cambios fisiolóxicos dunha muller que facilitan a reprodución From Wikipedia, the free encyclopedia
O ciclo menstrual é o conxunto de cambios fisiolóxicos que se producen nunha muller fértil que teñen como obxecto facilitar a reprodución sexual e a fertilización do óvulo. Os cambios afectan o estado dos ovarios, útero e outros órganos, están controlados hormonalmente e teñen unha periodicidade aproximadamente mensual. Os contraceptivos hormonais interfiren cos cambios hormonais do ciclo para así impediren a concepción.
O ciclo menstrual divídese xeralmente en tres fases: a fase folicular, a fase ovulatoria (ovulación) e a fase lútea; aínda que outras fontes falan de fase de menstruación, proliferativa e secretora.[1] O ciclo menstrual empeza a contarse desde o primeiro día de sangrado menstrual.
Despois da menstruación o estímulo de cantidades gradualmente maiores de estróxenos na fase folicular fai que o fluxo da menstruación se faga menor e se deteña, e que o endometrio que reviste o útero engrose. Os folículos ováricos empezan a desenvolverse baixo a influencia dunha complexa interacción de varias hormonas, e despois de varios días un deles (ocasionalmente dous) faise dominante, entanto que o resto dos folículos (non dominantes) que se empezaron a desenvolver se atrofia e morren. Aproximadamente á metade do ciclo, entre 24 e 36 horas despois de que apareza un pico de hormona luteinizante (LH), o folículo dominante libera un óvulo, fenómeno denominado ovulación. Despois da ovulación, o óvulo só vive 24 horas ou menos se non é fertilizado, e os restos que quedan do folículo que ovulou convértense no corpo lúteo. O corpo lúteo ten como misión principal a produción de grandes cantidades da hormona proxesterona. Baixo a influencia da proxesterona, o endometrio (revestimento uterino) sofre unha serie de cambios para prepararse para unha posible implantación do embrión e o establecemento do embarazo. Se non ten lugar a implantación nun prazo de dúas semanas, o corpo lúteo dexenera, causando unha aguda caída dos niveis de proxesterona e estróxenos, e isto provocará o desprendemento da capa superficial do endometrio e o sangrado, proceso chamado menstruación, que dá comezo a un novo ciclo.
No ciclo menstrual os cambios que se observan afectan a diversas partes do aparato reprodutor feminino, mais tamén a outros aparatos (cambios nos peitos ou no estado de ánimo, por exemplo).
A primeira menstruación dunha muller denomínase menarquía, e ocorre xeralmente entre os 12-15 anos como media.[2][3] Por exemplo, segundo un estudo de 2008 a idade media da menarquía en España era de 12,43 anos[4], e un estudo de 1980 indica que en Galicia a menarquía producíase como media aos 12,7 anos (e algo antes nas zonas urbanas ca nas zonas rurais) [5] ; dita media en EEUU é de 12,5 anos,[6] no Canadá de 12,72,[7] en Reino Unido de 12,9 anos [8] e en Islandia de 13,06 ± 0,10 anos.[9] Factores como a herdanza xenética, dieta e saúde xeral poden acelerar ou atrasar a menarquía.[10]
O fin da fase reprodutiva dunha muller denomínase menopausa, que ten lugar xeralmente entre os 45 e 55 anos. A media nos países industrializados é de 52 anos e a menopausa antes dos 45 considérase prematura.[11] A idade da menopausa está en gran medida influída por factores xenéticos, pero as enfermidades, certas operacións cirúrxicas ou tratamentos médicos poden causar que a menopausa apareza antes.[12]
Xeralmente considérase que o ciclo menstrual medio é de 28 días. Un amplo estudo de máis de 30.000 ciclos en 2.300 mulleres indicou que o ciclo medio era de 29,1 días cunha desviación estándar de 7,5 días e un 95% de intervalo de confianza entre os 15 e 45 días.[13] Un estudo menos amplo de 140 mulleres realizado en 2006 encontrou que a lonxitude media do ciclo era de 28,9 días.[14]
A duración do ciclo menstrual dunha determinada muller varía normalmente, e pode ter algúns ciclos curtos e outros longos. É raro que unha muller teña variacións na duración dos seus ciclos de menos de catro días, xa que é normal unha certa variación. Unha muller con variacións de menos de 8 días entre os seus ciclos máis longos e os máis curtos considérase que ten ciclos menstruais regulares. Xeralmente, unha variación na duración entre 8 e 20 días considérase propia dun ciclo moderadamente irregular.[15] Unha variación de 21 días ou máis considérase xa moi irregular.[15]
A variabilidade da duración dos ciclos menstruais é maior nas mulleres de menos de 25 anos de idade e é menor, é dicir, máis regular, nas idades entre 35 e 39 anos.[13] A variabilidade aumenta lixeiramente para as mulleres que están no segmento de idade entre 40 e 44 anos.[13]
O ciclo menstrual pode dividirse en varias fases. A duración media de cada fase móstrase debaixo na táboa; as tres primeiras están relacionadas con cambios no endometrio, e as últimas tres con procesos que ocorren nos ovarios:
Nome da fase | Día medio de inicio asumindo que o ciclo é de 28 días | Día medio de finalización |
Fase menstrual (Menstruación) | 1 | 4 |
Fase proliferativa (Algunhas fontes inclúen a menstruación nesta fase) | 5 | 13 |
Fase ovulatoria (Ovulación) | 13 | 16 |
Fase lútea (tamén chamada fase secretora) | 16 | 28 |
Fase isquémica | 27 | 28 |
Fase folicular | 1 | 13 |
A menstruación, tamén chamada período ou regra, é o fluxo de sangue e restos de tecido que se produce ao inicio dos ciclos. Normalmente é un signo de que a muller non quedou preñada, aínda que en raros casos certos factores poden provocar o sangrado vaxinal en mulleres embarazadas durante o primeiro trimestre de xestación.[16][17]
Co termo eumenorrea desígnase a menstruación normal regular, que dura uns poucos días (xeralmente de 3 a 5 días, pero entre 2 e 7 días considérase tamén normal).[19][20] A media de perda de sangue durante a menstruación é de 35 mililitros (entre 10 e 80 mL considérase normal).[21] A causa desta perda de sangue, as mulleres son máis susceptibles á deficiencia en ferro cós homes.[22] Un encima denominado plasmina inhibe a coagulación do sangue no fuído menstrual.
Son comúns as cambras dolorosas no abdome, costas, ou parte superior das coxas durante os primeiros días da menstruación. Unha dor uterina forte durante a menstruación denomínase dismenorrea, e é moi común entre adolescentes e mulleres novas (afecta a un 67,2% das adolescentes).[23] Cando empeza a menstruación, os síntomas da síndrome premenstrual como dor nos peitos e irritabilidade diminúen xeralmente.[20]
Esta fase tamén se denomina fase proliferativa porque as hormonas causan o crecemento ou proliferación do endometrio uterino durante ela.[24]
Baixo a influencia dun aumento da hormona estimulante dos folículos (FSH) durante os primeiros días do ciclo, estimúlase o crecemento duns cantos folículos ováricos.[24] Estes folículos, que xa estaban presentes no momento do nacemento [24] e que se estiveran desenvolvendo durante case todo un ano (proceso chamado foliculoxénese), compiten uns con outros para facerse o folículo dominante. Influídos por varias hormonas, todos agás un deterán o seu crecemento, e só o que se fixo dominante continuará madurando. Este folículo chega á fase madura na que se chama folículo terciario ou folículo de De Graaf, e nel está o ovocito que ovulará.[24]
A medida que os folículos maduran, segregan cada vez máis estradiol (un estróxeno). O estróxeno inicia a formación dunha nova capa de endometrio no útero, polo que neste estado se denomina endometrio proliferativo. O estróxeno tamén estimula nas criptas do cérvix uterino a produción de moco cervical fértil, que pode ser detectado pola muller.[25]
Durante a fase folicular o estradiol suprime a produción de hormona luteinizante (LH) na adenohipófise. Cando o ovocito está case maduro, os niveis de estradiol atinguen un limiar por encima do cal empezan a estimular a produción de LH. Estas respostas opostas do LH e o estradiol poden deberse á presenza de dous receptores de estróxenos diferentes no hipotálamo: o receptor de estróxenos alfa, que é responsable do bucle de retroalimentación negativa estradiol-LH, e o receptor de estróxenos beta, que é responsable do efecto positivo estradiol-LH.[26] Nun ciclo medio esta ondada de LH comeza arredor do día 12 do ciclo e pode durar 48 horas.
A liberación de LH fai madurar o ovocito e debilita a parede do folículo ovárico, causando que o folículo se desenvolva totalmente e libere o ovocito secundario que contén.[24] O ovocito secundario remata a súa maduración transformándose no óvulo maduro. O óvulo maduro ten un diámetro duns 0,2 mm.[27]
O feito de que a ovulación aconteza no ovario esquerdo ou no dereito parece ser casual, e non se coñece que exista coordinación entre ambos os ovarios.[28] Ocasionalmente, ambos os ovarios poden liberar un óvulo;[28] se ambos os óvulos son fecundados, o resultado é a formación de xemelgos fraternos.[29]
Ao ser liberado do ovario, o óvulo pasa ao espazo peritoneal, onde é recollido polas fimbrias das trompas de Falopio e acaba en ditas trompas. Despois de pasado un día, o óvulo non fertilizado desintégrase na trompa de Falopio.[24]
A fertilización do óvulo polo espermatozoide, se ocorrer, xeralmente ten lugar na parte final máis larga da trompa de Falopio, chamada ampola da trompa de Falopio. Un óvulo fertilizado empeza inmediatamente o proceso da embrioxénese humana. O embrión en desenvolvemento tarda uns tres días en chegar ao útero e outros tres días en implantarse no endometrio.[24] Normalmente, o embrión chegou nese momento ao estado de blastocisto, no cal se implanta.
Nalgunhas mulleres, a ovulación produce unha certa dor abdominal.[20] O súpeto cambio hormonal do momento da ovulación ás veces causa tamén un lixeiro fluxo sanguíneo no medio do ciclo.[30]
A fase lútea tamén se chama fase secretora. Nela é fundamental a actuación do corpo lúteo, o cal se orixinou a partir da transformación dos restos do folículo postovulatorio. O corpo lúteo continúa a medrar durante algún tempo despois da ovulación e produce cantidades significativas de hormonas, especialmente proxesterona.[24] A proxesterona é vital para que o endometrio se faga receptivo á implantación do blastocisto e o manteña durante o inicio do embarazo; tamén ten o efecto de facer aumentar a temperatura basal corporal da muller.[31]
A formación do corpo lúteo debeuse á influencia sobre o folículo postovulatorio das hormonas FSH e LH, e a proxesterona que este produce fai que as glándulas adrenais produzan estróxeno. As hormonas producidas polo corpo lúteo tamén suprimen a produción de FSH e LH, que o propio corpo lúteo precisa para manterse. Como consecuencia da baixada rápida de FSH e LH o corpo lúteo atrófiase e dexenera.[24] Ao dexenerar caen os niveis de proxesterona, o que desencadea a menstruación e o comezo do seguinte ciclo. Desde a ovulación ata o comezo da menstruación adoitan pasar unhas dúas semanas (14 días). Nunha determinada muller a duración da fase folicular pode variar de ciclo a ciclo, pero, polo contrario, a fase lútea ten unha duración bastante constante.[32]
A perda do corpo lúteo non se produce se o óvulo foi fecundado, xa que o embrión resultante produce gonadotropina coriónica humana (hCG), que é moi similar á LH e mantén o corpo lúteo durante uns meses, ata que a placenta tome o relevo na produción de hormonas. Como a hCG é exclusiva do embrión, a maioría das probas de embarazo buscan a presenza desta hormona.[24]
O período de maior fertilidade (coa maior posibilidade de embarazo ao ter unha relación sexual) está comprendido entre os 5 días antes da ovulación e 1 ou 2 días despois.[33] Nun ciclo de 28 días con 14 días de fase lútea, isto corresponde co período entre a segunda semana e o inicio da terceira. Ideáronse varios métodos para axudar a que unha muller estime os días relativamente fértiles ou relativamente infértiles dos seus ciclos, chamados métodos contraceptivos naturais. Algúns destes métodos baséanse en medir a duración dos ciclos e denomínanse métodos baseados no calendario.[34] Os métodos que requiren a observación dun ou máis dos tres principais signos de fertilidade (temperatura basal corporal, moco cervical, e posición cervical) [35] denomínanse métodos baseados nos síntomas.[34] Existen tests de urina en farmacia, denominados predictores da ovulación, que detectan a ondada de LH que aparece de 24 a 36 horas antes da ovulación.[36]
A fertilidade tamén depende da idade da muller.[37][38] Como os gametos dos que potencialmente poderá dispoñer a muller se forman na idade fetal,[39] e algúns son ovulados décadas despois, suxeriuse que esta vida tan longa no corpo pode facer que a cromatina dos ovocitos sexa máis vulnerable cá dos espermatozoides (que se forman continuamente). Porén, malia o que cabería esperar segundo esta hipótese, obsérvase un efecto similar en homes e mulleres en relación coa idade sobre a fertilidade ou anormalidades nos gametos ou no embarazo.
Algunhas mulleres con trastornos neurolóxicos experimentan un agravamento dos síntomas nun mesmo momento do seu ciclo menstrual. Por exemplo, a caída menstrual dos niveis de estróxenos desencadea xaquecas,[40] especialmente cando a muller que sofre as xaquecas está tamén tomando a pílula anticonceptiva. Moitas mulleres que sofren de epilepsia teñen máis crises cun patrón asociado co ciclo menstrual; e isto denomínase "epilepsia catamenial".[41] Parecen existir diferentes patróns (como ataques epilépticos coincidentes co momento da menstruación, ou co momento da ovulación), mais a frecuencia coa que ocorren non foi aínda firmemente establecida. Seguindo unha determinada definición do fenómeno, nun estudo atopouse que arredor dun terzo das mulleres con epilepsia parcial intratable tiñan epilepsia catamenial.[41][42][43] Suxeriuse que existe un efecto hormonal, no cal a baixada nos niveis de proxesterona e o incremento de estróxenos desencadearían as crises epilépticas.[44] Recentemente, algúns estudos atoparon que as doses altas de estróxenos poden causar ou empeorar as crises, e as doses altas de proxesterona poden ter un efecto antiepiléptico.[45] Outros estudos publicados en revistas médicas indican que as mulleres que están menstruando teñen unha probabilidade 1,68 veces maior de cometer suicidio.[46]
Os ratos utilízanse como modelo experimental para investigar os posibles mecanismos polos cales os nives de esteroides sexuais hormonais poderían regular o funcionamento do sistema nervioso. Durante a parte do ciclo estral do rato no que a proxesterona está a un nivel máis alto, o nivel do receptor GABA subtipo delta das neuronas é tamén alto. Como eses receptores GABA son inhibirtorios, as neuronas con máis receptores delta é menos probable que envíen impulsos cós que teñen menor cantidade de ditos receptores. Durante a parte do ciclo do rato no que os niveis de estróxenos están máis altos cós de proxesterona, o número de receptores delta decrece, incrementando a actividade da neurona, o que aumenta a ansiedade e a susceptibilidade ás crises.[47]
Os niveis de estróxenos poden afectar tamén á tiroide.[48] Por exemplo, durante a fase lútea do ciclo (cando os estróxenos están baixos), a velocidade do fluxo sanguíneo na tiroide é menor ca durante a fase folicular (cando os estróxenos están máis altos).[49]
Antes pensábase que entre mulleres que vivían xuntas en estreita convivencia tendía a sincronizarse o comezo da menstruación. Este efecto describiuse por primeira vez en 1971, e propúxose en 1998 unha explicación para el baseada na produción de feromonas.[50] Pero posteriores investigacións puxeron esta hipótese en cuestión.[51]
A menstruación pouco frecuente ou irregular denomínase oligoovulación.[52] A ausencia de ovulación chámase anovulación. O fluxo menstrual normal pode presentarse sen ir precedido dunha ovulación, é dicir, nun ciclo anovulatorio. Nalgúns ciclos, o desenvolvemento folicular pode comezar pero non completarse totalmente; porén, os estróxenos estimulan igualmente a formación do endometrio uterino. O fluxo anovulatorio orixinado pola descamación dun endometrio moi desenvolvido resultante de niveis de estróxenos altos e prolongados denomínase sangrado en medio do ciclo (estrogen breakthrough bleeding). Os ciclos anovulatorios ocorren xeralmente na menopausa (perimenopausa) e nas mulleres con síndrome de ovario poliquístico.[53]
Un fluxo moi pequeno (menos de 10 mL) denomínase hipomenorrea. Os ciclos regulares con intervalos de 21 días ou menos denomínanse polimenorrea; e a menstruación frecuente pero irregular coñécese como metrorraxia. Os fluxos abundantes súpetos ou cantidades superiores a 80 mL denomínanse menorraxia.[54] As menstruacións abundantes que se presentan de forma frecuente e irregular coñécense como menometrorraxia. O termo co que se denominan os ciclos con intervalos que superan os 35 días é oligomenorrea.[55] O termo amenorrea aplícase cando, en mulleres non embarazadas, en idade reprodutora as menstruacións non se producen nun período de tres [54] a seis [55] meses.
Algúns estudos indican que as mulleres con ciclos irregulares regularizan os seus ciclos cando son expostas a extractos das secrecións da axila masculina.[56] Os autores deses estudos hipotetizan que a explicación pode ser que na axila se producen feromonas.[56]
Os contraceptivos hormonais funcionan interrompendo o ciclo menstrual. A retroalimentación negativa exercida polos proxestáxenos fai decrecer a frecuencia pulsátil de liberación de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) polo hipotálamo, a cal fai diminuír a liberación de hormona estimulante dos folículos (FSH) e hormona luteinizante (LH) pola adenohipófise ou pituitaria anterior. A diminución dos niveis de FSH inhibe o desenvolvemento folicular, impedindo así que se incremente a produción de estradiol. A retroalimentación negativa dos proxestáxenos e a falta da retroalimentación positiva dos estróxenos sobre a liberación de LH impide a ondada de LH de metade do ciclo. En consecuencia, a inhibición do desenvolvemento folicular e a ausencia da ondada de LH impide a ovulación.[57][58][59]
Os contraceptivos hormonais poden conter só proxestáxenos ou poden ser contraceptivos combinados, que conteñen estróxenos e proxestáxenos. A dose hormonal que conteñen pode ser baixa, intermedia ou alta.
O grao de supresión da ovulación dos contraceptivos con só proxestáxeno depende da actividade e dose do proxestáxeno. Os contraceptivos de só proxestáxeno de baixa dose (as tradicionais pílulas de só proxestáxenos, os implantes subdérmicos, e o sistema intrauterino) inhiben a ovulación en ~50% dos ciclos e dependen para a súa efectividade como contraceptivos principalmente doutros efectos, como o espesamento do moco cervical.[60] Os contraceptivos de só proxestáxenos de doses intermedias (pílulas de só proxestáxenos e implantes subdérmicos) permiten algún desenvolvemento folicular pero inhiben a ovulación nun 97–99% dos ciclos, e con eles teñen lugar os mesmos cambios do moco cervical cós producidos polos proxestáxenos de moi baixa dose. Os contraceptivos de só proxestáxenos de alta dose (inxectables) inhiben completamente o desenvolvemento folicular e a ovulación.[60]
Os contraceptivos hormonais combinados conteñen tanto estróxeno coma proxestáxeno. A retroalimentación negativa dos estróxenos sobre a adenohipófise fai decrecer moito a liberación de FSH, o que fai aos contraceptivos hormonais combinados máis efectivos na inhibición do desenvolvemento folicular e para impedir a ovulación. Os estróxenos tamén reducen a incidencia do sangrado en medio do ciclo irregular.[57][58][59] Varios contraceptivos hormonais combinados (pílulas e parches) utilízanse xeralmente dun modo que causa o sangrado (regra) por privación da hormona. Como nos ciclos normais, a menstruación ocorre cando os niveis de estróxenos e proxesterona caen rapidamente,[31] un descanso temporal no uso dos contraceptivos hormonais combinados durante unha semana (tomando pílulas placebo, ou suspendendo o uso do parche) ten o efecto similar de causar a descamación do endometrio. Se non se desexa o sangrado (regra) por privación da hormona, os contraceptivos hormonais combinados poden tomarse continuamente, sen a mencionada interrupción, aínda que isto incrementa o risco de sangrado en medio do ciclo.
A lactación materna produce unha retroalimentación negativa sobre os pulsos de secreción de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) e de hormona luteinizante (LH). Dependendo da potencia con que actúe esta retroalimentación negativa, as mulleres que están dando o peito aos seus fillos poden experimentar algún dos seguintes fenómenos: unha completa supresión do desenvolvemento folicular, ou ben desenvolvemento folicular pero sen ovulación, ou tamén poden recomezar os ciclos menstruais normais.[61] A supresión da ovulación é máis probable cando a succión do meniño se produce con máis frecuencia.[62] A produción de prolactina en resposta á succión é importante para manter a amenorrea lactacional.[63] Como media, nas mulleres que están alimentando aos seus fillos totalmente dando o peito con succións frecuentes obsérvase unha reaparición da menstruación catorce meses e medio despois do parto. Hai un amplo rango de respostas entre as mulleres que están dando de mamar; a algunhas vólvelles a menstruación aos dous meses e outras permanecen no estado amenorreico durante 42 meses despois do parto.[64]
A palabra menstruación está etimoloxicamente relacionada con lúa, concretamente coa palabra latina mensis (mes), que á súa vez está relacionada co termo grego mene (lúa).[65]
Algúns autores cren que as mulleres nas sociedades tradicionais doutras épocas históricas nas que non había iluminación artificial nocturna ovulaban coa lúa chea e menstruaban coa lúa nova,[66] e mesmo algúns autores documentan os controvertidos intentos de utilizar esa posible asociación coas fases da lúa para mellorar un "método de calendario" para regular a concepción.[65][67]
Publicáronse algúns estudos en humanos e outros animais [68] que atoparon que a luz artificial nocturna inflúe no ciclo menstrual dos humanos e no ciclo estral dos ratos (os ciclos son máis regulares en ausencia de luz artificial nocturna). Suxeriuse tamén que a exposición á luz pola mañá favorece que os ciclos sexan máis regulares.[69] Un autor mesmo suxeriu que a sensibilidade dos ciclos das mulleres á iluminación artificial nocturna está causada por deficiencias nutricionais en certas vitaminas e minerais.[70]
Por outra parte, en relación coas fases da lúa, aínda que se publicaron algúns estudos que mostraban unha correlación entre o ciclo menstrual das mulleres e as fases do ciclo lunar,[71][72] unha metaanálise de todos os estudos realizados desde 1996 non mostrou que houbese ningunha correlación.[73][74][75][76][77] Fixéronse tamén estudos sobre o pobo africano dogon, que en xeral non utiliza luz eléctrica e pasa a maioría das noites ao aire libre, para ver se, sen a interferencia da luz eléctrica, a lúa influía nos seus ciclos menstruais, pero non se observou que houbese neles ningunha correlación entre as fases da lúa e o seu ciclo menstrual.[78]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.