Andrés Lapique do Barro, máis coñecido como Andrés do Barro, tamén coñecido como Andrés Dobarro,[1] nado en Ferrol[2] o 1 de outubro de 1947 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1989[3], foi un cantante e actor galego. Coñecido popularmente como Andrés do Barro, ten o mérito de ser dos primeiros cantantes que usaron o galego durante o franquismo. Malia os atrancos para a expresión musical en galego, varias cancións súas foron número un nas principais cadeas radiofónicas estatais.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de outubro de 1947 Ferrol, España |
Morte | 22 de decembro de 1989 (42 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | cantautor |
Traxectoria
Foi o sexto dos sete fillos de Nicolás Lapique, coronel da Armada Española, e Consuelo do Barro. Pasaba os veráns en San Martiño de Porto (Cabanas), onde entrou en contacto coa lingua galega. En 1960 a familia mudouse a Bilbao, onde comezou a tocar a guitarra e onde coñeceu a que sería a súa muller, Paula López. Despois a familia mudouse a Madrid, onde Andrés comezou os estudos de Mariña Mercante.
A súa primeira actuación foi no cine Yeca de Chantada o 14 de agosto de 1968. Tres semanas antes ía cantar no hotel Sarga de Cabanas xunto a membros do colectivo Voces Ceibes, pero o concerto -con fins benéficos- cancelouse por non ter permiso. Tras a primeira actuación, ofreceuse a compañías discográficas para gravar un disco. RCA publicoulle en 1969 o seu primeiro EP, mais non lle deron moita publicidade e nun primeiro momento pasou desapercibido.
En 1969 comezou a traballar con Juan Pardo, tamén fillo de militar, quen se ofreceu a ser o seu produtor. En novembro, un mes de comezar o servizo militar, publicouse o sinxelo "O tren", que acadou axiña un grande éxito. Comezou a saír en portadas de revistas como Mundo Joven, e o 12 de abril de 1970 realizou o saque de honra no partido de fútbol entre o Celta de Vigo e o Pontevedra CF disputado no Estadio de Balaídos. Entre 1969 e 1972 estivo acompañado da banda ferrolá Los Sprinters, formada en 1965.
En 1970 publicouse o sinxelo "Corpiño xeitoso", primeira canción en galego en estar no número 1 de Los 40 Principales, nas semanas do 12 e o 19 de setembro, acadando difusión logo de actuar nas festas do barrio de Gràcia, en Barcelona. En setembro participou na Feira do Disco de Valladolid. A finais de ano editou o seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro, que presentou no Pompón Club da Coruña. O disco inclúe dúas cancións con letra de Xavier Alcalá, "Teño saudade" e "A uns ollos verdes". Alcalá compuxo tamén a letra das pezas "Rapaciña" e "Fogar de Breogán".
Entre febreiro e marzo de 1971 realizou unha xira pola Arxentina, onde visitou o Centro Galego de Buenos Aires, e o Brasil. A comezos de ano saíu o seu terceiro sinxelo, "San Antón", canción referida á romaría de Corveiro (Cedeira). Trala gravación deste tema, Juan Pardo deixou de ser o seu produtor. En verán saíu o sinxelo "Meu amor", adianto do seu segundo disco, e fixo o seu debut como actor no filme La red de mi canción, dirixido por Mariano Ozores e con Concha Velasco como coprotagonista. Trala morte do seu pai en agosto, escribiulle a canción "Llorar por llorar".
En novembro foi a Lisboa para unha actuación televisiva na RTP, e desde alí dirixiuse a Roma para gravar o LP ¡Pum!. Foi producido por Ele Juárez nos estudios de RCA. Aproveitou a estancia e gravou versións en castelán e italiano das súas pezas. Na semana do 18 de decembro regresou ao número 1 de Los 40 Principales con "Pandeirada". Tamén nese ano participou na curtametraxe Proyecto A, onde se incluíron imaxes para a promoción dun tema seu.
En marzo e abril de 1972 estivo de xira en México, onde gravou o sinxelo "Amor D. F.", un canto á emigración. En xullo participou no XVII Festival da Canción de Benidorm, onde acadou o terceiro posto e o premio da crítica co tema "Las enamoradas", cantado por Federico Cabo. Nese mesmo ano Miguel Ríos propúxolle levar a cabo unha xira conxunta co nome de Conciertos de rock y saudade, pero o proxecto non saíu adiante. A finais de ano, do Barro presentou a canción "Bon Nadal", producida polo arxentino Charlie Leroy.
En 1973 deu concertos en Alemaña, Bélxica, Países Baixos e Suíza. Deixou a discográfica RCA e fichou por Belter, e en xuño participou na I Muestra Belter no parque de atraccións de Montjuïc. Xa en 1974 apareceu o seu terceiro disco, Andrés do Barro, que obtivo pouco éxito de crítica e mercado. En 1975 saíu o sinxelo "Señora mía", e en 1974 e 1975 a discográfica Belter publicou dous compilatorios con cancións inéditas e descartes. En 1976 o selo Impacto publicou un terceiro compilatorio, ao igual cós anteriores chamado Andrés do Barro.
Entre 1976 e 1980 probou fortuna en México. Á volta foi vivir á Coruña, e ao pouco de regresar tivo un accidente de tráfico preto de Lugo. Da man de Nonito Pereira conduciu o programa Tren de amigos en Radio Feliz.[4] Deixou o programa para intentar relanzar a súa carreira e foi vivir a Ourense, pero foi estafado polo seu representante.
En 1986 participou no programa Ruada da TVG. A súa última aparición en televisión foi en 1989 no programa Corazonada, onde o entrevistou Xosé Ramón Gayoso. Finou no sanatorio cirúrxico Virgen del Mar de Madrid por mor dun tumor hepático. Foi soterrado no cemiterio de La Almudena.
Vida persoal
Casou con Paula López en Torrelodones o 25 de xullo de 1970, co almirante Adolfo Baturone Colombo -Ministro de Mariña- como testemuña. Tiveron tres fillos e dúas fillas: Andrés (1971), Nicolás (1972), Andrea (1973), Paula (1975) e Daniel (1979). A parella separouse a mediados da década de 1980.
Recoñecementos
No ano 2000 o concello de Ferrol adicoulle unha rúa, e tempo despois o concello de Santiago de Compostela adicoulle unha praza na Choupana. En 2004 comezou unha serie de homenaxes, iniciada cunha mesa redonda celebrada en Ferrol o 22 de decembro co gallo do 15 aniversario da súa morte. Nela participaron María Yáñez, Andrea Lapique, Xavier Alcalá, Nonito Pereira, Anxo Fernández e Xurxo Souto.[5][6]
No ano 2006 Noel Feáns -guitarrista de Fanny + Alexander e coordinador do selo A Regueifa- promoveu o Manifesto Dobarrista, disco no que trinta grupos galegos facían versións das cancións do cantante ferrolán. O Manifesto presentouse en directo no Teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio de 2007, e foi emitido pola TVG o 2 de xuño. En 2008 estreouse o documental O tren que me leva, de Anxo Fernández.
No 2015 Fernando Fernández Rego publicou a biografía do músico ferrolán: Saudade. Andrés do Barro: El músico que llevó el pop gallego al número uno de ventas, contando coa colaboración da familia de Andrés.
AGAL promove a celebración do Día do Orgulho Neofalante os 1 de outubro polo aniversario da súa data de nacemento.[7]
Discografía
Sinxelos
- Por non poder / A uns ollos verdes / Homes / Deixa que chova (EP, 1969)
- O tren / Miña Maruxa (1969)
- Corpiño xeitoso / Rapaciña (1970)
- San Antón / Con máis amor (1971)
- Meu amor / Pois eu (1971)
- Amor D.F. / Quiero hacer mi casa en el cielo (1972)
- Bon Nadal / ¡Pum! (1972)
- Me estoy volviendo loco / A máis belida da vila (1973)
- Si vienes a San Simón / As namoradiñas (1973)
- Señora mía / Hoxe vai chorar (1975)
LP
- Me llamo Andrés Lapique do Barro (1970)
- ¡Pum! (1971)
- Andrés do Barro (1974)
Directos e recompilatorios
- Andrés do Barro (1974)
- Andrés do Barro (1975)
- Andrés do Barro (1976)
- Éxitos (1997)
- Los grandes éxitos de Andrés do Barro (1998)
- A saudade na memoria (2001)
- Todas sus grabaciones en RCA 1969-1972 (2003)
- O tren (2003)
- Su disco perdido y todas las grabaciones en Belter (1973 - 1975) (2020)
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.