Ácido ribonucleico
ácido nucleico formado por unha cadea de ribonucleótidos / From Wikipedia, the free encyclopedia
O ácido ribonucleico ou ARN (RNA nas súas siglas en inglés) é un tipo de ácido nucleico, unha molécula polimérica lineal formada por unidades menores chamadas nucleótidos. Intervén en varias funcións biolóxicas importantes como a codificación xenética, e a descodificación durante a tradución de proteínas, regulación e expresión dos xenes. É unha das macromoléculas esenciais para a vida, xunto co ADN, as proteínas, os lípidos e os carbohidratos. Igual que o ADN, o ARN está formado por unha cadea de nucleótidos, pero a diferenza do ADN, que forma unha dobre hélice bicatenaria, a maioría dos ARNs son monocatenarios, aínda que se poden pregar sobre si mesmos. Os organismos celulares usan o ARN mensaxeiro (ARNm) para levar ao ribosoma a información xenética (utilizando a secuencia das bases G, A, U, e C que significan guanina, adenina, uracilo e citosina), onde dirixirá a síntese de proteínas específicas. A base uracilo é característica do ARN (o ADN no seu lugar ten timina). Os nucleótidos do ARN levan o azucre ribosa, o que lle dá o seu nome (ribosa > ribonucleico), a diferenza do ADN que leva desoxirribosa. O ARN transcríbese a partir do ADN pola acción de encimas chamados ARN polimerases.
Algunhas moléculas de ARN teñen un papel moi activo nas células, xa que poden catalizar reaccións biolóxicas, controlar a expresión xénica, ou percibir e comunicar respostas a sinais celulares. Un destes activos procesos é a síntese de proteínas, unha función universal fundamental na que interveñen varios tipos de ARN: o ARNm leva a información de como ten que ser a secuencia da proteína, o ARNt leva os aminoácidos necesarios, e o ARNr é parte constituínte do orgánulo onde se realiza a síntese, o ribosoma, e ten unha actividade catalítica que une os aminoácidos entre si. Os ribozimas son ARNs con función encimática. Moitos virus codifican a súa información xenética nun xenoma de ARN.