Coilina
From Wikipedia, the free encyclopedia
A coilina é unha proteína que nos humanos está codificada polo xene COIL.[1][2]
A proteína coilina é un dos principais compoñentes dos corpos de Cajal. A coilina recibe o seu nome da forma enrolada que teñen os corpos de Cajal onde se atopan (do inglés coil, enrolar). Foi identificada inicialmente utilizando soro autoinmune humano. Os corpos de Cajal son suborgánulos celulares que se encontran no núcleo en número variable e con diversa composición, que están implicados na modificación postranscricional de ARNs nucleares pequenos e ARN nucleolares pequenos. Ademais do seu papel estrutural, a coilina actúa como un pegamento que conecta os corpos de Cajal co nucléolo. O extremo N-terminal da coilina dirixe a súa propia oligomerización e o extremo C-terminal inflúe no número de corpos nucleares que se ensamblan por célula. A metilación e fosforilación diferencial da coilina inflúe probablemente na súa localización entre os corpos nucleares e a composición e ensamblaxe dos corpos de Cajal. O xene da coilina ten pseudoxenes nos cromosomas 4 e 14.[2]
Para estudar os corpos de Cajal, pode facerse que a coilina se combine coa proteína fluorescente verde (GFP) para formar a proteína híbrida coilina-GFP. Esta proteína híbrida pode despois utilizarse para localizas os corpos de Cajal en exame microscópico, que xeralmente están preto do nucléolo do célula. Outras proteínas que forman parte dos corpos de Cajal son as ribonucleoproteínas nucleares pequenas (snRNP) e as ribonucleoproteínas nucleolares pequenas (snoRNP).