From Wikipedia, the free encyclopedia
As células mesanxiais son células especializadas do mesanxio dos riles, que rodean os vasos sanguíneos alí situados. O mesanxio é un tecido situado no corpúsculo renal. As células mesanxiais son células musculares lisas especializadas que funcionan regulando o fluxo de sangue a través dos capilares. Divídense xeralmente en dous tipos, con diferente función e localización, que son:
As células mesanxiais intraglomerulares son pericitos especializados localizados dentro do glomérulo entre os capilares dos glomérulos renais no corpúsculo renal. Son células estreladas con moitas prolongacións cara ao endotelio dos capilares, e con unións comunicantes (gap junctions)[1].
Exercen principalmente as funcións de filtración, soporte estrutural, e fagocitose.
As células mesanxiais intraglomerulares proporcionan un soporte estrutural para os capilares glomerulares e regulan o fluxo de sangue en ditos capilares grazas á súa capacidade contráctil. A iniciación da contracción das células mesanxiais é similar á do músculo liso. A contracción das células mesanxiais está asociada coa contracción da membrana basal do endotelio dos capilares glomerulares. Isto causa o decrecemento da área superficial da membrana basal e así producen un descenso da taxa de filtración glomerular.[2][3]
As células mesanxiais intraglomerulares contribúen tamén de forma importante á formación da matriz extracelular, a cal contén fibronectina, coláxeno tipo IV, perlecán, e laminina. Liberan tamén mediadores inflamatorios e inmunes.[4]
As células mesanxiais tamén fagocitan compoñentes da lámina basal e inmunoglobulinas. Son un exemplo pouco común de células fagocíticas derivadas de células musculares lisas e non de monocitos. As células mesanxiais colaboran cos neutrófilos na eliminación doutras células mesanxiais que sufriron apoptose e tamén outros residuos situados nos glomérulos.[5]
As células mesanxiais extraglomerulares, tamén chamadas células do lacis (ás veces escrito de Lacis), células da almofada polar ou células de Goormaghtigh (en honor do patólogo belga Norbert Goormaghtigh)[6], están localizadas nos riles fóra do glomérulo, situadas nas proximidades do polo vascular da mácula densa, entre esta e as arteríolas aferente e eferente. As células do lacis forman parte do aparato xustaglomerular xunto con outros dous tipos de células: as da mácula densa do túbulo contornado distal e as células xustaglomerulares da arteríola aferente. Este aparato controla a presión sanguínea por medio do sistema renina-anxiotensina-aldosterona. Son células que envían prolongacións ata preto da mácula densa e presentan moitas unións comunicantes. Con microscopía electrónica a base das células da macula densa parece interdixitarse coas células do lacis de modo complexo. Son bastante planas e están unhas encima das outras separadas por unha rede de membranas basais. Son en xeral células agranulares, pero algunhas presentan pequenos gránulos.[7] A función específica das células do lacis non se coñece con exactitude, aínda que foron asociadas coa secreción de eritropoetina e poderìan ter unha función de soporte e colaboraren co aparato xustaglomerular e contribuíren ao control tubuloglomerular.[8][9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.