From Wikipedia, the free encyclopedia
O Reino do Congo ou Imperio do Congo (en kikongo: Kongo dia Ntotila[1] ou Wene wa Kongo;[2]) foi un estado precolonial africano no suroeste de África situado no territorio que hoxe corresponde ao noroeste de Angola (incluída Cabinda), o suroeste e oeste da República do Congo, a parte oeste da República Democrática do Congo[3] e a parte centro-sur de Gabón. Na súa máxima extensión ocupaba dende o océano Atlántico, polo oeste, até o río Cuango, polo leste, e do río Ogooué, polo norte, até o río Cuanza, polo sur. O reino do Congo foi fundado por Lukeni lua Nimi no século XIV.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Mbanza-Kongo | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 509.250 (1650) (3,94 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 129.400 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1395 | ||||
Disolución | 1888 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
Moeda | Dinheiro de concha (pt) | ||||
A rexión era gobernada por un líder chamado rei polos europeos, o manicongo. Estaba formada por de nove provincias e tres rexións (Ngoio, Cacongo e Loango), mais a súa área de influencia se estendía tamén por outros estados independentes, como Dongo, Matamba, Cassange e Quissama.[4] A capital era M'Banza Kongo (literalmente, Cidade do Congo), rebautizada como São Salvador do Congo após os primeiros contactos cos portugueses e a conversión do manicongo ao catolicismo no século XVI, e renomeada de volta M'Banza Kongo en 1975.
O reino era rexido por unha monarquía, que por veces na súa historia alternou entre hereditaria e electiva. A liñaxe de reis durou dende a fundación do reino en 1390 até a abolición en 1914 pola Primeira República Portuguesa, que diminuíu o título do rei á unha mera figura simbólica na cidade de São Salvador até 1975,[5] cando o goberno socialista de Angola acabou por abolir os títulos definitivamente.
As tradicións verbais sobre o inicio da historia da rexión escribíronse por primeira vez ao final do século XVI, e as máis completas foron rexistradas a mediados do século XVII, incluídas aquelas escritas polo misioneiro capuchino italiano Giovanni Cavazzi da Montecuccolo.[6] Unha pescuda máis detallada sobre as tradicións orais modernas inicialmente conducida no inicio do século XX por misioneiros redentoristas como Jean Cuvelier e Joseph de Munck non parecen relacionarse co período inicial da historia do reino.
Inicialmente habitada por pigmeos, a demografía da rexión mudou radicalmente durante a gran migración bantú cara ao sur, onde se formou un subgrupo étnico entre os que se asentaron no val do baixo río Congo, máis próximo da súa foz no Atlántico. Ese subgrupo bantú son os congos, que consolidaron a ocupación da rexión a mediados do século XIII.
A partir do século XIV os congos pasaron a organizarse politicamente, formando o poderoso reino do Congo, a partir da reunión dos reinos Ampemba Cassi e Bambata. O antigo reino de Bambata acabou por converterse nun ducado dentro do reino, nas terras que actualmente forman a provincia do Uíge.
A fundación do reino do Congo deuse coa investidura de Lukeni lua Nimi como primeiro rei en 1390,[6] fixando capital nunha localidade de nome Nisi Cuílo.
Xa politicamente forte, o reino do Congo organizou unha expedición e conquistou o reino rival de Muene Cabunga, que tiña súa capital, Mongo-dia-Congo, ao sopé dunha montaña ao sur. A cidade mudou de nome, pasando a chamarse M'banza Kongo, á que se mudou o rei do Congo e ergueu o seu palacio.
En 1483, o explorador portugués Diogo Cão navegou polo río Congo, descubrindo numerosas aldeas ribeirás, tornándose o primeiro europeo que encontrou o reino do Congo.[7] Diogo Cão deixou homes no Congo e levou algúns nobres da corte congolesa a Portugal. Volveu cos nobres congoleses en 1485, convertendo ao cristianismo o rei Nzinga a Nkuwu que se bautizou en 1491,[8] adoptando o nome de Xoán I do Congo en honra ao rei portugués Xoán II.[9] Os principais nobres da corte congolesa tamén foron bautizados, comezando polo gobernante da provincia do Soio, Manuel I do Soio. Ao mesmo tempo, os cidadáns congoleses alfabetizados que regresaban de Portugal abriron algunhas escolas no Congo.
O período de aproximación comercial, política e económica cos portugueses tamén estivo marcado pola propia expansión territorial do reino do Congo, onde, nas guerras emprendidas contra os reinos e os pobos veciños, se conseguía a principal materia de exportación congolesa, os escravos. O principal posto de comercio de Portugal co Congo era San Tomé e Príncipe.
As tensións entre Portugal e o Congo xurdiron, principalmente relacionadas co comercio de escravos e coa interferencia na escolla dos sucesores do trono congolés, aliado ao feito dos gobernadores da Angola portuguesa se tornaren máis agresivos.
Luís Mendes de Vasconcelos, que foi gobernador colonial de 1617 a 1621, contratou bangalas como mercenarios para emprender unha devastadora guerra contra o reino de Ndongo, e despois atacar e saquear algunhas provincias do sur do Congo. Estaba particularmente interesado na provincia de Cassanze, unha rexión pantanosa que ficaba ao norte de Luanda, refuxio de escravos fuxitivos. O gobernador colonial João Correia de Sousa contratou novamente os bangalas para lanzar unha invasión a grande escala no sur do Congo en 1622, após a morte de Álvaro III, nunha tentativa de influír na escolla do novo rei.
A Guerra Luso-Congolesa de 1622, iniciouse coas forzas portuguesas invadindo Cassanze, forzando o comandante congolés Pedro Afonso a fuxir de M'Banza Kongo a Nambo Angongo, unha cidade protexida por escravos fuxitivos. Aínda que Pedro Afonso concordase en devolver algúns fuxitivos, o exército portugués atacou o Congo e matouno, contando cun exército esmagador de 20 000 soldados.
Após o éxito en Nambo Angongo, o exército portugués avanzou para o condado de Quimbamba en novembro, onde conseguiron unha vitoria na batalla de Mbumbi.[10] Alá afrontaron unha forza liderada polo novo duque de Quimbamba, con reforzos das forzas do marqués de Pemba. Tanto o duque de Quimbamba como o marqués de Pemba foron mortos na batalla.
No entanto, Pedro II, acabado de coroar rei do Congo, mobilizou o exército principal, incluíndo tropas do Soio, para Quimbamba, derrotando decisivamente os portugueses, expulsándoos do país nunha batalla trabada nalgún lugar preto de Mabanda Cassi, en xaneiro de 1623. Esa vitoria congolesa e a deterioración das relacións con Portugal foron cruciais para o éxito da ocupación holandesa de Angola.
O reino do Congo asociouse á República das Sete Provincias Unidas dos Países Baixos contra Portugal en 1641, colaborando loxisticamente para a expulsión lusitana da rexión de Luanda. Iso fixo que se mergullase de cabeza na Guerra Luso-Neerlandesa, conseguindo certo progreso entre 1641 e 1643, durante as batallas dos Dembo e do río Bengo. En 1647 o reino do Congo participou da última campaña con éxito contra os portugueses, na batalla de Combi.
Ao mesmo tempo o Congo afrontaba os seus propios problemas internos, cunha guerra civil co condado do Soio, ocorrida entre 1641 e 1645. A reconquista portuguesa das posesións coloniais angolanas deixou o Congo en situación fráxil, obrigándoo a tentar unha alianza do reino de España. Con todo, a disputa polas posicións na provincia de Ambuíla levou á batalla de Ambuíla, que acabou por ser sucedida por outra guerra civil, que durou até 1709. Eses conflitos foron os puntos de inflexión para o reino do Congo, enfraquecéndoo politicamente, perdendo de feito a condición de estado independente, e pasando a ser en 1857 un estado vasalo do reino de Portugal.[11][12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.