Dinís de Portugal
rei portugués From Wikipedia, the free encyclopedia
rei portugués From Wikipedia, the free encyclopedia
Dinís de Portugal, nado o 9 de outubro de 1261 en Lisboa[1] e finado o 7 de xaneiro de 1325 en Santarém, foi rei de Portugal, fillo de Afonso III e da súa segunda esposa, Beatriz de Castela, sendo, por tanto, neto de Afonso X o Sabio. Sucedeu o seu pai no trono de Portugal en 1279.
Intitulábase nos diplomas que outorgou durante o seu reinado como Dom Denis, pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue, e así consta no foro (carta de poboamento) concedido a Rebordãos o 18 de maio de 1285,[2] así como noutros documentos.
Foi o sexto rei de Portugal. Alcumado o Labrador ou o Rei-Agricultor, polo impulso que deu no reino a aquela actividade, e aínda, o Rei-Poeta ou o Rei-Trobador, dado que, grande amante das artes e das letras, foi un famoso trobador que cultivou as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicir, contribuíndo no desenvolvemento da poesía trobadoresca na Península Ibérica. Algúns pensan que foi o primeiro monarca portugués verdadeiramente alfabetizado, asinando sempre co nome completo.[3] Impulsou a tradución de moitas obras para o portugués, entre elas os tratados do seu avó Afonso X, o Sabio.
En 1282 casou coa infanta Sabela de Aragón, que sería coñecida como a Raíña Santa. Ao longo dos 46 anos do seu reinado foi un dos principais responsábeis da creación da identidade nacional portuguesa, e o albor da conciencia de Portugal en canto estado nación. En 1297, despois da conclusión da Reconquista polo seu pai, definiu as fronteiras de Portugal no tratado de Alcañices con Castela. Realizou relevantes reformas xudiciais, instituíu a lingua portuguesa como lingua oficial da corte, creou a primeira Universidade portuguesa, liberou as Ordes militares no territorio nacional das influencias estranxeiras e proseguiu o sistemático crecemento do centralismo rexio. A súa política centralizadora foi articulada con importantes accións de fomento económico, como a creación de inumerábeis concellos e feiras. Dinis ordenou a explotación de minas de cobre, prata, estaño e ferro, e organizou a exportación da produción excedente para outros países europeos. En 1308 asinou o primeiro acordo comercial portugués con Inglaterra. En 1312 fundou a Mariña portuguesa, nomeando o primeiro almirante de Portugal, o xenovés Manuel Pessanha (Emanuele Passagno, en italiano),[4][5] e ordenando a construción de dársenas e molles.
Entre 1320 e 1324 houbo unha guerra civil entre o rei e seu fillo, o futuro Afonso IV de Portugal. Este xulgaba que o pai pretendía legar o trono a Afonso Sanches, o seu irmán bastardo. Nesta guerra, o rei contou con pouco apoio popular, pois nos últimos anos do reinado deu grandes privilexios aos nobres. O infante contou co apoio dos concellos. A pesar dos motivos da revolta, esta guerra foi no fondo un conflito entre grandes e pequenos. Despois da súa morte, en 1325 foi sucedido polo seu fillo lexítimo, Afonso IV, a pesar da oposición do seu favorito, o fillo natural Afonso Sanches.
Como herdeiro da coroa, D. Dinís dende moi cedo implicouse nos aspectos de gobernación polo seu pai. Á data da súa subida ao trono, Portugal estaba en conflito coa Igrexa católica. D. Dinís procurou normalizar a situación asinando un tratado co papa Nicolao III, onde xuraba protexer os intereses de Roma en Portugal. Salvou a Orde do Temple en Portugal a través da creación da Orde de Cristo, que herdou os bens dos templarios en Portugal despois da súa extinción.
D. Dinís foi esencialmente un rei administrador e non guerreiro. En 1296, a raíña de Castela [[María |s con romper os acordos establecidos entre ambos os reinos en 1295, se persistía nos seus ataques á coroa de Castela, así como se o soberano portugués continuaba apoiando o infante Xoán de Castela, que se proclamara rei de León. Ante as ameazas da raíña, Dinís aceptou retirarse da coroa de Castela en 1296, non sen antes apoderarse de Castelo Rodrigo, Alfaiates e Sabugal, territorios pertencentes a Sancho de Castela "o da Paz", neto de Afonso X de Castela.[6] O tratado foi asinado por Dª María e D. Donís o día 12 de setembro de 1297 no municipio zamorano que lle dá nome (Alcañices), dando lugar a unha das fronteiras máis antigas de Europa.
Mediante o tratado de Alcañices quedaron fixadas, entre outros puntos, as fronteiras entre o Reino de León e o Reino de Portugal, que recibía unha serie de prazas firtes e vilas a cambio de romper os seus acordos que o posicionaban en contra do Reino de Castela e León, que foran asinados con Xaime II de Aragón, con Alfonso de la Cerda, co infante Xoán de Castela e con Juan Núñez de Lara o Menor.[7] Ao mesmo tempo no tratado volveise confirmar o proxectado enlace entre Fernando IV de Castela e a infanta Constanza de Portugal, ao tempo que se acordaban os esponsais entre o infante Afonso de Portugal, herdeiro do trono lusitano, e a infanta Beatriz, filla de Sancho IV de Castela e irmá de Fernando IV. Por outra parte, o monarca portugués achegou un exército de trescentos cabaleiros, postos ás ordes de Juan Alfonso de Alburquerque, para axudar á raíña María de Molina na súa loita contra o infante Juan, que até ese momento recibira o apoio do rei Dinís. Ademais, estipulábase no tratado que as vilas e prazas de Campo Maior, Olivenza, Ouguela e San Felices de los Gallegos serían entregadas a Diní como compensación pola perdida por parte de Portugal, durante o reinado de Afonso III dunha serie de prazas que lle foran arrebatadas por Afonso X. Ao mesmo tempo, lle foron entregadas ao rei portugués as prazas de Almeida, Castelo Bom, Castelo Melhor, Castelo Rodrigo, Monforte da Beira, Sabugal, Sastres e Vilar Maior. A longo prazo as consecuencias deste tratado serían duradeiras, xa que la fronteira entre ambos os reinos apenas foi modificada no curso dos séculos posteriores.
A súa prioridade gobernativa foi esencialmente a organización do reino: continuando a vertente lexisladora do seu pai D. Afonso III, a profusa acción lexislativa está contida, hoxe, no Libro da Leis e Posturas e nas Ordenacións Afonsinas . Non son "códigos" lexislativos tal como os entendemos hoxe, mais si compilacións de leis e do dereito consuetudinario municipal, alteradas e reformuladas pola Coroa. En efecto, a incidencia de cuestións de carácter procesual con igual peso ao carácter de dereito positivo das súas leis, denuncia a crecente preocupación do rei en engarzar o dereito consuetudinario (ou costumeiro) no ámbito da Coroa, e en facer efectivo o seu poder no territorio.
As determinacións sobre a actuación de alguacís (oficiais dos concellos), xuíces, procuradores e advocati demostran isto, xa que un poder só nominal sobre todos os habitantes do reino, como era típico na Idade Media, non se compatibiliza con este esforzo en demorar os trámites xurídicos, ou en moralizar o exercicio da xustiza. A creación de corrixidores denuncia claramente o inicio do proceso de territorialización da xurisdición da Coroa, extravasando os dominio rexios, á par da crecente importancia da capitalidade de Lisboa.
O reinado de D. Dinís acentuou a predilección por Lisboa como lugar de permanencia da corte rexia. Non existe unha capital, mais a localización de Lisboa, o seu desenvolvemento urbano, económico e mercantil van facendo da cidade o lugar máis viábel para se afirmar como centro administrativo por excelencia. A articulación entre o norte e o sur do país —este sur que se torna branco da maior atención e permanencia dos reis— fan de Lisboa centro para facer a Portugal viábel.
Entre o norte, onde a malla señorial é máis densa e apertada, e o sur, onde o vasto espazo conquistado aos musulmáns, onde se implantan sobre todo os dominios rexios e as Ordes militares, así como a presenza de vastos espazos de res nullius, fai de Portugal un reino onde dúas realidades diferentes se complementan. Paralelamente, D. Dinís aumentou en enorme medida o número de novas vilas, feiras e castelos no interior de norte a sur e, especialmente, nas Beiras e no Alentexo, continuando unha obra que xa viña dos seus antecesores: o poboamento do reino, sobre todo do norte en dirección cara ao sur, e distribuíndo neste proceso moitas cartas de poboamento (creación de vilas).
Preocupado poos recursos e as infraestruturas do país, D. Dinís ordenou a explotación de minas de cobre, prata, estaño e ferro e fomentou os intercambios comerciais con outros reinos, asinou o primeiro tratado comercial co rei de Inglaterra en 1308 e creou o almirantado, atribuído como privilexio, como quedou dito, ao xenovés Manuel Pesagno, e fundando as bases para unha verdadeira Mariña ao servizo da Coroa.
D. Dinís redistribuíu terras, promoveu a agricultura e fundou varias comunidades rurais, así como mercados e feiras, creando as chamadas feiras francas ao conceder a varias poboacións diversos privilexios e exencións. A razón dos seus alcumes o Labrador ou o Rei-Agricultor foi a orde de protexer o Piñal de Leiría, creado polo seu pai (ou polo seu tío) e que aínda se mantén hoxe, como forma de protexer as terras agrícolas do avance das areas costeiras.[8]
A cultura foi un dos seus intereses persoais.[9] D. Dinís apreciaba a literatura e escribiu varios libros do seu propio puño e letra, sobre temas como a administración pública ou a caza, e varios volumes de poesía. Foi un poeta notábel e un dos maiores e máis fecundos trobadores do seu tempo. Até os nosos días chegaron 137 cantigas da súa autoría, distribuídas por todos os xéneros (73 de amor, 51 de amigo e 10 escarnio e maldicir, así como a música orixinal de 7 desas cantigas (descubertas casualmente en 1990 polo profesor Harvey L. Sharrer, no Arquivo da Torre do Tombo, nun pergamiño que servía de capa a un libro de rexistros notariais do século XVI, e que se coñece como Pergamiño Sharrer).[10]
Durante o seu reinado, Lisboa foi un dos centros europeos da cultura. A primeira universidade de Portugal, a Universidade de Coímbra, fundouse polo seu decreto Scientiae thesaurus mirabilis, asinado en Lisboa en 1290. Nela ensinábanse Artes, Dereito civil, Dereito canónico e Medicina.
Esta universidade foi inicialmente instalada en Lisboa e foi trasladada por Dinís, por primeira vez, a Coímbra, en 1308. Foi trasladada varias veces entre ambas as dúas cidades, e quedou definitivamente instalada en Coímbra en 1537, por orde de João III.
D. Dinís mandou traducir para o portugués importantes obras, entre elas a do seu avó Afonso X, o Sabio, sendo a súa corte un dos maiores centros literarios da Península Ibérica.
Ũa pastor se queixavamuit'estando noutro día
e sigo medes falava,
e chorava e dizía,
con amor que a forçava:
—Par Deus, vite en grave día,
ai amor!
Ela s'estaba queixando,
come molher con gran coita
e que ha pesar, des quando
nacera, non fora doita,
por en dezía, chorando:
—Tu non es senón mia coita,
ai amor!
Coitas lhi davan amores,
que non lh'eran senón morte,
e deitous'antr'as flores
e disse con coita forte:
—Mal ti venha per u fores,
ca non es senón mia morte,
ai amor!
Sen esquecermos o lapso de longos séculos que nos separan de D. Dinís, é posíbel trazar un esbozo das liñas mestras da personalidade deste rei portugués. Era determinado, ou mesmo obstinado, nos seus intentos, do que son exemplo a cadencia de inquéritos verdadeiramente demoledora.[11] e demais políticas de centralización rexia que instituíu de forma sistemática.
Revelouse desde moi cedo como un grande estratego, sendo precursor dunha política gobernativa e lexislativa non só reactiva, senón máis ben de cuño proactivo. Facendo unha análise a posteriori, vese que as decisións non eran tomadas por casualidade, antes ben se articulaban na senda dun ideal de país e nación que o rei desexaba. A título de exemplo, pódese indicar a concomitante creación de concellos e feiras, as políticas de fortificación das fronteiras ou a crecente dependencia das Ordes militares do poder real. Por todo isto, D. Dinís foi recoñecido como un home sagaz e de elevada capacidade gobernativa, tanto polos seus contemporáneos como por historiadores posteriores.[12] [13][14]
Non carecía D. Dinís do que hoxe se chama habilidade política. Sendo hábil no trato e entendedor dos homes, D. Dinís soubo ir atacando e pacificando, alternativamente, os intereses señoriais laicos e eclesiásticos: desamortizou os bens do clero, mais aceptou o concordato e restrinxiu os dereitos de comedoría nos mosteiros; controlou os bens señoriais, pero as leis de desamortización trababan a erosión dos patrimonios señoriais.[15]
A administración das propiedades rexias fíxose máis eficiente e D. Dinís foi coñecido como un rei rico; diso encóntrase eco na Divina Comedia de Dante Alighieri.
Así e todo, D. Dinís é mormente celebrado en todos os rexistros das crónicas contemporáneas e posteriores como un rei xusto. Sabendo que a maior parte do traballo lexislativo do seu reinado se centrou en cuestións de xustiza procesual, non é de menor relevo o feito de que gran parte desa nova lexislación ía no sentido de evitar excesivas demoras e custos xudiciais e de impedir os abusos de avogados e procuradores.[13][14][15][16][17]
Del pódese aínda dicir que a determinación que tantas conquistas políticas lle granxeou podía, ás veces, dexenerar en teimosía e prepotencia. Descrito ás veces como cruel, principalmente nas relacións familiares, na forma en que trataba o fillo herdeiro D. Afonso (que nunca foi o seu favorito) e a súa esposa, Sabela, entregándolle os froitos dos seus adulterios para que os criase.[18]
Figura incontrovertíbel da Península Ibérica do fin do século XIII e inicios do XIV, D. Dinís foi alcumado Pai-da-Pátria por Duarte Nunes de Leão.
O final do seu pacífico reinado estivo marcado porén por conflitos internos. O herdeiro, o futuro D. Afonso IV, receoso de que o favoritismo de D. Dinís cara ao seu fillo bastardo Afonso Sanches o privase do trono, esixiu o Poder e combateu contra seu pai. Nesta loita tivo unha intervención pacificadora a raíña Santa Sabela que, na batalla de Alvalade, se interpuxo entre as hostes inimigas xa postas en orde de batalla.
Problemas cardíacos parece que foron a orixe dos seus problemas de saúde. En 1322 tivo un pequeno ataque cardíaco ou vascular-cerebral. Aínda viviu tres anos máis, debilitado, sendo levado "en andas e en colos de homes". Foi talvez unha anxina de peito ou unha miocardite a causa da súa morte, en 1325.[19]
D. Dinís morreu en Santarém o 7 de xaneiro de 1325, e foi sepultado no mosteiro de São Dinis, en Odivelas, no actual Distrito de Lisboa.
Fillos naturais:
Predecesor: Afonso III |
Rei de Portugal 1279 - 1325 |
Sucesor: Afonso IV |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.