From Wikipedia, the free encyclopedia
WikiLeaks (WikiFiltracións ou WikiFugas en inglés) é unha organización internacional dos medios de comunicación e sen ánimo de lucro que publica a través do seu sitio web informes anónimos e documentos filtrados con contido sensíbel en materia de interese público, preservando o anonimato das súas fontes.[1] O lanzamento da páxina web realizouse en decembro de 2006, e a súa actividade comezou en xullo de 2007 e desde esta data a súa base de datos creceu constantemente até acumular 1,2 millóns de documentos.[2] Está xestionado por The Sunshine Press.[3]
A organización ofrécese a recibir filtracións que desvelen comportamentos non éticos por parte de gobernos, relixións e empresas de todo o mundo, e concretamente dos países que consideran que teñen réximes totalitarios. Polo de agora as actividades máis destacadas de WikiLeaks centráronse na actividade exterior dos Estados Unidos,[4] especialmente en relación coas guerras de Iraq e de Afganistán.[5]
WikiLeaks descríbese a si mesma como unha organización fundada por disidentes chineses, así como por periodistas, matemáticos e tecnólogos de empresas start-up dos Estados Unidos, Taiwán, Europa, Australia e Suráfrica.[6] Os creadores de WikiLeaks non foron formalmente identificados.[7] Un dos seus asesores, editor xefe e actual director é o australiano Julian Assange. O voceiro, desde setembro de 2010, é Kristinn Hrafnsson, despois da renuncia de Daniel Domscheit-Berg, o cal planea fundar o seu propio portal de filtracións.[8][9]
A pesar do seu nome, Wikileaks non é un sitio wiki habitual, xa que actualmente os lectores que non teñen os permisos adecuados non poden cambiar o seu contido. WikiLeaks usa unha versión modificada do software de MediaWiki[3] e o seu servidor principal está aloxado no ISP sueco PRQ.[10] Para protexer o anonimato dos seus informantes, WikiLeaks utiliza OpenSSL, Freenet, Tor e PGP.[3] En agosto de 2010 o Partido Pirata sueco firmou con Wikileaks un acordo para aloxar a súa páxina web e poder conseguir a inmunidade da súa páxina.[11] Non obstante, debido á derrota electoral deste partido, non prosperou a iniciativa de ofrecer inmunidade a Wikileaks.[12]
Ante os ataques de denegación de servizo (DDoS), pola filtración Cable Gate o 30 de novembro de 2010 WikiLeaks traslada a súa información aos servidores Amazon EC2 de computación en nube de Amazon.[13] O día 1 de decembro Amazon, ante as presións do senador Joe Liebermann, deixa de albergar a WikiLeaks. WikiLeaks, a través de Twitter, sinala que se Amazon está en contra da Primeira Emenda debería deixar de vender libros[14].
O 15 de marzo de 2010 Wikileaks publicou un informe do Departamento de Defensa dos Estados Unidos no cal trataba varias filtracións protagonizadas por esta web relacionadas con intereses estadounidenses e propoñía diversas vías para marxinala.
O día 5 de abril de 2010 WikiLeaks publicou un vídeo[15] onde se ven soldados estadounidenses asasinando o reporteiro de Reuters Namir Noor-Eldeen, o seu axudante e nove persoas máis, algunhas delas cando ían recoller os mortos e feridos. Vese claramente que ningún deles fixo o amago de atacar o helicóptero Apache desde o cal lles dispararon: nin tan sequera o miraron. Aínda que a axencia Reuters solicitou en numerosas ocasións o material, negóuselles até que WikiLeaks o conseguiu inédito e puxo en xaque o aparato militar dos Estados Unidos, manchando a imaxe deste exército no mundo[16]. O material foi subministrado por Chelsea Manning.[17]
O exército dos Estados Unidos negou que incumprise as súas normas de enfrontamento.
En relación coa Guerra de Afganistán iniciada en 2001, o 25 de xullo de 2010 os periódicos The Guardian,[18][19] The New York Times[20][21] e Der Spiegel[22] fixeron públicos un conxunto duns 92.000 documentos sobre a guerra de Afganistán entre os anos 2004 e 2009. Estes chegaron a través de Wikileaks sen compensación económica á páxina.[23]
Entre os documentos inclúense sucesos non revelados até aquela altura: vítimas civís provocadas por soldados dos Estados Unidos e por soldados dos países aliados, fogo amigo, conexións entre a intelixencia paquistaní e os talibáns insurxentes.[24][25][26][27] Outros documentos, ao redor de 15.000, non foron liberados por falta de comprobar que non supoñan un perigo para xente inocente, namentres que outros non serán filtrados polo mesmo motivo.[28][29]
O goberno dos Estados Unidos acusou a WikiLeaks de pór en perigo a vida de civís aos que se tomou declaración para elaborar os informes militares. O fundador de WikiLeaks, Julian Assange, manifestou que a Casa Branca estaba informada unha semana antes da publicación co obxecto de "minimizar a aparición dos nomes dalgúns informantes". Segundo Assange, o Goberno dos EEUU negouse a colaborar e non deu resposta ningunha.[30][31] Estes contactos previos á publicación foron negados polo Pentágono.[32]
O 29 de xullo colgouse na páxina un arquivo denominado Insurance file ("Arquivo seguro" en inglés). O arquivo, de 1,4 GB, está cifrado con AES polo que se precisa dunha clave, de 256 bits, para o descifrar. Especúlase con que se trataría dunha filtración cuxo contrasinal se faría pública en caso de que Wikileaks sufrira algún ataque grave, como a detención de Julian Assange.
O 22 de outubro de 2010 Wikileaks publícase Irak War Logs (Documentos da guerra de Iraq), 391.831 documentos filtrados desde O Pentágono (sede do Departamento de Defensa dos Estados Unidos) sobre a guerra de Iraq e a súa ocupación entre o 1 de xaneiro de 2004 e o 31 de decembro de 2009 nos que se revelan, entre outros asuntos, o uso sistemático de torturas, a cifra de 109.032 mortos en Iraq -dos que 66.081 foron civís, o 63%; 23984 'inimigos etiquetados como insurxentes'; 15.196 do "país anfitrión" (as forzas do goberno iraquí) e 3.771 foron mortos "amigos" (forzas da coalición)-. Cada día, de media, morreron 31 civís, durante un período de seis anos. Nos 'Diarios da Guerra Afgá', publicado anteriormente por Wikileaks, que abrangue o mesmo período, morreron unhas 20.000 persoas. Ademais do número de mortos e outros crimes,[33] a filtración confirma a axuda de Irán ás milicias iraquís. Como na filtración dos Diarios da Guerra de Afganistán o seguimento da filtración fíxose a través da páxina de wikileaks e das edicións dixitais de The Guardian[34] e The New York Times,[35] Le Monde,[36] Der Spiegel,[37] Al Jazeera[38] e o Bureau of Investigative Journalism.[39][40][41][42]
The Guardian informou que o 21 de outubro recibira todos os documentos.[43] O 22 de outubro de 2010 Al Jazeera, adiantándose media hora ao horario establecido, lanzou a filtración denominada Rexistros da Guerra de Irak. Pouco despois de que o material de orixe estivese dispoñíbel nos medios indicados colgouse na páxina WikiLeaks con funcións de buscas, debido á cantidade de material filtrado. A BBC, citando o Pentágono, considera os Rexistros da Guerra de Irak "a maior filtración de documentos clasificados da súa historia."[44]
Segundo Julian Assange, os documentos da guerra de Iraq publicados reflicten a verdade da guerra de Iraq:[45] as autoridades estadounidenses deixaron sen investigar centos de informes que denunciaban abusos, torturas, violacións e incluso asasinatos cometidos sistematicamente pola Policía e o Exército iraquí, aliados das forzas internacionais que invadiron o país. Oficiais británicos e estadounidenses insistían até agora en que non había rexistro oficial das vítimas. Os informes, apoiados por evidencias médicas, describen a situación de prisioneiros cos ollos vendados, coas mans atadas, recibindo golpes, lategazos e soportando descargas eléctricas. Todas estas torturas foron realizadas co coñecemento do Pentágono, das autoridades militares e políticas dos Estados Unidos e tamén doutras forzas internacionais que participaron na guerra de Irak (basicamente Gran Bretaña xunto cos EUA). A pesar de que non consta que os soldados estadounidenses realizasen abusos, si que utilizaron a ameaza de abusos por parte das forzas iraquís para obter información dos detenidos.[41][46]
O 28 de novembro de 2010, Wikileaks filtroulle á prensa internacional unha colección de 251.187[47] cables ou comunicacións entre o Departamento de Estado estadounidense coas súas embaixadas por todo o mundo (denominados en inglés United States diplomatic cables leak, Cable Gate ou Secret US Embassy Cables Arquivado 28 de novembro de 2010 en Wayback Machine.).[48][49] Trátase da maior filtración de documentos secretos da historia. WikiLeaks proporcionoulles esa información aos xornais The Guardian,[50] The New York Times,[51] Le Monde,[52] El País[53][54][55] e ao semanario Der Spiegel[56].
Ademais da intención de Daniel Domscheit-Berg (antigo portavoz de Wikileaks) de fundar o seu propio portal de filtracións, existen outras páxinas que, na defensa da liberdade de prensa e a transparencia exixíbel aos gobernos, institucions e empresas, publican documentos prohibidos ou sensíbeis:
O Wikileaks non está afiliado á Wikipedia ou a calquera proxectos da Fundación Wikimedia. O termo wiki é xenérico e pode ser usado por calquera persoa, xurídica ou física, para calquera razón. O sitio Wikileaks só coincidentemente utiliza o software libre MediaWiki, que é o mesmo utilizado pola Fundación Wikimedia, e que calquera pode operar.
O xornal The Daily Telegraph, do Reino Unido, publicou unha reportaxe na que Jimmy Wales, o fundador da Wikipedia, afirma que non está relacionado ao Wikileaks.org e que moitas persoas están confundido.[57]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.