futbolista español From Wikipedia, the free encyclopedia
Francisco Jiménez Tejada, coñecido como Xisco, nado en Santa Ponsa (Calvià) o 26 de xuño de 1986, é un exfutbolista español, que xogaba de dianteiro. Despois de destacar na canteira do Atlético Baleares e de debutar co primeiro equipo na Terceira División con só 16 anos, foi fichado polo Deportivo da Coruña. Tras un breve paso polo equipo xuvenil e polo Fabril, debutou aos 18 anos na Primeira División. En 2009 foi traspasado ao Newcastle da Premier League, onde apenas contou con oportunidades, polo que volveu cedido ao Deportivo e foi o autor do gol co que o club galego selou o regreso á Primeira División na tempada 2011/12. Conseguiu dous ascensos máis nos seguintes anos, nas filas do Córdoba e Osasuna, e en Segunda División vestiu tamén as camisetas do Mallorca e o Alcorcón. Xogou tamén no Peñarol de Uruguai e no Muangthong United de Tailandia, conquistando con este varios títulos, antes de pechar a súa carreira no Atlético Baleares.
(2018) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 26 de xuño de 1986 (38 anos) Palma, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 188 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 16 de abril de 2005 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Premier League | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Número deportivo | 8 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacido no lugar de Santa Ponça, no concello balear de Calvià, formouse como futbolista na canteira do Platges de Calvià, do que pasou ao equipo xuvenil do Atlético Baleares. Despois e só cinco partidos co xuvenil, foi subido ao primeiro equipo, da Terceira División, co que debutou con só 16 anos, da man do técnico Nico López.[1] A súa calidade chamou a atención de numerosos clubs de primeiro nivel, sendo finalmente o Deportivo da Coruña o que conseguiu a súa fichaxe en 2003.[2]
Tras un breve paso polo conxunto xuvenil do Deportivo, debutou co Fabril o 2 de maio de 2004, nun partido da Terceira División ante o Compostela B en San Lázaro. Na tempada 2004/05 disputou 18 partidos co filial e anotou 8 goles, concentrados en dous únicos encontros. No primeiro deles estrouse como goleador cun triplete ante o Alondras, e en abril de 2005 conseguiu marcarlle cinco tantos ao Portonovo nunha goleada por 5-0. Esta última actuación abriulle as portas do primeiro equipo, ao que foi convocado por Javier Irureta só dous días despois para cubrir as baixas que estaban a padecer na zona de ataque.[3]
Debutou co primeiro equipo na Primeira División o 16 de abril de 2005, con 18 anos, na 32ª xornada ante a Real Sociedad en Anoeta, substituíndo no minuto 82 a Munitis.[4] Continuou no primeiro equipo o que restaba de tempada, facéndose coa titularidade nas últimas xornadas, e conseguiu os seus dous primeiros goles nun empate a dous ante o Real Zaragoza na Romareda.[5]
Iniciou a tempada 2005/06 ás ordes do novo adestrador do primeiro equipo, Joaquín Caparrós, e foi titular en dous partidos da Copa Intertoto ante o Budućnost Podgorica, marcando no partido de ida. Con todo, o técnico comunicoulle que continuaría con ficha do filial e que alternaría partidos con ambos conxuntos.[6] Tras unha lesión de pube que o afastou dos terreos de xogo durante un par de meses, reapareceu co Fabril a finais de outubro, marcando nove goles nos seus primeiros seis partidos. Liderou xunto a Rubén Rivera o ataque do Fabril, que contaba cun destacado grupo de xogadores, entre eles Mackay, Dani Cancela, Bergantiños, Pita ou Iván Carril. A pesar da lesión sufrida e que xogou tamén 16 encontros co primeiro equipo ao longo da tempada, pechou a súa campaña co filial con 15 goles, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión do Grupo I de Terceira.
Para a tempada 2006/07 foi cedido xunto a Iván Carril ao Vecindario, que viña de ascender á Segunda División.[7] O equipo dirixido por Pacuco Rosales caeu á derradeira praza da clasificación trala quinta xornada e non conseguiu endereitar o rumbo tampouco trala chegada dun novo técnico, o galego Castro Santos. Xisco foi o máximo artilleiro do equipo, pero os seus 13 goles, seis deles nas últimas oito xornadas, non foron suficientes para evitar o descenso do club canario.
En 2007 regresou ao Deportivo, xa como xogador do primeiro equipo, e foi o máximo goleador do conxunto adestrado por Lotina, con 9 goles en 25 partidos. Na xornada 30 marcou tres goles ante o Murcia, sendo este o primeiro triplete dun xogador do Deportivo en Primeira en máis de catro anos, dende que o conseguira Víctor en 2004, e o último ata a data.[8] Porén, isto non lle garantiu a continuidade para a tempada 2008/09, pois o presidente Augusto César Lendoiro contratou dous dianteiros máis, Omar Bravo e Mista, aumentando a competencia por un posto no ataque.[9]
Sorprendentemente, o 1 de setembro de 2008 e a escasas horas para a finalización do peche do mercado de contratacións, o Newcastle United anunciou a contratación do mozo dianteiro por algo máis de 8 millóns de euros e tres en función de variables.[10] O propio Xisco asegurou que Fabricio Coloccini, que viña de asinar tamén ese mesmo mes co Newcastle procedente do Deportivo, o animara para aceptar a oferta. No club inglés coincidiu tamén con outro español, José Enrique.[2]
Á súa chegada a Inglaterra, o club estaba a atravesar unha crise institucional, con tensións entre a directiva e o histórico adestrador Kevin Keegan.[11] A situación agravouse coas chegadas de Xisco e o uruguaio Nacho González, fichaxes das que non estaba informado o técnico e que lle foron impostas pola directiva.[12] Tres días despois, Keegan presentou a súa dimisión e a continuación pasaron ata tres adestradores diferentes pola banco das "pegas": os irlandeses Hughton e Kinnear e a lenda do club Alan Shearer. A pesar de debutar na Premier League como titular e marcar no seu primeiro partido contra o Hull City, non dispuxo de apenas oportunidades ao longo da tempada con ningún dos tres técnicos, que preferiron aos dianteiros Michael Owen, Obafemi Martins, Mark Viduka, Peter Løvenkrands, Shola Ameobi e Andy Carroll. Disputou só 284 minutos de liga repartidos en cinco partidos e o equipo acabou descendendo ao Championship.
O 31 de agosto de 2009 fíxose público o seu regreso á liga española, en calidade de cedido ao Racing de Santander. No club cántabro, adestrado primeiro por Mandiá e logo por Portugal, disputou 30 encontros, saíndo na maioría deles dende o banco de suplentes, e marcou tres goles en liga e outros tres na Copa do Rei, competición na que o seu equipo acadou as semifinais.
Tralo remate da tempada regresou a Newcastle upon Tyne e na pretempada volveu pisar o estadio de Riazor para disputar co club inglés a 65ª edición do Trofeo Teresa Herrera. A pesar de que participou nas dúas primeiras xornadas da Premier, non volveu vestir a camiseta do primeiro equipo, aínda que si participou en varios encontros do equipo reserva.
En xaneiro de 2011 anunciábase o seu retorno ao Deportivo da Coruña, como cedido polo que restaba de campaña.[13] Ao pouco de chegar sufriu unha lesión que o deixou sen xogar un mes e medio, polo que só puido disputar 9 encontros, nos que marcou dous goles. O Deportivo acabou a liga na 18ª posición e descendeu á Segunda División despois de 20 anos na elite do fútbol español. Xisco declarou en varias ocasións que este fora o peor momento da súa carreira deportiva.[2]
O 11 de agosto anunciouse que o xogador seguiría un ano máis cedido na disciplina deportivista.[14] Con todo, unha contusión no seu primeiro partido contra o Hércules e posteriormente unha sobrecarga e unha rotura de fibras, afastárono dos campos de fútbol durante meses.[15] Non volveu xogar ata última xornada da primeira volta, contra o Villarreal B, e tras marcar un gol contra o Cartagena e xogar uns minutos fronte ao Recreativo de Huelva, caeu lesionado de novo.[15]
Recuperado dos seus problemas físicos, disputou case todos os partidos do treito final da tempada, saíndo habitualmente dende o banco como substituto de Lassad. O 23 de maio de 2012 fronte ao Nàstic no Nou Estadi, recolleu no minuto 94 un pase de Andrés Guardado á área pequena e marcou o gol que culminaba a remontada (1-2) e deixaba ao Deportivo a tres puntos do ascenso.[16] Tralo partido afirmou que era o gol máis importante da súa carreira.[2] Catro días despois volveu ser decisivo ao marcar o gol da vitoria fronte ao Huesca (2-1) que supuxo o retorno do Deportivo a Primeira División.[17] Acababa de saltar ao terreo de xogo tres minutos antes, substituíndo a Lassad, cando rematou de cabeza un centro do portugués Bruno Gama que superou ao gardameta Luis García.[18]
Tralo ascenso e a fin da súa cesión regresou a Inglaterra, pero non entrou nos plans do adestrador Alan Pardew. Permaneceu no club durante os seguintes seis meses, sen vestir a camiseta do primeiro equipo, aínda que disputou tres encontros co equipo reserva, anotando un triplete ante o reserva do Stoke City.[19] O 31 de xaneiro de 2013 anunciouse a rescisión do seu contrato co Newcastle United e a súa fichaxe até o final da tempada 2012/13 polo Córdoba, da Segunda División.[20]
Debutou cun gol ante o Barcelona B e aínda que disputou só 14 encontros, acabou como o máximo goleador do equipo, con 8 tantos. Os seus bos números valéronlle a renovación do seu contrato e na tempada 2013/14 liderou o ataque cordebesista ata o ascenso á Primeira División. Contribuíu cun total de 38 partidos e 10 goles a que o conxunto andaluz regresase á máxima categoría 42 anos despois.[21] Na seguinte campaña apenas dispuxo de oportunidades e disputou só dous partidos como titular dun total de 11, marcando o gol do empate nun partido contra a Real Sociedad (1-1).
Na segunda metade da tempada foi cedido ao Mallorca, de Segunda, cumprindo así un dos seus soños, o de xogar no principal club da súa illa.[22][2] No club balear, adestrado primeiro por Karpin e logo por Miquel Soler, foi titular indiscutible ata o final da competición e máximo artilleiro do equipo, con 9 goles en 16 encontros.
No verán de 2015 volveu á disciplina do Córdoba, que acababa de descender de volta á Segunda División, e foi elixido capitán.[23] Xunto a Fidel e Andone, formou unha destacada dianteira, conseguindo 42 goles entre os tres, o que lle valeu ao equipo para clasificarse na quinta posición e acceder á promoción de ascenso. Nas semifinais da promoción ante o Girona, Xisco marcou os dous goles do seu equipo no partido de ida no Nuevo Arcángel (2-1) e adiantou ao Córdoba tamén no encontro de volta, antes de que tres goles de Borja García, Aday e Cristian Herrera lle deran a volta á eliminatoria e deixaran ao Córdoba sen final.[24]
Rematado o seu contrato co Córdoba, tentou regresar ao Mallorca, pero as negociacións alongáronse demasiado, polo que acabou por desistir e facer as maletas para poñer rumbo ao fútbol tailandés.[2] Fichou polo Muangthong United, club que mantiña un convenio de colaboración co Atlético de Madrid, e onde coincidiu co tamén español Mario Abrante. Ás ordes do histórico Totchtawan Sripan, o equipo proclamouse campión da liga tailandesa e da Copa da Liga, contribuíndo Xisco con cinco goles e dúas asistencias en seis partidos.
Comezou a tempada 2017 marcando un gol na conquista da Copa de Campións de Tailandia fronte ao Sukhothai, e no primeiro partido de liga fíxolle dous goles ao Bangkok Glass. Uns días despois debutou na Liga de Campións da AFC, nun partido ante o australiano Brisbane Roar en Lang Park.[25] O 28 de febreiro marcou ante o Kashima Antler do Xapón o seu primeiro gol na máxima competición asiática, dándolle a vitoria ao seu equipo no tempo de desconto (2-1). Marcou tamén no partido de volta contra o Brisbane Roar, contribuíndo a unha histórica clasificación do Muangthong aos oitavos de final, aínda que non puido disputar a eliminatoria contra o Kawasaki Frontale por unha lesión de xeonllo.[26]
En xullo de 2017 decidiu regresar ao fútbol europeo e aceptou unha oferta de Osasuna, da Segunda División, co que asinou un contrato por dous anos.[27] Con Xisco como máximo goleador do equipo, o conxunto dirixido polo galego Diego Martínez quedou a un só punto da promoción de ascenso a Primeira. Na seguinte campaña, xa con Arrasate no banco, aumentou a competencia na dianteira, coas chegadas de Brandon e Juan Villar, polo que Xisco tivo menos protagonismo, disputando só cinco partidos como titular. Con todo, participou como revulsivo na maioría de partidos e contribuíu con cinco goles a que o club navarro se procalamase campión da categoría e ascendese a Primeira.[28]
En setembro de 2019 instalouse no Uruguai, onde asinou co Peñarol ata o remate do Torneo Clausura. Marcou cinco goles, dous menos que os máximos goleadores do torneo (Gonzalo Bergessio e Jonathan dos Santos) e o seu equipo rematou a liga regular na segunda posición, empatado a puntos co seu máximo rival: Nacional. Foi titular nas semifinais polo título contra o propio Nacional, pero a vitoria e o título foron para o club bolso, grazas a un gol de Matías Zunino.[29]
En xaneiro de 2020, Peñarol renovou o contrato do dianteiro por un ano, e este foi o autor do primeiro gol da tempada, fronte ao Cerro.[30] Durante a primeira metade da tempada tivo como adestrador a Diego Forlán, ao que se enfrontara en varias ocasións na etapa deste como xogador.[2] O equipo de Montevideo completou unha mala campaña e quedou fóra das eliminatorias polo título de liga. En xaneiro de 2021, Xisco desvencellouse do club.[31]
A continuación volveu a España e fichou polo Alcorcón, da Segunda DIvisión. No club amarelo xogou durante un ano e medio, ata o descenso do equipo ao remate da tempada 2021/22. Sumou 11 goles en 43 partidos oficiais.
En xaneiro de 2023, despois duns meses sen equipo nos que se adestrou en Dubai, fichou polo Atlético Baleares, club da súa illa natal no que xa militara 20 anos antes.[32][33] A pesar de disputar só 243 minutos no que restaba de tempada, aportou tres goles, contribuíndo á agónica salvación do equipo nas últimas xornadas.[1] Os problemas físicos impedíronlle sumar máis de 169 minutos na seguinte campaña, a última da súa carreira deportiva. O 3 de xaneiro de 2024 disputou o seu derradeiro partido, saíndo de titular contra o Linares no estadio de Linarejos.[34] Ese mesmo mes anunciou a súa retirada do fútbol, aos 37 anos, despois de 20 anos como profesional.[1]
Debutou coa selección española sub-21 nun partido amigable contra Inglaterra o 6 de febreiro de 2007 en Pride Park, entrando como substituto de Roberto Soldado.[35] Marcou o seu primeiro gol coa sub-21 nun partido ante Xeorxia, correspondente á clasificación para a Eurocopa de 2009 e sumou dous máis ante Rusia e Suíza. Participou na fase final do torneo, disputando os tres partidos de España, un deles como titular, sen poder acadar a fase elminatoria.[36]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.