empresa galega de bebidas From Wikipedia, the free encyclopedia
Hijos de Rivera, S.A. é unha empresa galega de alimentación fundada en 1906 con sede na cidade da Coruña. Estrella Galicia é dende 2015, o cuarto grupo cervexeiro de España.[3]
Hijos de Rivera, S.A. | |
---|---|
Estrella Galicia en 2017. | |
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 1906 |
Matriz | Hijos de Rivera S.A.U |
Localización | Polígono da Grela 15008 A Coruña Galicia |
Fundador | José María Rivera Corral |
Persoas clave | Ignacio Rivera Quintana (presidente) |
Industria | alimentación, distribución |
Produtos | Estrella Galicia; 1906; HR; River; River Zero; auga de Cabreiroá; sidra Manzanova |
Beneficio | 465,5 millóns de euros (en 2017)[1] |
Número de empregados | 877 (2014, en todo o grupo)[2] |
Na rede | |
http://www.corporacionhijosderivera.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Tras cen anos de historia segue co seu proceso de expansión, sendo líderes en Galiza e unha das poucas cervexeiras independentes do Estado xunto con Cervezas Alhambra. Está presente no mercado estatal e estranxeiro, chegando a 14 países, entre eles Portugal, os Estados Unidos e México. A empresa ten fábrica no Brasil para o mercado local.
Naceu da man de José María Rivera Corral, emigrante retornado de México a finais do século XIX, coa produción de cervexa rubia. O nome alude ó antigo negocio de Veracruz "La Estrella de Oro". En 1906 fundou na Coruña a fábrica "La Estrella de Galicia", adicada á produción de xeo e cervexa.[4]
Na década de 1920 iniciou o seu proceso de mecanización mercede a Ramón Rivera, fillo do fundador, que logo de estudar ciencias comerciais na Universidade de Hamburgo, foi un dos primeiros españois en conseguir a diplomatura de mestre cervexeiro[5]. As melloras técnicas na fábrica supuñan a adquisición dunha sala de cocción, tanques de fermentación e tanques metálicos. Estes cambios axudaron á empresa a asumir a crecente demanda do mercado.
Logo da crise xeral trala guerra civil e a guerra mundial, iniciou unha profunda remodelación baseada na automatización da maior parte do proceso de produción. Porén, o impacto dos cambios desde a creación ata o embotellamento supuña o adeus definitivo ós métodos artesanais de elaboración da cervexa.
Nos anos 60 acada os 10 millóns de litros por ano, o que supuxo a necesidade de construír unha fábrica maior. Tómase a decisión de mercar uns terreos no Polígono da Grela en 1967 e comézase a construír a fábrica a finais do ano seguinte[5].
A principios dos 70 a dirección da empresa foi asumida por José María e Ramón, netos do fundador, que trasladan a fábrica á localización actual na Grela que foi estreada o 30 de novembro de 1972. A antiga fábrica de Catro Camiños é na actualidade un lugar emblemático da Coruña, que segue a funcionar vendendo máis de dous millóns de litros de cervexa ó ano. En 1979, aparece un novo formato en lata que se engade aos tradicionais. En 1988, lánzase baixo a marca Estrella Galicia Sin, a primeira cervexa sen alcohol[5].
Na década dos 90 continuou o proceso de expansión e diversificación de actividades a través da apertura de novos mercados. Na actualidade é unha corporación empresarial fortemente ligada a Galiza. O grupo elabora unha ampla gama de bebidas, centrada basicamente na cervexa, e na implicación no sector servizos que abarca desde a distribución e a loxística ata o desenvolvemento integral de inmobles para a hostalería, pasando pola propia xestión de establecementos.
Ata 2013 a fábrica tiña unha media anual de produción de 70 millóns de litros de cervexa, destacando a súa Especial Estrella Galicia, a 1906 Extra, a HR (máis suave e cun corpo máis lixeiro), e a River (agora chamada 0,0), dispoñible tamén sen alcol.
É propietaria de Aguas de Cabreiroá e da sidra Manzanova.
En 2005, a Adega Ponte da Boga, que nacera en 1898 na Ribeira Sacra ourensá, en concreto en Castro Caldelas, é incluída dentro da Corporación Hijos de Rivera. En 2016 chega a producir máis de 265.000 litros[6].
En marzo de 2009 a empresa chegou a un acordo por dous anos co Deportivo da Coruña para patrocinar as camisolas do equipo, sendo estreado o patrocinio no partido de liga do 15 de marzo contra o Sporting de Xixón. A empresa tamén se interesou por un posíbel patrocinio do Celta, mais as boas relacións do club vigués con Citröen fixeron que se negociara a inclusión dun patrocinio non na camisola senón no pantalón. A partir de 2012 pasa ser tamén ao principal patrocinador do Club Deportivo Lugo na súa andaina na Segunda División.
O 1 de marzo de 2013 Estrella Galicia inaugurou a ampliación das novas instalacións na Grela para a produción de 250 millóns de litros de cervexa ao ano.[7] Ese mesmo ano a empresa foi reestruturada en torno ao holding Corporación Hijos de Rivera, formado por 31 empresas en 8 países e exporta os seus produtos a máis de 70. Conta con locais de hostalería na Coruña, Vigo e Madrid.[8] Distribúe as diferentes marcas de cervexa, viño e champaña e dispón dun marketplace propio, chamado Bigcrafters, adicado á venda de bebidas e gastronomía de produtores artesáns,[9] logrando posicionarse en poucos meses coma unha das principais tendas online de cervexa de España.[10]
En 2022 anunciouse a construción da súa segunda fábrica de Estrella Galicia, no polígono de Morás (Arteixo), cunha capacidade de produción anual prevista de 1.000 millóns de litros de cervexa e que será deseñada polo arquitecto ourensán Manuel Gallego Jorreto, Premio Nacional de Arquitectura en 1977 e 2018.[11][12]
Os surtidores de cervexa de barril da marca teñen un modelo especial desenvolto por Sargadelos.
No número 116 da serie de banda deseñada Daredevil que está ambientado na Costa da Morte e do cal se ocupa de facer os debuxos David Aja, aparecen, alén dos típicos cantís e vilas da zona, pintadas de Nunca Máis e os carteis publicitarios dos bares de Estrella Galicia.
En 2016, anunciose a creación dun Museo, de máis de 3.000 m2 na actual fábrica de Catro Camiños[13].
Ademais das súas marcas de cervexa Estrella Galicia produce e vende outras bebidas como auga mineral e sidra.
En outubro de 2013 acadou un acordo para a distribución en España das marcas Erdinger de Alemaña e Duvel Moortgat de Bélxica[15].
A expansión fóra de Galiza fixo que a empresa planificase ofrecer servizos a clientes de hostalería e outras empresas do sector.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.