From Wikipedia, the free encyclopedia
O óbolo (en grego: ὀϐελός -obelós-; en ático: ὀϐολός -obolós-) foi unha antiga unidade de masa que posteriormente deu lugar a unha moeda da Antiga Grecia, cuñada en prata, divisionaria do dracma.[1][2][3]
Nas idades Media e Moderna, a denominación foi recuperada para diversas moedas europeas de escaso valor, ata quedar no galego actual para designar unha pequena cantidade de diñeiro coa que se contribúe a algún fin.[4][5]
O óbolo foi unha unidade de masa das culturas grega e romana. Na Antiga Grecia correspondíase coa sexta parte dun dracma ou, o que é o mesmo, arredor de 0,72 gramos no sistema actual. Na Antiga Roma, correspondíase coa corenta e oitoava parte da onza romana (0,57 gramos).[6]
Aínda que no mundo romano o óbolo se utilizou como moeda de conta, nunca chegou a cuñarse como moeda metálica. Porén, na Grecia antiga, o óbolo foi tamén unha moeda de prata equivalente á sexta parte do dracma, a moeda principal do sistema.
As equivalencias do estatero coas outras moedas do padrón ático é a seguinte:[7]
Neste padrón monetario ateniense, xa que logo, ao óbolo correspondíalle un peso de prata de 0,72 gramos e dividíase, pola súa vez, en oito calcos. Pola contra, segundo o padrón exinético, usado no Peloponeso, o óbolo pesaba 1,04 gramos e subdividíase en 12 calcos. Inicialmente cuñouse en prata e, máis adiante, a partir do período helenístico, en bronce. Segundo Plutarco, os espartanos utilizaron tamén pezas de ferro.[8]
Na seguinte táboa amósanse as moedas emitidas en diferentes épocas do mundo grego antigo como múltiplos e divisores do óbolo:
Múltiplos e divisores do óbolo | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Denominación | Valor | Peso |
Tetróbolo[9] | 4 óbolos | 2,85 g | |
Trióbolo[10] (hemidracma)[11] | 3 óbolos | 2,15 g | |
Dióbolo[12] | 2 óbolos | 1,43 g | |
Trihemióbolo[13] | 1,5 óbolos | 1,08 g | |
Óbolo | 0,72 g | ||
Tritartemorion[14] | 3/4 óbolo | 0,54 g | |
Hemióbolo[15] | 1/2 óbolo | 0,36 g | |
Trihemitartemorion[16] | 3/8 óbolo | 0,27 g | |
Tetartemorion[17] | 1/4 óbolo | 0,18 g | |
Hemitartemorion[18] | 1/8 óbolo (1 calco) | 0,09 g |
Segundo o ritual funerario grego, os mortos eran soterrados cunha moeda dun óbolo (tamén coñecido como danake) na boca, de xeito que, cando a sombra do cadáver chegase a Hades, fose quen de lle pagar ao barqueiro Caronte pola súa pasaxe polo río Aqueronte.
Aínda que é común que nestes casos se utilizasen moedas dun óbolo das emisións regulares, tamén era frecuente utilizar pseudomoedas, ás veces en metais nobres, utilizadas en exclusiva para esta finalidade.[19][20]
A denominación de óbolo foi recuperada en época medieval para designar diversas moedas de prata, billón ou cobre equivalentes á metade dun diñeiro, en diversos países da Europa Occidental. En ocasións, estes óbolos adquirían denominacións particulares nas súas diferentes áreas de circulación: mealha en Portugal, maille en Francia, miaja ou meaja en Castela, e malla en Mallorca, Cataluña e Valencia.[21]
Durante moito tempo pensouse que este novo óbolo medieval fora introducido no século XI, pero as investigacións recentes amosaron que xa existía en Francia a finais do período merovinxio e no inicio do acarolinxio. Estes óbolos do século VIII teñen a particularidade de seren unifaces e co motivo do anverso gravado en negativo nos reversos, contrariamente á tradición posterior ao século XI, xa con gravado en ambas as faces e cun diámetro inferior ao do diñeiro.[22]
Durante a Idade Media, Afonso X (1252-1284) cuñou na casa da moeda da Coruña moedas de billón tanto dun diñeiro como dun óbolo que amosan un castelo nos seus anversos xunto coa lenda CASTELLE, e un león nos seus reversos rodeado pola lenda LEGIONIS. Como marca da casa da moeda figura baixo o castelo do anverso a tradicional cuncha de vieira.[23]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.