Chester Krause
numismático e editor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Chester Lee Krause, nado o 16 de decembro de 1923 en Helvetia, Wisconsin, e finado o 15 de xuño de 2016 en Iola, no mesmo Estado, foi un numismático e editor estadounidense, coñecido por ser o fundador da editora Krause Publications, na década de 1950.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de decembro 1923 Helvetia, Estados Unidos de América (en) |
Morte | 25 de xuño de 2016 (92 anos) Iola. Wisconsin Estados Unidos |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Q89547790 | Fundador de Krause Publications. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática e negocios. |
Ocupación | numismático, editor |
Período de actividade | 1952 - |
Premios | |
Véxase a sección "Recoñecementos". |
Traxectoria
Primeiros anos
Krause naceu na vila de Helvetia, no condado de Waupaca, en Wisconsin, o 16 de decembro de 1923. Era fillo de Carl Krause (falecido en 1954) e de Cora Neil (1980), e pasou a súa infancia na granxa familiar como o menor dos seus seis fillos.[1] Adquiriu a súa primeira educación nunha sala da súa propia casa e aprendeu o oficio de albanel, que tamén exercía o seu pai, e logo cursou o seu ensino secundario en Iola, onde se graduou en 1941.[2][3]
Igual que os seus dous irmáns varóns, Chester foi recrutado polo exército durante a segunda guerra mundial. No seu caso, serviu como mecánico de automóbiles en Bélxica, Luxemburgo e Alemaña, entre 1943 e 1946.[1][2][3]
Carreira
Acabada a guerra retornou a Iola, onde a súa familia se asentou logo de vender a granxa en 1950, e alí estableceuse como construtor independente, e dous anos máis tarde, en 1952, comezou a compatibilizar esta dedicación coa de editor. Cun investimento inicial de 1.000 dólares, en outubro dese mesmo ano creou a revista Numismatic News, transformando o seu interese pola numismática, que o acompañaba desde neno, nun labor profesional, como vehículo para a información numismática aos coleccionistas de zonas afastadas das grandes cidades dos EEUU. A nova compañía, chamada Krause Publications, medrou considerablemente durante o lustro seguinte e en 1957 Krause construíu o seu derradeiro edificio, para centrar os seus intereses no ámbito editorial.[2][3][4] En 1963 contratou a Clifford Mishler, de Míchigan, con quen mantivo unha vinculación profesional durante moitos anos.[1]
A crise do coleccionismo numismático nos Estados Unidos na década de 1960 obrigouno a diversificar o seu negocio editorial, ampliándoo a outros coleccionismos. En 1971 comezou a publicar a revista Old Cars ("Coches antigos"), outra das súas paixóns, xa que era un coleccionista destes vehículos.[2] Ademais, o seu pasado como mecánico militar fixo que mantivese sempre o interese por este tipo de vehículos, o que o levou tamén a adquirir e publicar a cabeceira Military Vehicles Magazine.[1]
A época de máxima expansión foi a década de 1980, cando a súa editora abrangueu unha ducia de publicacións periódicas, dedicadas ao mundo do coleccionismo, e arredor de 150 títulos de libros. Entre as publicacións máis salientables desta época están as series Standard Catalog of World Coins (desde 1972) e Standard Catalog of World Paper Money, ambas con numerosas edicións actualizadas que se manteñen ata os nosos días, nalgunhas ocasións desagregadas en varios volumes por períodos.[2][5][6]
Este éxito nos negocios foi acompañado dun importante labor filantrópico, subvencionado numerosas iniciativas de índole social.[2]
En 1986, aos 63 anos, Krause deixou a dirección executiva da compañía, aínda que se mantivo como presidente. No momento da súa xubilación, Krause Publications tiña arredor de 400 empregados e unha facturación de 50 millóns de dólares. En 1990, Krause cedeulle a Mishler o control da compañía e na seguinte década este foi reducindo a súa participación, vendéndolles accións aos empregados.[1][2][7]
En xaneiro de 2014, Krause padeceu un derramo cerebral que minguou as súas capacidades, e en 2016 sufriu unha caída. No transcurso do tratamento a raíz desta caída tivo unha insuficiencia cardíaca que, finalmente, provocou o seu falecemento nun hospital de Iola, o 25 de xuño de 2016.[2][3]
Krause formou parte do equipo de dirección da American Numismatic Association entre 2007 e 2010. Tamén na ANA mantivo a súa colaboración con Clifford Mishler, que presidiu a sociedade de 2009 a 2011.[1]
Recoñecementos
- (1967): Medalla do mérito, da American Numismatic Association.[8]
- (1976): Premio Clemy, do Numismatic Literary Guild.[9]
- (1977): Premio Farran Zerbe Memorial, da American Numismatic Association.[8][10]
- (1981): Premio Robert Friedberg, do Gremio de Numismáticos Profesionais dos Estados Unidos.[11]
- (1991): Premio Glenn Smedley Memorial, da American Numismatic Association.[8]
- (1994): Premio á traxectoria, da American Numismatic Association.[8]
- (1999): Numismático do ano, da American Numismatic Association.[8]
- (2005): Servizo exemplar, da American Numismatic Association.[8]
- (2007): Trussets' Award, da American Numismatic Society.[12]
- (2009): Premio Burnett Anderson Memorial, da American Numismatic Association (ANA), a American Numismatic Society (ANS) e o Gremio Literario Numismático (Numismatic Literary Guild -NLG-).[8]
Premio Chester L. Krause Memorial
- Artigo principal: Premio Chester L. Krause Memorial.
Na súa memoria, a Amarican Numismatic Association (ANA) en 2021 deulle o nome de Chester L. Krause Memorial ao maior recoñecemento da entidade, outorgado aos membros destacados polos seus anos de dedicación tanto á asociación como á numismática.[13] Este premio denominábase anteriormente Farran Zerbe Memorial, mais ese ano a ANA votou para retirar o nome do antigo presidente da entidade por mor das súas actividades fraudulentas e desleais no pasado.[14][15]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.