ilustrado galego, autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia From Wikipedia, the free encyclopedia
Domingo Fontán Rodríguez,[1][2][3][4] nado en Porta do Conde (Portas) o 17 de abril de 1788[5][6] e finado en Cuntis o 24 de outubro de 1866,[7] foi un ilustrado galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, a Carta xeométrica de Galicia. Foi secretario da Deputación Provincial de Galicia, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago. Os seus restos están no Panteón de Galegos Ilustres.[8]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de abril de 1788 Porta do Conde, España |
Morte | 24 de outubro de 1866 (78 anos) Cuntis, España |
Lugar de sepultura | Panteón de Galegos Ilustres |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | matemático, político, topógrafo |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Manuela Ribas y Gómez |
De familia acomodada, os seus pais foron Rosendo Fontán Oliveira e Sebastiana Rodríguez Blanco. O seu pai e toda a familia Fontán é orixinaria de Briallos, parroquia de San Cristovo de Briallos (hoxe Concello de Portas).[9]
Foi o segundo de cinco irmáns, dous homes e tres mulleres. Domingo e Andrés, o seu irmán máis vello, foron educados por un tío materno, cura párroco en Noia.[10]
Pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde primeiramente cursou os estudos de Filosofía, matriculándose ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias exactas e Teoloxía e foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés". En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e durante o curso 1813-14 substituíu o titular da cátedra de Lóxica e Metafísica. Foi procesado pola Real Audiencia en 1814; en 1815 restituíronlle os seus dereitos.[6]
En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta xeométrica de Galicia, labor ao que consagrou dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. Durante o Trienio liberal foi secretario da Deputación Provincial de Galicia. En 1834 rematou os traballos da carta e presentouna oficialmente á Raíña Gobernadora, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, quen mandou imprimila, se ben non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París.[6] Este foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo. Non obstante, o seu liberalismo valeulle a perda da súa cátedra universitaria até en dúas ocasións.[11] Foi bibliotecario primeiro e presidente despois (de 1860 a 1861) da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago.[12]
Tivo parte, por herdanza, nunha fábrica de papel no Castro, Lousame, que en 1863 chegou a ser enteiramente da súa propiedade.[13][14] Traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago de Compostela con Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.
Finou nun balneario en Cuntis, por mor dunha cistite aguda.[6] Os seus restos foron soterrados no cemiterio xeral de Santiago e, o 30 de decembro de 1988, trasladados ao chan do Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval.[15]
En 2015 a Editorial Galaxia publicou a novela de Marcos S. Calveiro, Fontán, baseada na súa vida.[16]
A Real Academia Galega de Ciencias designouno como Científico Galego 2018.[17]
Levan o seu nome rúas de varias cidades: Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Poio e Madrid.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.