Vitamina D
From Wikipedia, the free encyclopedia
A vitamina D é un grupo de substancias esteroides cun anel da molécula roto (secosteroides) liposolubles. Nos humanos a vitamina D é única entre as vitaminas, porque funciona como unha prohormona e porque o corpo pode sintetizala en forma de vitamina D3 cando a nosa pel se expón ao sol.
As medidas dos niveis séricos de vitamina D3 son un reflexo da síntese endóxena por exposición á luz solar e da inxestión da vitamina na dieta, e pénsase que a síntese pode en xeral manter niveis séricos axeitados da vitamina. As evidencias indican que a síntese de vitamina D por exposición ao sol funciona como un bucle de retroalimentación que impide a súa toxicidade por exceso, pero advírtese que a exposición ao sol tampouco debe ser excesiva debido aos riscos de cáncer de pel.
Cando se sintetiza nos riles, o calcitriol (ou 1,25-dihidroxicolecalciferol) circula polo organismo como unha hormona, regulando a concentración de calcio e fosfato na corrente sanguínea e favorecendo o crecemento saudable e a remodelación dos ósos. A vitamina D prevén o raquitismo nos nenos e a osteomalacia nos adultos, e, xunto co calcio, axuda a protexer aos anciáns da osteoporose. A vitamina D tamén afecta á función neuromuscular, a procesos de inflamación, e inflúe na acción de moitos xenes que regulan a proliferación celular, diferenciación celular e apoptose.[1]
As probas dos efectos saudables sobre a suplementación con vitamina D na poboación xeral son consistentes,[2][3][4] especialmente en canto aos beneficios sobre a saúde ósea [5] e o descenso da mortalidade en mulleres anciás.[6]