From Wikipedia, the free encyclopedia
A osteomalacia ou esmolecemento é un trastorno da mineralización do tecido óseo producido por un déficit de vitamina D. Na idade infantil esta doenza chámase raquitismo. Para o normal crecemento do tecido osteoide cómpre unha subministración axeitada de calcio e fósforo mediante a alimentación. Nese senso, a vitamina D é imprescindíbel para que esta absorción de nutrientes se produza satisfactoriamente. O organismo obtén esta vitamina de certos alimentos e da acción da luz do Sol sobre a pel. A súa carencia resulta nun amolecemento e enfraquecemento óseo, o cal tórnase vulnerábel ás fracturas.
Histoloxicamente, caracterízase por un aumento dos reberetes de osteoide e pola prolongación no tempo da mineralización ósea.
A osteomalacia causa dor inespecífica nos ósos (principalmente os do pescozo, pernas e costelas), fraqueza muscular e, se o nivel de calcio no sangue fose moi baixo, tetania (espasmos musculares) nas mans, pés e gorxa. Se os ósos se tornan moi débiles poderían até mesmo fracturarse por un traumatismo mínimo.
O diagnóstico da osteomalacia baséase principalmente en dous eidos: a análise de laboratorio e a radioloxía. Nas análises sanguíneas pódese detectar pola presenza de baixos niveis de vitamina D, calcio e fósforo, e de elevados niveis de fosfatase alcalina e parathormona, a hormona segregada polas glándulas paratiroides.
Radioloxicamente son signos de osteomalacia as imaxes de ósos con aspecto de vidro delustrado, e a presenza de pseudofracturas, denominadas liñas de Looser-Milkman. Son liñas de fractura perpendiculares á superficie do periósteo, mais que non son quen aínda de fracturar o óso. En casos avanzados, pódense detectar deformidades e fracturas óseas.
O tratamento da osteomalacia é variable e indivualizado segundo a gravidade do caso e segundo a idade do paciente. O principal fármaco é a propia vitamina D. Ademais, nos casos de osteodistrofia renal tamén se pauta a restrición de fosfatos, e o tratamento con quelantes intestinais. En casos graves pódese recorrer a paratiroidectomía, isto é, á extirpación das glándulas paratiroides.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.