cuñaxes do Imperio Seléucida From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda seléucida é a emitida pola autoridade do Imperio Seléucida, que no período de máxima expansión se estendía desde o mar Mediterráneo ata o océano Índico e abranguía parte de Anatolia, Siria, Mesopotamia e Persia. Este período comeza arredor de 312 a. de C., despois da morte de Alexandre o Grande, e finaliza en 63 a. de C., coa conquista romana.[1][2]
Estas cuñaxes estaban inspiradas nas de Alexandre o Grande e baseadas, pola súa vez, no sistema monetario e ponderal ateniense.
O símbolo da moeda seléucida era a áncora, que aparece frecuentemente nos anversos das moedas que amosan, de maneira póstuma, o busto de Alexandre o Grande. Algúns bronces seléucidas presentan cantos serrados, do mesmo xeito que algúns denarios romanos e, menos comunmente, algunhas moedas macedonias.
A primeira ceca real seléucida foi a de Seleucia do Tigris. Posteriormente, Antioquía, como nova capital, albergou a ceca máis importante logo de que Seleuco I trasladara a esa localidade os traballadores desde a de Seleucia.
En bronce emitíronse cinco valores con diferente tipoloxía; os pesos e os tamaños son moi variables e o máis probable é que non se fixera esforzo ningún por cumprir cun padrón establecido. Estes bronces adoitan denominarse en calcos (chalkoi).[3][4]
Canto ás emisións en prata, con denominacións en óbolos e dracmas, estas son as imaxes máis comunmente reproducidas:[2]
Os novos estados que sucederon o Imperio Macedonio continuaron a cuñar as súas moedas reproducindo a imaxe de Alexandre o Grande, xa que esas moedas estaban moi estendidas polo Imperio Seléucida; de feito, todas as cecas desa área, bardante a de Balkh (grego antigo: Βάκτρα -Báktra-; bactriano: Βάχλο -Bakhlo-), emitiran esas moedas. Antíoco I, fillo de Seleuco, foi o primeiro gobernante seléucida en amosar a súa propia imaxe nas moedas que emitiu.[5]
Polo xeral, as moedas que non estaban baseadas no sistema ponderal do padrón ático, como é o caso das emisións tolemaicas, as moedas de Rodas e as atálidas, non circularon dentro do imperio. Suponse que debeu haber regulacións dirixidas a facer cumprir o padrón ático, cunha base máis orde pragmática que de índole política. Con todo, Celesiria e Fenicia, conquistadas en 200 a. de C. por Antíoco III, foron excepcións no uso do padrón ático, xa que os seléucidas cuñaron algunhas moedas segundo o padrón tolemaico para seren utilizados na rexión, na que coexistiron, xa que logo, ambos os sistemas.[5][6]
As regulacións monetarias seléucidas difiren en varios aspectos das da Persia aqueménida, xa que neste último caso os gobernantes non intentaron unificar os padróns para a cuñaxe, senón que deixaron que os sátrapas locais emitisen ao seu nome as súas propias moedas. Pola contra, mesmo conservando os seléucidas o sistema de sátrapas, estes prohibiron aos gobernantes locais a emisión de circulante propio. Algunhas cidades tiveron, iso si, as súas cecas para as cuñaxes de bronce (con control real), en tanto que as de ouro e as de prata grande só se cuñaban nas cecas reais.[5]
Como consecuencia da importante indemnización que Antíoco III tivo que pagar a Roma logo dunha derrota militar (192-188 a. de C.), a moeda de prata comezou a escasear e a facerse máis feble. Nas dúas décadas posteriores a esa guerra apenas se emitiu moeda de prata, que se viu practicamente substituída pola de bronce entre 173 e 171 a. de C.[7]
Cando o imperio seléucida empezou a declinar, particularmente nalgunhas rexións, nas derradeiras décadas do século segundo a. de C., as autoridades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas de prata para amosaren a súa autonomía fronte ao poder central.
Malia as regulacións tendentes a centralizar o control das emisións, a política monetaria seléucida aínda era algo permisiva, en comparación coa do reino tolemaico, que impuxo o poder exclusivo da emisión de moeda.[5] En relación co proceso de cuñaxe da moeda tolemaica, ambas comparten a característica depresión central que se amosa en ambas as faces das moedas.[8][9]
No territorio central seleúcida arredor de Siria houbo unha grande concentración de obradoiros monetarios. Pola contra, as provincias orientais tiveron só unha ceca cada unha.[10] As rexións mediterráneas do imperio estaban máis monetizadas e tiñan unha economía moito máis dependente da política monetaria. Pola súa vez, o uso da moeda en Mesopotamia, incluídas as rexións de Babilonia e Susiana, limitábase ao ámbito urbano e estaba moi vinculada aos impostos e aos pagamentos oficiais e, malia facerse máis xeral na época helenística, os métodos tradicionais de pagamento non chegaron a desaparecer completamente.[11]
Seleucia do Tigris albergou a primeira ceca seléucida na súa condición de capital. Máis tarde, cando Seleuco I Nicátor lle deu máis relevancia á construción dunha importante cidade portuaria en Antioquía, os operarios da ceca primitiva foron trasladados a esta nova capital, onde pasaron a cuñarse as moedas de ouro e tamén as de bronce emitidas a nome do rei. O antigo obradoiro monetario de Seleucia, pola contra, continuou a súa actividade coa consideración de ceca municipal, centrada nas emisións de bronce de carácter local.[12]
A ceca de Tolemaida estaba entre as máis activas e continuou a bater moeda baseada nun padrón diferente do ático, mesmo con posterioridade a ser conquistada por Antíoco III o Grande. É probabelmente que esta cidade mantivese a cuñaxe de moeda de prata sen interrupción mesmo despois de cambiar mans, xa que se trataba dunha cidade de moita importancia en Fenicia.[6]
A áncora foi o símbolo da dinastía Seléucida a partir do reinado de Seleuco I Nicátor, en 305 a. de C.[14][15] Este motivo comezou a utilizarse nos reversos das moedas que amosaban nos seus anversos a imaxe de Alexandre o Grande, seguindo unha iconografía moi habitual nos territorios dos Diádocos.[5]
As orixes da áncora como símbolo non son claras e hai diversas teorías acerca disto. Unha delas é a conmemoración a carreira de Seleuco baixo o goberno tolemaico entre 315 e 312 a. de C; segundo outra teoría, a áncora suporía unha propaganda dirixida aos comerciantes para os atraer de volta ás cidades do norte de Siria e aos seus novos portos, construídos por Seleuco.[15]
Logo do pasamento de seleuco, os seus sucesores empezaron a cuñar moedas coa súa imaxe.[5] As moedas do Imperio Seléucida amosaban as imaxes do monarca vestido cunha cabeza de león ou Zeus nun trono cun cetro e unha aguia en cada man. Algunhas moedas representaban tamén unha divindade e outros elementos, como un medusa, un touro ou unha áncora.[12][16]
A moeda cuñada por Antíoco IV pode ser considerada como innovadora desde o punto de vista iconográfico, ao recorrer a diversos atributos celestes e a símbolos como estrelas e raios sobre a súa cabeza. Tanto Antíoco IV como Seleuco IV emitiron moedas coa deidade solar Helios. Outra divindade estreitamente asociada ao reinado destes dous irmáns gobernantes é Apolo.[17]
Algunhas moedas seléucidas de bronce presentan os seus cantos serrados, algo pouco habitual na moeda antiga, o que lles dá un aspecto similar ao dun tapón de botella.[18][19][20] As cecas seléucidas cuñaron este tipo de bronces entre os anos 187 e 141 a. de C, durante os reinados de Seleuco IV e Antíoco VI.[8][9]
Á parte destes casos, coñécense tamén casos de moedas cos cantos serrados no Reino de Macedonia durante o reinado de Filipo V, aínda que, como no caso seléucida, non se mantiveron vixentes durante moito tempo.[8] Da mesma maneira, algúns denarios romanos compartiron esta peculiaridade.[21]
Segundo algúns estudosos, esta forma dos cantos faría máis doado demostrar que a moeda era de metal sólido, aínda que isto poida resultar contraditorio con que só se lles aplicase ás moedas de bronce e non ás de prata nin ás de ouro.[20] No caso dos denarios romanos serrados parece claro que se trataba de dificultar a falsificación e a alteración das moedas, aínda que no caso dos bronces seléucidas podería tratarse simplemente dun motivo ornamental.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.