From Wikipedia, the free encyclopedia
Erignathus barbatus, a foca barbuda, é unha especie de pinnípede de mediano tamaño, que vive no Océano Glacial Ártico e as súas proximidades.[2] O seu nome xenérico, procedente do grego, significa mandíbula pesada, e o seu nome específico refírese á súa peculiar característica de ter uns bigotes moi grandes e abondosos, aos que se debe tamén o nome de foca barbuda ou equivalente que ten en varios idiomas.[2]
Son os fócidos de maior tamaño do Ártico. Poden pesar ata 300 kg e as femias son as máis grandes, aínda que o dimorfismo sexual non é moi acusado.[2]
A especie é o único membro do xénero Erignathus, con características intermedias entre as típicas das dúas subfamilias en que se divide a familia dos fócidos: Phocinae e Monachinae.[2]
Certos fósiles descritos en 2002 indican que, durante o Plistoceno, a especie chegaba moito máis ao sur, ata as costas de Carolina do Sur.[3]
As características distintivas desta foca son as aletas anteriores cadradas e os grosos e abondosos bigotes do seu fociño. O adultos son de cor marrón agrisado, máis escuro no dorso e con algunhas manchas difuminadas no dorso ou manchas escuras nos laterais do corpo. Ocasionalmente a cara e pescozo son de cor marrón avermellado. As crías nacen con pelaxe marrón agrisada con manchas espalladas de cor branca no dorso e na cabeza. A especie é única dentro da subfamilia Phocinae porque ten dous pares de mamilas, unha característica que comparte coas focas monxe.
Chegan a medir entre 2,1 e 2,7 m do fociño á cola e a pesar de 200 a 430 kg.[4] A femia é meirande, o que significa que hai un dimorfismo sexual, pero non moi acusado. O contido en graxa corporal da foca barbuda é do 25 a 40%.[5]
As E. barbatus, xunto coas Pusa hispida, son a principal fonte de alimento do oso polar.[6] Son tamén un importante alimento para o pobo inuit (esquimós), que denominan esta foca no seu idioma ugjuk[7][8] (plural: ugjuit) ou oogrook ou oogruk. Aínda que os inuit prefiren a Pusa hispida como alimento, a pel da E. barbatus úsase para facer zapatos, botes (umiak), tendas (tupiq), látegos e arneses, xa que é moi resistente.[9]
Viven nas rexións marítimas árticas e subárticas. Na rexión do Pacífico, esténdense desde o mar de Chukchi no Ártico, cara ao sur no mar de Bering[10] onde se atopan desde a baía Bristol na costa de Alasca ata o mar de Okhotsk na costa rusa,[11] e seguen ata preto da costa norte do Xapón, pero sen incluíla.[11] No Océano Glacial Ártico, atópanse ao longo da costa norte de Rusia, Noruega, Canadá e Alasca,[11] incluíndo as illas Svalbard[12] e o arquipélago ártico canadense.[13] No Atlántico, atópanse nas costas do norte de Islandia, as costas do leste e oeste de Groenlandia e nas costas continentais do Canadá ata o Labrador como límite sur.[14]
Aínda que a súa área de distribución só se estende cara ao sur ás zonas subárticas, foron tamén vistas no Xapón e a China, ou mesmo tan ao sur como nas costas de Alemaña, Países Baixos, Reino Unido, Francia, España (Galicia incluída) e Portugal, polo que figura na Lista dos mamíferos de Galicia.[11]
Teñen unha alimentación principalmente bentónica, e comen diversas pequenas presas que encontran no fondo do océano, como ameixas, luras e peixes. Os seus bigotes sérvenlles para tentear o terreo[15] nos brandos sedimentos do fondo. Os adultos non adoitan mergullarse moito durante os meses de verán, preferindo zonas costeiras pouco profundas de non máis de 300 m de profundidade. As crías dun ano de idade aventúranse a moita maior profundidade, mergullándose ata os 450 m. Nun estudo realizado durante os meses de verán comprobouse que se alimentaban de invertebrados como anemones, cogombros de mar e vermes poliquetos.[13] O mesmo estudo encontrou que os peixes Cottoidea e o Arctogadus glacialis constituían a maior parte da súa dieta de verán. Os cotoideos eran os peixes máis grandes que comían. Poden comer peixes peláxicos e demersais ademais das súas presas bentónicas.[16]
As focas barbudas dan a luz na primavera. No Ártico canadense, as crías nacen en maio.[9] En Svalbard, chegan á madureza sexual aos 5 ou 6 anos de idade.[17] Paren as crías en pequenos xeos flotantes en augas pouco profundas, as cales adoitan pesar de 30 a 40 kg. Entran na auga só unhas horas despois de que nacen e rapidamente se converten en hábiles mergulladores. As nais coidan as crías durante de 18 a 24 días, durante os cales estas aumentan uns 3,3 kg de media por día. Durante este tempo, as cías toman unha media de 8 L de leite diarios. No momento do destete pesan uns 100 kg.
Xusto antes de que as crías sexan destetadas, comeza nas femias un novo ciclo de apareamento. As femias ovulan ao final do seu período de lactación, pero permanecen preto das crías, preparadas para defendelas se for necesario. Durante a estación de apareamento, os machos "cantan", emitindo unha nota trilante moi longa que acaba nunha especie de queixume ou salaio. Este son pode atraer as femias ou pode utilizarse para proclamar o territorio ou a dispoñibilidade para aparearse. Os machos ocupan as mesmas áreas dun ano para outro.[18]
Como moitos mamíferos do Ártico, empregan unha estratexia reprodutora denominada implantación retardada, que consiste en que o blastocisto tarda dous meses en implantarse despois da fecundación, implantándose xeralmente en xullo. Así, o período de xestación total da foca é duns once meses, aínda que a súa xestación activa é de nove meses.[19]
Os predadores naturais desta foca son os osos polares, para os cales estas focas son unha importante fonte de alimento.[20] As candorcas tamén as depredan, ás veces envorcando os xeos flotantes para acceder a elas. As morsas tamén comen estas focas, esencialmente as crías, pero esta depredación é rara.[21]
As focas barbudas crese que viven ata os 31 anos.[22]
As voalizacións desta especie son moi peculiares, posiblemente porque a súa traquea é diferente da doutros fócidos do norte do Pacífico. A maioría dos aneis cartilaxinosos da súa traquea son incompletos e os seus dous extremos están unidos só por unha membrana.[23] Os seus sons consisten xeralmente un longo trilo oscilante que dura un minuto ou máis seguido dun curto e profundo xemido. Esta 'canción' adoita repetirse frecuentemente.[23] O número de tipos de chamadas dunha poboación pode variar xeograficamente, e distínguense catro tipos en Svalbard e once no Ártico do Canadá Occidental. Os sons máis frecuentes son trilos vibrantes, xemidos e os chamados varridos. Un destes varridos pode ser comparado a un trilo vibrante curto.[24]
Emiten distintos trilos desde finais de marzo a finais de xuño, cun declive na ritmicidade a finais de maio e xuño. Este momento coincide coa súa estación de reprodución e crianza, que é de abril a maio. A natureza repetitiva e transmisible dos trilos da foca barbuda fixo pensar que son utilizados para a comunicación, probablemente durante o cortexo e reprodución.[25] Os machos usan estes sons para establecer territorios de apareamento e comunicar o seu bo estado físico,[24] pero é probable que as femias produzan estes sons tamén.[25]
Baixo a auga tamén emiten trilos vibrantes que se oen a distancias duns 30 km, e algúns tipos de sons viaxan máis lonxe que outros. Isto fai posible que un animal se comunique con outros animais que están lonxe, aínda que se produce unha degradación acústica a medida que o son atravesa o medio. Unha foca debe producir un trilo cunha presión sonora de polo menos 100 dB a 1 m para que o son se propague 30 km, o que significa que as focas barbudas poden probablemente producir sons a ese nivel.[25]
A IUCN clasifica esta especie como en situación "pouco preocupante".[26] Esta clasificación está determinada por varios factores como a súa ampla distribución, tamaño de poboación estable, e recursos de posibles presas alternativos. A NOAA determinou que os factores que inflúen en calquera posible cambio no status de conservación da foca barbuda poden ser: perda de xeo mariño por mor do cambio climático, pesca accidental (bycatch) en aparellos de pesca comerciais e a caza.[27] Os seus principais depredadores son os osos polares.[28] Debido ao cambio climático, os factores como a perda de xeo mariño ou a diminución das poboacións de presas poden producir resultados negativos sobre as poboacións da foca barbuda no futuro. Por tanto, a monitorización da especie e as influencias das actividades humanas serán vitais para asegurar a estabilidade da especie.
Recoñécense dúas subespecies:[29]
Aínda que a validez destas subespecies foi cuestionada e non está apoiada por datos moleculares,[3] a análise das chamadas dos animais indica unha diferenciación entre distintas poboacións.[30]
Atopáronse fósiles de foca barbuda en estratos do Plistoceno temperán ou medio. Estes fósiles iniciais apareceron en rexións como Inglaterra, Alasca e Suecia, así como no mar do Norte e o mar de Champlain.[31]
As focas barbudas pertencen á familia dos fócidos, que é unha das tres familias do clado dos pinnípedes, xunto coa dos otáridos e a dos odobénidos. Os pinnípedos crese que se orixinaron hai de 27 a 25 millóns de anos durante o Oligoceno tardío. Unha hipótese da evolución dos pinnípedes é que son un grupo difilético e os otáridos e odobénidos están máis estreitamente relacionados cos osos, mentres que os fócidos están máis relacionados con mustélidos como as denosiñas. Outra hipótese suxire que os pinípedes son un grupo monofilético que descende dun único antepasado, o cal está máis apoiado por análises filoxenéticas que a hipótese difilética. Un dos estudos indica que os fócidos son un taxon irmán do antepasado común de otáridos e odobénidos.[31]
As focas barbudas pertencen á subfamilia Phocinae. Pénsase que esta subfamilia evolucionou despois da subfamilia Monachinae. Filoxenias alternativas mostran que a foca barbuda está máis relacionada coas focas Histriophoca fasciata ou Cystophora cristata, aínda que as probas moleculares suxiren que as Cystophora cristata son os seus parentes máis próximos.[31]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.