competición futbolística galega From Wikipedia, the free encyclopedia
A Copa Galicia de fútbol foi unha competición deportiva oficial organizada pola Federación Galega de Fútbol que enfrontaba os clubs de fútbol galegos. Foi xogada por primeira vez en 1936 e disputouse irregularmente ao longo do século XX con diferentes composicións, aínda que na maioría das edicións non participaron os equipos galegos que militaban nas divisións estatais máis altas (1ª e 2ª). En certas tempadas tamén se organizou a Copa Federación Galega de Fútbol.
Tipo | competición futbolística |
---|---|
Deporte | fútbol |
Organizador | Real Federación Galega de Fútbol |
Localización e Datas | |
País | España |
Vixencia | 1936 – 1989 |
A comezos do século XX o Campionato de Galicia era a competición de maior importancia en Galiza. Neste torneo, ademais de estar en xogo o propio título de campión galego, tamén se pelexaba pola clasificación para a Copa de España. En 1929 inaugurouse a Liga española, mais os equipos que xogaban en divisións estatais continuaron a xogar tamén nesta competición, que dende a tempada 1919/20 contaba con dúas divisións (Serie A e Serie B) e dende 1923 cunha terceira (Serie C), habendo ascensos e descensos entre cada categoría. Ese campionato tivo a súa derradeira edición en 1939/40.
Na tempada 1935/36, disputouse o Campionato Mancomunado Galaico-Ástur, participando nel os equipos galegos do Celta, o Deportivo e mailo Unión Sporting. Tamén se disputou o Campionato de Galicia, sen a presenza dos tres equipos anteriores e situado xerarquicamente por debaixo do campionato interrexional, resultando gañador o Club Lemos.[1] Nese contexto, a Federación Galega de Fútbol decide organizar, tamén nesa mesma tempada, un torneo máis, a Copa Galicia,[2] na que toman parte tódolos equipos galegos de primeiro nivel, incluídos os tres do campionato interrexional. A final foi xogada polo Eiriña de Pontevedra e o Deportivo da Coruña. Gañaron os coruñeses 4–2 no partido de ida,[3] pero o cadro pontevedrés remontou cun 4–0 no partido de volta,[4] adxudicándose dese xeito o campionato. Na seguinte tempada, xa coa guerra civil iniciada, desaparece o campionato mancomunado e vólvese disputa-lo Campionato de Galicia con tódolos clubs galegos de maior nivel.
Coa volta do Campionato de Galicia no seu formato tradicional, a Copa Galicia non se volve disputar ata 1940, ano no que a FGF organiza con este nome un torneo de segunda categoría e reservas no que participan equipos da Serie B (que ao mesmo tempo tamén disputan dentro desta competición o Campionato de Galicia da súa clase), os equipos da Serie A que non participan na Liga —agás o Eiriña, que refusou participar[5]— e os equipos de reserva do Deportivo, Celta e Racing de Ferrol,[6][7] proclamándose campión o Compostela Sporting Club tras gaña-la final aos reservas do Celta.[8][9] Ese mesmo ano, a Real Federación Española de Fútbol decide suprimir tódolos campionatos rexionais, incluído o Campionato de Galicia. Dende aquela, vanse organizar diversas edicións da Copa Galicia irregularmente ata os anos oitenta.
A FGF decide organizar unha nova edición da Copa Galicia en 1944, na que participan os equipos da Terceira División eliminados da competición oficial,[10] na que se proclama campioa a Ximnástica Lucense.[11] Dous anos despois, en 1946, convócase outra nova edición[12] na que si participan os equipos das divisións superiores, resultando campión o Deportivo da Coruña, que xogou a final contra o Celta. Os dous derbis da final remataron con idéntico resultado, empate 1–1.[13][14] Por causa disto, tivéronse que xogar outros dous partidos máis para saber cal sería o equipo campión. O primeiro deles foi gañado polo Deportivo cun contundente 4–0.[15] No partido de volta o Celta gañou por 4–3,[16][17] mais non foi suficiente para evita-la vitoria branquiazul no torneo.
En 1948, anúnciase unha nova edición,[18] pero finalmente é suspendida porque varios equipos renuncian a xogala.[19] Dous anos despois, en 1950, organízase outra nova edición do torneo.[20] O Deportivo da Coruña decidiu inscribirse co nome do seu equipo filial, o Deportivo Xuvenil,[21][22] aínda que realmente tamén participan xogadores do primeiro equipo —coma Tino, Franco ou Moll[21]—. Clasifícanse para a final o Deportivo Xuvenil, gañador da zona norte,[23][24] e mailo Celta de Vigo, gañador da zona sur.[25][24] Tras diversas renuncias do Celta, a FGF proclama campión ao Deportivo Xuvenil tres anos despois.[26]
Tamén en 1953, convócase unha nova edición da Copa Galicia, na que só participan o Pontevedra, o Marín, o Arousa e o Club Santiago—, xa que outros equipos non poden tomar parte dela[27] —no caso do Deportivo e do Celta, por estaren a disputa-la promoción pola permanencia na Primeira División—. O torneo é xogado en formato de liga, resultando campión o Arousa.[28]
A seguinte edición xógase en 1958, e nela participan equipos da Terceira División e da Serie A[29] —fórmula que se manterá durante as seguintes tempadas, agás en 1965—, chegando á final o Gran Peña e o Lugo. No primeiro partido gañan os vigueses por 2–0,[30] mais os lucenses dan remontado o resultado no partido de volta cun 4–2, facéndose preciso a disputa dun partido de desempate nun campo neutral.[31] O lugar escollido foi o estadio do Couto, en Ourense,[32] obtendo a vitoria o Gran Peña por 2–0.[33] En 1959 proclámase campión o Coruxo,[34] tras manter na súa casa a vantaxe que obtivera no primeiro encontro da final contra o Alondras.[35] No ano 1961, gaña o Marín e o subcampión é o Foz.[36] Ao ano seguinte, gaña a final o Couto ante o Turista nun partido de volta polémico,[37] despois de empataren primeiro no encontro de ida en Vigo.[38] Na edición de 1963, proclámase campión Bueu SD[39] despois de remontar ao Fabril a diferenza que colleitaran os coruñeses no partido de ida.[40] Na seguinte tempada, gañou o torneo o Club Lemos e rematou subcampión o Club Turista, tendo que xoga-la prórroga no partido de volta.[41]
En 1965, non poden tomar parte da competición os equipos da Serie A porque aínda están a disputa-lo campionato de liga da súa categoría, polo que a FGF decide invitar no seu lugar os equipos que militan na Primeira e Segunda División.[42] Chegan á final o Pontevedra e o Deportivo, gañando os herculinos 2–1 na ida e perdendo en Pasarón por un inapelable 5–0, nun partido de volta que fora adiado varias veces e finalmente se xogou en maio de 1966.[43]
Na edición de 1966, proclámase campioa a Sociedade Deportiva Compostela[44] fronte ao Coruxo, que gañara no partido de ida da final,[45] pero non puido evita-la remontada compostelá no partido de volta. En 1967, repite título o Compostela, desta volta gañando a final fronte ao Rápido de Bouzas, empatando na ida en Bouzas[46] e gañando no encontro de volta en Santiago.[47] Na seguinte tempada, o Rápido acada novamente a final, onde se encontra co Calvo Sotelo —nome do Club Deportivo As Pontes naquela altura, debido ó patrocinio da empresa homónima—, proclamándose campión o equipo pontés.[48] No torneo de 1969, o Bergantiños fíxose co campionato fronte ao Turista tras gañar fortemente no partido de ida da final[49] e impedi-la remontada viguesa no encontro de volta.[50]
En 1970 a competición non se chegou a disputar por non acadarse o número mínimo de participantes.[51] Ao ano seguinte a competición foi substituída por trofeos provinciais.[52]
En 1983, a FGF volve organiza-la Copa Galicia oficial cos equipos de Preferente[53] —estrutura que manterá durante as seguintes edicións—, proclamandose campión o San Tirso tras gañar por 3-2 ao Sporting Sada na final disputada en Riazor.[54] Na edición de 1984, recupérase a final a dobre partido, clasificándose gañador o Galicia de Mugardos tras vencer ao Sporting Sada por 1–0 na casa[55] e empatar fóra 0–0.[56] En 1985, proclámase campión o Bergantiños fronte ao Meirás CF de Ferrol.[57] No torneo de 1986 resulta gañador da final o Puebla CF da Pobra do Caramiñal tras vencer ao CD Baio por 2–1 na ida[58] e 0–2 na volta.[59][60] En 1987, gaña a final o Racing Vilalbés fronte á SD Juvenil de Ponteareas, con resultados de 5–0 na ida en Vilalba[61] e 2–0 na volta en Ponteareas.[62] As dúas edicións seguintes gañounas o Tomiño. Na de 1988 o equipo tomiñés remonta a final vencendo 1–3 na casa da SD Juvenil de Ponteareas[63] tras perde-lo partido de ida 2–3.[64] Na tempada seguinte acada a vitoria fronte ao CD Baio, empatando 2–2 na ida da final[65] e gañando 6–1 na volta.[66]
No ano 1947 organízase a Copa Federación Galega de Fútbol na que tan só participan catro equipos: o Pontevedra, o Deportivo, a Ximnástica e o Racing de Ferrol. O cambio de nome do torneo débese a que, pola falta de datas dispoñibles, é imposible que poidan disputa-la competición o resto dos equipos galegos.[67] A competición xogouse en formato de liga e o gañador foi o Racing de Ferrol.[68]
En 1953, a FGF anunciou outra nova Copa Federación[27][69] cos equipos da Serie A. O grupo sur do campionato foi suspendido antes de principiar.[70] O Betanzos —daquela chamado Brigantium— proclamouse campión,[71][72] remantando subcampioa a SD Eumesa.[71] Ao ano seguinte xógase outra nova edición na que volven particiar os equipos da Serie A,[73] gañando a final o Racing Vilalbés[74] fronte á SD Juvenil de Ponteareas, logo de perder 3–1 na ida,[75] pero remontar 3–0 no partido de volta.[76]
Outra nova edición foi organizada en 1962, empregando o sistema de liga e participando nela os equipos que xogaban na Segunda División: o Celta, o Ourense e o Pontevedra.[77] O Ourense foi o campión.[78]
Tempada | Campión | Subcampión | Global | Ida | Volta | Incidencias |
1936 | Eiriña | Deportivo da Coruña | 6–4 | 4–2 | 4–0 | |
1940 | Compostela SC | Celta de Vigo (reservas) | 2–1 | Final a un só partido | ||
1944 | SX Lucense | Club Berbés | 4–3 | 2–1 | 3–1 | |
1946 | Deportivo da Coruña | Celta de Vigo | 7–4 | 4–0 | 4–3 | Empate nos partidos anteriores (1–1 e 1–1) |
1948 | Suspendeuse o torneo | |||||
1950 | Deportivo Xuvenil | Celta de Vigo | — | — | — | Non se xogou a final polas renuncias do Celta |
1953 | Arousa | Club Santiago | Xogado en forma de liga | |||
1958 | Gran Peña | CD Lugo | 4–4 | 2–0 | 4–2 | 2–0 no partido de desempate disputado en Ourense |
1959 | Coruxo | Alondras | 5–3 | 2–4 | 1–1 | |
1961 | Marín | Foz | 3–0 | 0–0 | 3–0 | |
1962 | Couto | Club Turista | 4–3 | 2–2 | 2–1 | |
1963 | Bueu SD | Fabril | 4–2 | 1–0 | 4–1 | |
1964 | Club Lemos | Club Turista | 3–2 | 1–2 | 1–1 | 0–1 antes da prórroga |
1965 | Pontevedra CF | Deportivo da Coruña | 6–2 | 2–1 | 5–0 | |
1966 | SD Compostela | Coruxo | 8–4 | 3–2 | 6–1 | |
1967 | SD Compostela | Rápido de Bouzas | 6–1 | 1–1 | 5–0 | |
1968 | As Pontes | Rápido de Bouzas | 5–1 | 3–0 | 1–2 | |
1969 | Bergantiños | Club Turista | 7–6 | 4–0 | 6–3 | |
1970 | Suspendeuse o torneo | |||||
1983 | San Tirso | Sporting Sada | 3–2 | Final a un só partido | ||
1984 | Galicia de Mugardos | Sporting Sada | 1–0 | 1–0 | 0–0 | |
1985 | Bergantiños | Meirás CF | 3–1 | 3–0 | 1–0 | |
1986 | Puebla CF | CD Baio | 4–1 | 2–1 | 0–2 | |
1987 | Vilalbés | SD Juvenil | 5–2 | 5–0 | 2–0 | |
1988 | Tomiño | SD Juvenil | 5–4 | 2–3 | 1–3 | |
1989 | Tomiño | CD Baio | 8–3 | 2–2 | 6–1 |
Tempada | Campión | Subcampión | Global | Ida | Volta | Incidencias |
1947 | Racing de Ferrol | Deportivo da Coruña | Xogado en forma de liga | |||
1953 | Betanzos | SD Eumesa | O grupo sur foi suspendido | |||
1954 | Vilalbés | SD Juvenil | 4–3 | 3-1 | 3-0 | |
1962 | CD Ourense | Celta de Vigo | Xogado en forma de liga |
Club | Campión | Subcampión | Títulos (tempadas) |
---|---|---|---|
SD Compostela | 2 | 0 | 1966, 1967 |
Bergantiños FC | 2 | 0 | 1969, 1985 |
Tomiño FC | 2 | 0 | 1988, 1989 |
Deportivo da Coruña | 1 | 2 | 1946 |
Coruxo FC | 1 | 1 | 1959 |
Eiriña CF | 1 | 0 | 1936 |
Compostela SC | 1 | 0 | 1940 |
SX Lucense | 1 | 0 | 1944 |
CD Xuvenil | 1 | 0 | 1950 |
Arousa SC | 1 | 0 | 1953 |
Gran Peña FC | 1 | 0 | 1958 |
Marín CF | 1 | 0 | 1961 |
AD Couto | 1 | 0 | 1962 |
Bueu SD | 1 | 0 | 1963 |
Club Lemos | 1 | 0 | 1964 |
Pontevedra CF | 1 | 0 | 1965 |
CD As Pontes | 1 | 0 | 1968 |
San Tirso SD | 1 | 0 | 1983 |
SDC Galicia | 1 | 0 | 1984 |
Puebla CF | 1 | 0 | 1986 |
RC Vilalbés | 1 | 0 | 1987 |
Celta de Vigo | 0 | 3 | |
Club Turista | 0 | 3 | |
Rápido de Bouzas | 0 | 2 | |
SD Sporting Sada | 0 | 2 | |
SD Juvenil | 0 | 2 | |
CD Baio | 0 | 2 | |
Club Berbés | 0 | 1 | |
Club Santiago | 0 | 1 | |
CD Lugo | 0 | 1 | |
Alondras CF | 0 | 1 | |
CD Foz | 0 | 1 | |
Fabril | 0 | 1 | |
Meirás CF | 0 | 1 |
Club | Campión | Subcampión | Títulos (tempadas) |
---|---|---|---|
Racing de Ferrol | 1 | 0 | 1947 |
Betanzos CF | 1 | 0 | 1953 |
RC Vilalbés | 1 | 0 | 1954 |
CD Ourense | 1 | 0 | 1962 |
Deportivo da Coruña | 0 | 1 | |
SD Eumesa | 0 | 1 | |
SD Juvenil | 0 | 1 | |
Celta de Vigo | 0 | 1 |
A primeira Copa Galicia de fútbol feminino disputouse en 1984.[79] Ao longo do tempo ten recibido outros nomes como Copa Federación Galega de Fútbol[80] ou Copa Galiza[81] e dende 2012 o torneo dividiuse en varias categorías en función da división á que pertencen os equipos participantes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.