Factor de crecemento de hepatocitos

From Wikipedia, the free encyclopedia

Factor de crecemento de hepatocitos

O factor de crecemento de hepatocitos (HGF) (ou factor de dispersión, en inglés scatter factor ou SF) é un factor de crecemento celular parácrino, de motilidade e morfoxénico. É segregado polas células mesenquimais e ten como diana e actúa principalmente sobre células epiteliais e endoteliais, pero tamén actúa sobre as células proxenitoras hematopoéticas e células T. Ten un importante papel no desenvolvemento de órganos embrionarios, especificamente na mioxénese, na rexeneración de órganos adultos e na curación de feridas.[1]

PDB 1bht
Factor de crecemento de hepatocitos
Identificadores
Símbolo HGF
Símbolos alt. DFNB39, F-TCF, HGFB, HPTA, SF, hepatocyte growth factor
Entrez 3082
OMIM

142409

RefSeq NP_000592
UniProt P14210
Outros datos
Locus Cr. 7 7q21.11:(81.7 – 81.77 Mb)

Función

O factor de crecemento do hepatocito regula o crecemento celular, a motilidade celular e a morfoxénese ao activar a fervenza de sinalización da tirosina quinase despois de unirse ao receptor protooncoxénico c-Met.[2][3] O HGR é segregado polas células mesenquimais e actúa como unha citocina multifuncional en células de orixe principalmente epitelial. A súa capacidade de estimular a mitoxénese, motilidade celular e invasión da matriz dálle un papel central na anxioxénese, tumoroxénese e rexeneración de tecidos.[4]

Estrutura

Segrégase en forma dun só polipéptido inactivo e despois é clivado por serina proteases dando unha cadea alfa de 69 kDa e outra beta de 34 kDa. Unha ponte disulfuro entre as cadeas alfa e beta úneas dando lugar ao produto activo heterodimérico. A proteína pertence á subfamilia do plasminóxeno de peptidases S1, pero non ten actividade detectable de protease.[4]

Importancia clínica

A terapia de ADN de plásmido de HGF humano de cardiomiocitos está sendo examinada como posible tratamento da enfermidade da arteria coronaria e como traramento para os danos ocorridos no corazón despois dun infarto de miocardio.[5][6] Ademais dos efectos ben caracterizados do HGF sobre as células epitaliais, endoteliais e proxenitoras hematopoéticas, o HGF tamén regula a quimiotaxe de células T no tecido cardíaco. A unión do HGF o c-Met, expresado en células T, causa a regulación á alza de c-Met, CXCR3 e CCR4, que á súa vez lles dá a capacidade de migrar ao tecido cardíaco.[7] O HGF tamén promociona a anxioxénese nas lesións isquémicas.[8] O HGF pode xogar un papel como indicador de prognóstico para a artralxia inducida polo virus Chikungunya. Os niveis altos de HGF correlaciónanse con altas taxas de recuperación.[9]

A expresión excesiva local de HGF nas mamas foi implicada na macromastia.[10] O HGFestá tamén implicado de forma importante no desenvolvemento normal da glándula mamaria.[11][12]

O HGF foi implicado en diversos cancros, como o de pulmón, páncreas, tiroide, colon e mama.[13][14][15]

O incremento da expresión de HGF foi asociada coas capacidades de mellora e non formación de cicatriz na curación de feridas de fibroblastos illados do tecido da mucosa oral.[16]

Niveis de plasma circulantes

O plasma de pacientes con insuficiencia cardíaca avanzada presenta niveis incrementados de HGF, o cal se correlaciona cun prognóstico negativo e un alto risco de mortalidade.[17][18] O HGF circulante foi tamén identificado como marcador de prognóstico que indica gravidade en pacientes que padecen hipertensión.[19][19] O HGF circulante tamén se suxeriu como posible biomarcador precoz da fase aguda da inflamación intestinal.[20]

Farmacocinética

O HGF exóxeno administrado por inxección intravenosa é eliminado rapidamente da circulación polo fígado, e ten unha vida media de aproximadamente 4 minutos.[21][22][23][24]

Moduladores

Dihexa é unha pequena molécula oralmente activa e penetrante centralmente que se une directamente ao HGF e potencia a súa capacidade de activar o seu receptor, c-Met.[25] É un forte indutor da neuroxénese e está sendo estudada para a súa posible aplicación no tratamento da enfermidade de Alzheimer e a de Parkinson.[26][27]

Interaccións

O factor de crecemento de hepatocitos presenta interaccións co produto proteico do oncoxene c-Met, identificado como receptor de HGF (HGFR).[2][28][29] Tanto a sobreexpresión da proteína do receptor Met/HGFR coma a activación autócrina de Met/HGFR pola expresión simultánea do ligando factor de crecemento de hepatocitos foron implicadas na oncoxénese.[30][31] O factor de crecemento de hepatocitos interacciona cos glicosaminoglicanos sufatados heparán sulfato e dermatán sulfato.[32][33] A interacción co heparán sulfato permite que o factor de crecemento de hepatocitos forme un complexo con c-Met que pode transducir sinais intracelulares que orixinarán a división celular e a migración celular.[32][34]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.