong e en 1981 os de 30 e 100 dong. A forte inflación provocou a retirada destes billetes en 1985, que foran perdendo o seu valor progresivamente.[17]
No mesmo 1985 reintroduciuse unha nova serie composta polos mesmos valores, aos que se lles engadiu o superior de 500 dong, mais a incesante inflación levou consigo a súa rápida substitución, en 1987, por unha nova con billetes de 200, 1.000, 2.000 e 5.000 dong, á que se lle engadiron outros valores en series sucesivas: os de 10.000 e de 50.000 dong en 1990, o de 20.000 dong en 1991, o de 100.000 dong en 1994, o de 500.000 en 2003 e o de 200.000 dong en 2006.[17][18]
Deste segundo dong apareceron cinco series. Bardante a iniciada en 2003, a carencia de temas unificados e de coordinación nos seus deseños provocou moita confusión na poboación. Na táboa que se amosa a seguir figuran os derradeiros billetes, con valor de 100 dong ou superior, que estiveron en circulación antes da serie vixente (todos estes billetes foron retirados da circulación).[17]
Imaxe | Facial | Data | Dimensións | Cor principal | Anverso | Reverso |
---|---|---|---|---|---|---|
100 đ | 1991 | 120×60 mm | Marrón | Escudo de armas | Templo de Phổ Minh | |
200 đ | 1987 | 130×65 mm | Laranxa | Ho Chi Minh | Produción agraria | |
500 đ | 1988 | 130×65 mm | Rosa | Porto Haiphong | ||
1.000 đ | 134×65 mm | Multicolor | Produción madeireira | |||
2.000 đ | 134×65 mm | Multicolor | Factoría téxtil | |||
5.000 d | 1991 | 134×65 mm | Azul | Central hidroeléctrica de Trị An | ||
10.000 đ | 1993 | 140×68 mm | Vermello | Baía Hạ Long | ||
20.000 đ | 1991 | 140×68 mm | Azul | Industria conserveira | ||
50.000 đ | 1994 | 140×68 mm | Verde | Porto de Nhà Rồng | ||
100.000 đ | 145×71 mm | Marrón | Casa étnica Ho Chi Minh |
En 2003 Vietnam comezou a substituír os billetes feitos en papel de algodón por outros de polímero plástico, sobre a base de que isto traería consigo unha redución dos custos de produción. Numerosos xornais do país criticaron estes cambios e acusaron a familiares do presidente do Banco Estatal de lucrárnse cos contratos das novas impresións.[29]
Imaxe | Facial | Data | Dimensións | Cor principal | Anverso | Reverso | |
---|---|---|---|---|---|---|---|
10.000 đ | 2006
a 2020 |
132×60 mm | Marrón | Ho Chi Minh | Plataforma marítima | ||
20.000 đ | 136×65 mm | Azul | Ponte cuberta en Hội An | ||||
50.000 đ | 2003
a 2020 |
140×65 mm | Rosa | Huế | |||
100.000 đ | 2004
a 2020 |
144×65 mm | Verde | Templo da literatura, Hanoi | |||
200.000 đ | 2006
a 2020 |
148×65 mm | Vermello | Baía de Hạ Long | |||
500.000 đ | 2003
a 2020 |
152×65 mm | Ciano | Lugar de nacemento de Ho Chi Minh's en Kim Liên |
En 2001 emitiuse un billete de polímero de 50 dong conmemorativo do 50 aniversario do Banco Estatal de Vietnam, aínda que o seu valor facial é tan baixo que na realidade só está destinado ao coleccionismo.[36] En 2016 emitiuse outro billete, esta vez de 100 dong e fabricado en papel de algodón, conmemorativo do 65 aniversario da mesma entidade.[37]
Logo da revalorización do dólar de Cimbabue o 1 de agosto de 2006,[38] o dong converteuse na unidade monetaria menos valorada do mundo durante meses. Porén, o 7 de setembro de 2007, o revalorizado dólar cimbabuense recuperou a súa posición como moeda menos valorada, en termos de taxa de troco (no mercado negro xa o era desde marzo dese ano). Logo do cesamento do uso do dólar cimbabuense o 12 de abril de 2009,[39] o dong vietnamita pasou a ser a segunda unidade monetaria menos valorada, despois do rial iraniano, o 28 de novembro de 2014. Desde o 19 de xuño de 2014, o dong fora desvalorizado cinco veces, nun esforzo por estimular as exportacións do país e garantir a estabilidade da moeda.[40]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.