From Wikipedia, the free encyclopedia
A tiroxina, tamén chamada tetraiodotironina ou T4[1], é a principal hormona tiroide segregada polas células foliculares da glándula tiroide e leva unidos catro átomos de iodo.
A cantidade de iodo necesaria para o organismo é de 80 a 200 microgramos diarios. O iodo tómase como ioduro e no intestino redúcese a iodo iónico que é absorbido rapidamente pola tiroide. Unha vez na tiroide incorpórase a un aminoácido, a tirosina; a súa unión covalente require da tiroperoxidase (TPO) que o unirá ás porcións fenilo do residuo do aminoácido. Non se debe confundir o aminoácido tirosina co produto hormonal final tiroxina. A asociación dunha molécula de iodo á tirosina produce monoiodotirosina (T1), a de dous a diiodotirosina (T2), e a unión de dous T2 dará lugar á tiroxina T4.[3] Todos estes elementos combínanse no complexo tiroglobulina (TGB), que é a forma en que se almacenan as hormonas tiroides, e a partir do cal, por hidrólise, se liberarán as hormonas. Para que pasen ao sangue requírese da axuda dun trasportador.[3]
A hormona que regula a función tiroide e que se produce na hipófise, denomínase hormona estimulante da tiroide (TSH), e funciona da seguinte maneira: cando o nivel de hormonas tiroides está por debaixo do normal, a hipófise detéctao e aumenta a produción de TSH, que estimula a tiroide para que libere máis hormona tiroide; se polo contrario o nivel de hormonas tiroides é moi elevado inhíbese por retroalimentación negativa a produción na hipófise de TSH.[3]
A partir da T1 (ou MIT, monoiodotirosina) fórmase en varios pasos a T4, que se almacena na tiroide como tiroglobulina (xunto coa triiodotironina ou T3). Segundo as necesidades, a tiroglobulina fracciónase por hidrólise na propia tiroide liberando T4 e T3. Estas pasan ao sangue como T4 e T3 unidas a proteínas (un 99,97% do total), principalmente á globulina fixadora de tiroxina (TBG), e, en menor medida, á transtiretina e albumina, e só o 0,03% en forma de T4 libre (hormona activa non unida a proteínas). Unha vez liberada no sistema circulatorio, a tiroxina ten unha vida media dunha semana.[3]
A tiroxina é a prohormona e reserva da hormona tiroide activa triiodotironina (T3), que é arredor de catro veces máis potente. A T4 é convertida nos tecidos a T3 por desiodinases, como a hormona tiroide iodo peroxidase (TPO). O isómero "D" denomínase "dextrotiroxina"[5] e utilízase como un axente modificador de lípidos.[6]
A tiroxina regula o metabolismo celular. A hiposecreción da hormona ralentiza o metabolismo, o que pode producir aumento de peso, debilitamento muscular, aumento da sensibilidade ao frío, diminución do ritmo cardíaco e unha perda das actividades mentais de alerta. A hipersecreción acelera o metabolismo, producindo aumento do apetito, perda de peso, irritabilidade, nerviosismo, taquicardia e intolerancia aos lugares cálidos.
A tiroxina, xunto coa hormona do crecemento, intervén na regulación do crecemento corporal, especialmente do sistema nervioso. Durante o desenvolvemento do feto un déficit en tiroxina produce a formación dun número menor de neuronas. Un déficit da hormona tiroide durante os primeiros anos de vida ocasiona unha menor estatura e un desenvolvemento menor dos órganos reprodutores e do cerebro. A administración de tiroxina incrementa significativamente a concentración do factor de crecemento dos nervios no cerebro de ratos adultos.[7]
A tiroxina tamén actúa en vertebrados, como os peixes e os anfibios. O salmón é un peixe que inicia a súa vida en auga doce, logo emigra á auga salgada e finalmente torna á auga doce a desovar e morrer. Cando está na auga doce, esta tende a entrar dentro do peixe por osmose, entanto que na auga salgada o animal pode deshidratarse por perda de auga. A hormona tiroxina xera os cambios metabólicos que permiten ao salmón pasar dun medio a outro sen incharse ou deshidratarse.
Nos anfibios, cando os niveis en sangue de tiroxina aumentan, desencadean a metamorfose. A hormona do crecemento das ras controla o crecemento posterior á metamorfose. Na maioría dos vertebrados, como as aves e serpes, a tiroxina controla o cambio estacional da plumaxe ou da pel.
A tiroxina é unha hormona hidrófoba, polo que viaxa pola circulación sanguínea ligada a unha proteína hidrofílica trasportadora que une especificamente a hormona: a globulina fixadora da tiroxina (TBG). Esta aumenta a vida media biolóxica da hormona e a súa concentración plasmática, podendo dar lugar isto último a concentracións totais e libres de tiroxina diferentes.
Á hora de interpretar clinicamente a cantidade de hormona en sangue, habería que ter isto en conta e supoñer a concentración de proteína fixadora; algo complicado dado que pode variar significativamente co ambiente nutricional e hormonal do paciente. Por iso, a maioría dos laboratorios clínicos utilizan un método de medida que detecte só a hormona libre (que é a forma activa), evitando así problemas de interpretación de concentracións totais de hormona. Polo tanto, podemos medir a tiroxina como tiroxina libre ou como tiroxina total, é dicir, a hormona libre en solución máis a que está ligada á proteína transportadora.[8]
Defínese o índice de tiroxina libre como a concentración de tiroxina libre mutiplicada pola captación de hormona tiroide, que resulta na medición das globulinas fixadoras de tiroxina non unidas.[9]
A medición da tiroxina e demais elementos tiroides, permiten diagnosticar doenzas relacionadas coa glándula tiroide, tales como o hipotiroidismo (alta concentración de TSH e baixa concentración de hormonas tiroides en sangue) e o hipertiroidismo (baixa concentración de TSH e alta concentración de hormonas tiroides en sangue).[10]
O rango normal de T4 para un adulto é 4 - 11 mcg/dL.
A alteración das concentracións normais das hormonas tiroides, é dicir, da tiroxina, xunto con outros elementos ou compoñentes do sistema endócrino, dá lugar ao hipotiroidismo ou ao hipertiroidismo (diminución ou aumento da hormona, respectivamente). Desta maneira, poden manifestarse enfermidades como:
Tamén son moi comúns diferentes tipos de cáncer tiroide:
O farmacéutico e científico americano Edward Calvin Kendall, foi o primeiro en illar de forma pura (cristalina) a tiroxina en 1914 na Clínica Mayo, a partir dun hidrolizado de extractos de glándulas tiroides de porco.[13][14] Isto, xunto co descubrimento da fórmula desta hormona feito por Charles Robert Harington, permitiu que algúns anos despois, este xunto con George Barger sintetizaran por primeira vez a tiroxina.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.