From Wikipedia, the free encyclopedia
As fosfatidilcolinas (PC) son un tipo de fosfolípido que conten colina como cabeza polar, e que se diferencian polos ácidos graxos que conteñen, presentes en graxas animais e vexetais. Son os principais compoñentes das membranas biolóxicas e poden obterse facilmente de moitas fontes dispoñibles, como a xema de ovo ou fabas de soia, das que se extrae mecánica ou quimicamente usando hexano. Son membros do grupo das lecitinas.
O nome "lecitina" (do grego λεκιθος lekithos 'xema de ovo') foi definido orixinalmente por Theodore Nicolas Gobley, un químico e farmacéutico francés de mediados do século XIX, quen o aplicou ás fosfatidilcolinas da xema de ovo que identificou (en 1847) e describiu estruturalmente (en 1874). Os extractos de lecitina comercial consisten nunha mestura de fosfatidilcolinas e outros compostos, nos que a fosfatidilcolina é un dos compoñentes principais, polo que é frecuente que se usen os dous termos como sinónimos en certos contextos. As lecitinas úsanse xunto con taurocolato sódico en estudos con fármacos moi lipófilos.
A fosfatidilcolina é o principal compoñente da bicapa lipídica das membranas celulares, nas que aparece principalmente na capa externa ou extracelular da membrana. Pénsase que é transportada entre as distintas membranas da célula pola proteína transportadora da fosfatidilcolina (PCTP).[1] O feito de que sexa unha molécula anfipática, con parte hidrófila e parte hidrófoba, permite que se oriente en medios acuosos e forme parte das membranas.
A fosfatidilcolina tamén xoga un papel na sinalización celular mediada por membranas e na activación pola PCTP doutros encimas.[2]
Este fosfolípido está composto por unha cabeza polar de colina e un ácido glicerofosfórico (glicerina + fosfato) unido a dous ácidos graxos, un deles saturado, como por exemplo o ácido palmítico, e o outro insaturado, como por exemplo o ácido oleico. O conxunto formado polos ácidos graxos, a glicerina e o fosfato chámase ácido fosfatídico ou fosfatidato.
A fosfolipase D cataliza a hidrólise de fosfatidilcolina, orixinando ácido fosfatídico (PA), e liberando colina soluble no citosol.
A fosfatidilcolina é unha substancia vital que se encontra en todas as células do corpo humano. Ao nacermos e durante a infancia, as concentracións de fosfatidilcolina son altas (de ata o 90% da membrana celular), pero van reducíndose lentamente ao longo da vida, e pode caer ao 10% na vellez [3]. Por iso algúns investigadores no campo da saúde e nutrición empezan a recomendar suplementación de fosfatidilcolina na dieta como un medio de atrasar a senescencia[4] e mellorar o funcionamento cerebral e a memoria [5].
Estudos recentes apuntan aos moitos beneficios potenciais da fosfatidilcolina na recuperación do fígado enfermo. Un estudo mostrou os efectos curativos da fosfatidilcolina en casos de hepatite A, hepatite B, e hepatite C. A administración de fosfatidilcolina en hepatites activas crónicas causou unha significativa redución da actividade da enfermidade.[6]
Algunhas organizacións promoven o uso de fosfatidilcolina inxectada, asegurando que este procedemento pode romper os adipocitos, e serve como un substituto da liposucción. Porén, é importante indicar que, aínda que os partidarios deste procedemento citan experimentos iniciais que mostraban lipólise en casos de embolia,[7] ningún estudo revisado por expertos mostrou que se produza un grao de lipólise nin remotamente comparable a unha liposucción.[8][9]
As probas clínicas de fase IIa/b realizadas no Hospital da Universidade de Heidelberg[10] indican que a liberación retardada de fosfatidilcolina ten efectos antiinflametorios, e é un composto que incrementa a hidrofobidade das superficies, con prometedores potenciais terapéuticos no tratamento da enfermidade inflamatoria dos intestinos.
Ademais do incremento da carga calórica de dietas ricas en graxas como a fosfatidilcolina, un informe recente relacionou os catabolitos microbianos da fosfatidilcolina cun incremento da aterosclerose por medio da produción de colina, óxido de trimetilamina, e betaína.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.