ARN nuclear pequeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ácido ribonucleico nuclear pequeno[1] (ARNnp,[1] ou snRNA, en inglés), tamén denominado ARN-U (U-RNA), é un tipo de moléculas de ARN pequeno que se encontra nas "manchas de empalme" ou splicing speckles e nos corpos de Cajal do núcleo das células eucarióticas. A lonxitude media que teñen estes ARNs é de aproximadamente 150 nucleótidos. Son transcritos pola ARN polimerase II ou pola RNA polimerase III, e a súa principal misión é o procesamento do pre-ARNm (ARNhn) no núcleo. Tamén axudan á regulación de factores de transcrición (caso do ARN 7SK) ou da ARN polimerase II (ARN B2), e no mantemento dos telómeros.
Os ARNs nucleares pequenos están sempre asociados cun conxunto de proteínas específicas, e os complexos que forman denomínanse ribonucleoproteínas nucleares pequenas (snRNP na abreviación inglesa). Cada partícula de ribonucleoproteína nuclear pequena está composta de varias proteínas Sm, xunto co compoñente de ARN nuclear pequeno e proteínas específicas das ribonucleoproteínas nucleares pequenas. Os compoñentes de ARN nuclear pequeno máis comúns nestes complexos son: snRNA U1, snRNA U2, snRNA U4, snRNA U5, e snRNA U6. A súa nomenclatura deriva do seu alto contido en uridina.
Os ARN nucleares pequenos foron descubertos accidentalmente durante un experimento de electroforese en xel en 1966.[2] No xel apareceu un inesperado tipo de ARN, que foi despois investigado. Posteriormente, as análises mostraron que estes ARN tiñan un alto contido en uridilato e estaban localizados no núcleo.
Un grande grupo de ARNs nucleares pequenos son os coñecidos como ARNs nucleolares pequenos (snoRNAs), os cales son pequenas moléculas de ARN que xogan un papel esencial na bioxénese do ARN e guían modificacións químicas nos ARNs ribosómicos (ARNrs) e outros xenes de ARN (os dos ARNts e ARNs nucleares pequenos). Están localizados no nucléolo e nos corpos de Cajal das células eucarióticas (onde se realiza gran parte da síntese de ARN da célula), onde reciben o nome de ARN pequeno específico do corpo de Cajal (scaRNA).
Outro exemplo é o snRNA 7SK (ás veces chamado RN7SK), cuxa función se descubriu recentemente, e está relacionada coa regulación da transcrición.[3][4] O ARN 7SK únese ao complexo CDK9/ciclina T (coñecido como factor de elongación P-TEFb). O P-TEFb activa a transcrición fosforilando o dominio C-terminal da ARN polimerase II. Este proceso está regulado negativamente polo complexo da ribonucleoproteína 7SK da que este ARN forma parte.[5][6]
Outro exemplo é o snRNA B2, que se une directamente á ARN polimerase II con grande afinidade e inhibe a transcrición en células de rato sometidas a un choque térmico [7].