hormona que causa vasoconstrición From Wikipedia, the free encyclopedia
A anxiotensina é unha hormona peptídica que causa vasoconstrición e un incremento da presión arterial. Forma parte do sistema renina-anxiotensina, que regula a presión sanguínea. A anxiotensina tamén estimula a liberación de aldosterona no córtex adrenal para promover a retención de sodio nos riles.
AGT | |||
---|---|---|---|
Estruturas dispoñibles | |||
PDB | Buscar ortólogos: PDBe, RCSB | ||
Identificadores | |||
Símbolos | AGT (HGNC: 333) ANHU, SERPINA8, anxiotensinóxeno, hFLT1 | ||
Identificadores externos | |||
Locus | Cr. 1 q42.2 | ||
Padrón de expresión de ARNm | |||
Máis información | |||
Ortólogos | |||
Especies |
| ||
Entrez |
| ||
Ensembl |
| ||
UniProt |
| ||
RefSeq (ARNm) |
| ||
RefSeq (proteína) NCBI |
| ||
Localización (UCSC) |
| ||
PubMed (Busca) |
|
O oligopéptido, anxiotensina é unha hormona e un dipsóxeno (dá sede). Deriva da molécula precursora anxiotensinóxeno, unha globulina do soro sanguíneo producida no fígado. A anxiotensina foi illada a finais da década de 1930 (denominouse primeiramente 'anxiotonina' ou 'hipertensina') e despois foi caracterizada e sintetizada por grupos da Clinica de Cleveland e os laboratorios Ciba.[1]
O anxiotensinóxeno é unha α-2-globulina producida constitutivamente e liberada na circulación principalmente polo fígado. É membro da familia de proteínas da serpina, aínda que non se sabe que inhiba outros encimas, a diferenza da maioría das serpinas. Os niveis de anxiotensinóxeno do plasma increméntanse polos niveis plasmáticos de corticosteroides, estróxenos, e hormonas tiroides, e de anxiotensina II.[2]
O anxiotensinóxeno é tamén un substrato da renina. O anxiotensinóxeno humano está formado por 452 aminoácidos e mais outros 33 aminoácidos do péptido sinal, pero os doutras especies teñen diversos tamaños. Os primeiros 12 aminoácidos son os máis importantes para a actividade, e son[2]
A anxiotensina I (CAS# 11128-99-7) fórmase pola acción da renina sobre a anxiotensinóxeno. A renina cliva o enlace peptídico entre residuos de leucina (Leu) e valina (Val) do anxiotensinóxeno, creando o decapéptido (des-Asp) anxiotensina I. A renina prodúcese nos riles en resposta á actividade simpática renal, diminución da presión arterial intrarrenal (presión arterial sistólica <90mmHg[3] ) nas células xustaglomerulares, ou diminución da chegada de Na+ e Cl- á mácula densa.[4]
A anxiotensina I parece non ter ningunha actividade biolóxica directa e existe só como precursor da anxiotensina II.
A anxiotensina I é convertida en anxiotensina II (AII) pola separación de dous residuos de aminoácidos C-terminais polo encima ACE, principalmente polo ACE dos plmóns (pero este encima tamén está presente en células endoteliais, células epiteliais renais e no cerebro). A anxiotensina II actúa sobre o sistema nervioso central para incrementar a produción da vasopresina, e tamén actúa sobre o músculo liso arterial e venoso causando vasoconstrición. A anxiotensina II tamén incrementa a secreción de aldosterona, actuando así como hormona endócrina, autócrina/parácrina e intrácrina.
O ACE é unha diana dos fármacos inhibidores do ACE, que fan diminuír a taxa de produción de anxiotensina II. A anxiotensina II incrementa a presión arterial ao estimular a proteína Gq en células do músculo liso vascular (que á súa vez activa un mecanismo dependente de IP3 que conduce a un incremento dos niveis de calcio e finalmente causan a contracción). Ademais, a anxiotensina II actúa no intercambiador de Na+/H+ no túbulo proximal dos riles ao estimular a reabsorción de Na+ e a excreción de H+, que está acoplada coa reabsorción de bicarbonato. Isto finalmente ten como resultado un incremento do volume sanguíneo, a presión e o pH.[5] Por tanto, os inhibidores do ACE son importantes fármacos antihipertensivos.
Coñécense outros produtos de clivaxe do ACE, de sete a nove aminoácidos de longo; teñen unha afinidade diferencial polos receptores da anxiotensina, aínda que o seu papel exacto aínda non está claro. A acción da propia AII é a diana dos antagonistas do receptor de anxiotensina II, que bloquean directamente os receptores AT1 de anxiotensina II.
A anxiotensina II é degradada a anxotensina III polas anxiotensinases localizadas nos glóbulos vermellos do sangue e a vasculatura da maioría dos tecidos. Ten unha vida media na circulación de menos de 1 minuto.[6]
A anxiotensina II causa un incremento na inotropía, cronotropía, liberación de catecolaminas (norepinefrina), sensibilidade ás catecolaminas, niveis de aldosterona, niveis de vasopresina e remodelación cardíaca e vasoconstrición por medio de receptores AT1 nos vasos periféricos (inversamente, os receptores AT2 tenden a impedir a remodelación cardíaca). Por isto os inhibidores do ACE e os antagonistas do receptor de anxiotensina II (ARB) axudan a impedir a remodelación que ocorre secundariamente á anxiotensina II e son beneficiosas na insuficiencia cardíaca.[7]
A anxiotensina III ten un 40% da actividade vasoconstritora da anxiotensina II, pero un 100% da actividade produtora de aldosterona.[8] Incrementa a presión arterial media.[9][10]
A anxiotensina IV é un hexapéptido que, como a anxiotensina III, ten unha actividade algo menor que a da anxiotensina II. A anxiotensina IV ten unha ampla variedade de actividades no sistema nervioso central.[11][12]
A identidade exacta dos receptores AT4 non foi aínda establecida. Hai probas de que o receptor AT4 é unha aminopeptidase regulada pola insulina (IRAP).[13] Hai probas de que a anxiotensina IV interacciona co sistema do factor de crecemento de hepatocitos (HGF) a través do receptor c-Met.[14][15]
Desenvolvéronse pequenas moléculas sintéticas análogas de anxiotensina IV cunha capacidade de penetrar a través da barreira hematoencefálica.[15]
As anxiotensinas II, III e IV teñen diversos efectos no corpo:
As anxiotensinas "modulan a expansión da masa adiposa por medio da regulación á alza da lipoxénese no tecido adiposo ... e a regulación á baixa da lipólise." [16]
Son potentes vasoconstritores directos de arterias e veas e incrementan a presión sanguínea. Este efecto conséguese por medio da activación do receptor GPCR AT1, que sinaliza a través da proteína Gq para activar a fosfolipase C e aumentar o calcio intracelular.[17]
A anxiotensina II ten un potencial protrombótico por medio da adhesión e agregación das plaquetas e a estimulación do PAI-1 e PAI-2.[18][19]
Cando se estimula o crecemento cardíaco, actívase un sistema renina–anxiotensina local (autócrino-parácrino) no cardiomiocito, que estimula o crecemento da célula cardíaca por medio da proteína quinase C. O mesmo sistema pode ser activado nas células do músculo liso en condicións de hipertensión, aterosclerose ou dano endotelial. A anxiotensina II é un impotante estimulador de Gq no corazón durante a hipertrofia.[20]
A anxiotensina II incrementa a sensación de sede (dipsóxeno) a través da área postrema e o órgano subfornical do cerebro,[21][22][23] diminúe a resposta do reflexo barorreceptor, incrementa o desexo de sal, incrementa a secreción de ADH da pituitaria posterior e incrementa a secreción de ACTH na pituitaria anterior.[21] Tamén potencia a liberación de noradrenalina por acción directa sobre as fibras posganglionares simpáticas.[24][25]
A anxiotensina II actúa sobre o córtex adrenal, causando a liberación de aldosterona, unha hormona que causa que os riles reteñan sodio e perdan potasio.[26] Os niveis plasmáticos elevados de anxiotensina II van acompañados da elevación dos niveis de aldosterona durante a fase lútea do ciclo menstrual.[27]
A anxiotensina II ten un efecto directo sobre os túbulos proximais renais incrementando a reabsorción de Na+. Ten un efecto complexo e variable sobre a filtración glomerular e o fluxo sanguíneo renal dependendo das condicións. Os incrementos na presión sanguínea sistémica manteñen a presión da perfusión renal; porén, a constrición das ateriolas glomerulares aferentes e eferentes tende a restrinxir o fluxo sanguíneo renal. O efecto sobre a resistencia arteriolar eferente é, non obstante, marcadamente maior, en parte debido ao seu menor diámetro basal; isto tende a incrementar a presión hidrostática capilar glomerular e a manter a taxa de filtración glomerular. Outros mecanismos poden afectar tamén o fluxo sangúineo e a taxa de filtración glomerular. Altas concentracións de anxiotensina II poden constrinxir o mesanxio glomerular, reducindo a área para a filtración glomerular. A anxiotensina II é un sensibilizador da retroalimentación tubuloglomerular, impedindo un excesivo aumento da taxa de filtración glomerular. A anxiotensina II causa a liberación local de prostaglandinas, as cales, á súa vez, antagonizan a vasoconstrición renal. O efecto neto deste mecanismo competidor sobre a filtración glomerular varía co ambiente fisiolóxico e farmacolóxico.[28][29]
Diana | Acción | Mecanismo[30] |
---|---|---|
arteria renal & arteriolas aferentes |
vasoconstrición (máis débil) | VDCC → influxo de Ca2+ |
arteriola eferente | vasoconstrición (máis forte) | (probablemente) activa o receptor de anxiotensina 1 → Activación da Gq → ↑ actividade da PLC → ↑IP3 e DAG → activación do receptor de IP3 no retículo sarcoplásmico → ↑ Ca2+ intracelular |
células mesanxiais | contracción → ↓área de filtración | |
túbulo proximal | incremento da reabsorción do Na+ |
|
retroalimentación tubuloglomerular | incremento da sensibilidade | incremento na resposta da arteriola aferente a sinais da mácula densa |
fluxo sanguíneo medular | redución | |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.