compositor renacentista From Wikipedia, the free encyclopedia
Pierre de la Rue, nado cara a 1460, probablemente na contorna de Tournai, na rexión flamenga da actual Bélxica, e finado o 20 de novembro de 1518, foi un cantante e compositor francoflamengo da época do Renacemento.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1460 (Gregoriano) Tournai, Bélxica |
Morte | 20 de novembro de 1518 (57/58 anos) Courtrai, Bélxica |
Educación | Catedral de Nossa Senhora de Tournai (pt) |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Descrito pola fonte | Salmonsens Konversationsleksikon (en) Nordisk familjebok Dicionario Musical Riemann (1901–1904) |
Pertence á mesma xeración que Josquin des Prés e está moi ligado á capela musical da corte dos Habsburgo.Figura, xunto con Alexander Agricola, Antoine Brumel, Heinrich Isaac, Jacob Obrecht e Gaspar van Weerbeke como un dos compositores máis famosos e influentes da polifonía dos Países Baixos nas décadas arredor de 1500.
É moi probable que Pierre de la Rue nacese en Tournai, na actual Bélxica, e que recibise a primeira educación na catedral de Nosa Señora desa cidade, que tiña unha sección musical moi recoñecida. Podería ser o fillo de Jean de la Rue, un mestre enlumineur (unha especie de decorador de manuscritos) da cidade de Tournai.[2]
Aínda que non hai rastro de datos da súa infancia en rexistro ningún, consta un cantante tenor chamado Peter vander Straten (o equivalente flamengo do seu nome) nos arquivos da catedral de San Miguel e Santa Gúdula de Bruxelas, entre 1469 e 1470; algúns autores consideran que se trate, realmente, de Pierre de la Rue.[3]
En 1471 exercía como cantante na igrexa de Santiago de Gante e, entre 1472 e 1477, estivo tamén empregado en Nieuwpoort, na igrexa de Onze-Lieve-Vrouw, en cuxos libros de contas aparece o seu nome neses anos.
Do seu paradoiro durante a década de 1480 apenas hai datos. Algunhas biografías súas non recentes sitúano en Siena, Italia, entre 1483 e 1485, aínda que hoxe está confirmado que o De la Rue que aparece neses rexistros era un cantante diferente. É probable que Pierre de la Rue non teña ído nunca a Italia, ao contrario do que era habitual entre os compositores francoflamengos máis salientables da época.
Entre 1489 e 1492 hai documentos de pagamentos ao seu favor nunha institución relixiosa de 's-Hertogenbosch, novamente como Peter vander Straten, e neles indícase que viña desde Colonia, polo que se supón que pasou algunha tempada en Alemaña como cantante. En 1492 ingresou na Grande Capela do emperador Maxmiliano I de Habsburgo, baixo cuxo mecenado permaneceu o resto da súa vida.[4]
A Grande Capela, a institución musical da corte borgoñoa dos Habsburgo, xa tiña unha historia distinguida no momento en que Filipe o Fermoso a herdou en 1494. Tratábase do núcleo musical da escola de Borgoña, onde traballaban compositores como Dufay, Busnois, Gilles Joye e Hayne van Ghizeghem, e onde se copiaba en manuscritos a música de Ockeghem. Era unha sede musical formidable, que igualou a calidade da capela papal e que continuou mellorando no século XVI, con compositores como Marbrianus de Orto, Nicolas Champión, Gilles Reingot, Antonius Divitis e Alexander Agricola.[5] Este era o ambiente musical no que De la Rue se intoduce na súa madureza como compositor.[6]
Despois de ingresar na Gran Capela, Pierre de la Rue fixo dúas viaxes a España. Na segunda viaxe, en 1506, naufragou no canal da Mancha e pasou tres meses na corte de Henrique VII de Inglaterra. Logo de dous anos máis en Castela ao servizo de Xoana I (Xoana a Tola) regresou aos Países Baixos en 1508, probabelmente porque Xoana fora forzada a ceder o poder.[7]
Nas súas viaxes coa Grande Capela coñeceu moitos dos outros compositores francoflamengos, como Josquin des Prés ou Heinrich Isaac, e estes encontros puideron resultar decisivos no desenvolvemento do seu estilo.[8]
Entre 1508 e 1514, a corte estaba instalada en Mechelen e en Bruxelas, e raramente viaxaba. Suponse que estes foron os anos máis produtivos para De la Rue como compositor, xa que tería o tempo máis libre, sen os rigores dos desprazamentos anteriores por Europa.[9] Pouco despois da maioría de idade de Carlos V en 1515, a corte retomou as súas viaxes. De la Rue retirouse logo dunha grande xira por todas as cidades do Norte de Europa pertencentes ao Imperio en 1516. A partir de entón, permaneceu na cidade belga de Courtrai ata a súa morte dous anos máis tarde.
Aínda que o seu epitafio alude á posibilidade de que tería traballado nalgún momento nas cortes de Francia e de Hungría, non conservamos documentación ningunha que o corrobore. Porén, hai lagoas na súa biografía nas décadas de 1470 e de 1480.
De la Rue pediu ser enterrado no lado esquerdo do altar da igrexa de Courtrai, pero a localización exacta non se coñece. A este respecto, o epitafio só se conserva en varias copias que resultan parcialmente contraditorias. Nese epitafio indica, iso si, que fora unha persoa xenerosa e virtuosa, "non dada aos delitos de Venus", ao contrario que outros compositores como compositor Nicolas Gombert (que fora condenado por acosar un rapaz), Ghiselin Danckerts (despedido do coro da Capela Sistina por ser excesivamente "dado ás mulleres") ou Gilles Joye (escribiu unha misa baseada no nome da súa prostituta favorita). Semella que Pierre de la Rue foi apreciado polos seus colegas durante a súa carreira.[10]
Pierre de la Rue escribiu misas, motetes e magnificats, lamentacións e cancións, unha gama moi diversa de composicións propia dun dos compositores principais da Europa do momento. Algúns estudosos suxeriron que todo o que compuxo foi durante os derradeiros 20 anos da súa vida, principalmente cando estaba ao servizo da corte imperial, aínda que a datación de moitas das súas obras é moi difícil.[11] Estilisticamente, as súas obras son máis similares ás de Josquin que ás de calquera outro compositor da súa época.
Con todo, hai algúns trazos característicos do estilo de De la Rue estilo. Tiña gusto polos rangos de voz extremadamente baixos, descendendo ás veces ata C ou mesmo a B; tamén empregou máis cromatismo que a maioría dos seus contemporáneos, e gran parte do seu traballo é rica en disonancia. Tamén rompeu as texturas longas e densas inserindo pasaxes de contraste para dúas voces, algo feito tamén por Ockeghem e Josquin des Prés. E foi tamén un dos primeiros en estender a cinco ou a seis voces o estándar que, ata ese momento, fora de catro voces. Unha das súas misas para seis voces, a Missa Ave sanctissima Maria, é un canon a seis voces, un logro tecnicamente difícil que evoca algúns traballos de Ockeghem.
A escritura canónica é unha característica particularmente importante do estilo de Pierre de la Rue, polo que foi moi recoñecido. Gustáballe escribir canons de complexidade considerable, en lugar de limitarse a unha simple imitación. A segunda das súas dúas misas, baseada na melodía de L'homme armé, comeza e remata cos canons da mensuración, nos que todas as voces cantan o mesmo, mais a velocidades diferentes. este é outro logro de virtuosismo contrapuntístico digna de Josquin ou de Ockeghem; de feito, De la Rue ás veces parecía estar en competencia consciente co máis nomeado Josquin. O Agnus Dei de pechamento desta misa é o único canon de mensuración coñecido desa época para catro voces, coas catro voces cantando a mesma melodía.[12]
Pierre de la Rue escribiu seis pezas que son completamente canónicas de principio a fin, o que abrangue dúas misas, tres motetes e unha canción, e escribiu tres misas máis, dous motets e tres cancións que se basean no canon mais conteñen algunhas seccións libres; e hai outras moitas obras que inclúen seccións canónicas.[13] No seu uso dos canons, puido ter influencias de Matthaeus Pipelare, quen escribiu unha das misas canónicas máis temperás que De la Rue seguramente coñecía, xa que era parte do repertorio da capela do corte dos Habsburgo.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.