serie de álbums de banda deseñada de Hergé From Wikipedia, the free encyclopedia
As aventuras de Tintín é unha das series europeas de banda deseñada máis influentes e traducidas do século XX[1]. Foi creada polo autor belga Georges Remi, coñecido polo pseudónimo de Hergé. A serie caracterízase polo estilo gráfico e narrativo coñecido como "liña clara", está conformada por un total de 24 álbums (o primeiro destes publicouse en 1929 e o penúltimo en 1975; o último, Tintín e a Arte-Alfa, non chegou a terminarse, aínda que se publicaron posteriormente os bosquexos realizados polo autor).
As aventuras de Tintín | |
---|---|
| |
Autor(es) | Georges Remi (Hergé), con varios colaboradores. |
Data de lanzamento | Seriada: do 10 de xaneiro de 1929 ao 13 de abril de 1976. Álbums: 1930-1976 (1986 incluíndo Tintín e a Arte-Alfa). |
Editor(es) | Seriada: Le Petit Vingtième, Le Soir, Tintín. Álbums: Éditions du Petit Vingtième, Casterman, Juventud |
Xénero(s) | aventuras |
Os sete primeiros episodios das aventuras de Tintín publicáronse por entregas en Le Petit Vingtième, suplemento do diario belga de orientación católica Le Vingtième Siècle, entre 1929 e 1939 (a publicación da oitava, Tintín no país do ouro negro, quedou interrompida en 1940 ao producirse a invasión alemá de Bélxica, aínda que o autor a renovaría anos despois). Posteriormente, as aventuras de Tintín apareceron noutras publicacións, como o diario Le Soir (durante a ocupación alemá de Bélxica, entre 1940 e 1944), e o semanario Tintín, desde 1946 ata 1976.
Todas as aventuras do personaxe foron despois recollidas en álbums independentes e traducidas a numerosos idiomas, tamén ao galego. Varios destes álbums coñeceron sucesivas edicións. A partir de A estrela misteriosa (1943), os álbums foron editados sempre en cor, e emprendeuse a tarefa de colorear a maiores os álbums anteriores da serie (fóra de Tintín no país dos Soviets). As novas edicións afectaron en ocasións ao contido dos álbums.
A serie coñeceu desde os seus inicios un grande éxito. Calcúlase que se venderon desde entón máis de 250 millóns de álbums en 40 idiomas, sen contar as edicións piratas. As aventuras do personaxe de Hergé son ademais obxecto de culto e de coleccionismo en todo o mundo. É famosa a frase de Charles de Gaulle, segundo a cal o seu único rival no plano internacional era Tintín.[2] A fama de Tintín non estivo, con todo, libre de polémicas, xa que algúns dos primeiros álbums da serie recibiron críticas por mostrar unha ideoloxía anticomunista, colonialista, racista e sexista[3].
En 1928, o abade Norbert Wallez, director do diario belga Le Vingtième Siècle, tomou a decisión de crear un suplemento semanal dirixido ao público infantil e xuvenil. Confiou a dirección deste suplemento a un dos empregados do xornal, Georges Remi, que en 1924 empezara a utilizar o pseudónimo polo que sería mundialmente coñecido, Hergé.
O primeiro número deste suplemento, que levaría o nome de Le Petit Vingtième, apareceu o 1 de novembro de 1928. Nas súas páxinas Hergé debuxaba unha serie, A extraordinaria aventura de Flup, Nénesse, Poussette e Cochonnet, con guións dun dos redactores deportivos de Le Vingtième Siècle. Os guións da serie estaban asinados por un tal Smettini, que encubría a identidade do redactor deportivo Desmedt (ref. Assouline; p. 32) . A serie, pouco orixinal, narraba as aventuras de dous nenos de doce anos, da irmá dun deles, de seis, e da súa mascota, Cochonnet, un cochiño de caucho. Convencido de que o suplemento necesitaba unha serie máis innovadora e que lograse conectar co público xuvenil, Hergé tivo a idea de crear un reporteiro, Tintín, cuxa primeira aventura sería unha viaxe á Unión Soviética.
O 4 de xaneiro de 1929 o xornal publicou o anuncio da inminente publicación das aventuras de Tintín, presentado como un ficticio reporteiro de Le Vingtième Siècle. Seis días despois, o 10 de xaneiro, o personaxe iniciaba a súa andaina nas páxinas do suplemento.
Buscáronse varios modelos para Tintín, a maioría de papel e tinta, aínda que tamén hai algún de carne e óso. O principal é, sen dúbida, o boy scout Totor, personaxe anterior de Hergé que aparecía na revista Le Boy-Scout Belge desde xullo de 1926. Totor é o protagonista da que pode considerarse a primeira serie de historieta de Hergé, que levaba o título de Totor, xefe de patrulla dos abellóns (Totor, CP des Hannetons). As aventuras de Totor apareceron en Le Boy-Scout Belge entre xullo de 1926 e xaneiro de 1930 . A figura esquemática de Totor é unha prefiguración de Tintín, aínda que falta o característico mechón. A súa actitude ante a vida, característica do movemento scout, é tamén moi próxima á do principal personaxe de Hergé.
Sinalouse tamén a coincidencia de nome e o parecido de Tintín cun personaxe creado en 1898 por Benjamin Rabier e Fred Isly, Tintin-Lutin, un neno de oito anos que ten un mechón moi semellante ao da criatura de Hergé. Poden verse algunhas imaxes de Tintin-Lutin en. Segundo o seu propio testemuño, con todo, Hergé non coñeceu a existencia deste personaxe ata 1970 Assouline, p. 40 .
Hergé declarou, pola súa banda, que se baseou no físico do seu irmán, o militar Paul Remi. A profesión de reporteiro do personaxe pode atribuírse tamén á súa admiración por coñecidos xornalistas da época, como o francés Albert Londres.
O dirixente fascista Léon Degrelle, en solitario e contra toda evidencia, gabouse en varias ocasións, especialmente no seu libro Tintin mon copain (1992), de ser o modelo vivo en que Hergé se inspirou para crear ao seu soado reporteiro. Segundo el, a viaxe de Tintín ao país dos soviets estaría baseada na súa viaxe a México para cubrir como reporteiro a guerra cristera. Isto é imposible, xa que Degrelle viaxou a México meses despois de que as aventuras de Tintín empezasen a publicarse en Le Petit Vingtiéme. Pierre Assouline, o principal biógrafo de Hergé, descarta rotundamente esta posibilidade. Si é certo, en cambio, que, grazas a Degrelle, Hergé puido coñecer varias series de cómic estadounidenses que tiveron grande influencia no posterior desenvolvemento da súa obra, tales como Bringing Up Father, de George McManus, ou The Katzenjammer Kids, de Rudolph Dirks.
Moi probablemente, o destino da primeira aventura de Tintín foi decidido polo abade Wallez, fervoroso anticomunista: non se trataba só de entreter á mocidade, senón de mostrar os supostos perigos que entrañaba o comunismo. Baseado nun libro bastante popular na época que denunciaba estes perigos, Moscou sans voiles ("Moscova sen veos", 1928), de Joseph Douillet Assouline, p. 42., Tintín no país dos Soviets narra a incursión do reporteiro, xa acompañado pola súa fiel mascota, Milú, na Rusia soviética, insistindo continuamente nas perversidades do réxime comunista. O debuxo de Hergé é aínda bastante rudimentario Farr, p. 15., e mostra claramente a influencia de historietistas estadounidenses como George McManus.
A historieta tivo un grande éxito entre o público belga: cando terminou de publicarse, en maio de 1930, escenificouse na Estación do Norte de Bruxelas o regreso de Tintín a Bélxica. O personaxe, representado por un boy scout de quince anos, foi recibido por un auténtico xentío. Assouline, p. 45.
A segunda aventura de Tintín ten como escenario o Congo Belga, e é unha aberta apoloxía das vantaxes do colonialismo, con certas tinguiduras racistas. Predomina un discurso paternalista acerca da dominación colonial que era o vixente na sociedade belga da época. Algúns aspectos máis controvertidos do álbum foron eliminados en edicións posteriores. A pesar diso, o cómic continúa sendo obxecto de polémica, como o demostra a controversia ocasionada pola súa recente reedición no Reino Unido, en 2007.
Ao termo da aventura de Tintín no Congo descóbrese que un grupo de gángsters de Chicago, dirixido por Al Capone, planea facerse co negocio dos diamantes no Congo, anticipando xa o que sería a terceira das aventuras do reporteiro, Tintín en América. En efecto, na seguinte historia, que empezou a publicarse en setembro de 1931 nas páxinas de Le Petit Vingtième, o novo reporteiro e o seu inseparable fox-terrier visitan Estados Unidos, onde o protagonista non só logra desbaratar os plans criminais de Capone, senón que ten tempo para facer unha visita aos peles vermellas, longamente idealizados por Hergé desde a súa época de boy scout. Por primeira vez, o personaxe de Tintín toma decididamente partido polos dereitos dunha minoría oprimida, denunciando enerxicamente o abuso de que os indios son obxecto nos Estados Unidos. Véxase, por exemplo, a páxina 29 da edición actual de Tintín en América, na que se narra a expulsión dunha tribo de indios pés negros dunha rexión na que acaba de atoparse petróleo.
No seguinte episodio das súas aventuras, Os xarutos do faraón, inicialmente titulado "As aventuras de Tintín en Oriente", Tintín inicia un periplo que lle levará a novos escenarios exóticos: Exipto, primeiro; logo, a India e, máis tarde, na segunda parte do álbum, O Loto Azul, a China. Nesta ocasión o reporteiro non viaxa como enviado do seu xornal, Le Petit Vigtième, senón por motivos de pracer. En Os xarutos do faraón aparecen por vez primeira dous personaxes fundamentais na serie, os policías Hernández e Fernández (Dupond e Dupont). Cobra protagonismo tamén a figura do malvado millonario Rastapopoulos, que xa tivera unha breve aparición en Tintín en América. Con respecto a anteriores aventuras, a trama enriqueceuse considerablemente.
O loto azul, publicado por entregas entre decembro de 1932 e febreiro de 1934, marca un punto de inflexión na historia da serie. A crítica coincide en que se trata da primeira obra mestra de Hergé, e algúns autores considérana o mellor de todos os álbums de Tintín. Farr, p. 51. Grazas á colaboración que lle prestou un estudante chinés, Tchang, o álbum está minuciosamente documentado, e leva a cabo co propósito explícito de desterrar os absurdos tópicos occidentais acerca da China. Ademais, O loto azul destaca pola súa denuncia do racismo e do colonialismo, e pola súa aberta crítica á intervención xaponesa na China, un asunto candente no momento da súa publicación.
A madurez creativa alcanzada pola serie logo de O loto azul móstrase en todo o seu esplendor nos anos seguintes, que coincidiron coas tensións prebélicas en Europa. Durante esta etapa, Hergé realizou outros tres álbums hoxe considerados clásicos: A orella rota, A illa negra e O cetro de Ottokar. Un cuarto, Tintín no país do ouro negro, quedaría interrompido ao producirse en 1940 a invasión alemá de Bélxica, e só se retomaría varios anos despois.
A orella rota publicouse en Le Petit Vingtième entre decembro de 1935 e febreiro de 1937. O álbum marca o inicio da fascinación de Hergé por Latinoamérica, que logo habería de retomar como escenario en aventuras posteriores. O desencandenante da trama é o roubo dun fetiche arumbaia (unha etnia amerindia inventada por Hergé) do Museo Etnográfico, en pos do cal Tintín desprázase ao imaxinario país de San Theodoros. A ambientación está inspirada nun conflito que entón estaba de actualidade: a Guerra do Chaco, que entre 1932 e 1935 enfrontou a Bolivia e Paraguai polo control do Chaco Boreal. Hergé disfrazou os nomes, convertendo a Bolivia en San Theodoros, e a súa capital, A Paz, en Os Dopicos; Paraguai aparece como Novo Rico, e Asunción, a súa capital, como Sanfación. Farr, p. 62. O álbum é o primeiro en que Hergé utiliza países imaxinarios como escenario da acción, e nel aparecen por primeira vez destacados personaxes, como o xeneral Alcázar.
En A illa negra, que empezou a publicarse en abril de 1937, a acción trasládase a Escocia. Nunha época en que as tensións prebélicas debidas ao expansionismo de Hitler eran máis que evidentes, Hergé asinou unha historia de espionaxe na que o principal vilán era un alemán, o doutor Müller. Aínda que as primeiras edicións do álbum contiñan numerosos erros de ambientación, solucionaríanse anos despois cando se fixo a edición para o mercado británico, en 1965, en gran parte grazas á colaboración de Bob De Moor. É o único dos álbums de Tintín do que existen tres edicións: a primeira, en branco e negro, aparecida en 1938; unha segunda en cor, en 1943, durante a ocupación alemá; e a terceira e definitiva en 1965.
Curiosamente, a etapa de plenitude da serie coincide coa ocupación alemá de Bélxica, durante a segunda guerra mundial. É nesta época cando aparecen varios dos personaxes máis importantes da saga, incluíndo ao capitán Haddock (en O caranguexo das tenaces de ouro) e ao profesor Tornasol (en O tesouro de Rackham o Roxo). É tamén a época en que os álbums de Tintín comezan a editarse en cor (desde 1943).
Pechado Le Vingtième Siècle por orde dos ocupantes, Hergé aceptou colaborar no diario Le Soir, controlado polos alemáns. Foi esta unha das decisións máis controvertidas na vida de Hergé, que habería de carrexarlle non poucos problemas no futuro.
A tirada de Le Soir, duns 250.000 exemplares Assouline, p. 130 , permitiu unha difusión aínda máis ampla das aventuras de Tintín. Nun primeiro momento, a nova aventura, O caranguexo das tenaces de ouro, apareceu no suplemento do diario, Le Soir Jeunesse, todos os xoves a partir do 17 de outubro de 1940. En setembro do seguinte ano, con todo, debido ás restricións de papel, o suplemento deixou de publicarse, e a historieta pasou a aparecer nas edicións diarias do xornal, en formato de tira de prensa de só tres ou catro viñetas. Isto supuxo, con todo, un aumento importante no ritmo de traballo de Hergé, que se vía obrigado a realizar unhas 24 viñetas semanais en lugar das 12 a que estaba afeito.
Nunha atmosfera apocalíptica, A estrela misteriosa, a seguinte aventura de Tintín, pon en escena a rivalidade entre europeos e estadounidenses por atopar un misterioso meteorito. O álbum foi despois moi criticado polo personaxe do xudeu neoiorquino Blumenstein, principal vilán do álbum, e por unha viñeta na que aparecían dous xudeus estereotipados, un dos cales alédase da noticia do fin do mundo porque "así non tería que pagar aos meus provedores". Esta última viñeta suprimiuse na edición en álbum; en canto a Blumenstein, en edicións posteriores da obra Hergé cambioulle o nome por Bohlwinkel, e situouno, no canto de en Nova York, nun país imaxinario, San Rico. Con todo, descubriu despois, con sorpresa, que Bohlwinkel era tamén un apelido xudeu.
A estrela misteriosa foi o primeiro dos álbums de Tintín editado en cor, en 1942. Ao ano seguinte reeditáronse en cor outros álbums anteriores, A orella rota, A illa negra e O caranguexo das tenaces de ouro.
Os dous álbums seguintes constitúen unha das obras máis ambiciosas de Hergé: o díptico composto por O segredo do alicornio e O tesouro de Rackham o Roxo, no cal é evidente a influencia da clásica novela de aventuras A illa do tesouro de Stevenson. É no segundo dos álbums no que fai a súa aparición o profesor Silvestre Tornasol, paradigma do científico descoidado e algo chalado, para os seus trazos físicos Hergé baseouse nos do soado Auguste Piccard. Nesta aventura, Tintín e Haddock parten a afastadas terras en busca dun tesouro que, paradoxalmente, atopan no castelo que pertenceu aos antepasados do capitán, Moulinsart, convertido a partir deste momento no fogar de Haddock e Tornasol, e con frecuencia tamén do propio Tintín.
En decembro de 1943, iniciouse en Le Soir a publicación doutra aventura de longo alento, As sete bólas de cristal, na cal unha misteriosa maldición persegue aos arqueólogos que descubriron a tumba do Inca Rascar Cápac. A publicación desta aventura, con todo, foi interrompida pola liberación de Bélxica polas tropas aliadas en setembro do ano seguinte.
Bruxelas foi liberada polos aliados o 3 de setembro de 1944, o que supuxo a interrupción inmediata da publicación de Le Soir e, por conseguinte, de As aventuras de Tintín. A acción de As sete bólas de cristal interrompeuse no momento en que Tintín deixa o hospital en que están internados os arqueólogos afectados pola maldición do inca Rascar Capac (p. 50 da edición actual do álbum). Nas últimas tiras describíase o seu encontro co xeneral Alcázar, a piques de viaxar a Suramérica.
Para Hergé, acusado de colaboracionismo, iniciouse un calvario persoal, xa que se lle impediu seguir traballando, e tivo que responder da súa actitude durante a ocupación.
Esta situación chegou ao seu fin grazas á intervención de Raymond Leblanc, antigo membro da resistencia belga, que brindou a Hergé a posibilidade de continuar as aventuras do seu reporteiro nunha nova revista, que levaría precisamente o nome do soado personaxe, Tintín, e cuxo primeiro número apareceu o 26 de setembro de 1946. Con algúns pequenos cambios (intercalóuse un encontro entre Tintín e Haddock), a acción de As sete bólas de cristal renovouse onde se interrompeu. En lugar da tira única en branco e negro que se utilizou nos últimos tempos de Lle Soir, na nova revista publicábanse tres tiras en cor na dobre páxina central Farr, p. 121. , o que permitiu a Hergé coidar máis a ambientación, e introducir nalgunhas das pranchas un texto explicativo acerca da civilización inca. O templo do sol, segunda parte de As sete bólas de cristal, continuou publicándose na revista Tintín ata o 22 de abril de 1948. As dúas partes da aventura aparecerían en álbum, en cor, en 1948 e 1949, respectivamente, con significativas modificacións. Farr, p. 123.
Concluída a publicación deste díptico narrativo, Hergé decidiu retomar, oito anos despois, a aventura que quedara interrompida en 1940 por mor da invasión alemá, No país do ouro negro. Na súa continuación, o autor incorporou personaxes e situacións posteriores ao momento en que se iniciou a obra: aparece Haddock, cuxa primeira aparición na serie de Tintín tivera lugar no caranguexo das tenaces de ouro, empezado despois que No país do ouro negro, e ata reside xa en Moulinsart, a mansión que só adquirira ao final de O tesouro de Rackham o Roxo.
A realización dun álbum de Tintín levaba a cabo un proceso bastante completo. Hergé (Sadoul 1986, p. 39 e 45) descríbeo do seguinte xeito: tras escribir unha sinopse de dúas ou tres páxinas, procedía a planificar as pranchas, esbozando bosquexos e procurando sempre manter un elemento de suspenso ao final de cada unha das elas. Despois, en láminas de gran formato, hai borradores das páxinas, que finalmente se calculaban para conseguir a versión definitiva. A continuación póñense na páxina os diálogos e os decorados. Finalmente, pasábase a tinta e era enviada á imprenta. A partir da proba de imprenta se procedía a colorear a prancha.[nota 1] Tras a creación dos Estudios Hergé, en 1950, con frecuencia a fase final da creación das pranchas (sobre todos os decorados) levábase a cabo polo seu equipo de colaboradores e non por Hergé en persoa. Igualmente, o autor delegou en ocasións nos seus subordinados o traballo de documentación: Bob de Moor, por exemplo, viaxou a Escocia en 1958 para dar maior verosimilitude a unha nova edición de A illa negra destinada ao mercado británico.
Nas primeiras historias, Hergé non tiña ningún tipo de limitación en canto á extensión dos álbums, e adaptábase ás necesidades da historia que había narrar. Así, Tintín no país dos soviets ten 130 páxinas; a primeira versión de O caranguexo das tenaces de ouro, en cambio, ten 104.[4] Durante a ocupación alemá de Bélxica, coincidindo coa introdución da cor na serie e a causa do aumento do prezo do papel durante a guerra, o autor está obrigado a limitar a 62 o número de páxinas de cada álbum. O primeiro libro que se publicou con este número de páxinas foi A estrela misteriosa, en 1942. Desde ese momento, todos os álbums de Tintín (e as versións en cor das aventuras anteriores) respectaron ese formato, aínda que algunhas aventuras se narran en dous álbums no lugar dun só.[Cómpre referencia]
Os álbums de Tintín, como o resto da obra de Hergé, teñen un estilo gráfico característico, coñecido desde 1973 como «liña clara», seña de identidade da chamada «Escola de Bruxelas», en contraposición coa «Escola de Marcinelle», a que pertencían outros grandes autores da banda deseñada belga, como Jijé ou Franquin. O estilo de Hergé, que ten a súa orixe remota na obra de autores estadounidenses de comezos do século XX, como George McManus, chega a súa plenitude sobre todo a partir dos anos 40, coa introdución da cor.[5]
A «liña clara» caracterízase por descartar os efectos de luz e sombra, texturas e gradacións de cor a favor de cores planas, sen matices. O trazo, que non pretende ser expresivo, é un espesor idéntico en todos os elementos do debuxo (personaxes, decorados, etc.). As viñetas, case sempre rectangulares, teñen unha distribución regular na páxina. Os movementos dos personaxes son sempre de esquerda a dereita e no sentido da lectura:
Cando debuxo un personaxe correndo, por regra xeral vai de esquerda a dereita, en virtude desta sinxela regra, e ademais, isto corresponde a unha costume do ollo, que segue o movemento e que o acentúa, de esquerda á dereita a velocidade parece maior que no de dereita a esquerda. (Sadoul 1986, p. 56).
Os personaxes están a medio camiño entre o realista e a caricatura. Un trazo característico é a minuciosidade coa que debuxa os escenarios, repretos de detalles. Isto significa un traballo importante de documentación, que en As aventuras de Tintín converteuse en fundamental sobre todo desde O Loto Azul. Comparando as viñetas de Hergé coas fotografías que se empregaron para documentarse compróbse a fidelidade minuciosa dos seus debuxos. Descríbese en As aventuras de Tintín unha certa "obsesión polo obxecto",[6] o que leva a Hergé a debuxar con precisión minuciosa todo tipo de cousas, que conforman o que o propio autor chamou o "museo imaxinario de Tintín". Algúns destes obxectos convertéronse en auténticas iconas do século XX, como o foguete lunar a cuadros brancos e vermellos de Obxectivo: a Lúa.
Para Hergé, a liña clara non era simplemente unha cuestión de estética. Os seus gráficos refinados están sempre ao servizo da narración: de feito, a claridade visual ten como principal obxectivo facilitar a comprensión ao lector da historia..[7]
As primeiras historias carecían dun guión solidamente construído. Limitábanse a narrar unha sucesión de gags e peripecias. Como se publicaban por entregas, era importante manter sempre o suspense ao final de cada número:
Exactamente, ata [O Loto Azul], as aventuras de Tintín (así como as de Totor) formaban unha serie de gags e suspenses, pero non había nada construído, non había nada premeditado. Eu mesmo saía á aventura, sen ningún guión, sen ningún plan, realmente era un traballo semanal. Eu nin sequera o consideraba un traballo real, era como un xogo, unha broma ... Escoita, Le Petit Vingtième saía o mércores pola tarde e a miúdo pasábame que o mércores pola mañá aínda non sabía como saír da lea na que puxera a Tintín a semana anterior (Sadoul 1986, p. 36).
Despois de O loto azul, pola súa banda, os álbums teñen unha estrutura narrativa moito máis definida (aínda que sen renunciar aos gags e manter o elemento suspense ao final de cada entrega). Esta estrutura narrativa, que coincide coa das clásicas novelas de aventuras, é principalmente proporcionada polo esquema da viaxe. Hai desprazamentos en todos os álbums, agás en dous (As xoias da Castafiore e o inacabado Tintín e a Arte-Alfa). Nos libros do que se pode considerar o período clásico da serie (os escritos inmediatamente antes e durante a segunda guerra mundial), o causante para a aventura adoita ser a posibilidade de atopar un obxecto, símbolo dun misterio que o protagonista debe resolver. Un exemplo paradigmático son os tres pergamiños de O segredo do alicorno, que chegan ao protagonista grazas a unha serie de coincidencias. Outras veces implica a perda dun obxecto que hai que recuperar (o fetiche arumbaia roubado en A orella rota, por exemplo). En case todas as aventuras da serie aparece un obxecto que ten un papel esencial na trama (e que ás veces dá nome aos álbums, como sucede en O cetro de Ottokar). Nunha das súas obras máis atípicas, o autor se burla, en certo xeito, deste recurso habitual seu: en As xoias da Castafiore, a desaparición das xoias non é un verdadeiro misterio.[Cómpre referencia]
Nas súas primeiras aventuras, Tintín viaxa só, acompañado só por Milú, aínda que ten compañeiros de viaxe eventuais. A primeira aventura verdadeiramente colectiva é A estrela misteriosa, na que o xornalista forma parte dunha expedición científica que sae en busca dun meteorito. Desde O segredo do alicornio, é habitual que todas as viaxes participen na que podería considerarse a "familia" máis próxima de Tintín: Haddock, Hernández e Fernández e o profesor Tornasol. As interaccións entre estes personaxes, a miúdo de carácter cómico, enriquecen enormemente a narración.[Cómpre referencia]
A importancia da viaxe vincula a serie con obras clásicas de literatura xuvenil, como as de Jules Verne (a quen, a pesar das obvias coincidencias, especialmente na aventura lunar de Tintín, Hergé asegurou que non leu)[8] e Robert Louis Stevenson (a influencia de A illa do tesouro na historia de piratas de O segredo do alicornio e O tesouro de Rackham o Roxo).[9]
A trama dalgúns álbums ten elementos da novela policial (en relación ao argumento de As xoias da Castafiore citouse a Agatha Christie e Alfred Hitchcock). Os gags visuais recordan o humor slapstick de cine mudo cómico;[9] de feito, na aparencia dalgúns personaxes (especialmente Hernández e Fernández), hai certos ecos de grandes actores desta época, como Charles Chaplin.[Cómpre referencia]
Hergé desenvolveu completamente en solitario os seus primeiros álbums. Con todo, a partir dos anos 40 o volume de traballo esixiulle contratar colaboradores. Nunca foron acreditados nos álbums, pero tiveron un importante papel na historia da serie.
O primeiro colaborador importante de Hergé en As aventuras de Tintín foi Edgar P. Jacobs (1904-1987). Jacobs colaborou estreitamente con Hergé entre 1944 e 1947. O seu labor principal consistiu en corrixir, dar novo formato e colorear varios álbums en branco e negro (Tintín no Congo, Tintín en América, O Loto Azul e O cetro de Ottokar En O cetro de Ottokar, Jacobs é o responsable principal da páxina en que se describe a batalla de Zileheroum, así como da decoración das salas do castelo de Kropow (Michael Farr, op. cit., p. 89), que se reeditaron en cor na década de 1940. Ademais, interveu nos decorados dos álbums O tesouro de Rackham o Roxo, As sete bólas de cristal e O templo do sol). Jacobs deixou de colaborar con Hergé en 1947 para desenvolver a súa propia serie, Blake e Mortimer.
Aínda que non aparece acreditado nos álbums en que colaborou, aparece retratado nalgúns dos álbums nos que interveu. Aparece xunto ao propio Hergé (e xunto a Quique e Flupi) na viñeta inicial de Tintín no Congo. Aparece tamén na portada e nunha viñeta interior da edición en cor de Os xarutos do faraón, nunha broma un tanto macabra: un sarcófago co letreiro E.P. Jacobini. No cetro de Ottokar, asiste, xunto ao propio Hergé, a un concerto da Castafiore e a unha recepción real (páxinas 38 e 59 do álbum).
Bob de Moor (1925-1992) traballou nos Estudos Hergé desde a súa creación, en 1950, ata a súa morte. Interveu decisivamente en varios álbums, como unha nova edición de A illa negra (1965), Obxectivo: a Lúa (1953), Explorando a lúa (1954), Voo 714 para Sidney e Tintín e os pícaros. A revisión de A illa negra fíxose sobre todo pensando na súa edición no mercado británico, xa que se detectaron numerosas inexactitudes na ambientación en Escocia do álbum, e De Moor desprazouse ao Reino Unido para realizar un minucioso traballo de documentación. No díptico sobre a viaxe á Lúa, débense á súa man o deseño do soado foguete e as paisaxes lunares Michael Farr, op. cit., p. 141. .
Participou tamén na produción das versións en debuxos animados de O templo do sol e Tintín e o lago dos tiburóns. A súa pegada é evidente en obras como Tintín e os pícaros, na que se fixo cargo da maior parte do traballo gráfico. Durante un tempo barallouse a posibilidade de que terminase o álbum que Hergé deixou incompleto á súa morte, Tintín e a Arte Alfa. No entanto, non aparece nunca acreditado en ningún dos álbums de Tintín.
Jacques Martin, que era colaborador da revista Tintin, entrou nos estudos Hergé para substituír a Edgar P. Jacobs. Traballou nos guións de "O Caso Tornasol" e "Stock de Coque", e debuxou os vestidos dos personaxes nestes mesmos álbums.A súa colaboración con Hergé durou ata 1972, ano en que se dedicou de maneira total ás súas propias series: Lefranc e, sobre todo, Alix.
Tintín e o seu can Milú son os dous únicos personaxes que aparecen en todas as aventuras da serie. Tintín é un novo reporteiro belga que se ve envolvido en estrañas aventuras. A súa idade é un misterio, aínda que podemos situarnos que posúe entre 19 e 23 anos de idade
Desde a súa primeira aventura, Tintín é acompañado polo seu can, Milú, un fox-terrier branco. Milú non é capaz de falar, pero os seus pensamentos aparecen a miúdo verbalizados nos globos de diálogo. Xeralmente é capaz de facerse entender.
A súa afección polos ósos e o seu máis humano que canino interese polo whisky (en especial da marca Loch Lomond, a preferida do capitán Haddock) desencadean a miúdo situacións cómicas.
O capitán Archibaldo Haddock é un mariño cuxa nacionalidade non aclara nos álbums (inglés, francés ou belga), aínda que si se sabe que ten un antepasado francés (o cabaleiro de Hadoque, mariño ao servizo de Lois XIV). O apelido Haddock procede dunha conversación que Hergé mantivo coa súa esposa, na que ela comentou que o haddock (abadexo) era un "triste peixe inglés". O nome de pila do capitán, Archibaldo, non se desvela ata a última aventura de Tintín, Tintín e os pícaros (1976).
Arquetipo do lobo de mar, a súa aparencia axústase perfectamente a este modelo: gorra, xersei azul co debuxo dun áncora, poboada barba negra. Rudo e de bo corazón, é o inseparable compañeiro de Tintín desde que fixo acto de presenza en O caranguexo das tenaces de ouro, onde é presentado como un personaxe débil e dominado polo seu alcoholismo. Máis tarde convértese nun personaxe máis simpático, aínda sen abandonar a súa debilidade polo whisky, no que ten especial predilección pola marca Loch Lomond (as súas borracheiras son a miúdo empregadas como gags cómicos). O seu mal carácter, o seu impulsividad irreflexiva e o seu amplo repertorio de insultos extravagantes, son un dos lugares comúns da serie, e contribúen a dar un contrapunto ao xeralmente tranquilo e xuízoso Tintín.
Descobre un tesouro en O tesouro de Rackham o Roxo, o que lle permite adquirir o castelo da súa familia, en Moulinsart, e converterse nun pacífico rentista. Non por iso, con todo, deixa de acompañar a Tintín nas súas aventuras, e aparece en todos os álbums desde a súa aparición ata o final da serie.
Hernández e Fernández (Dupond e Dupont na versión orixinal) son unha parella de policías idénticos, se diria que xemelgos, aínda que non teñen ningunha relación de parentesco. Só se distinguen polo bigote, que Hernández (Dupont) leva con dúas pequenas guías ou "rabiños", que lle dan unha forma de T investida, mentres que Fernández (Dupond) non os ten, e o seu bigote ten o aspecto dunha D virada. Amigos de Tintín, aparecen por vez primeira en Os xarutos do faraón aínda que se lles pode ver na poboada primeira viñeta da reedición a cor de Tintín no Congo, afastados do grupo principal. A súa inxenuidade e os seus constantes meteduras de pata son as características que máis identifican a estes simpáticos personaxes.
O profesor Silvestre Tornasol aparece por primeira vez no álbum O tesouro de Rackham o Roxo. É o arquetipo do científico descoidado, cuxa xordeira permítelle estar en desconexión co mundo e meténdose nunha infinidade de situacións cómicas. Para a súa creación, Hergé inspirouse nos trazos do soado inventor suízo Auguste Piccard.
Este personaxe está inspirado na vida de toda unha xeración de científicos que tras lograr avances importantes, como a bomba atómica, decidiron apartarse do mundo arrepiados polo que construíran. Desta forma os primeiros inventos do profesor non parecen nin moi serios (como o péndulo que indica posicións) nin moi fiables (como o seu primeiro minisubmarino con forma de quenlla); pero en Obxectivo a Lúa xa é un físico nuclear e en Explorando a Lúa grazas á seu audífono oe perfectamente e en O Caso Tornasol é un científico cobizado por grandes potencias para empregar o seu invento, capaz de reducir a po grandes cidades. Pero xa en As xoias da Castafiore refúxiase na súa xordeira para non decatarse do que pasa á seu redor. Este é un dos personaxes mellor caracterizados de Herge.
A cantante de ópera Bianca Castafiore é a única personaxe feminina de certa relevancia na obra. Aparece por primeira vez en O cetro de Ottokar, e figura nun total de oito álbums da serie. Segundo o seu propio testemuño, Hergé detestaba a ópera: igualmente, tanto Tintín como Haddock (especialmente este último) aborrecen o canto da Castafiore, especializada nunha única peza musical: o aria "das xoias" de Margarita na ópera Fausto de Gounod.Na obra ela resulta estar namorada do capitán Haddock (segun o contexto).
Ademais dos mencionados, as aventuras de Tintín contan coa presenza de varios personaxes secundarios que aparecen en varios álbums. É o caso do malvado millonario Rastapopoulos, principal antagonista de Tintín, do mercenario Allan Thompson, do xeneral Alcázar e o seu eterno rival no goberno do imaxinario país de San Teodoros, o xeneral Tapioca, do mordomo Néstor, do estrafalario comerciante portugués Oliveira da Figueira e do insoportable Serafín Lampión.
En ocasións, Hergé parodióu cos seus personaxes a persoas reais, cuxos nomes disfrazaba só lixeiramente. É o caso do traficante de armas que aparece en A orella rota, Basil Bazaroff, cuxo nome apenas encobre a referencia a Basil Zaharoff. Menos frecuente é a aparición nos álbums de Tintín de personaxes reais, co seu propio nome, como ocorre co gángster Al Capone, que ten un relevante papel en Tintín en América.
Mención á parte merecen os cameos doutros personaxes de Hergé, como Quique e Flupi (Quick e Flupke) que aparecen ocasionalmente nalgúns álbums.
Na lista seguinte aparecen exclusivamente os álbums de Tintín realizados polo seu creador, Hergé. Non aparece, xa que logo, Tintín e o lago dos tiburóns, que, aínda que adoita citarse como álbum do personaxe, é a adaptación ao cómic dunha longametraxe de animación en cuxa realización non interveu Hergé.
# | Título | Publicación seriada | Publicación en álbum |
---|---|---|---|
1 | Tintín no país dos Soviets (Tintin au pays des Soviets) (1) | Le Petit Vingtième, 10 de xaneiro de 1929-8 de maio de 1930 | Éditions du Petit Vingtième, 1930 |
2 | Tintín no Congo (Tintin au Congo) (2) | Le Petit Vingtième, 5 de xuño de 1930-11 de xuño de 1931 | Éditions du Petit Vingtième, 1931
En cor: Casterman, 1946 |
3 | Tintín en América (Tintin en Amérique) | Le Petit Vingtième, 3 de setembro de 1931- 20 de outubro de 1932 | Éditions du Petit Vingtième, 1932
En cor: Casterman, 1945 |
4 | Os xarutos do faraón (Les cigares du Pharaon)(2) | Le Petit Vingtième, 8 de decembro de 1932-8 de febreiro de 1934 | Casterman, 1934
En cor: Casterman, 1955 |
5 | O Loto Azul (Le lotus bleu)(2) | Le Petit Vingtième, 9 de agosto de 1934-17 de outubro de 1935 | Casterman, 1936
En cor: Casterman, 1946 |
6 | A orella rota (L'oreille cassée) | Le Petit Vingtième, 5 de decembro de 1935-25 de febreiro de 1937 | Casterman, 1937
En cor: Casterman, 1943 |
7 | A illa negra (L'île noire)(2) | Le Petit Vingtième, 15 de abril de 1937-16 de xuño de 1938 | Casterman, 1938
En cor: Casterman, 1943 |
8 | O cetro de Ottokar (Le sceptre d'Ottokar)(2) | Le Petit Vingtième, 4 de agosto de 1938-10 de agosto de 1939 | Casterman, 1939
En cor: Casterman, 1947 |
9 | O caranguexo das tenaces de ouro (Le crabe aux pinces d'or)(2) | Le Soir Jeunesse, 17 de outubro de 1940-3 de setembro de 1941Lle Soir, 29 de setembro de 1941-18 de outubro de 1941 | Casterman, 1941
En cor: Casterman, 1943 (2) |
10 | A estrela misteriosa (L'étoile mystérieuse)(3) | Le Soir, 20 de outubro de 1941-21 de maio de 1942 | Casterman, 1942 |
11 | O segredo do alicorno (Le secret da Licorne) | Le Soir, 11 de xuño de 1942-5 de xullo de 1942; 16 de xullo de 1942-14 de xaneiro de 1943 | Casterman, 1943 |
12 | O tesouro de Rackham o Roxo (Le trésor de Rackham lle rouge) | Le Soir, 19 de febreiro de 1943-23 de setembro de 1943 | Casterman, 1944 |
13 | As 7 bolas de cristal (Les 7 boules de cristal) | Le Soir, 16 de decembro de 1943-2 de setembro de 1944 | Casterman, 1948 |
14 | O templo do sol (Amórnelle du soleil) | Tintín, 26 de setembro de 1946-22 de abril de 1948 | Casterman, 1949 |
15 | Tintín no país do ouro negro (Au pays de l'or noir)(4) | Le Petit Vingtième, 28 de setembro de 1939- 8 de maio de 1940 (publicación interrompida pola invasión alemá) Tintín, 16 de setembro de 1948-23 de febreiro de 1950 (continuación) | Casterman, 1950 |
16 | Obxectivo: a Lúa (Objectif Lune) | Tintín, 30 de marzo de 1950-30 de decembro de 1953 (historia completa, logo dividida en dous episodios) | Casterman, 1953 |
17 | Explorando a Lúa (On a marchei sur a Lune) | Tintín, 30 de marzo de 1950-30 de decembro de 1953 (historia completa, logo dividida en dous episodios) | Casterman, 1954 |
18 | O caso Tornasol (L'affaire Tournesol) | Tintín, 22 de decembro de 1954-22 de febreiro de 1956 | Casterman, 1956 |
19 | Stock de coque (Coke en stock) | Tintín,31 de outubro de 1956-1 de xaneiro de 1958 | Casterman, 1958 |
20 | Tintín no Tíbet (Tintin au Tibet) | Tintín, 17 de setembro de 1958-25 de novembro de 1959 | Casterman, 1960 |
21 | As xoias da Castafiore (Les bijoux da Castafiore) | Tintín, 4 de xullo de 1961-4 de setembro de 1962 | Casterman, 1963 |
22 | Voo 714 para Sidney (Vol 714 pour Sydney) | Tintín, 27 de setembro de 1966-28 de novembro de 1967 | Casterman, 1968 |
23 | Tintín e os pícaros (Tintin et les Picaros) | 16 de setembro de 1975-13 de abril de 1976 | Casterman, 1976 |
24 | Tintín e a Arte-Alfa (Tintin et l'Alph-Art)(5) | non publicada | Casterman, 1986 |
Ademais do francés, a primeira lingua en que se publicaron As aventuras de Tintín foi o portugués. Grazas ao padre Abel Varzim, coñecido de Hergé por estudar na universidade de Lovaina, entre o 16 de abril de 1936 e o 20 de maio de 1937 publicouse na revista O Papagaio, dirixida por Adolfo Simõés Müller, Tim-Tim na América do Norte (Tintín en América), en BD97, A 9ª Arte em Português . En O Papagaio, as aventuras de Tintín apareceron en cor antes ata que no seu país de nacemento. A adaptación ao portugués levou algúns cambios: o protagonista presentábase como reporteiro, non de Le Vingtième Siècle, senón da propia O Papagaio, e ao estrafalario portugués Oliveira dá Figueira que aparece en Os xarutos do faraón convertéuselle en español.
Para Galicia, encargouse da publicación dos álbums de Tintín a barcelonesa Editorial Juventud. O tradutor ao galego de todos os álbums foi Valentín Arias López. O propietario da editorial, José Zendrera Fecha foi tamén o responsable dos nomes en galego dalgúns personaxes, como Hernández e Fernández (no orixinal, Dupond e Dupont) ou Trifón Tornasol (Tryphon Tournesol no orixinal).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.