From Wikipedia, the free encyclopedia
O poboamento de América é un tema moi debatido e desenvolvéronse varias teorías sobre a chegada do Homo sapiens ao continente. Os científicos non teñen dúbida de que os humanos non son autóctonos, é dicir, non se orixinaron en América, e que o continente estaba poboado por homes orixinarios doutras partes do mundo (aloctonismo). Hai certo consenso en que América foi poboada desde Siberia, en Asia. Porén, ademais deste consenso relativo, a comunidade científica leva discutindo, desde a década de 1900, en que momento, por que rutas e cantas ondas migratorias terían poboado o continente americano.
Estudos de ADN foron responsábeis de mostrar a ascendencia do pobo americano, así como as rutas migratorias e a dinámica das poboacións establecidas no continente. Aínda non hai consenso sobre cantas migracións e cando migraron as poboacións a América. Parece que grande parte do asentamento, e as migracións cara a porcións meridionais, realizáronse por rutas costeiras.
Esta hipótese foi proposta xa en 1590 por José de Acosta e comezou a ser aceptada na década de 1930,[1] concretamente entre 1928 e 1937, ao atoparse artefactos preto de Clovis, Novo México, EUA, do mesmo tipo que os descubertos na Berinxia.[2] Actualmente, hai consenso entre os expertos en que, durante a última glaciación, a concentración de xeo nos continentes baixou o nivel dos océanos en máis de 120 m e provocou a aparición de varias conexións terrestres, como, por exemploː Australia - Tasmania con Nova Guinea; Filipinas e Indonesia; Xapón e Corea.
Un deses lugares foi a Berinxia, a rexión que divide Asia e América; nesa zona ambos continentes entraron en contacto.[3] Pola súa escasa profundidade (entre 30 e 50 m), a caída do nivel do mar deixou ao descuberto un amplo territorio que alcanzou os 1.500 quilómetros, unindo as terras de Siberia e Alasca, hai c. 40.000 anos.[4]
Neste sentido, os datos arqueolóxicos, morfolóxicos, esqueléticos e dentitorios, e mesmo xenéticos, demostraron que os pobos indíxenas americanos teñen como antepasados aos asiáticos.[5] A hipótese do poboamento a través de Bering fortalece a perspectiva do asentamento humano durante o Plistoceno tardío (± 17.000 - 13.000 anos) procedentes de Asia / Rusia até América do Norte / Alasca. [5]
O período e rutas de poboamento aínda se debaten, pero hai evidencias que consideran a Última Grande Glaciación (en inglés: Last Glacial Maximum - LGM) como un momento favorábel para o desprazamento, xa que os niveis dos océanos estaban 130 m por debaixo dos niveis normais de profundidade.[5]
Cabe resaltar que América non foi ocupada continuamente polos primeiros poboadores humanos. Debido á unión dos glaciares Cordilleira e Laurentide, existía unha barreira física e climática para a ocupación das rexións ao sur.[5] Por tanto, houbo un período de illamento en Berinxia, no que as poboacións residiron nesta franxa de terra. Hai arredor de 15000 anos, o glaciar da Cordilleira comezou a derreterse, permitindo a migración cara ao sur pola costa do Pacífico.
A rexión do "corredor sen xeo", ao leste das Montañas Rochosas, non ten rexistros de habitación humana até ±10.600 anos. Após esa data, habería un segundo pulso migratorio chegado de Berinxia, que contribuíu á estruturación das poboacións de América do Norte. Algúns autores sosteñen que esa estrutura foi definida con anterioridade, na bifurcación que se produciu durante a migración pola costa.[5]
O modelo Clovis First suxire que os primeiros colonizadores de América do Norte, cazadores de megafauna, cruzaron a ponte terrestre de Berinxia despois do último máximo glaciar. Migraron cara ao sur polo corredor libre de xeo, colonizando posteriormente América Central e do Sur. Este modelo afirma que os humanos chegaron ao continente hai menos de 11.500 anos. A confianza nesta hipótese diminuíu cando as datacións de radiocarbono dos xacementos norteamericanos foron reavaliadas, revelando unha existencia relativamente curta (uns 400 anos) desa cultura. Ademais, acháronse proxectís similares en xacementos suramericanos contemporáneos co máis antigo de Clovis. O modelo pre-Clovis propón que houbo unha rápida colonización de América do Norte despois do último máximo glaciar, baseándose en evidencias de sitios anteriores á cultura Clovis. Tamén existen xacementos suramericanos anteriores a Clovis en Perú, Venezuela e Chile, como Monte Verde I (Chile), que mostra ocupación humana entre 14.500 e 18.500 anos atrás.[6] [7] A antigüidade deses xacementos non é universalmente aceptada.[5] Recentemente, achados dun gliptodonte con marcas de orixe humana indican que a ocupación de América podería remontarse até hai polo menos 21.000 anos.[8]
Esta teoría sostén que varias poboacións usaran canoas indo de illa en illa rumbo ao leste, até América do Sur. O principal defensor da teoría foi o antropólogo francés Paul Rivet, que a defendeu en 1943. Non negou o paso do home por Berinxia, pero argumentou que a chegada do home a América ocorreu por varias rutas. Este paso ocorrería en dous momentos diferentes e dous lugares distintos. Primeiro en Australia, 6.000 anos antes de Berinxia; e en Melanesia algo máis tarde.
Os datos recentes do ADN ancestral (aDNA) indican que hai maior proporción de ascendencia australo-melanesia nos nativos americanos do Sur, sinatura ausente nos indíxenas de América do Norte e Central.[9] Unha das hipóteses para explicar esa observación é a proposta da “poboación Y”. Segundo algúns autores, existía unha poboación ancestral, aínda sen identificar, do nordeste asiático que tería contribuído á colonización tanto de América como de Austronesia. Por tanto, esa variación que se observa en pobos indíxenas do Sur sería o resultado da variabilidade presente no ADN dun grupo de paleoindios que participaron na colonización inicial do continente.[5]
Walter Neves, antropólogo evolucionista da Universidade de São Paulo, desenvolveu ao longo de vinte anos a teoría que sostén que o continente americano foi colonizado por dúas ondas de Homo sapiens procedentes de Asia. A primeira tería chegado hai uns 14 mil anos e estaría formada por individuos con morfoloxía non-mongoloide, semellante á dos aborixes e africanos, cunha morfoloxía negroide. Esa primeira onda non deixou descendencia. A segunda onda migratoria tería chegado ao continente hai uns 12.000 anos, e os membros dese grupo tiñan características físicas dos asiáticos, dos que posibelmente deriven os pobos indíxenas modernos.[10] Porén, en 2013 os investigadores descubriron instrumentos de pedra que demostraban que os humanos chegaron ao que hoxe é o nordeste de Brasil hai aproximadamente 22.000 anos.[11]
Unha investigación máis profunda e a medición de centos de cranios da serra da Capivara, incluíndo o mais antigo, dunha muller duns vinte anos que foi chamada Luzia, levou aos arqueólogos a especularen sobre unha grande viaxe por mar, da Australia para o Brasil, que non tería sido realizada con coñecemento de rotas, senón por accidente. Niède Guidon, arqueóloga brasileira, pioneira das escavacións, afirmou hai mais de dúas décadas que o seu equipo encontrara evidencias na forma de carbón vexetal, a partir dos restos dunha fogueira, que os seres humanos viviran na Serra da Capivara hai cerca de 48.000 anos. Neves, en entrevista ao Le Monde diplomatique[12] explica que non imaxinou unha viaxe directa, senón unha migración, que podería inclusive ter sido por Alasca.
Estudos xenéticos, esqueléticos e arqueolóxicos mostran que os primeiros humanos suramericanos chegaron á rexión hai 13 mil anos, durante o final do Plistoceno e comezos do Holoceno[13] O asentamento da rexión sur do continente americano é moi debatido, xa que a rexión neotropical presentaba condicións físicas, climáticas e xeográficas diferentes ás presentes na parte norte.
Ao parecer, as poboacións suramericanas chegaron polo Istmo de Panamá, seguindo a costa do mar e as rutas fluviais.[13] Hai outros argumentos, por exemplo, que a colonización tivo lugar a través dos Andes. Non obstante, o trazado concreto aínda é incerto, xa que a maior parte dos xacementos da rexión costeira deste período (hai 13.000 anos) están mergullados entre 100 e 120 m de profundidade, debido á fusión do xeo do período glaciar.[5]
A adaptación e asentamento das poboacións humanas en Suramérica reflectiuse no desenvolvemento da tecnoloxía en ferramentas utilizadas para a caza de animais, principalmente de fauna mediana e pequena, como o pecarí de colar (Pecari tajacu) e o pecarí de barba branca Tayassu pecari).[14] As ferramentas empregadas na rexión suramericana son diferentes das que se atopan na rexión onde se producen as poboacións de Clovis, polo tanto, como se indicou, eran poboacións contemporáneas, polo que a poboación suramericana non sería descendente de Clovis, como as industrias líticas de Umbu, Itaparica e Lagoa Santa, atopados no Brasil.[14][15]
O establecemento de poboacións no Sur está relacionado cun estilo de vida sedentario e coa adaptación do medio para abastecer de recursos esenciais, como árbores e plantas.[15] O proceso de produción local de alimentos pola agricultura, menos dependente da estacionalidade ambiental, permitiu o crecemento demográfico e a expansión das poboacións humanas nesta rexión.[5]
Algúns xacementos suramericanos, como os de Pubenza (Colombia), Cova de Pikimachay (Perú), Monte Verde I (Chile) e Santa Elina, Toca da Tira Peia, Rincão I [16] e Pedra Furada (Brasil), amosan evidencias de ocupación de América antes do último máximo glaciar. Nos tres primeiros, as probas son consideradas "plausíbeis" pero non universalmente aceptadas, xa que necesitan máis investigación. Monte Verde I, por exemplo, podería reavaliar os modelos de asentamento en América se se aceptan os achados datados de hai 16.500 anos. Os sitios brasileiros son máis controvertidos, con datacións que chegan até 50.000 anos, e existen dúbidas sobre a súa orixe antropoxénica. Aínda que non hai consenso e segue o debate, estes xacementos ofrecen probas que, se aceptadas, poderían revisar completamente as hipóteses sobre o asentamento en América.[5]
Segundo a teoría xeralmente aceptada, os primeiros humanos chegaron a América hai entre 11.000 e 27.000 anos a través dunha "ponte" terrestre que conectaba entón Siberia e Alasca.
Crese que o Homo sapiens abandonou África en varias ondas -a primeira non antes de 130.000 anos- chegando a China hai entre 80.000 e 120.000 anos, e a Australia hai 50.000 anos. Unha onda posterior, tamén procedente de África, chegaría á Europa occidental hai uns 42.000 anos. Para estes primeiros humanos, unha ponte a América estaría moi lonxe. Pero os primeiros membros do xénero Homo, incluídas as especies que finalmente se converteron en neandertais, xa abandonaran África e poboaron Eurasia.[17] En 2015, os expertos especularon con que Sapiens ou outra especie de Homo poderían ter entrado en América do Norte, a través dunha ponte terrestre e despois en barcos. Pero aínda non hai probas suficientemente convincentes. Non hai ningún indicio xenético de que os neandertais chegasen a América, e nada fai pensar que fosen mariñeiros. Ademais, tamén é prematuro invocar aos denisovanos, dado o pouco que se sabe sobre eles.[18] Con todo, sábese que unha especie de Homo utilizaba ferramentas de pedra para separar os ósos e os cairos dun mastodonte, hai aproximadamente 130.000 anos, nun lugar preto do que hoxe é San Diego.[19] Hai uns 130.000 anos, din os investigadores, un clima relativamente cálido e húmido deixaría mergullada calquera conexión terrestre entre o nordeste asiático e Alasca. Así, os antigos colonizadores de América debían chegar ao continente, en canoas ou outras embarcacións, e viaxar pola costa do Pacífico. As probas sobre os candidatos a rompedores de ósos de mastodontes do sur de California inclúen neandertais, denisovanos e Homo erectus, todos habitantes do nordeste asiático hai uns 130.000 anos. Un candidato menos probábel é o Homo sapiens, que chegou ao sur de China entre 80.000 e 120.000 anos atrás.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.