Remove ads
castro entre San Amaro e Punxín From Wikipedia, the free encyclopedia
O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías[1].
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Castro de San Cibrao de Las | |
---|---|
Parroquia | San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes |
Concellos | San Amaro, Punxín |
Provincia | Ourense |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | GA32074001 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | século II a.C.-século II d.C. |
Data da descuberta | ? |
Períodos de escavación | 1922-1925 1948-1950 1980 a actualidade |
Extensión estimada | máis de 10 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores. Os nomes de Lambrica, Lanobriga e Lansbrica proceden de diversas lecturas que foron feitas sobre unha ara romana dedicada ao deus galaico Bandua, existente nunha casa particular na veciña parroquia de Eiras.
Polo seu tamaño pode compararse co de Santa Trega e coas citanias do norte de Portugal, poboamentos galaicos ou galaico-romanos da cultura castrexa que se caracterizan polo seu avanzado estado de romanización e as súas grandes dimensións. Entre os expoñentes máis significativos pódense citar a citania de Briteiros, o castro de Monte Mozinho e o de Sanfíns.
Situado no tramo medio do río Miño, dista 18 quilómetros da cidade de Ourense. Ocupa terreos pertencentes aos concellos de Punxín e de San Amaro, nas parroquias de San Xoán de Ourantes e San Cibrao de Las respectivamente, no extremo das chairas de Las e Eiras.
Emprázase sobre unha pequena elevación, a 473 metros sobre o nivel do mar, a carón do dominante Monte de San Trocado, de 550 metros de altitude, no que tamén se atoparon restos dun castro dun período inicial da cultura castrexa. O San Trocado impide o contacto visual directo do río Miño desde o castro. Este contacto visual si que o mantén cos castros de Santa Águeda, Trelle ou Coto do Castro (no Chan da Ferradura). O castro localízase nun punto de difícil defensa, nun pequeno outeiro con pronunciadas pendentes polo leste, algo menos polo norte e suaves polo oeste e o sur.
O estudo deste castro comezou cunha primeira visita ás ruínas por parte de Florentino López Cuevillas e Vicente Risco no ano 1921. A impresión extraída do observado nesta visita levounos a solicitar os correspondentes permisos para realizaren unha escavación oficial. Estes permisos foron outorgados ao ano seguinte.
En 1922 López Cuevillas dirixiu a realización dunhas primeiras catas na croa (o recinto máis interior) que deron como resultado a descuberta dos alicerces dunha construción de planta cuadrangular. Tamén demostraron que a croa estaba delimitada por unha muralla simple. Estes traballos tiveron continuidade ata o ano 1925 e centráronse na zona sueste do segundo recinto, ou antecroa. Nesa zona puxeron ao descuberto construcións de diversas tipoloxías: de planta elíptica, circular, ovaladas, rectangulares e cadradas, ademais da fonte ou alxibe. Estas campañas procuraron obter unha definición do conxunto do sitio.
Desde o ano 1948 Xaquín Lorenzo, coa colaboración e orientación de Cuevillas, dirixiu dúas campañas nas que se traballou na croa. Descubríronse construcións circulares e rectangulares, xunto coas portas do nacente e o poñente da muralla interior. Na antecroa escavaron no sector de poñente e exploraron a segunda muralla e o foso dianteiro e reescavaron a fonte-alxibe.
No ano 1953 os asistentes ao 3º Congreso Nacional de Arqueoloxía visitaron as escavacións e recoñeceron a súa importancia e a súa monumentalidade. Porén, este recoñecemento non impediu que se sucedesen anos de abandono e depredacións do sitio. Pouco tempo despois a denuncia e eficaz xestión de Xesús Ferro Couselo paralizaron a masiva extracción de pedra, que se estaba a levar a cabo para utilizala como grava para o acondicionamento das rúas do Carballiño e arredores.
No ano 1980, cando se estaba a construír un campo de fútbol ao carón do castro, atopouse un sitio arqueolóxico. Desde este momento realizáronse traballos de mantemento e limpeza do conxunto, dando comezo a unha etapa de lenta recuperación. Os achados de materiais durante estas escavacións atópanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Desde ese ano 1980 leváronse a cabo labores de consolidación das estruturas xa escavadas anteriormente e novas campañas de escavación na zona leste da antecroa, ata ese momento moi pouco estudada. Nelas destapáronse gran cantidade de estruturas habitacionais. Ao mesmo tempo seguen a ampliar as construcións escavadas na zona oeste da mesma antecroa.
No ano 2001 iniciouse o proxecto da Consellería de Cultura da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, que incluía a construción dun centro de interpretación, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
O centro inaugurouse o 8 de marzo de 2014.[2]
Atendendo á súa tipoloxía, trátase dun sitio arqueolóxico correspondente á etapa final da cultura castrexa, na que o proceso de romanización configurou unha sociedade cunha cultura definida, a coñecida tamén como cultura galaico-romana, na que o sistema social preexistente está nun proceso de cambio e adaptación ao sistema romano, de xeito que ambas culturas se mesturan.
Pola contra, o veciño castro de San Trocado, situado no Monte de San Trocado, trouxo unha serie de achados[3] que lle dan unha cronoloxía en torno aos séculos VI e V a.C., correspondentes ao período inicial ou de formación da cultura castrexa, o cal fai desbotar a posibilidade dunha ocupación coetánea co de Las.
O seu posible nome orixinal apareceu nunha das tres inscricións atopadas ata o de agora: Unha na porta do solpor do recinto central, fragmentada; outra, breve e sobre unha rocha, na croa, cunha dedicatoria a Iuppiter; e a terceira, unha ara dedicada a Bandua Lambricae, que xunto con documentos medievais fainos coñecer o nome do poboado.
A cidade sitúase nun punto de difícil defensa natural polo que necesitou de fortes e extensos dispositivos de defensa. Desde o lugar tense unha ampla vista dos vales que a envolven e mantén contacto visual cos castros de Santa Ádega e o de Trelle, así como a Serra de San Mamede, o monte Faro, Pena Corneira ou os altos do Vieiro. Por este motivo o dominio sobre o territorio estaba garantido, xunto coa veciñanza a terras fáciles de cultivar e á explotación mineira de Laias, onde a obtención de ouro tivo grande importancia.
Trátase dun castro de grandes dimensións, á imaxe dos castros do sur de Galicia e norte de Portugal, como o castro de Santa Trega ou as citanias de Sanfins, Mozinho, Ancora ou Briteiros. O paralelismo con estes poboados tamén se estende á traza case ortogonal do seu ordenamento urbano, sistema considerado produto evolutivo producido polo influxo do proceso romanizador.
Estrutúrase en dous recintos amurallados de forma elíptica case concéntricos, cun lixeiro alongamento no eixo nordeste-suroeste, cunhas dimensións de 294 metros do eixo leste-oeste e de 420 metros do eixo maior. Deste xeito a superficie intramurallas é de 95.900 m² distribuídos en 8.750 m² da croa e 87.150 m² da antecroa[4].
Dous son os recintos amurallados: o exterior reforzado cunha terceira muralla co seu foso, e un parapeto (no lado oeste) agás no lado leste máis pronunciado:
Muralla interior: a croa está delimitada por unha muralla, conformada por cachotería e bolos graníticos do lugar, que ten un espesor medio de 3 metros. Na súa parte superior puido ter un paseo de ronda lousado[5] ao que se accedería por medio de pasos situados lateralmente no interior da muralla[6] e por escaleiras de diversa tipoloxías, dun ou dous derrames, embebidas no muro. A diversidade de escaleiras de acceso ás murallas constátase en todo o sistema defensivo.
Esta muralla ábrese en portas defendidas por cubos no eixo oeste-leste. Nos cubos da porta leste, que foi escavada no ano 1982, hai dous corpos de garda abertos e rectangulares e con rebanco corrido[7] dentro de dous torreóns. Esta porta conta cun paso lousado a modo de chanzo[8].
Na porta oeste só hai un corpo de garda menos desenvolto, no que se atopou un fragmento de inscrición de difícil interpretación (...MI / ...VLE/). Está flanqueada por dous cubos, o da dereita semicircular e acaroado sobre a muralla, e alongado o da esquerda. Cando foi escavada no ano 1948 acadaba unha altura de 3 metros e medio. Os penedos con rebaixes son o pavimento de entrada.
Murallas exteriores: o segundo recinto, ou antecroa, delimítase case na súa totalidade (agás no sueste e no nacente) por dúas murallas cos seus respectivos foxos escavados no sábrego e na penedía granítica, e reforzadas nalgunhas zonas cun parapeto exterior. Estas murallas ábrense en 3 portas, no oeste, no leste e o no sur, todas elas con torreóns de flanqueo, algún deles con corpos de garda.
Na zona da porta oeste exterior o escaso declive do terreo non facilitaba a defensa, o que obrigou a unha acumulación de liñas defensivas. A muralla acada neste punto os seis metros de espesor, e ten un grosor medio de 3 metros. A muralla non se asenta directamente sobre o sábrego ou a rocha base, senón que o fai sobre unha capa que non supera os 15 cm de paleosolo, capa que favorecía a evacuación de augas evitando que debilitasen os alicerces da muralla. Está construída por dous paramentos de aparello granítico poligonal que rematan unha estrutura interna de cachotería e terra.
A porta exterior leste é de similares características á observada nas anteriores portas.
A porta exterior sur aséntase na rocha e conserva testemuñas das rodadas dos carros e as amosegas do ensamblaxe da porta. Flanquéana dous torreóns adiantados nos que non se aprecian corpos de garda. Esta porta ábrese cara a un amplo foso situado entre esta e a segunda muralla exterior. Na actualidade un camiño de carro entra por este tramo, polo que as dúas murallas están completamente arrasadas, sendo visible a rocha nai, e non é perceptible visualmente ningún resto de construción da porta testemuñada polos arqueólogos.
A terceira liña de muralla arrinca dende case a porta oeste exterior e chega 60 metros máis alá da porta sur, pechándose sobre a segunda muralla.
Polas feituras e características das murallas do sur crese que súa porta debeu ser a máis antiga do poboado, configurando un acceso facilmente defendible, xa que obrigaba a entrar ao poboado polo foxo entre as dúas murallas, foxo que remata non na porta senón máis adiante, como posible sistema de engano.
Na croa comezáronse traballos de escavación sistemática no ano 1922 por parte de Cuevillas. Nestes traballos descubríuse, próxima á porta, unha construción de planta case cadrada feita con cachotería e pavimentado interiormente tamén con cachotería. Ao carón da muralla, á dereita da porta, pódese ver unha inscrición sobre o penedo co texto IOVI (dedicado a Xúpiter). Tempo máis tarde, Xaquín Lorenzo destapou varias construcións con plantas de diversas tipoloxías pero, en contraste coa ordenación da antecroa, todas elas illadas entre si.
É de destacar que, nas portas de entrada, o acceso á croa era por medio de escadas, o que impediría a posibilidade de que os carros accedesen a ela.
Tanto no sector leste (en proceso de escavación) como no oeste apréciase unha organización espacial na distribución das construcións, conformada por rúas perimetrais, algunhas lousadas, e que seguen á muralla pola súa parte interior, e transversais ou radiais, que distribúen as edificacións en aliñamentos ortogonais adaptados ao terreo.
Na zona oeste predominan as construcións de planta rectangular, fronte as minoritarias circulares. Ás beiras das rúas dispóñense as construcións, articuladas en bastantes ocasións en torno a un espazo, un patio ao que se abren as distintas construcións configurando unha estrutura coñecida como "casas patio". Porén outras moitas construcións aparecen illadas.
Nesta zona a situación do alxibe obrigou ao retranqueo da área de residencia na intersección das rúas transversais coa perimetral. Unha vez superado o alxibe, a rúa achégase á muralla deixando un espazo de paso cun ancho regular de 5 metros. Unha rúa transversal principal progresa cara ao recinto central desde a porta do oeste.
A zona leste da antecroa está a ser obxecto de escavación sistemática por parte dun equipo do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e ata o de agora téñense publicado poucos resultados. Estes traballos están a destapar un sistema de construcións cunha organizacións espacial similar á xa coñecida do lado oeste.
Preto da porta leste de entrada á croa, á súa dereita destapouse unha interesante estrutura de planta cadrada e formada por tres chanzos, unha especie de pedestal, que recorda o dos tradicionais cruceiros, e que quizais debese servir de base para unha estatua.
Na zona sur desta grande antecroa atópase o conxunto coñecido como Barrio[9] Cuevillas, en homenaxe ao seu descubridor. Cuevillas escavou 3 construcións de plantas circular e ovalada encadradas por unha planta rectangular con 26 metros de lado menor e ángulos redondeados.
Sitúase inmediata á porta oeste da antecroa e é unha das construcións máis singulares das destapadas do sitio. A zona na que se sitúa foi modificada en torno ao cambio de Era, polo que o seu sistema de aceso non é de doada interpretación. Presenta planta rectangular cun lado menor absidiado, e pénsase que orixinariamente debeu estar cuberta por unha falsa bóveda. A mina que a alimenta ten un caudal considerable, porén por si soa resultaría insuficiente para abastecer á totalidade da poboación estimada da Cidade. En 2008-2009 rematáronse os traballos que deixaron á luz outra fonte alxibe. Esta última sitúase na ladeira sueste da citania. De planta irregular, posúe escaleiras rudimentarias e está situada na parte exterior da muralla defensiva.
Atopáronse tres inscricións ata o momento:
Todos eles atópanse no Museo Arqueolóxico de Ourense.
Os habitantes deste poboado desenvolveron unha gran variedade de actividades económicas e produtivas, principalmente baseadas na caza, gandería, agricultura e minería, sen esquecer a realización de elementos de vestido (actividade téxtil) e adorno (ourivaría).
A actividade mineira pon a localización do poboado en relación coa explotación dos praceres aluviais de Barbantes, Laias ou A Grova, onde se teñen constatado labores mineiras desde antigo, e incluso coas un pouco máis afastadas explotacións do Puzo do Lago (explotación a ceo aberto localizada en Maside) e outros lugares de explotación da terra do Carballiño e Orcellón.
No propio sitio arqueolóxico abondan os elementos atopados vencellados coa práctica da molturación, pero non ocorre o mesmo co número de ferramentas agrarias atopadas así como as vencelladas a prácticas gandeiras. As análises polínicas de Saa Otero (1988) e o dominio que exercía o poboado das chairas de Las, Loucía, Eiras, A Torre e Vilar amosan a explotación de terras de fácil cultivo para a produción de cerealia. Xunto a este uso tamén se constatou a existencia de amplas zonas de arborado, principalmente carballos cuxas landras foron aproveitadas polos habitantes do poboado e coas que farían unha fariña panificable.
Debeu tratarse dunha actividade de certa importancia na vida diaria do poboado, se temos en conta o abondoso dos achados de elementos relacionados con esta industria, como os pondus (pesas) ou as fusaiolas.
Os restos cerámicos son os elementos máis abondosos, como por outra parte adoita ser común nos poboados castrexos. Pola súa tipoloxía e características divídense en dous grandes grupos:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.