provincia romana From Wikipedia, the free encyclopedia
A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que ía da Lusitania no sur até a Terraconense polo leste[1]. Abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).
Epónimo | Galaicos | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
| ||||
Rexión histórica | Hispania | |||
Capital | Bracara Augusta | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 298 | |||
Disolución | 409 | |||
Sucedido por | Reino Suevo | |||
Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, que constituían unha amálgama de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, que os romanos coñecen por vez primeira coa chegada de Décimo Xunio Bruto ao norte do río Douro no 139 a. C. Décimo Xunio Bruto, quen recibiu o sobrenome de Galaicus, continuou a súa expedición cara ao norte, sometendo ós pobos castrexos, ata chegar ó río Limia, considerado o Lethes ou río do esquecemento. Alí vence a superstición e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido, mal que ben, a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma.
Os galaicos fan a súa entrada na historia escrita no século I d. C. na épica Púnica de Silio Itálico sobre a primeira guerra púnica dun xeito que aínda hoxe nos é familiar, dous mil anos despois:
|
A rica Gallaecia envía a súa mocidade |
Os Callaeci (Καλλαικοί kallaikoi en grego) enfróntanse ás forzas romanas no 137 a. C. nunha batalla no río Douro, que resulta unha derrota para eles e Décimo Xunio Bruto volta vencedor, e recibe do Senado o título de Callaecus. Décimo Xunio Bruto non pretendeu ocupar a zona sur de Galiza para conseguir riquezas, senón que levou a cabo unha expedición de castigo contra este pobo, que se dedicaba a realizar incursións bélicas e de saqueo na área lusitana.[Cómpre referencia]
Partiu do Portus Cale, que se corresponde co actual Porto. As súas lexións avanzaron pola costa co apoio da frota e ocuparon unha serie de castros costeiros. Estableceu unha gornición no lugar da actual Valença e despois internouse cara a Braga. Após unha batalla vitoriosa avanzou cara a Limia e ocupou a cidade de Lansbricae, para cruzar posteriormente o río Miño.
Estas campañas non tiveron unha grande importancia e limitáronse a unha zona xeográfica moi concreta: o sur da Gallaecia, con especial incidencia na zona costeira.
O mesmo xuízo histórico merecen unha serie de expedicións posteriores coma as do procónsul da Ulterior, Publio Craso, do 96-94 a. C., que realizou unha expedición na pescuda das illas Casitérides e as súas minas de estaño, abrindo as rutas de comercio deste mineral. No 60 a. C. é o propio Xulio César quen visita Gallaecia movido polo seu desexo de obter riquezas, chegando ata o golfo Ártabro e abandonando esta terra por Brigantium.
Pero a conquista definitiva do noroeste da península non se realizará ata o emperador Octavio Augusto entre o 26 e o 19 a. C. no contexto das guerras cántabras.
Ao primeiro, Augusto inclúe o territorio da actual Galicia na Lusitania, pero xa no 13 a. C. pasa á Hispania Citerior. O mesmo Augusto, reforma a división provincial de Hispania no 27 a.C, asignando a Gallaecia á provincia Tarraconense. Con Caracalla quizais formou parte, xa con Asturias e Cantabria, da Hispania Nova Citerior Antoniniana (214), pero non foi ata a reforma administrativa e militar de Diocleciano —quen dividiu Hispania no 298 en sete provincias— que se constitúa a provincia da Gallaecia.
O sistema básico no organigrama político son as civitates: entidades baseadas na organización prerromana, posiblemente cunha orixe étnica común, con amplas semellanzas e pode ser que cunha lingua común. Estas entidades integraban certo número de castella, dos que existen diversas interpretacións sobre a súa función social e política.
Durante a época Flavia prodúcense unha serie de decisións que tiveron un profundo calado político. A concesión do Ius Latii trouxo consigo un profundo cambio tanto no ámbito urbano, co incremento da poboación nos núcleos urbanos xa existentes e a creación de novos, como no rural. Isto traería consigo un aumento xeneralizado da riqueza da poboación, que na práctica na Gallaecia non se ten constatado a través dos achados arqueolóxicos. O atraso económico sería maior no convento Lucense ca no Bracarense se comparamos estes territorios cos máis desenvolvidos da Península Ibérica e agravouse máis cos Antoninos[Cómpre referencia].
Deste xeito, hoxe en día, non se pode falar para Gallaecia da existencia dunha economía baseada no uso cotián da moeda. Gallaecia viviu fundamentalmente sobre a base dunha economía natural baseada no troco, ata mediados do século III e, máis claramente, ata o século IV.
Entre os anos 284 e 305,o emperador Diocleciano acometeu a reorganización administra do Imperio. Na Península Ibérica créanse dúas novas provincias (Gallaecia e Cartaxinense) a partir das xa existentes; Bética, Tarraconense e Lusitania. Así, a nova provincia baixo o nome de Gallaecia ocupou o extremo noroccidental da Península Ibérica que anteriormente pertencera á Tarraconsis, estivo formada polos territorios da rexión de Asturia e da propia Gallaecia.
A administración interna da provincia estaba marca polos conventos xurídicos (Conventus iuridicus) amplos territorios adscritos a unha capital, da que recibían o nome e onde se centralizaban as funcións administrativas propias como as militares, fiscais, financeiras, relixiosas e xudiciais. Deste xeito, a provincia romana de Gallaecia, atopábase dividida en tres conventos xurídicos, o Conventus lucensis con capital na cidade de Lucus (Lugo), o Conventus bracarensis con capital na cidade de Bracara (Braga) e o Conventus asturicensis con capital na cidade de Asturica (Astorga). Cabe destacar que entre todas estas capitais de convento (Lugo, Braga, Astorga) era a cidade de Bracara (Braga) a que exercía de capital provincial de toda a Gallaecia. Organización administrativa da Gallaecia a comezos do século IV:
A finais do século IV e comezos do século V, a provincia de Gallaecia, integrada esta no Imperio Romano de Occidente, estendíase por todo o noroeste da Península Ibérica, desde as costas cantábricas no norte, ata o río Douro e o Sistema Central polo sur, grazas á incorporación na Gallaecia do Conventus cluniensis, que con anterioridade pertencera á provincia Tarraconensis, e tiña capital na cidade de Clunia. Bracara (Braga) seguiu a exercer a capitalidade provincial de toda a Gallaecia ata a chegada dos suevos, momento no que se converte en corte do reino nacente. Durante este período a Gallaecia goza dun alto nivel sociocultural, estando plenamente integrada a cultura latino-cristiá. Proba disto é a importancia no Imperio de personaxes de orixe galaica, como os emperadores Magno Máximo e Teodosio I ou, no eido cultural, os escritos de autores galaicos, como Exeria (autora dun libro que recolle a experiencia da súa viaxe á Terra Santa) e Paulo Orosio, que rexistrou nos seus escritos de carácter historiográfico a chegada dos pobos xermánicos á Península Ibérica.
Así, polas descricións de numerosos autores da época como Paulo Orosio, Hidacio ou Isidoro de Sevilla coñécense algunhas das rexións humanas e xeográficas que posuía a provincia romana da Gallaecia:
Grazas á arqueoloxía e aos datos censuais romanos, coñécense a densidade de poboación así como un número aproximado de habitantes —galaicos e ástures que terían vivido na Gallaecia. Así, segundo Plinio o Vello, os galaicos, repartidos entre bracarenses e lucenses sumaban un total de 451.000 habitantes, de xeito que os bracarenses contaban con 285.000 homes e mulleres, mentres que os lucenses roldaban os 166.000, amosando o dato unha densidade demográfica moito maior entre os bracarenses, corroborado pola existencia de grandes castros case exclusivos do seu territorio. Por outra parte, o censo de Plinio achega a cifra de 240.000 individuos para os ástures, sensiblemente menor que os galaicos bracarenses e que supón unha densidade demográfica moi baixa en relación co territorio ocupado.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.