From Wikipedia, the free encyclopedia
A dunita é unha rocha ígnea, plutónica de composición ultramáfica, cunha textura de gran groso fanerítica. A composición de minerais da rocha consta de máis dun 90% de olivina, con cantidades menores doutros minerais como o piroxeno, cromita, magnetita e piropo. A dunita é o membro final rico en olivina do grupo da peridotita de rochas procedentes do manto terrestre. A dunita e outras peridotitas considéranse os maiores constituíntes do manto da Terra por riba dunha profundidade de 400 quilómetros. A dunita raramente se encontra en rochas continentais, pero alí onde se atopa, está normalmente na base de secuencias ofiolíticas, onde porcións de material rochoso do manto nunha zona de subdución foron empuxados acabando sobre a codia continental polo proceso de obdución, durante colisións continentais ou formación de arcos de illas (oroxenia). Tamén se encontra en macizos alpinos de peridotita que representan capas de manto subcontinental exposto durante unha oroxienia colisional. As dunitas sofren tipicamente metamorfismo retrógrado en ambientes próximos á superficie e son alteradas formando serpentinita e esteatita.
Dunita | |
---|---|
Fórmula química | SiO2 40% MgO 49% Fe2O39% |
Clase | Ígnea—Plutónica |
Subclase | Rocha intrusiva |
Cor | Verde oliva |
O tipo de dunita que se encontra nas partes inferiores dos complexos de ofiolita, macizos de peridotita alpinos e xenólitos pode representar o residuo refractario que quedou despois da extracción dos magmas basálticos no manto superior. Porén, unha maneira máis probable de formación da dunita en seccións do manto é pola interacción entre lherzolita ou harzburxita e fundidos de silicato filtrados, que disolven o ortopiroxeno das rochas dos arredores, deixando un residuo progresivamente máis rico en olivina. A dunita pode tamén formarse por acumulación de cristais de olivina no fondo dunha gran cámara magmática basáltica ou picrítica. Estas dunitas "acumuladas" aparecen normalmente en grosas capas en intrusións en capas, asociadas con capas de acumulación de wehrlita, piroxenita de olivina, harzburxita e incluso cromitita (unha rocha de acumulación ou cúmulo consistente principalmente en cromita). As intrusións de pequenas capas poden ser de calquera idade xeolóxica, por exemplo, o sill das Palisades triásico de Nova York e o máis grande complexo de Skaergaard do Eoceno de Groenlandia. As intrusións máficas en capas máis grandes teñen tamaños de decenas de quilómetros e case todas son do Proterozoico, por exemplo, o complexo ígneo de Stillwater (Montana), a intrusión Muskox (Canadá), e o Gran Dique (Zimbabwe). A dunita acumulada pode tamén encontrarse en complexos ofiolíticos, asociada con capas de wehrlita, piroxenita e gabro.
O nome dunita deullo a esta rocha o xeólogo alemán Ferdinand von Hochstetter en 1859, pola montaña Dun, preto de Nelson, Nova Zelandia, onde abunda.[1] Á súa vez, a montaña Dun recibiu ese nome pola cor parda (dun en inglés) das rochas ultramáficas subxacentes que afloran alí. Esta cor orixínase pola meteorización superficial da rocha, na que se oxida o ferro da olivina en climas temperados (a meteorización en climas tropicais crea un profundo solo vermello). A montaña Dun está separada do seu macizo irmán, a montaña Vermella, no extremo sur da illa Sur de Nova Zelandia pola falla Alpina, unha falla transformante de 600 km de lonxitude.
Encóntranse grandes xacementos de dunita na Twin Sisters Mountain dos Estados Unidos, preto de Mount Baker no norte da cadea das Cascadas do estado de Washington. En Europa aparece nas montañas Troodos de Chipre. No sur da Columbia Británica, Canadá as dunitas forman o núcleo do complexo ultramáfico localizado preto de Tulameen. As rochas alí están localmente enriquecidas en metais do grupo do platino, cromita e magnetita.
A dunita podería utilizarse como secuestrador de CO2 e axuda a mitigar o quecemento global por medio dunha acelerada meteorización quimica da rocha. Isto implicaría a extracción mineira de dunitas en canteiras seguida da súa rotura e trituración para crear rochas máis miúdas que reaccionarán doadamente co dióxido de carbono atmosférico. Os produtos resultantes son magnesita e sílice, que poderían comercializarse.[2][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.