Factor de transcrición
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular e en xenética, un factor de transcrición (ás veces chamado factor de unión ao ADN específico de secuencia) é unha proteína que se une a secuencias de ADN específicas, controlando deste modo o fluxo (ou a transcrición) de información xenética que vai do ADN ao ARN mensaxeiro.[1][2] Os factores de transcrición realizan esta función sós ou xunto con outras proteínas formando un complexo, promovendo (funcionando como un activador), ou bloqueando (como represores) o recrutamento da ARN polimerase (o encima que realiza a transcrición da información xenética do ADN ao ARN) en xenes específicos.[3][4][5]
Unha característica definitoria dos factores de transcrición é que conteñen un ou máis dominios de unión ao ADN, que se unen a secuencias específicas do ADN adxacentes aos xenes que regulan.[6][7] Outras proteínas como os coactivadores, complexos remodeladores da cromatina, histona acetilases, histona desacetilases, quinases, e metilases, tamén desempeñan papeis cruciais na regulación da expresión xénica, pero carecen de dominios de unión ao ADN e, por esa razón, non se clasifican como factores de transcrición.[8]