filla de Electrión e nai de Heracles From Wikipedia, the free encyclopedia
Alcmena foi un personaxe mitolóxico, filla de Electrión, rei de Micenas, e esposa de Anfitrión. Seducida por Zeus, foi a nai de Heracles (ou Hércules)[1]; e como precursora dos Heráclidas foi adorada en Tebas e Atenas. Segundo Grimal, Alcmena foi a última muller mortal coa que se deitou Zeus.
Nome orixinal | (el) Ἀλκμήνη |
---|---|
Biografía | |
Lugar de sepultura | Tomb of Alkmene at Megara (en) |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Cónxuxe | Anfitrión Radamantis |
Parella | Zeus |
Fillos | Heracles () Zeus Laonome () Anfitrión Erythrus () Radamantis Ificles () Anfitrión Hércules () Xúpiter Gortys () Tegeates |
Pai | Electrión |
Descrito pola fonte | Realencyclopädie der classischen Altertumswissenschaft (pt) Encyclopædia Britannica Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru (en) |
Electrión casara con Anaxo, filla de Alceo,[2] e enxendrou dez fillos, entre eles Alcmena.[3] Un día presentáronse ante el os fillos de Pterelao e reclamaron o reino. Electrión negouse e houbo un enfrontamento no que morreron tanto os fillos de Electrión (agás Licimnio, fillo bastardo) como os fillos de Pterelao (agás Everes). O exército deste logrou fuxir co botín de guerra, que foi recuperado por Anfitrión pero cando este estaba arrecadando o gando roubado, unha vaca intentou escapar e Anfitrión tiroulle unha maza, coa mala sorte que rebotou nun corno e foi dar na cabeza de Electrión, matándoo. Anfitrión foi exiliado de Argos e marchou con Alcmena e Licimnio a Tebas. E como Alcmena fixera a promesa de casar a quen vingase a morte dos seus irmáns,[4] Anfitrión comprometeuse a facelo e organizou unha expedición contra aqueles. Finalmente, Pterelao morreu e Anfitrión logrou conquistar os seus territorios, regresando vitorioso a Tebas.
Aproveitando que o seu home, Anfitrión, estaba na guerra, Zeus adoptou a figura del e, simulando ser Anfitrión, pois coñecía a virtude dela, xaceu con Alcmena. Para prolongar o momento, Zeus fixo que a noite durase como tres, prohibindo a Helios, o Sol, que saíse nese tempo. Cando realmente chegou Anfitrión, sorprendeuse ó ver que Alcmena non lle daba a debida benvida e preguntoulle a razón, e ela contestou que xa dormira con el a noite anterior e que lle contara os detalles da guerra e da vitoria. En todo caso, xaceu tamén co home e quedou embarazada dos dous, de xeito que nacerían os dous fillos cunha noite de intervalo.
Anfitrión nun principio pensou en castigala por infiel: ía queimala no lume pero Zeus mandou unha intensa chuvia. O adiviño Tiresias explicoulle que a unión fora feita con Zeus e el aceptouno como un honor.
"Pero antes de que Anfitrión regresase a Tebas, Zeus presentouse unha noite e, triplicando a súa duración, tras adoptar a figura de Anfitrión, xaceu con Alcmena e contoulle o ocorrido cos Teléboas"(Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8)
Durante o embarazo, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles. Pero Hera, a celosa esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos e, polo tanto, das comadroas) que o detivese,[5] e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena (do palacio ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo, fillo de Esténelo e Nícipe. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Irritada polo engano, Ilitía converteu a Galantis en donicela e condenouna a parir pola boca, por ter unha boca mentireira. Pero mentres tanto, naceu Euristeo e recibiu o trono de Micenas.
"A Íole acolleuna Hilo, por orde de Hércules, no seu leito e no seu corazón, e encheulle o seu ventre de nobre semente, cando Alcmena lle dixo así: Que os deuses che axuden e abrevien o transo cando, a piques de parir, invoques a Ilitía, protectora das asustadas parturientes; esta, por compracer a Xuno [Hera] tornouse severa contra min. Pois, chegado o día de parir a este Hércules, sufridor de traballos, e gravitando o sol xa sobre o noveno signo do zodíaco, o peso distendíame o ventre e o que levaba era tan grande que se podería dicir que era Xúpiter o autor da oculta carga, e xa non podía eu soportar as dolores por máis tempo"(Ovidio: Metamorfosis IX, 273-323)
Cando Heracles tiña oito meses,[6] Hera, que quería a morte do meniño, mandou ó berce dúas enormes serpes e, mentres Alcmena pedía axuda a Anfitrión, Heracles matounas esganándoas coas mans.[7] Segundo Ferécides, foi o propio Anfitrión quen as puxo, para comprobar cal dos dous era o seu fillo: ó ver que Heracles se enfrontaba con elas mentres Ificles fuxía, comprendeu que este segundo era o seu fillo e Heracles o fillo do deus.[8]
A partir de entón, Anfitrión educou a Heracles como fillo propio.
Trala morte de Anfitrión, Alcmena intentou volver á súa terra, Tirinto, con Heracles (que xa rematara os seus doce traballos), Ificles e Iolao, pero Euristeo non o permitiu. Incluso, despois de morrer Heracles, Alcmena e os seus descendentes foron expulsados de Corinto e de Traquis e houberon de fuxir a Atenas. Euristeo esixiu que a botasen da cidade e os atenienses negáronse, polo que lles declarou a guerra, pero Euristeo morreu e entregaron a súa cabeza a Alcmena, que lle sacou os ollos. Eurípides recolleu este episodio como argumento da súa traxedia Os Heráclidas, onde introduce a variante de que Euristeo é capturado vivo e entregado a Alcmena, que decide que o maten.
Alcmena sobreviviu a Heracles e estableceuse en Tebas, cos seus descendentes. Cando morreu, xa a idade avanzada, e foron enterrala, Zeus mandou a Hermes que roubara o corpo e o transportara corpo á Illa dos Benaventurados, deixando unha pedra no seu sitio. Pausanias escribiu que os tebanos afirmaban que se converteu en pedra[9] pero noutra pasaxe di que a súa tumba está en Mégara.[10], pois se afirma que morreu de camiño a Tebas e o oráculo de Delfos aconsellou darlle terra alí mesmo en lugar de regresar a Argos ou continuar ata Tebas[11].
"Hai tamén [en Tebas] ruínas da casa de Lico e o sepulcro de Sémele, pero non o de Alcmena. Din que, cando morreu, converteuse en pedra, e non concordan cos de Mégara no relativo a ela"Pausanias IX, 16.7
Unha vez na Illa dos Benaventurados, Alcmena foi remozada e casou con Radamantis (xuíz no Hades e fillo de Zeus e Europa)[12]. Cóntase que os que levaban o ataúde notaron que era demasiado pesado, polo que o abriron e descubriron que contiña unha pedra. Entón, deixaron a pedra nun bosque sagrado de Tebas, onde é adorada como deusa.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.