Triacilglicérido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os triacilglicéridos, triglicéridos ou triacilglicerois son acilglicerois, un tipo de lípidos, formados por unha molécula de glicerol (tamén chamado glicerina), que ten os seus grupos hidroxilo (-OH) esterificados por tres ácidos graxos. Os triacilglicéridos son o principal compoñente das graxas do tecido adiposo, e dos aceites vexetais ou de peixe. Son lípidos moi hidrófobos e insolubles en auga. Son lípidos saponificables, xa que conteñen ácidos graxos.
O termo triacilglicérido é máis claro quimicamente, porque indica que teñen tres ácidos graxos (tri acil), mentres que o termo triglicérido, máis usado, parece indicar que teñen tres moléculas de glicerol, o cal non é certo. Non obstante, a IUPAC usa triglicérido xunto con tri-O-acil-glicerol [1].
O glicerol é un polialcohol de tres carbonos con tres grupos -OH, tamén chamado glicerina ou propanotriol. Os ácidos graxos están unidos ao glicerol por enlace éster:
CH2COOR-CHCOOR'-CH2-COOR"
onde R, R', e R" son ácidos graxos. Os tres ácidos graxos poden ser diferentes, todos iguais, ou dous iguais e o outro distinto. Poden ser saturados ou insaturados. Cando son saturados o triglicérido tende a ser unha graxa sólida a temperatura ambiente moderada, pero se conteñen ácidos graxos saturados tenden a ser aceites (líquidos) a esas temperaturas. A lonxitude das cadeas dos ácidos graxos dos triacilglicéridos varía entre os 16 e 22 átomos de carbono.
R1-COOH + R2-OH ←→ R-COO-R2 + H2O
ácido carboxílico (= ácido graxo) + alcohol (= glicerol) ←→ triacilglicérido + auga.