From Wikipedia, the free encyclopedia
A pintura gótica, unha das expresións da arte gótica, apareceu apenas en 1200 ou case 50 anos despois do inicio da arquitectura e escultura góticas. A transición do Románico cara ao Gótico é bastante imprecisa e non hai unha creba definida, mais pódese percibir o inicio dun estilio máis sombrío e emotivo que o do período anterior. Esta transición ocorre primeiro en Inglaterra e Francia preto de 1200, en Alemaña preto de 1220 e en Italia preto de 1300.
A característica máis evidente da arte gótica é un naturalismo cada vez maior. Esa calidade, que xorde por primeira vez na obra dos artistas italianos de finais do século XIII, marcou o estilo dominante na pintura europea até o remate do século XV.
O período gótico estendeuse por máis de douscentos anos, xurdindo en Italia e espallándose cara ao resto de Europa. Os italianos foron os primeiros en empregar o termo gótico, indicando desprezativamente a arte que se produciu no Renacemento serodio, pero que aínda seguía un estilo medieval. Era unha referencia ao pasado bárbaro, en especial aos godos. A palabra perdeu o ton pexorativo e pasou a designar o período artístico entre o Románico e o Renacemento. A arte gótica pertence, sobre todo, aos últimos tres séculos da Idade Media.
A pintura (a representación de imaxes nunha superficie) durante o período gótico era practicada en catro principais técnicas: frescos, táboas, iluminación de manuscritos e vidreiras. Os frescos continuaron a ser empregados como o principal oficio pictográfico narrativo nas paredes de igrexas no sur de Europa como continuación de antigas tradicións cristiás e románicas. No norte, as vidreiras foron os máis difundidos até ao século XV. A pintura de táboas comezou en Italia no século XIII e esparexeuse por Europa, volvéndose a forma dominante no século XV, superando mesmo as vidreiras. A iluminación de manuscritos representa o rexistro máis completo da pintura gótica, fornecendo un rexistro de estilos en lugares onde non sobreviviu ningún outro traballo. A pintura ao óleo en lona non se volveu popular até aos séculos XV e XVI e foi un dos oficios característicos da arte renacentista.
No comezo do período gótico, a arte era producida principalmente con fins relixiosos. Moitas pinturas eran recursos didácticos que facían o cristianismo visíbel para unha poboación analfabeta; outras eran expostas como iconas para intensificar a contemplación e as preces. Os primeiros mestres do góticos preservaron a memoria da tradición bizantina, mais tamén crearon figuras persuasivas, con perspectiva e con perfección no trazo. En efecto, producíronse lentos avances no uso da perspectiva e doutras cuestións técnicas en pintura en canto ao tratamento dos soportes (que permiten a maior difusión dunha arte mobiliar), os pigmentos e os aglutinantes.
A características máis evidente da arte gótica é un naturalismo cada vez maior, fronte ás simplificadas e idealizadas representacións do románico. Considérease que esta característica xorde por vez primeira na obra dos artistas italiano de finais do século XIII, e que marcou o estilo dominante na pintura europea até o final do século XV. A pintura gótica aproxímase á imitación á natureza que será o ideal no Renacemento, incluíndo a representación de paisaxes, porén, segue a ser pouco usual. Despréndese dos convencionalismos e amaneiramentos bizantinos e románicos, mais non toma como ideal de beleza a arte grega nin romana antiga. Polo mesmo, aínda que dita pintura é un verdadeiro renacemento, distínguese da propiamente chamada do Renacemento clásico en que non valora, como esta, a súa perfección na beleza das formas exteriores (que, aínda sen descoidalas, resultan, ás veces, algo incorrectas na pintura gótica) senón, sobre todo, na expresión da idea relixiosa e en dar ás figuras certo sabor místico e eminentemente cristián. A pesar diso, tamén hai que dicir que é neste momento no que comez a pintura profana, isto é, a pintura en que os temas xa non son sempre relixiosos.
No gótico, en correspondencia coas novas tendencias filosóficas e relixiosas (recuperación da filosofía de Aristóteles a través do averroísmo, humanismo de san Francisco de Asís) tendeuse a aproximar a representación dos personaxes relixiosos (os santos, os anxos, a Virxe María e Cristo) nun plano máis humano que divino, deixándolles amosar emocións e sentimentos (pracer, dor, tenrura, anoxo), rompendo o hieratismo e formalismo románico. O artista gótico busca a súa inspiración na vida. Hai moito sentimento nas obras góticas. Paralelamente, a cultura burguesa demanda unha nova elegancia dentro da arte. Hai máis detalles narrativos, máis frescura, cor, luminosidade... que se acadan con técnicas máis refinadas.
'Texto en negra''''Texto en negra''''== Técnicas' ==
A pintura mural ou frescos seguiron a se usar como o principal medio para a narración pictórica nas paredes das igrexas no sur de Europa, especialmente en Italia, como unha continuación das tradicións cristiá e románica anteriores. Fóra de Italia non se cultivaron moito. Italia, apegada á forma basilical das igrexas, conservou maior extensión nos muros para as pinturas e mosaicos que narran historias relixiosas.
Na Toscana, as escolas sienesa e florentina, con Giotto como o máis grande dos pintores do Trecento, continuaron a tradición da gran pintura mural, xa que a arquitectura gótica non chegou a botar raíces en Italia como en Francia. Esta pintura toscana do Trecento, sendo plenamente gótica, anticipa xa o Renacemento. Os nomes máis destacados foron Cimabue e Giotto.
Fronte ao que ocorre en Italia, no norte de Europa, as vidreiras foro a arte preferida até o século XV. O desenvolvemento da arquitectura gótica coa progresiva substitución do muro por grandes xanelas con vitrais de cores que permiten o paso cara ao espazo interior dunha luz polícroma e matizada, implicou, nas grandes catedrais góticas de Francia, á práctica desaparición da pintura mural que se desenvolvera amplamente nos muros das igrexas románicas.
O muro translúcido foi o primeiro espazo propio o ámbito onde se desenvolveron as artes do debuxo e da cor no Gótico. Durante a Baixa Idade Media a arte dos vitrais das catedrais e igrexas desenvolveuse, en Europa, paralelamente coa arquitectura gótica, a cal se caracterizaba pola altura das súas naves e a audacia das súas estruturas con bóvedas de cruzaría que se apoiaban en esveltos soportes e arcobotantes para transmitir ao chan o peso e o impulso das bóvedas, liberando das funcións resistentes aos muros dos edificios que progresivamente foron substituídos por fiestras e trazarías ou encaixes de pedra con vitrais de cor.
Nunha primeira etapa as cores son vivas e saturadas, o chumbo delimita as formas, as cales son deliñadas con precisión para poder ser vistas a través da irradiación luminosa da vidreira, isto conduce á tendencia de descompor a vidreira en medallóns, nichos ou outro tipo de compartimentos. As vidreiras revelan, máis que ningunha outra arte, o compoñente irrealista e artificial da arte gótica.
A mediados do século XIII prodúcese unha modificación profunda da gama de cores xa que os fondos incoloros asócianse aos tons crebados das escenas e figuras. Cunha gama potente mais restrinxida, as miúdas figuras humanas fanse máis axitadas e libres. Na igrexa de San Urbano de Troyes (cara a 1270) ou nas vidreiras de medio punto da catedral de Beauvais, é onde se dan os mellores exemplos destas innovacións.
No século XIV, tras a descuberta do amarelo de prata os vitrais gañan en lixeireza, enchéndose dun preciosismo dourado que denantes nunca tiveron. En Normandía, no coro de Saint-Ouen de Ruán e na catedral de Évreux atópanse unhas vidreiras moi ben valoradas. A arte das vidreiras culmina nun estilo exquisito dunha calidade igual ou superior ás obras mestras da miniatura. Na cunca do Loira, en Champaña ou en Alsacia complétase o panorama das vidreiras en Francia, culminando nas naves laterais da catedral de Estrasburgo.
En Inglaterra salienta a gran fiestra occidental da catedral de York. En España, as vidreiras máis destacadas son as da catedral de León.
Os manuscritos iluminados representaron a máis completa documentación da pintura gótica, rexistrando nas súas miniaturas a existencia dunha serie de estilos en lugares onde non sobreviviron outras obras monumentais. Na pintura dos códices (ou miniaturas), sobre todo en Francia, buscando a realidade e a delicadeza nas figueras, aínda lles fallaba moito a estas para seren modelos en debuxo e perspectiva.
As miniaturas consistían en pequenas composicións: pinturas ou debuxos de figuras enmarcadas nas letras iniciais ou en diversos comportamentos como medallóns, arabescos etc. Chamábanse miniaturas porque realizábanse con minio ou óxido de ferro, mesturado con colorantes naturais.
No período románico e no primeiro gótico os temas tiñan carácter sacro, a súa composición estaba influída por criterios similares aos que rexían para os vitrais das catedrais e igrexas do propio período. No século XIV, introducíronse temas profanos e a arte das miniaturas trasladouse aos obradoiros artesanos de París, Borgoña e Flandres.
Os manuscritos ilustrados tiveron unha ampla difusión internacional, a través das cortes da nobreza europea.
Destacados miniaturistas foron Jean Pucelle, Jacquemart de Hesdin e os irmáns Limbourg. Quizais o máis famoso manuscrito gótico sexa Les Très Riches Heures du duc de Berry.
Aínda que se dixo que a pintura gótico ten o seu espazo propio nos grandes vitrais das catedrais e nas miniaturas polícromas dos libros, o certo é que a pintura propiamente dita onde subsistiu foi nos retablos, as táboas pintadas que forman os frontais ou os laterais dos altares e nos muros das capelas laterais. Pode diferenciarse, ademais, entre os retablos, que son táboas pintadas ou esculpidas que decoran os altares das igrexas, e as táboas de devoción, individuais, de menor tamaño, que adornas as igrexas e as casas particulares.
A pintura sobre táboa, xeralmente retablos, impúxose por toda Europa. No século XV era xa a forma pictórica predominante, suplantando incluso as vidreiras. De táboas ou frontais únicos pasouse a dípticos, trípticos e logo complicados polípticos que combinaban numerosas pezas até chegar aos grandes retablos do século XIV, con moitas táboas que se organizan co banco ou predela (corpo inferior) e rúas verticais, separadas por estreitas entrerrúas; na rúa central representábase o tema principal do retablo.
Executábase a témpera, que empregaba como aglutinante o ovo ou a cola obtida dos ósos de animais. É novidade da última fase do gótico o cambiar ese aglutinante por aceite, dando así lugar á pintura ao óleo. O óleo sobre lenzo non se fixo popular até os séculos XV e XVI e foi o punto de partida da arte renacentista.
O estilo gótico lineal desenvólvese entre o século XIII e o XIV, e salienta a importancia que lle dá ás liñas do debuxo. Predomina un cromatismo vivo fronte aos matices de cor. Os temas, naturalistas, trátanse con sinxeleza.
Exemplifica esta época as vidreiras das catedrais e as miniaturas. En Francia, sobresae o conxunto da catedral de Chartres. Outras vidreiras son as das catedrais de Bourges, Tours, Bayeux e a da Sainte-Chapelle de París.
É característico das miniaturas desta época o emprego de encadramentos arquitectónicos, así como o uso abondoso de ouro e as orlas vexetais. Entre as obras producidas dentro deste estilo, cabe citar as biblias historiadas, como a Biblia Pauperum, as dúas biblias de Pamplona ou a chamada Biblia de San Luís (catedral de Toledo); outras obras de devoción foron o salterio da raíña Branca de Castela (Biblioteca do Arsenal, París) e o Pasionario de Cunegunda (Praga), xa do século XIV. A obra mestra do miniaturismo da Península Ibérica son as Cantigas de Santa María, elaboradas por Afonso X o Sabio e o seu obradoiro arredor de 1270 e 1283 e repartidas en catro códices.
Comeza a verse nesta época pintura sobre táboa, puidéndose mencionar o Díptico de Melun (Museo de Berlín) e numerosos frontais cataláns e aragoneses, como o de Valltarga ou o de Avià. En España séguese a cultivar a pintura mural nesta época, destacando a sala capitular de Sigena (MNAC) e a capela de San Martiño, na catedral vella de Salamanca, obra de Antón Sánchez de Segovia. No teito da catedral de Teruel poden verse as pinturas atribuídas a Domingo Peñaflor.
Este estilo foise formando ao longo do século XIII (Duecento) en Italia. Fundíronse as tradicións da arte bizantina cos primitivos estilos clásicos ou paleocristiáns en pinturas e paneis de Florencia e Siena. Amosaban máis realismo do que se atopaba na arte románica e na bizantina, caracterizada por unha fuxida da chama maniera greca que dominaba Italia, e que foi subsituída por un estilo máis realista. Sentíase fascinación pola perspectiva e pola ilusión de crear espazos que semellasen reais, con figuras menos ríxidas e estilizadas, máis anatomicamente correctas e que presentasen estados de ánimo nos seus xestos e actitudes. Móstrase tamén un interese pola narrativa pictórica e unha espiritualidade intensificada por influencia franciscana.
No século XIII distínguese a escola toscana, particularmente a obra de Giunta Pisano. A esta primeira etapa da pintura gótico ha atribuírse igualmente o labor da escola romana de mosaicos e pinturas murais, cuxos nomes máis destacados son os de Jacopo Torriti e Pietro Cavallini. Cavallini fundiu a pintura da tradición local romana (arte romana e arte paleocristiá) coas convencións bizantinas; os seus vigorosos e salientábeis frescos e mosaicos amosan un dominio do naturalismo.
Considérase a Cimabue o iniciador da escola florentina do Trecento. Traballou en Roma en 1272, coñecendo alí o mundo clásico e a pintura paleocristiá e románica, o que influíu para abandonar a bidimensionalidade do estilo bizantino e encamiñarse a un maior realismo. A súa obra máis coñecida é a Maestà, que estaba no altar da igrexa da Santa Trindade de Florencia. A finais de século estivo a traballar en Asís.
Porén, o gran mestre desta escola é un discípulo seu, Giotto (h. 1266-1337), ao que se considera como auténtico iniciador da pintura moderna. É Giotto quen busca representar o espazo correctamente, así como adecuar as expresións e os xesto en relación co estado de ánimo do personaxe. Deu un tratamento revolucionario á forma e á representación realista da paisaxe, introducindo a tridimensionalidade, o que significou un gran paso na historia da pintura. Na capela dos Scrovegni, en Padua, atópase todo un ciclo de frescos (1305-1306) que mostraron escenas da vida da Virxe María. Tamén é importante a súa intervención en Asís, cun ciclo sobre a vida de san Francisco. Giotto tiña un gran poder para organizar toda unha escena arredor dunha imaxe central, como pode verse nunha das súas obras máis famosas, o Bico de Xudas. Estivo en Roma en 1330, onde pintou un fresco no palacio de Latrán. Alí coñeceu as innovacións de Pietro Cavallini.
A impresión que lles causou a fidelidade á natureza da obra de Giotto aos seus contemporáneos, foi irresistíbel. A capacidade de simplificar e ordenar a experiencia da realidade para acadar a representación directa das cousas, xunto á disposición das historias en compartimentos historiados concibidos coma fiestras onde Giotto sitúa os personaxes cargados aínda dun peso escultórico que contrasta coa elocuencia dos seus xestos. Sobre o fondo de arquitecturas ou paisaxes debuxados en complexas perspectivas, Giotto desenvolve o «espazo pictórico», un ámbito tridimensional que se estende en profundidade por detrás da superficie pintada no que é a principal innovación da pintura do Trecento e o máis importante avance que se deu en toda a historia da pintura. Co espazo pictórico nace a pintura moderna. Seguidores seus foron Taddeo Gaddi e Andrea Orcagna.
A peste negra que devastou Italia a mediados do século XIV afectou profundamente a Florencia, o mesmo que a Siena. A súa versión máis impresionante é un fresco executado no ano 1350 no Camposanto de Pisa, o cemiterio xunto á catedral de Pisa. Esta obra, atribuída a Francesco Traini, discípulo e seguidor de Giotto, reproduce fragmentos dramáticos e simboliza o crepúsculo da gran pintra italiana do Trecento. Un incendio, en 1944, danou o fresco, que tivo que ser retirado.
A herdanza de Giotto e Martini que suscitara a maior renovación pictórica de toda a historia da pintura, non se reencontrará en Italia até un século máis tarde, cando o xenio do arquitecto Brunelleschi, xuntamente cos pintores Masaccio e Piero della Francesca ou do escultor Donatello, eleven os destinos da arte até o Renacemento.
Iníciase con Duccio, quen, aínda fortemente influído pola pintura bizantina, intentou superar a súa bidimensionalidade. Nos séculos XIII e XIV, a cidade de Siena competía no esplendor da súa arte con Florencia. É nesta cidade na que Duccio executa a súa maior obra e unha das máis famosas pinturas italianas: a Maestà da catedral de Siena. Foi contratado pola catedral de Siena en 1308 e instalada alí con gran cerimonia en 1311. Posteriormente, a obra foi desmantelada e vendida, en parte porque non era apreciada. Como consecuencia, hai paneis da Maestà en diversas partes do mundo, como Washington, D.C., Nova York e Londres. A Maestà foi pintada polos dous lados: nun lado a Virxe co Neno e no outro escenas dos Evanxeos; revela fortes ligazóns coa tradición bizantina, podendo apreciarse a influencia da Europa setentrional nas formas graciosas e ondulantes das figuras. Duccio recibiu esa influencia de segunda man, a través das esculturas de Nicola Pisano e Giovanni Pisano.
Considérase a Simone Martini como o artista máis puramente gótico de Siena, exemplo por antonomasia do estilo italo-gótico, e o único que podía rivalizar con Duccio. O estilo gótico norteeuropeo estaba representado na Italia da época por Francia. No ano 1266 unha das ramas da casa de Anjou estableceu unha corte en Nápoles e Martini foi chamado para pintar un cadro por encarga do rei Roberto o Prudente. A súa Madonna con santos e anxos do gran salón do Palacio Comunal de Siena (1315) é moi característica, poñendo de manifesto a influencia que nel exerceu a pintura francesa, aínda que aínda mantén ligazóns coa tradición bizantina.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pintura gótica |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.