Lípido
amplo grupo de compostos químicos orgánicos naturais, que son uns dos principais compoñentes dos seres vivos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os lípidos son un amplo grupo de compostos químicos orgánicos naturais, que son uns dos principais compoñentes dos seres vivos, formados principalmente por carbono, hidróxeno e osíxeno, aínda que tamén poden conter fósforo, nitróxeno e xofre, entre os que se inclúen as graxas, ceras, esterois, vitaminas liposolubles (como as vitaminas A, D, E, e K), fosfolípidos e outros. Algúns lípidos son moléculas liñais ou curvadas e outros son compostos cíclicos. Poden definirse a grandes trazos como moléculas relativamente pequenas hidrófobas ou anfipáticas. As hidrófobas poden disolverse en solventes apolares. As anfipáticas teñen unha parte polar e outra non polar, e poden formar en disolución en medio acuoso estruturas como vesículas, liposomas, ou membranas. Entre as principais funcións biolóxicas dos lípidos están o almacenamento de enerxía, ser moléculas estruturais nas membranas e intervir na sinalización celular.[4][5] Os lípidos teñen aplicacións en cosmética e na industria alimentaria e a nanotecnoloxía.[6]
Os lípidos biolóxicos orixínanse enteiramente ou en parte a partir de dous tipos de subunidades bioquímicas, que son: grupos cetoacil e isopreno.[4] Tendo en conta este enfoque, os lípidos poden dividirse en varios tipos: acilos graxos (ácidos graxos), glicerolípidos, fosfoglicéridos (ou glicerofosfolípidos), esfingolípidos, sacarolípidos, e policétidos, derivados da condensación de subunidades cetoacil; e lípidos esterois (esterois e esteroides) e lípidos prenólicos (isoprenoides), derivados da condensación de subunidades de isopreno.[4]
Aínda que o termo lípido se usa ás veces como sinónimo de graxa, en realidade ten un significado máis amplo, xa que, propiamente falando, as graxas serían só os triglicéridos. Moitos lípidos conteñen ácidos graxos como compoñente principal (triglicéridos, fosfolípidos). Os ácidos graxos presentan unha reacción característica chamada saponificación cando os facemos reaccionar quimicamente con álcalis na que se orixinan xabóns. Os lípidos con ácidos graxos que presentan esta reacción de saponificación denomínanse saponificables.[7]
Os humanos e outros mamíferos teñen diversas rutas metabólicas para sintetizar a maioría dos seus lípidos ou para degradalos, pero algúns lípidos chamados ácidos graxos esenciais non poden ser sintetizados a partir de precursores simples no organismo, polo que deben tomarse na dieta.