antiga moeda de ouro escocesa e inglesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Unite (no Reino de Inglaterra) e unit (no Reino de Escocia) foi unha moeda escocesa e inglesa de ouro introducida coas mesmas características en ambos os reinos por Xacobe VI de Escocia (1567-1625) logo de acceder ao reino de Inglaterra en 1603, como Xacobe I de Inglaterra, para fortalecer a vontade de unidade (unite) entre ambas as coroas.[2][3][4][5][6][7]
Estaba cuñada en ouro de 22 quilates e o seu peso estableceuse de tal xeito que entrasen 33 ½ exemplares nunha libra troy.[3]
No Reino de Inglaterra, a unite era a segunda moeda de ouro que tiña o valor de 20 xilins ou unha libra esterlina, despois do precedente soberano. Para igualar o seu valor efectivo no Reino de Escocia, a unit escocesa dotouse dun valor de 12 libras escocesas, dado que a relación entre o valor de ambas as moedas era de 1 a 12.[4][9]
Unha das diferenzas máis salientables entre ambas as denominacións radica en que no caso da unite inglesa as armas de Inglaterra se atopan nos cuarteis I e IV do escudo, as dúas posicións consideradas máis relevantes, en tanto que na unit escocesa estas posicións están ocupadas polas armas de Escocia. Ademais, nestas últimas aparece a coroa de Escocia sobre o escudo, e como marca de ceca figura o clásico cardo indicativo da Ceca de Edimburgo (a unite inglesa cuñábase na Ceca de Londres).[10][11][12]
Durante o reinado de Xacobe, a moeda mantivo a súa valoración de 20 xilins ingleses ata 1612, cando o aumento do prezo do ouro en toda Europa provocou o aumento da súa cotización a 22 xilins, e finalmente acabou por ser substituída en 1619 por unha nova denominación, o laurel, que mantiña o valor inicial dos 20 xilins.[13]
A tipoloxía xeral da unite e da unit de Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra consiste no busto coroado do monarca (con algunhas lixeiras variantes) no anverso, que sostén nas súas mans un orbe e un cetro, coa lenda ·IACOBVS·D·G·MAG·BRIT·FRAN·ET·HIB·REX· ("Xacobe, pola graza de Deus, rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[1][8]
O reverso está ocupado polo escudo real flanqueado polas iniciais IR (Iacobus Rex), coa antes indicada alternancia entre os cuarteis que ocupan as armas escocesas e as inglesas, en cadansúa variante. A lenda do reverso é ·FACIAM·EOS·IN·GENTEM·VNAM·[14][4] ("Fareinas unha soa nación").[1][8]
Carlos I de Inglaterra (1625-1649) retomou a cuñaxe da unite, en Inglaterra, e da unit, en Escocia, e durante o seu reinado leváronse a cabo diversas emisións, con variedade de bustos. Na súa variante inglesa, as emisións regulares desta moeda de 20 xilins producíronse unicamente na ceca londiniense establecida na Torre de Londres, tanto nos períodos en que a casa de moeda estivo baixo o control real como cando foi o Parlamento o que a controlou. Na súa variante escocesa seguiu a cuñarse na ceca de Edimburgo.
Malia as variantes, a tipoloxía xeral destas moedas caracterízase polo busto real nos anversos (ás veces cara á dereita e ás veces cara á esquerda), rodeado por unha lenda do tipo · CAROLVS D : G : MAG : BR : FR : ET HI : REX · ("Carlos, pola graza de Deus, rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda"). No caso da unite inglesa, á dereita do busto amósase o seu valor cos números romanos XX (20 xilins).[15][17]
Os reversos amosan o escudo real coroado (con diversas variantes), coa coñecida alternancia das armas inglesas e escocesas nos cuarteis principais. No caso da unite inglesa a lenda é única ao longo de todo o reinado: FLORENT CONCORDIA REGNA ("Coa concordia, os reinos florecen").[15] No entanto, na unit escocesa as lendas difiren e alternan entre a fórmula · FACIAM · EOS · IN · GENTEM · VNAM · ("Fareinas unha soa nación"), xa utilizada con anterioridade por Xacobe, e HIS · PRÆSVM · VT · PROSIM · ("Estou sobre eles para servilos"). [17][18]
Oxford unite. Unha tipoloxía particular do unite inglés de Carlos I constitúea o coñecido como Oxford unite. Cando en 1642 se declarou a guerra civil en Inglaterra, diversas cecas provinciais como as de Chester, Oxford, Bristol, Exeter, Worcester e Shrewsburycuñaron moeda destinada ao pagamento das tropas. A casa de moeda que estaba establecida en Shrewsbury foi trasladada daquela a Oxford, ao edificio New Inn Hall, vinculado á súa universidade, e alí cuñáronse unites, medias unites e múltiplos de tres unites nos anos 1643 e 1644, cunha tipoloxía moi similar. Os anversos das unites amosaban o busto de Carlos I cara á esquerda cunha espada na man, co valor marcado mediante a inscrición XX (20 xilins) e coa tradicional lenda das emisións regulares: CAROLVS : D : G : MAG : BR : FR : ET : HIBER : REX.[20][21][22]
A lenda circular do reverso é EXVRGAT . DEVS . DISSIPENTVR . INIMICI ("Érguete, Deus, e dispersa os meus enimigos")[23]. O escudo das emisións regulares foi substituído nestas cuñaxes por un rolo coa inscrición en tres liñas .RELIG : PROT : LEG : ANG : LIBER . PAR (forma abreviada de Religio Protestans, Leges Angliae, Libertas Parliamenti), extraídas da declaración do monarca do 19 de setembro de 1642, pola que se comprometía a manter a relixión protestante, a lexislación do país, os privilexios e a liberdade do Parlamento.[20][22]
Durante o período republicano da Commonwealth de Inglaterra, logo da segunda guerra civil e da execución de Carlos I, en Inglaterra continuouse coa cuñaxe da unite na Ceca de Londres, baixo o control do Parlamento. A súa emisión produciuse anualmente durante todo o período. A tipoloxía destas moedas é totalmente anovadora: nos anversos amosan un escudo sen coroa coa Cruz de San Xurxo, que representa a Inglaterra, coa lenda THE COMMONWEALTH OF ENGLAND ("A Commonwealth de Inglaterra"), en tanto que no reverso se reproduce o mesmo escudo acompañado doutro coa arpa de Irlanda, ambos rodeados pola lenda GOD WITH VS ("Deus connosco") e coa marca de valor XX (20 xilins) e a data enriba. É salientable o feito de que as lendas aparezan por primeira vez en inglés, o que responde á asociación que os republicanos facían entre o latín e o catolicismo e a monarquía.[25][26]
As derradeiras unite foron emitidas durante a etapa de cuñaxe a martelo de Carlos II, entre 1660 e 1662. En Escocia non se emitiron, xa a nome de Carlos II só se cuñaron alí moedas de prata e de cobre. Estas derradeiras unites presentan no anverso o busto drapeado do monarca cara á esquerda cunha coroa de loureiro, rodeado pola lenda CAROLVS · II · D · G MAG · BRIT · FRAN · ET · HIB · REX ("Carlos II, pola graza de Deus, rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda"). Aínda que estas moedas non amosan a data de cuñaxe, existen dúas emisións, na segunda das cales se engade á dereita do busto a indicación de valor XX (20 xilins). No reverso represéntase o escudo real flanqueado polas iniciais C-R (Carolus Rex), coa lenda FLORENT CONCORDIA REGNA ("Coa concordia, os reinos florecen"), xa utilizada anteriormente por Carlos I.[27] A unite deixou de emitirse en 1663 e foi sucedida pola guinea, co mesmo valor de 20 xilins, que foi a primeira moeda de ouro inglesa cuñada mecanicamente.[28]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.