From Wikipedia, the free encyclopedia
O Málaga Club de Fútbol é un club de fútbol de España, establecido na cidade de Málaga, Andalucía. Actualmente milita na Segunda División Española. Desde xuño de 2010 o seu propietario é o qatarí Abdullah ben Nasser Al Thani[1], primeiro xeque en converterse en máximo accionista dun club español.
Málaga | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Málaga Club de Fútbol, S.A.D. | |||
Alcume(s) | Malaguistas, Boquerones, Blanquiazules, Albicelestes | |||
Fundación | 1948 (como CA Malagueño) | |||
Estadio | La Rosaleda, Málaga, España | |||
Inauguración | 1941 | |||
Capacidade | 28.963 | |||
Presidente | Abdullah ben Nasser Al Thani[1] | |||
Adestrador | Sergio Pellicer | |||
Liga | Segunda División | |||
2018–19 | 3.º | |||
Vestimenta | Joma | |||
Patrocinador | Toyota | |||
Na rede | ||||
http://www.malagacf.com/ | ||||
| ||||
Aínda que o primeiro equipo da cidade de Málaga foi fundado en 1904, non é ata 1933 cando se funda o CD Málaga, do cal, o actual é herdeiro. Os mellores momentos do club céntranse na década dos 70, nos primeiros anos da década de 2000 e 2009.
Na tempada 2002/03 xogou a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia como gañador da Copa Intertoto en 2002. Na tempada 2011/12 o equipo acaba cuarto, clasificándose por primeira vez para a Liga de Campións, competición na que acadou os cuartos de final.
A historia do equipo foi unha sucesión de aparicións, fusións, desaparicións e problemas económicos, sendo o seu maior expoñente o CD Málaga, equipo do que o actual Málaga CF é herdeiro.
O primeiro equipo de fútbol da cidade, o Málaga Foot-Ball Club, foi fundado en 1904. Non era máis que unha sociedade coa que se deu a coñecer na cidade este novo deporte procedente de Inglaterra. Entre os primeiros rivais atopábanse equipos formados por tripulantes de barcos estranxeiros que atracaban no porto. En 1907, outro intento de popularizar o balompé na cidade foi levado a cabo polo Málaga Club de Fútbol, denominación que coincide coa do equipo actual.
En 1912 naceu o F.C. Malagueño, unha escisión deste equipo convértese en 1915 o novo Málaga F.C. e nace unha gran rivalidade entre ambos os equipos. En 1917 o Málaga F.C. fusiónase co Rácing creándo o Málaga Racing.
Tras dous anos sen fútbol, desde 1919 ata 1921, o Málaga F.C. renace. Dous anos máis tarde, en 1923 unha escisión do Málaga F.C. fusiónase co Vitoria Balompé, España e Atlántida e dá lugar ao Malagueño F.C.. De 1923 a 1933 existiu unha gran rivalidade na cidade entre o Málaga F.C. e o Malagueño F.C..
Mentres o F.C. Malagueño sempre conservou o seu nome, o Málaga F.C. tivo serios problemas económicos. Foi renombrado Real Málaga F.C. en 1927, tras o ofrecemento do título real por Afonso XIII (ademais, o Príncipe de Asturias pasaba a ser Presidente de Honra do club), tivo que desaparecer en 1930 e volver aparecer como Málaga Sport Club logo da fusión co Sporting.
En 1933 Malagueño F.C. e Málaga S.C. fusionáronse, aínda que en realidade non foi unha fusión real, senón máis ben un cambio de denominación do Malagueño, que desde entón se chamou Club Deportivo Malacitano. Isto foi acordado por ambas as partes, pois o Málaga S.C. arrastraba unha gran débeda económica, mentres o Malagueño tiña mellor persoal, e os seus xogadores, no caso de que se fundase un novo club, quedasen en liberdade.
O C.D. Malacitano vestiu con camiseta celeste con reberetes brancos e pantalón branco. Logo da guerra civil cambiou a súa indumentaria, vestindo camiseta branca e pantalón negro. En 1940 o Malacitano proclamouse campión da Copa Presidente (un trofeo que só se disputou ese ano).
En setembro de 1941, coa inauguración do Estadio La Rosaleda, decidiuse cambiar a denominación do club a C.D. Málaga. Aquel día sinalado o equipo vestiu camisa de raias celestes e brancas e pantalón negro. Esa mesma tempada (1941-42) o Málaga instaurou como equipamento definitivo a camiseta branquiazul a raias verticais e pantalón azul, que con distintas tonalidades debidas á moda de cada época mantense ata hoxe.
En 1949, o Málaga ascendeu por primeira vez na súa historia a Primeira División, tras varias tempadas en Segunda División e ata un par delas en Terceira División.
Da man do presidente Miguel Navarro Nogueroles e o adestrador Luis Urquiri, o club logrou o seu ascenso na última xornada da tempada 1948-49, finalizando a mesma en segunda posición só por detrás do líder Real Sociedade, e grazas á positiva diferenza de goles con Selecta CF, que permaneceu en Segunda División. Un dos xogadores máis notables foi o goleador Pedro Bazán, máximo anotador do equipo e da categoría, e quen previamente conseguira proezas como a de marcar 9 goles nun mesmo partido contra o Hércules Cf.
Nesta primeira etapa en Primeira División, o Málaga permaneceu por dúas tempadas consecutivas na elite do fútbol español, co mítico ex xogador Ricardo Zamora ocupando o banco da Rosaleda. O primeiro descenso a Segunda División veu ao final da tempada 1950-51, habendo faltado unicamente un punto para poder conseguir a permanencia na categoría.
Nos anos inmediatamente posteriores, o Málaga conseguiu dous novos ascensos a Primeira División nas tempadas 1951-52 e 1953-54, só para atopar novos descensos a Segunda División ao termo das tempadas 1952-53 e 1954-55, con estancias dunha única tempada en cada unha destas dúas étapas na elite. A tempada 1952-53, aínda así, foi remarcable pola avultada goleada que o Málaga conseguiu endosarlle ao Real Madrid na Rosaleda, nun partido que terminou co resultado de Málaga 6 - Real Madrid 0, e que a día de hoxe segue sendo o máis amplo resultado que o club malaguista materializou fronte a este equipo.
Non foron anos afortunados os seguintes para o Málaga. En 1956, a expedición malaguista sufriu un accidente aéreo no aeroporto de Tenerife; afortunadamente sen consecuencias. E en 1959, o club sufriu un novo descenso á Terceira División, trece anos logo de emigrar da mesma por última vez.
Logo de varios ascensos a Primeira División en toda a década dos sesenta, que acababan en descensos inmediatos tras unha estancia de soamente unha ou dúas tempadas na máxima categoría, o Málaga conseguiu un novo ascenso a Primeira División na tempada 1969-70, baixo a presidencia de Antonio Rodríguez López e os labores no banco de Jen? Kálmár, que marcou historia por ser o comezo dunha das andainas malaguistas máis longas na máxima categoría, con cinco tempadas consecutivas na mesma. Desgraciadamente, o presidente en funcións Antonio Rodríguez López foi matado por un asasino a soldo en 1971 (que tamén acabou morto debido ás accións en defensa propia do señor Rodríguez López), debido a irregularidades en negocios con mafias ilegais. Foi substituído por Rafael Serrano Carvajal, que ocupou a presidencia na maior parte desta frutífera etapa en Primeira División.
Con destacados xogadores como Miguel Ramos Vargas "Migueli", Sebastian Viberti, Juan Antonio Deusto e José Díaz Macía, o club conseguiu nestes anos consecutivos na elite algúns dos seus mellores logros ata o día de hoxe, como dous sétimos postos (as mellores clasificacións na súa historia en Primeira División) nas tempadas 1971-72 e 1973-74, un premio Ricardo Zamora (o único nas vitrinas do club) na tempada 1971-72 conseguido polo porteiro Deusto, e a mellor participación na historia do conxunto malaguista na Copa do Rei, alcanzando as semifinais na tempada 1972-73 e quedando a un só paso de alcanzar a final tras ser eliminado polo Athletic de Bilbao. Tamén se logrou un histórico primeiro triunfo do Málaga no Camp Nou, vencendo ao FC Barcelona polo resultado de Barcelona 0 - Málaga 1 na última xornada da tempada 1971-72. Por outra banda, en 1973 foi instaurado o himno oficial do club a día de hoxe, Málaga, A Bombonera.
Logo dunha saída polémica de Viberti do club ao finalizar a tempada 1973-74, os considerados como anos dourados acabaron cun novo descenso a Segunda División na tempada 1974-75.
En 1948, o C.D. Málaga compraba os dereitos federativos ao C.D. Santo Tomás para convertelo na súa filial, baixo o nome de Club Atlético Malagueño.
Durante a tempada 1959-60 o C.A. Malagueño e C.D. Málaga íanse a atopar xuntos na Terceira División de España. Como filial o C.A. Malagueño debería ser descendido. Para evitar isto, separaron ambos os clubs na Federación, podendo así evitar o descenso.
Cando en 1992 o C.D. Málaga tivo que desaparecer por problemas económicos, puido seguir baixo a denominación da súa filial, Atlético Malagueño, grazas a que na Federación Española de Fútbol tiñan número de rexistro independente, polo que este puido asumir a substitución do ata ese momento equipo representativo da cidade. A Sociedade Deportiva Malagueña, equipo fundado en 1990, converteuse entón no filial en categoría rexional.
Na Tempada 1992-93, o C.A. Malagueño xogaba en Terceira división Grupo IX, e tras unha exitosa campaña, ascenderon a Segunda División B, aínda que volveron descender nesa campaña a Terceira División e afrontaron problemas de solvencia do mesmo xeito que o antigo equipo. O 19 de decembro de 1993 celebrouse un referendo de socios, cambiándose a denominación oficial do equipo, facéndose legal o 19 de xuño de 1994, sendo o actual Málaga Club de Fútbol S.A.D. (o filial, a S.D. Malagueña, sería a partir de entón coñecido como Málaga B).
Logo dunha breve estancia en Segunda División B, o retorno a Segunda División consumouse en 1998, acabando o equipo como campión tanto no Grupo Cuarto de Segunda División B como na liguiña de ascenso. E o retorno a Primeira División foi rápido e exitoso, tras conseguirse un novo e ansiado ascenso á máxima categoría en 1999 da man do presidente Fernando Puche e o adestrador Joaquín Peiró.
A comezos do novo século, o Málaga comezou a labrar outra nova gran andaina na máxima categoría, establecendo un novo récord de permanencia na mesma con sete tempadas consecutivas, e nos catro primeiros anos das mesmas coa militancia no banco do remarcado adestrador Joaquín Peiró, un dos adestradores con máis partidos en Primeira no banco malaguista. Estes anos coincideron tamén cunha nova aínda que lenta remodelación do Estadio A Rosaleda.
No verán de 2002, o club comeza a primeira participación en competición europea da súa historia coa súa andaina na Copa Intertoto da UEFA, que consegue logo de avanzar en tres roldas eliminatorias vencendo a Gent, Willem II e Vilarreal. A primeira participación do Málaga na Copa da UEFA foi notable, alcanzando os cuartos de final tras superar en catro roldas eliminatorias a Zeljeznicar, Amica Wronki, Leeds United e AEK Atenas, e caendo na quenda de penaltis fronte ao Boavista portugués.
Tras unha tempada marcada polo fracaso económico do club e nova venda de xogadores, o Málaga acabou descendendo a Segunda División en 2006, sendo o club posto en venda. Ese mesmo verán, Lorenzo Sanz, expresidente do Real Madrid, adquiriu o 97% das accións do club e nomeo ao seu fillo, Fernando Sanz entón capitán do equipo, presidente do club.
Na tempada 2008-2009 xoga en primeira división ao conseguir o ascenso tras unha tempada en cuxas 42 xornadas mantívose sempre en postos de ascenso. Foi o 15 de xuño de 2008, na última xornada, cando conseguiu o ascenso tras gañar por 2 goles a 1, ambos os anotados por Antonio Hidalgo ao Tenerife, acabando en segunda posición na clasificación.
Na tempada 2011-12 acaba en 4ª posición, clasificándose por primeira vez na súa historia para a rolda previa da Liga de Campións.
La Rosaleda, estadio do Málaga CF, atópase situado ao final do Paseo de Martiricos á beira do río Guadalmedina. Inaugurado en 1941, foi reformado e ampliado para a Copa Mundial de Fútbol de 1982. No ano 2000 comezou unha interminable obra de remodelación que chega ata o ano 2006. As bancadas de tribuna e preferencia quedan cubertas, mentres que as bancadas de fondo e gol xa dispón de asentos. O aforamento do estadio é de 28.963 persoas.
A Rosaleda alberga todos os anos a disputa do Trofeo Costa do Sol, torneo de pretemporada organizado por primeira vez en 1961 polo C.D. Málaga. Ademais foi escenarios de partidos internacionais da selección nacional española e da selección autonómica de Andalucía.
O escudo do Málaga CF é similar ao utilizado polo extinto C.D. Málaga. É un escudo aguzado na punta, no centro do cal aparece unha cinta co nome do club e un balón de fútbol. Esta cinta que o cruza de abaixo a arriba e de dereita a esquerda formando un ángulo de 45º divide ao escudo en dous cuarteis: no cuartel superior-esquerdo reproduce un gravado do Castelo de Gibralfaro, a cidade de Málaga sobre a baía tal e como aparece no escudo municipal (unhas penas cimadas dunha vila acompañada dun porto no baixo) en referencia á cidade onde está establecido o club; no cuartel inferior-dereito aparece un campo azul cruzado por cinco barras verticais brancas en referencia ás cores de uniforme titular do equipo (azul, predominante en pantalón e camiseta, e franxas verticais azul e branco na camiseta). A zona superior-central do escudo contén as siglas "TM" en referencia ao lema Tanto Monta, consigna persoal de Fernando o Católico que outorgou á Cidade de Málaga tras a súa reconquista. O lema "TM" non debe ser confundido coas siglas de Trade Mark como erroneamente se pensa. A bordura do escudo é dourada.
Nas primeiras décadas do fútbol español era normal que os equipos portasen o escudo da cidade da que procedían e así se pode observar nos escudos dos primeiros equipos representativos de Málaga, que sufriron varias modificacións ata chegar á forma actual. Nos últimos anos modificouse o escudo do club dándoselle un aspecto máis moderno, estes cambios son apreciables no cuartel superior relativo ao monte Gibralfaro.
O himno do Málaga C.F. é coñecido entre os afeccionados como Málaga, A Bombonera debido á letra da súa primeira estrofa. É oficial desde 1973, cando foi elixido como himno para o C.D. Málaga baixo a presidencia de Rafael Serrano Carvajal. A música é obra de Luís Celada e Alonso, mentres que a letra foi composta por Pousada e Tenorio. A pesar do cambio de denominación, este himno continúa sendo o oficial para o novo Málaga C.F. grazas aos afeccionados que sempre se pronunciaron a favor de manter o clásico himno para o club no canto doutra versión máis moderna.
|
|
O Atlético Malagueño é o equipo filial do club. Creado como Sociedade Deportiva Malagueña en 1990, cambiou o seu nome a Málaga CF B en 1995 e, posteriormente, ao de Atlético Malagueño en xullo de 2009.
Ten como principal obxectivo formar a mozos xogadores para que posteriormente ascendan ao primeiro equipo. Habitualmente permaneceu en divisións inferiores, pero na tempada 2003/2004 debutou en Segunda División, onde permaneceu tres tempadas consecutivas. Actualmente milita en Terceira División.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.