graxa vexetal, animal, mineral ou sintética que non se disolve na auga From Wikipedia, the free encyclopedia
Aceite é un termo xenérico para designar graxas vexetais, graxas animais, graxas minerais ou sinteticas que non se disolven na auga e que teñen menos densidade ca esta.
A palabra aceite ven do árabe az-zait, o zume da oliva, e este do arameo zayta. É sinónimo de óleo, do latín oleum, pero este termo emprégase só para os sacramentos da Igrexa católica e na arte da pintura. Orixinalmente a palabra designaba o aceite de oliva, logo xeneralizouse para denominar a numerosos líquidos graxos de orixes diversas.
O aceite máis antigo probablemente sexa o de sésamo, sábese que o usaban os exipcios. Os gregos usaron aceite de oliva e en Atenas a oliveira era considerado unha árbore sagrada e foi símbolo da vida da cidade. Na antigüidade o aceite servía para a alimentación, para a iluminación e para uso relixioso (os óleos para unxir).
Existen diversos aceites animais coma os aceites de balea, de foca ou de fígado de bacallau que chegaron a consumirse pero actualmente na cociña só se utilizan aceites vexetais, extraídos de sementes, froitas ou raíces. En xeral os aceites vexetais achegan ácidos graxos insaturados e son ricos en vitamina E. O seu valor enerxético é de 900 kcal cada 100 g.
Pódense distinguir dous tipos de aceite, os virxes e os refinados. Os primeiros son os extraídos mediante unha presión en frío, estes conservan o sabor da froita ou semente da que son extraídos. Os principais aceites virxes que se comercializan son os de oliva e xirasol (inda que a maioría destes último son refinados), algúns de sementes (como colza, soia, pebidas de uva) ou dalgúns froitos secos (noz, améndoa, abelá).
Os aceites refinados son aqueles que se someten a un proceso (refinado) que permite obter un aceite que responde a certos criterios: organolepticamente é dun sabor neutro, visualmente está limpo e cunha cor adecuada, e ademais é seguro alimentariamente e permite unha mellor conservación. Esta técnica úsase para modificar aceites que non son aptos para o consumo humano (aceite lampate, extraído do bagazo da oliva) ou para poder aumentar a produción de determinados produtos que, se fosen sometidos a unha simple presión en frío para obter un aceite virxe, non resultarían rendibles economicamente (sementes de xirasol).
Adóitanse utilizar mesturas de aceites virxes e refinados para achegar sabor e cor a estes últimos. O caso máis habitual é o do aceite de oliva. No caso do aceite de xirasol é estraño que se mesture.
Os aceites combustibles son unha variedade de mesturas líquidas de cor amarelenta a parda clara provenientes do petróleo cru. Certas substancias químicas que se encontran neles poden evaporarse doadamente, en tanto que outras poden disolverse máis doadamente en auga.
Son producidos por diferentes procesos de refinación, dependendo dos usos a que se designan. Poden ser usados como combustibles para motores, lámpadas, quentadores, fornos e estufas, tamén como solventes.
Algúns aceites combustibles comúns son o queroseno, o aceite diésel, os combustibles para avións a reacción, o aceite de cociña e o aceite para calefacción. Distínguense un dos outros pola composición de hidrocarburos, os puntos de ebulición, os aditivos químicos e os usos.
Emprégase esta denominación para aceites obtidos por refinación do petróleo e cuxo uso é o de lubricantes.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aceite |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de aceite |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.