clase de enzimas From Wikipedia, the free encyclopedia
A superóxido dismutase (SOD, EC 1.15.1.1) é un encima que cataliza alternativamente a dismutación (ou partición) do radical superóxido (O2−) en oxíxeno molecular ordinario (O2) ou en peróxido de hidróxeno (H2O2). O superóxido prodúcese como un subproduto do metabolismo do oxíxeno e, se non é regulado, causa moitos tipos de danos celulares.[2] O peróxido de hidróxeno é degradado por outros encimas como a catalase. A SOD é unha importante defensa antioxidante en case todas as células vivas expostas ao oxíxeno. Unha excepción a esta estratexia é Lactobacillus plantarum e outros lactobacilos relacionados, que usan un mecanismo diferente para previr os danos causados polo (O2−) reactivo.
Superóxido dismutase | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estrutura dun tetrámero da Mn-superóxido dismutase 2 humana.[1] | |||||||||
Identificadores | |||||||||
Número EC | 1.15.1.1 | ||||||||
Número CAS | 9054-89-1 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
|
Os encimas SOD encárganse de neutralizar o radical superóxido ao engadir ou retirar alternativamente un electrón das moléculas de superóxido que atopan, cambiando o O2− a unha ou dúas especies menos nocivas, que poden ser o oxíxeno molecular (O2) ou o peróxido de hidróxeno (H2O2). Esta dismutación do superóxido catalizada pola SOD pode describirse, para a SOD de Cu,Zn, coas seguintes semirreaccións:
A forma xeral, aplicable a todas as formas coordinadas por metal da SOD, pode escribirse así:
onde M = Cu (n=1) ; Mn (n=2) ; Fe (n=2) ; Ni (n=2).
Nunha serie de tales reaccións, o estado de oxidación e a carga do catión metálico oscila entre n e n+1: +1 e +2 para o Cu, ou +2 e +3 para outros metais.
Irwin Fridovich e Joe McCord na Universidade Duke descubriron a actividade encimática da superóxido dismutase en 1968.[3] As SODs coñecíanse previamente como un grupo de metaloproteínas de función descoñecida; por exemplo, a CuZnSOD coñecíase co nome de eritrocupreína (ou hemocupreína ou citocupreína) ou como o fármaco antiinflamatorio de uso veterinario "Orgotein".[4] Brewer (1967) identificara unha proteína que posteriormente sería coñecida como superóxido dismutase como unha indofenol oxidase ao facer unha análise proteica de xeles de amidón usando a técnica da fenazina-tetrazolio.[5]
Hai tres familias principais de superóxido dismutase, dependendo do pregamento proteíco que presenten e o seu cofactor metálico: o tipo de Cu/Zn (que se une tanto ao cobre coma ao zinc), os tipos de Fe e Mn (que se unen ou ao ferro ou ao manganeso), e o tipo de Ni (que se une ao níquel).
|
|
|
|
En plantas superiores, localizáronse isocimas da SOD en diferentes compartimentos celulares. A Mn-SOD está presente nas mitocondrias e peroxisomas. A Fe-SOD encontrouse principalmente nos cloroplastos pero tamén foi detectada nos peroxisomas, e a CuZn-SOD foi localizada no citosol, cloroplastos, peroxisomas, e no apoplasto.[14][15]
Nos humanos hai tres formas de superóxido dismutase, igua que nos demais mamíferos e a maioría dos cordados. A SOD1 está localizada no citoplasma, a SOD2 nas mitocondrias, e a SOD3 é extracelular. A primeira é un dímero, mentres que as outras son tetrámeros. A SOD1 e SOD3 conteñen cobre e zinc, mentres que a SOD2, o encima mitocondrial, ten manganeso no seu centro reactivo. Os xenes están localizados nos cromosomas 21, 6 e 4, respectivamente (21q22.1, 6q25.3 e 4p15.3-p15.1).
|
|
|
En plantas superiores, os encimas superóxido dismutases (SODs) actúan como antioxidantes e protexen os compoñentes celulares da oxidación causada por especies reactivas do oxíxeno.[18] As especies reactivas do oxíxeno poden formarse como resultado da seca, lesións, herbicidas e pesticidas, ozono, actividade metabólica da planta, deficiencias en nutrientes, fotoinhibición, temperaturas externas ou do solo, metais tóxicos e raios UV ou gamma.[19][20] En concreto, o O2 molecular é reducido a O2− (superóxido) cando absorbe un electrón excitado liberado de compostos da cadea de transporte de electróns. O superóxido desnaturaliza encimas, oxida lípidos, e fragmentos de ADN.[19] As SODs catalizan a produción de O2 e H2O2 a partir de superóxido (O2−), o cal dá lugar a reactivos menos nocivos.
Cando se aclimatan a un incremento dos niveis de estrés oxidativo, as concentracións de SOD increméntanse tipicamente co grao das condicións de estrés. A compartimentalización de diferentes formas de SOD no corpo da planta fai que poidan contrarrestar os estreses de forma moi efectiva. Nas plantas hai tres clases ben coñecidas e estudadas de SODs de coencimas metálicos, que son:
Os glóbulos brancos humanos xeran superóxido e outras especies reactivas do oxíxeno para matar as bacterias. Durante a infección, algunhas bacterias (por exemplo, Burkholderia pseudomallei) producen superóxido dismutase para protexérense de ser aniquiladas.[21]
A SOD protexe das reaccións nocivas do superóxido, defendendo a célula da súa toxicidade. A reacción do superóxido con non radicais está prohibida polo spin. En sistemas biolóxicos, isto significa que as súas principais reaccións son consigo mesmo (dismutación) ou con outro radical biolóxico como o óxido nítrico (NO) ou cun metal de transición. O radical anión superóxido (O2−) dismuta espontaneamente a O2 e peróxido de hidróxeno (H2O2) bastante rapidamente (~105 M−1s−1 a pH 7). A SOD é necesaria na célula porque o superóxido reacciona con dianas celulares sensibles e fundamentais. Por exemplo, reacciona co radical NO, e xera peroxinitrito tóxico.
Como a reacción de dismutación non catalizada para o superóxido require que dúas moléculas de superóxido reaccionen entre si, a taxa de dismutación é de segunda orde con respecto á concentración inicial de superóxido. Así, a vida media do superóxido, aínda que moi curta a altas concentracións (por exemplo, 0,05 segundos a 0,1mM), é, en realidade, bastante longa a baixas concentracións (por exemplo, 14 horas a 0,1 nM). En contraste, a reacción do superóxido coa SOD é de primeira orde con respecto á concentración do superóxido. Ademais, a superóxido dismutase ten a maior kcat/KM (unha aproximación da eficiencia catalítica) de todos os encimas coñecidos (~7 x 109 M−1s−1),[22] e esta reacción está limitada só pola frecuencia de colisión entre o encima e o superóxido. É dicir, a velocidade da reacción está "limitada pola difusión".
A alta eficiencia da superóxido dismutase parece que é necesaria para a célula: mesmo ás concentracións subnanomolares alcanzadas polas altas concentracións de SOD nas células, o superóxido inactiva o encima do ciclo do ácido cítrico aconitase, pode envelenar o metabolismo enerxético da célula, e libera ferro potencialmente tóxico. A aconitase é unha das varias (des)hidratases que conteñen grupos ferro-xofre nas rutas metabólicas que son inactivadas polo superóxido.[23]
O superóxido é unha das principais especies reactivas do oxíxeno da célula. Como consecuencia, a SOD desempeña un papel antioxidante clave. A importancia fisiolóxica das SODs ilústrase polas graves patoloxías que presentan os ratos alterados xeneticamente para que carezan da función deste encima. Os ratos que carecen de SOD2 morren uns días despois de naceren debido a un estrés oxidativo masivo.[24] Os ratos que carecen de SOD1 desenvolven unha ampla gama de patoloxías, incluíndo o carcinoma hepatocelular,[25] unha aceleración da perda de masa muscular relacionada coa idade,[26] unha incidencia temperán de cataratas e unha duración da vida reducida. Os ratos que carecen de SOD3 non mostran ningún defecto obvio e teñen unha duración da vida normal, aínda que son máis sensibles a danos hiperóxicos.[27] Os ratos knockout para calquera dos encimas SOD son máis sensibles aos efectos letais dos compostos que xeran superóxidos, como paraquat e diquat (dous herbicidas).
As moscas Drosophila que carecen de SOD1 teñen unha duración da vida drasticamente reducida, mentres que as que carecen de SOD2 morren antes do nacemento. Os knocdowns para a SOD no nematodo C. elegans non causan alteracións fisiolóxicas importantes. Os knockouts ou mutacións nulas en SOD1 son moi prexudiciais para o crecemento aerobio no lévedo Saccharomyces cerevisiae e teñen como resultado unha drástica redución na duración da vida posdiáuxica. Os knockout para SOD2 ou mutacións nulas causan inhibición do crecemento con fontes carbonadas para a respiración ademais de diminuíren a duración da vida posdiáuxica.
Xeráronse varios mutantes procariotas nulos para SOD, incluíndo en E. coli. A perda da CuZnSOD periplásmica causa a perda de virulencia e podería ser unha interesante diana para novos antibióticos.
As mutacións no encima SOD1 poden causar esclerose amiotrófica lateral familiar (unha forma de enfermidade das motoneuronas).[28][29][30][31] Unha mutación común é a A4V, e outra menos estudada é a G93A. As outras dúas isoformas da SOD non foron asociadas con ningunha enfermidade humana, pero nos ratos a inactivación de SOD2 causa letalidade perinatal[24] e a inactivación de SOD1 causa carcinoma hepatocelular.[25] As mutacións en SOD1 poden causar eslerose amiotrófica lateral familiar (varias evidencias mostran tamén que a SOD1 de tipo silvestre, en condicións de estrés celular, está implicada nunha fracción significativa dos casos de esclerose amiotrófica lateral esporádicos, que representan o 90% dos pacientes desta doenza),[32] por un mecanismo que actualmente non se coñece, pero que non se debe á perda da actividade encimática ou unha diminución na estabilidade conformacional da proteína SOD1. A sobreexpresión de SOD1 foi asociada aos trastornos neuronais que se observan na síndrome de Down.[33] En pacientes con talasemia, a SOD aumenta como mecanismo de compensación. Porén, no estadio crónico, a SOD non parece ser insuficiente e tende a diminuír debido á destrución de proteínas pola reacción masiva de oxidante-antioxidante.[34]
En ratos, as superóxido dismutases extracelulares (SOD3, ecSOD) contribúen ao desenvolvemento da hipertensión.[35][36] A diminución da actividade de SOD3 asociouse a enfermidades de pulmón como a síndrome de dificultade respiratoria aguda ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.[37][38][39]
A superóxido dismutase tampouco se expresa nas células da crista neural no feto en desenvolvemento. Por tanto, os altos niveis de radicais libres poden causarlles danos a ditas células e inducir anomalías disráficas (defectos no tubo neural).
A SOD ten unha poderosa actividade antiinflamatoria. Por exemplo, a SOD é un tratamento experimental moi efectivo da inflamación crónica na colite, probado en ratos.[40] O tratamento con SOD diminúe a xeración de especies reactivas do oxíxeno e o estrés oxidativo e, dese xeito, inhibe a activación endotelial e modula os factores que gobernan a expresión de moléculas de adhesión e interaccións leucocito-endoteliais. Por tanto, usada como antioxidante pode ser unha importante nova terapia para o tratamento da enfermidade intestinal inflamatoria.[41]
Igualmente, a SOD ten moitas actividades farmacolóxicas. Por exemplo, mellora a nefrotoxicidade inducida polo cis-platino en roedores.[42] Na forma de "Orgotein" ou "ontosein", que é unha SOD do fígado bovino farmacoloxicamente activa, tamén é efectiva no tratamento de enfermidades inflamatorias do tracto urinario masculino.[43] Durante un certo período a SOD de fígado bovino obtivo unha aprobación regulatoria en varios países europeos para este uso, pero isto quedou paralizado pola preocupación pola posible transmisión de prións bovinos.
Un axente que imita a SOD chamado TEMPOL está actualmente probándose en ensaios clínicos para a radioprotección e prevención da dermatite inducida pola radiación.[44] TEMPOL e nitróxidos miméticos da SOD similares mostran múltiples accións en doenzas nas que está implicado o estrés oxidativo.[45]
A SOD pode reducir os danos causados polos radicais libres na pel; por exemplo, reduce a fibrose que se produce despois de someterse a radiacións como tratamento para o cancro de mama. Porén, os estudos deste tipo deben considerarse preliminares, xa que moitas veces non teñen os controis adecuados, como pode ser a falta de aleatorización, estudos de dobre cego ou de placebo.[46] Propúxose que a superóxido dismutase reverte a fibrose, probablemente ao reverter os miofibroblastos (orixinados na fibrose) a fibroblastos normais.[47]
A SOD obtense comercialmente do fitoplancto mariño, fígado bovino, do ravo picante, de melóns cantalupo (Cucumis melo var. cantalupo) e por fermentacións realizadas por certas bacterias, aínda que se pode atopar na maior parte dos seres vivos en diversas concentracións. Para usos terapéuticos normalmente a SOD inxéctase localmente. Non hai probas de que a inxestión de SOD non protexida (non en cápsulas con cuberta protectora) ou de alimentos ricos en SOD teña efectos fisiolóxicos: toda a SOD inxerida é degradada aos seus aminoácidos durante a dixestión, que despois se absorben no intestino. Porén, a inxestión de SOD unida a proteínas do trigo podería mellorar a súa actividade terapéutica, polo menos teoricamente.[48]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.