Remove ads
naturalista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Víctor López Seoane y Pardo-Montenegro, nado en Ferrol o 28 de setembro de 1832 e finado na Coruña o 14 de xullo de 1900, foi un naturalista galego,[1] probablemente o máis importante do século XIX, que realizou importantes traballos sobre a fauna, especialmente nos campos da entomoloxía, a ornitoloxía, a herpetoloxía e a flora de Galicia.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Víctor López-Seoane Pardo-Montenegro 28 de setembro de 1832 Ferrol, España |
Morte | 14 de xullo de 1900 (67 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Oviedo |
Actividade | |
Ocupación | naturalista, herpetólogo |
Membro de | |
Seoane foi o naturalista galego coa contribución científica máis valiosa, un taxónomo salientable na zooloxía europea do século XIX. Exemplares de seres vivos recollidos por el figuran entre as coleccións dos principais museos de Historia Natural de Europa; formou parte de relevantes sociedades científicas europeas adicadas ao estudo da natureza e publicou en diversos idiomas en revistas especializadas prestixiosas.[2]
O gusto pola natureza foi callando en Víctor López Seoane desde que, sendo neno, acompañado pola súa tía Cándida Seoane, percorría os campos ferroláns en busca de animais. Foi un coleccionista vocacional axudado por un ambiente favorable e receptivo. Por iso, chegado o momento, rexeitou seguir a tradición familiar da carreira militar na mariña e preferiu as aulas universitarias, sacando tempo dos estudos para dedicalo ás observacións naturais.[2]
O pai de López Seoane foi destinado á comandancia de Mariña de Vigo, polo que Víctor comezou o estudo do bacharelato no Instituto de Tui en 1847, pasando logo ao de Santiago de Compostela, onde obtivo o título de bacharel en Filosofía en xullo de 1851. Durante a estancia en Santiago mantivo contactos con José Planellas (1821-1888), catedrático de Historia natural da universidade compostelá,[2] para quen recolleu moitos exemplares de plantas para o herbario da cátedra.[3]
Marchou posteriormente a estudar a Madrid, onde comezou simultaneamente as carreiras de Medicina e Ciencias naturais. En Madrid foi nomeado socio de mérito e catedrático de Botánica do Museo Popular de Madrid, publicando os seus primeiros traballos científicos nas revistas técnicas da época, como La Nueva Estrella, Semanario Enciclopédico de Ciencias ou Literatura y Artes.[3]
En 1857 foi a Andalucía para continuar os estudos de Medicina; alí prestou especial atención ás aves da zona, desenvolvendo as primeiras investigacións orixinais. Regresou a Santiago para rematar a carreira, licenciándose en medicina en xuño de 1861.[2] Nese mesmo ano publicou o Catálogo de las aves observadas en Andalucía,[4] o traballo máis completo sobre a ornitoloxía andaluza ata ese momento. En 1870 publicou unha Revisión deste Catálogo.[3]
Entre 1861 e 1863 publicou varios traballos sobre a fauna mastozoolóxica galega. Neles citaba a presenza, daquela xa escasa, de linces, osos, cervos, corzos e rebezos.
Unha vez rematada a carreira de Medicina, en 1862, pasou a ocupar, como profesor substituto, as cátedras de "Elementos de Física e Química" e "Nocións de Historia Natural" no Instituto da Coruña, onde creou un Gabinete de historia natural. En 1864 renunciou á cátedra e volveu a Ferrol, onde traballou como médico nas institucións da Sanidade Marítima, a Beneficencia e no Hospital da Mariña.[3]
O 8 de outubro de 1869 casou con Francisca Riobóo Álvarez (1834-1919), viúva de Nicolás María Rui-Gómez y Riobóo e propietaria do pazo das Torres do Allo.[5]
Trasladouse á Coruña e ocupouse na agricultura, deixando de exercer a medicina.[2]
Nunha boa situación económica, dedicouse plenamente ás investigacións naturalistas, publicando en 1870 un catálogo sobre Aves nuevas de Galicia, no que citou por primeira vez a presenza do peto real. Avanzou os primeiros datos sobre dúas subespecies galegas de perdiz, que catalogou definitivamente en 1891.
Visitou diferentes museos e sociedades científicas de Europa e, nesa intensa actividade, tomou contacto con científicos do máximo nivel, como Jacques von Bedriaga, Raphaël Blanchard, Ignacio Bolívar y Urrutia, George Albert Boulenger, Odón de Buen, Lorenzo Camerano, Charles Darwin, Anton Dohrn, Mariano de la Paz Graells, Albert Günther, Ernst Haeckel, Ragnar Hult, Fernand Lataste, Juan Lembeye e Heinrich Moritz Willkomm.[6]
O recoñecemento do seu labor viuse plasmado, entre outras cousas, co nomeamento como un dos secretarios do primeiro Congreso Internacional de Zooloxía na Exposición Universal de París de 1889.[2]
Aínda así, en 1874 comezou os estudos de Dereito en Santiago, que proseguiu na Universidade de Oviedo, na que obtivo a licenciatura.[3]
En 1876 comezou a estudar os réptiles galegos, publicando xa no ano seguinte a primeira obra específica neste tema, Reptiles y anfibios de Galicia. Identificou por primeira vez para a ciencia unha especie de lagarta (Podarcis bocagei), en 1884 e unha ra (Pelophylax perezi), en 1885, ambas especies comúns en Galicia.[3]
Canda Timoteo Sánchez Freire, no ano 1878 realizou unha viaxe por varios Europa: pararon en París, onde visitaron a Exposición Universal, e visitaron Alemaña, Suíza, Inglaterra, Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Rusia. Enviaron crónicas que publicaron no xornal El Correo Gallego, daquela radicado en Ferrol, e nas que daban conta das visitas a museos, universidades, igrexas, hospitais e bibliotecas, entre outros espazos.[7]
En 1885 redactou os capítulos dedicados á historia natural galega na enciclopédica obra Historia de Galicia, dirixida por Manuel Murguía, con quen asistía ós faladoiros da Cova Céltica[2]. Este traballo foi o primeiro intento de recompilación de todos os coñecementos dispoñibles nese momento sobre o medio natural galego. No campo da entomoloxía recollía a relación máis completa dos insectos presentes en Galicia, sobre os que levaba traballando vinte anos. Cómpre dicir que contén valoracións morais sobre os seres vivos que hoxe serían inadmisibles, e que existe un claro desequilibrio cara aos campos da zooloxía que mellor dominaba.
Formou parte das principais sociedades e academias científicas de Europa (de zooloxía, botánica, entomoloxía e xeoloxía), así como da Academia Médico-Cirúrxica de Madrid.
Ata a súa morte desempeñou distintos cargos administrativos na Coruña.
Coleccionista convencido, durante toda a súa vida recolleu innumerables exemplares das plantas e insectos e de moitos outros campos que estudaba, creando o museo particular máis importante de Galicia no seu domicilio de Cabanas. Ademais enviou espécimes de todo tipo a distintos museos e investigadores de España e Europa.[3]
Actualmente, a colección botánica permanece exposta na súa casa de Cabanas. En 1972, a familia doou a colección zoolóxica ao Concello da Coruña quen, en 1985, trasladouna á Casa das Ciencias da Coruña; e a súa biblioteca científica, as súas fichas e notas de traballo e o arquivo ao Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.
Para dar idea da magnitude do seu traballo sistemático de mostraxe e catalogación de distintos taxons de seres vivos en toda Galicia baste citar que o Inventario dos materiais da colección Víctor Seoane, publicado pola Casa das Ciencias en 1987, relaciona un total de 10.747 exemplares, entre fósiles, rochas, minerais, ósos, sementes, madeiras, plantas e diversos animais (mamíferos, aves, réptiles, anfibios, peixes, insectos, arácnidos, crustáceos). O grupo máis importante é o representado polos insectos, con 51 caixas entomolóxicas, pero non se poden esquecer os 274 exemplares de réptiles e os 226 de aves.[3]
Como xa dixemos, outros museos e institucións galegas, nacionais e europeas expoñen entre os seus fondos diferentes materiais recollidos por Seoane: o Museo de Historia Natural de Londres posúe unha colección de 197 exemplares de réptiles e anfibios e outra de aves; o Museo Nacional de Historia Natural de Francia unha de 186 réptiles e o de Lisboa outra de 300.[3]
No ano 2000, para celebrar o primeiro centenario do seu pasamento, a Casa das Ciencias da Coruña organizou unha magna exposición dos materiais de Seoane.
As principais obras publicadas por Seoane son as seguintes:[3]
Antes que todo, y por encima de todo amo á Galicia; y, en dar á conocer detenidamente cuantas riquezas naturales encierra este hermoso país, hé consagrado todos mis desvelos. —A Coruña, 25 de maio de 1891.[14] |
Entre as revistas nas que publicou artigos estiveron Galicia: revista universal de este reino e Revista Galaica.[17]
A López Seoane débese a primeira descrición das especies:
A súa fama foi recoñecida por numerosos expertos nacionais e estranxeiros, algúns dos cales usaron o seu nome para catalogar e bautizar novas especies de plantas, insectos e réptiles.[3]
A biblioteca da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago leva o seu nome.[18]
Un Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da cidade da Coruña (en Monte Alto) leva o nome de "Víctor López Seoane".[19]
Rúas nas cidades da Coruña e Ferrol e outra en Perillo, concello de Oleiros, levan o seu nome.
As abreviaturas López-Seoane e Seoane emprégase para recoñecer a Víctor López Seoane como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.