![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/89/Cajal_bodies.jpg/640px-Cajal_bodies.jpg&w=640&q=50)
Corpo de Cajal
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os corpos de Cajal son suborgánulos esféricos de 0,3-1,0 µm de diámetro que se encontran no núcleo celular de células en proliferación[1] como as células embrionarias e tumorais, ou células metabolicamente activas como as neuronas. A diferenza dos orgánulos citoplasmáticos máis típicos, os corpos de Cajal carecen de membrana fosfolipídica que os rodee, e consisten principalmente en proteínas e ARN procedentes do nucleoplasma circundante. Foron descubertos por Santiago Ramón y Cajal en 1903, que os chamou corpos accesorios nucleolares debido á súa asociación cos nucléolos nas células neuronais.[2] Foron redescubertos polos microscopistas electrónicos e denominados corpos enrolados (coiled bodies, CB), pola súa aparencia de fíos enrolados nas imaxes de microscopio electrónico, e despois renomeados como corpos de Cajal.[3] A investigación dos corpos de Cajal acelerouse despois do descubrimento e clonación da proteína marcadora p80/coilina.[4] Os corpos de Cajal ensámblanse con ARN, o cal é utilizado pola telomerase para engadir nucleótidos aos extremos dos telómeros dos cromosomas.[5]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/89/Cajal_bodies.jpg/320px-Cajal_bodies.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/c1/Cuerpos_de_Cajal.jpg/320px-Cuerpos_de_Cajal.jpg)
Algúns compoñentes dos corpos de Cajal serían as proteínas fibrilarina, Nopp140 e NAP 57, que son tamén tipicamente nucleolares, e snRNPs.[1] Viuse que a actina nuclear tamén podería formar parte dalgúns subtipos de corpos de Cajal, polo menos nas plantas.[6]
Dado que está habitualmente rodeado da proteína coilina, parece que a súa interacción incrementa a eficiencia doutros procesos nucleares concentrando os seus compoñentes no corpo de Cajal, sobre todo a ensamblaxe de snRNPs, para formar o espliceosoma.
Outras estruturas similares nucleares en aparencia case idénticas aos corpos de Cajal son os GEMs (Xémini de corpos enrolados), que terían a proteína SMN. Para algúns autores ambas as estruturas son distintos estados da mesma estrutura.[7] Algunhas enfermidades hereditarias neuromusculares poderían estar asociadas coa SMN.[8]