From Wikipedia, the free encyclopedia
Alexander Agricola (nome latinizado, coñecido tamén polo seu nome orixinal neerlandés Alexander Ackerman), nado na cidade flamenga de Gante, nos Países Baixos Borgoñóns, en 1445 ou 1446[1] e finado en Valladolid, no reino de Castela, o 15 de agosto de 1506, foi un compositor da época do Renacemento pertencente á escola francoflamenga.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (nl) Alexander Ackermann c. 1446 Gante, Bélxica |
Morte | 15 de agosto de 1506 (Gregoriano) (59/60 anos) Valladolid, España |
Causa da morte | Peste bubónica peste |
Actividade | |
Campo de traballo | Música |
Ocupación | compositor |
Influencias | |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Católica Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Riemann's Music Dictionary (en) |
A fonte dalgúns datos biográficos sobre Agricola é o texto duna composición musical impresa en 1538 por Georg Rhau titulada Epitaphion Alexandri Agricolae symphonistae regis Castiliae, na que se di do compositor que é un belga falecido en 1506 á idade de sesenta anos, durante unha viaxe a través de España ao servizo de Felipe o Fermoso. Hai outros dous epitafios, descubertos por Bonnie Blackburn: un deles especifica a data da súa morte e revela que era orixinario de gante. Nos documentos de arquivos e manuscritos musicais, o seu apelido figura case invariablemente na súa forma latinizada ("Agricola"), aínda que nun expediente de pagamento da corte borgoñoa de 1500 se identifica como "Alexander Ackerman".
Alexander Ackerman e o seu irmán Jan eran fillos de Lijsbette Naps, coñecida como Quansuijs, unha independente e adiñeirada muller de negocios que faleceu en 1499, e de Heinric Ackerman, un avogado que traballaba na casa dun rico cidadán de Gante e que debeu morrer pouco despois de 1474[2] Alexander decidiu latinizar o seu nome e ser chamado Agricola.
Case non se coñece nada sobre a formación musical de Alexander. É probable que fose cantante do coro na igrexa parroquial de San Nicolás en Gante, á que se sabe que a súa nai, Lijsbette, lle fixera unha importante doazón para a súa sección musical en 1467.
Dado o evidente recoñecemento que obtivo Agricola como instrumentista de corda (foi clarus vocum manuumque -"afamado pola voz e polas mans"-, segundo o Epitaphion, e escribiu diversas pezas instrumentais), é probable que formase parte, xa desde neno, da agrupación de músicos instrumentistas Bassa Capella, en Gante.
O primeiro documento que fai referencia inequívoca á Alexander Agricola corresponde á catedral de Cambrai, en Francia, onde recibiu un pagamento de catro libras polos seus servizos como chantre entre 1475 e 1476.[3] E foi nesa época cando se realizou a copia máis antiga das que se conservan dunha das súas obras, Gaudent in celis, transmitida a través dun manuscrito datado arredor de 1476. Con todo, se se xulga sobre a base das fontes conservadas, a difusión internacional da música de Agricola non comezou ata a década de 1490. Tendo en conta a escaseza de fontes francesase dos Países Baixos entre os anos 1470 e 1480, parece que os seus primeiros traballos deberon ter difusión, principalmente, neses países.
Todo o que se sabe con certeza da vida do compositor con anterioridade a 1491 suxire que viviu e traballou entre os Países Baixos e Francia.
Tras a súa estadía en Cambrai, pérdese o rastro de Agricola durante un período de dez anos. Non aparece na listaxe da capela real de Francia do 28 de xullo de 1486, aínda que sabemos que estivo unido a esta institución durante o lustro seguinte, xa que consta que en 1491 deixou a corte de Francia para ir inicialmente a Mantua e despois a Florencia, onde o 1 de outubro do mesmo ano aparece citado nun documento da catedral cun soldo mensual de catro floríns, onde traballaba xunto co seu compañeiro Heinrich Isaac[4]. Nunha carta de Carlos VIII a Pedro II de Médici, datada probablemente no ano 1492, o rei de Francia pediu a volta inmediata de Alexander Agricola, "chantre de nostre chapelle"[5], así como a dun laudista que estaba na súa compaña.
O emprego de Agricola na catedral de Florencia acabou o 1 de xuño de 1492 e apenas dúas semanas máis tarde xa se atopaba na corte de Nápoles. Por unha carta de Fernando I de Nápoles datada o 13 de xuño e dirixida ao rei de Francia Carlos VIII, o primeiro confirma que Alexander estiver uns días na súa corte, que lle gustaba escoitalo cantar e que desexaría mantelo ao seu servizo. Agricola volveu a Francia, sen dúbida pasando por Florencia, o 28 de outubro dese mesmo 1492. Varios meses despois, en febreiro de 1493, o monarca napolitano ordenou ao seu embaixador na corte gala que dispuxese para Alexander un salario anual de 300 ducados, para o atraer á súa corte.[6]
Aída que o compostitor aceptou o ofrecemento de Fernando I, este viuse na obriga de, inicialmente, adiar o nomeamento por mor da rápida deterioración da situación política en marzo de 1493 e, finalmente, en setembro do mesmo ano, encomendarlle ao seu embaixador que lle suxerise a Agricola que non debía desprazarse. Cinco meses máis tarde, Agricola foi a Nápoles na compaña de Johannes Ghiselin, aínda que con motivacións diferentes. En senllas cartas datadas o 10 de febreiro e o 6 de marzo de 1494, testemúñase a presenza de Alexander Agrícola na corte napolitana, aínda que contratado Por Pedro II de Medici.[7]
Nada se sabe do destino de Agricola entre marzo de 1494 e o momento en que aceptou un emprego na corte borgoñoa, en agosto de 1500. Quizais a morte da súa nai, que tivo lugar en febreiro e 1499, o trouxese de volta a Gante, por mor dun pequeno imposto sobre a herdanza pagado por el e o seu irmán Jan, tal e como consta nos rexistros das contas da cidade. De calquera xeito, Agricola tivo a oportunidade de volver á súa cidade natal como cantante da corte.
Filipe I de Castela (o Fermoso) e a súa corte estaban en Gante o 30 de novembro de 1505, e as contas do ducado borgoñón reflicten o pagamento do seu salario nesa data, xunto cos pagos a compositores como Pierre de la Rue, Antonius Divitis e Marbrianus de Orto. Uns meses máis tarde, a corte castelá comezou a súa viaxe cara a Castela e chegou a Valladolid o 22 de xullo de 1506.
Pouco despois da súa chegada a Castela, Agricola colleu unha febre moi alta (febris fervens), que se pensa que foron a causa da súa morte, preto de Valladolid, o 15 de agosto de 1506. Os seus restos foron depositados nunha igrexa non identificada da cidade.
Alexander Agricola escribiu misas, motetes e cancións polifónicas (con letras en francés, neerlandés e italiano). Discípulo de Josquin des Prés, mantívose sempre fiel á tradición francoflamenga, e non se atopan nel influencias italianas. É particularmente salientable o seu estilo enérxico. Agrícola concibe a canción como un asunto que se presta a variacións brillantes e que lle permite destacar os sentimentos e sorprender o público coa ornamentación.[8]
En comparación con outros compositores da súa xeración, non semella que Agricola fose especialmente prolífico. A súa música caracterízase por unha sensibilidade excéntrica, case barroca, e foi descrita por un observador do século XVI como non hanitual, tola e estraña.
En moitos aspectos, a súa sintaxe xeral é semellante á doutros compositores nados por volta de mediados do século, en particular no uso da secuencia, do ostinato e do movemento das voces exteriores en décimas paralelas. Pero a súa orixinalidade encarna un paradoxo segundo o cal as cadencias frecuentes e os típicos motivos curtos se engloban adoito en concepcións formais e melódicas dunha amplitude salientable. Diso resulta unha imprevisibilidade que lembra a Ockeghem (de quen Agricola parece ter aprendido moito), aínda que expresada nunha linguaxe máis axitada e máis rica.
Algunhas obras de Alexander Agricola foron transcritas para o laúde polo alemán Hans Neusidler.
A seguinte listaxe de obras de Agricola está baseada na edición de Lerner:[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.