Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A terceira guerra carlista desenvolveuse en España entre 1872 e 1876 entre os partidarios de Carlos VII, o pretendente da dinastía carlista, e os gobernos de Amadeu I de Savoia, da I República e de Afonso XII.
O pretendente, que levaba meses preparando a insurrección dende o exilio, estableceu o 21 de abril de 1872 como a data para o comezo da sublevación.
Esta guerra carlista desenvolveuse sobre todo no País Vasco e Navarra. A restauración dos foros polo pretendente en xullo de 1872, abolidos polos decretos de Nova Planta por Filipe V influíu na forza do levantamento en Cataluña e en menor medida en Valencia e Aragón.
Tras a proclamación da Primeira República Española en febreiro de 1873, moitos monárquicos isabelinos vanse pasar ao bando carlista, aumentando coa insurrección cantonalista. Pola contra o golpe de Pavía en xaneiro de 1874 e o pronunciamento de Serrano o 29 de decembro de 1874 que conduciu a restauración da dinastía caída en 1868 na persoa de Afonso XII contribuíu a restar forzas aos carlistas, así como tamén o recoñecemento de Afonso XII por Ramón Cabrera e o achegamento ao Vaticano do goberno español.
O 2 de maio o pretendente cruzou a fronteira francesa en Navarra e púxose á fronte do alzamento, pero o 4 de maio o xeneral Domingo Moriones entrou por sorpresa no campamento carlista en Orokieta e o pretendente tivo que cruzar precipitadamente a fronteira francesa poñendo fin, momentaneamente, a insurrección no País Vasco e Navarra tras a sinatura do Convenio de Amorebieta o 24 de maio entre o presidente do goberno de Amadeu I, Francisco Serrano, e os líderes carlistas de Biscaia, o convenio foi mal recibido polas Cortes e Serrano tivo que dimitir, tampouco se aceptou o convenio dende o bando carlista e o pretendente considerou os asinantes como traidores.
Tras o fracaso do primeiro levantamento no País Vasco e Navarra, o pretendente destituíu á maioría dos xefes militares e estableceu o 18 de decembro como nova data para a sublevación, entre as numerosas partidas que se levantaron destacou a do cura de Santa Cruz. En xullo de 1873 o pretendente volveu entrar en España e en agosto os carlistas conquistaron Estella, que converteron na súa capital, pero fracasaron nas tentativas de conquistar Bilbao. En setembro de 1874 os carlistas mantiñan 24.000 homes armados e ocupaban case todo o País Vasco e Navarra, agás as capitais e no que se estableceu un verdadeiro Estado carlista que tiña nas deputacións forais a súa base e no que Carlos VII era o xefe de Estado e estaba á fronte dun goberno composto por tres secretarías de Estado: Guerra, Negocios Estranxeiros e Estado e Graza, Xustiza e Facenda. Posteriormente o número de carteiras aumentaría ata cinco. Existía tamén un Código Penal, Tribunal Supremo de Xustiza, Alfándegas, servizo de correos e en 1874 estableceuse unha universidade en Oñati.
Tras a fin da guerra en Cataluña en novembro de 1875, o exército gobernamental concentrouse na fronte do norte e en xaneiro de 1876 comezou unha grande ofensiva que levou a conquistar Estella en febreiro e o pretendente cruzou a fronteira o 28 de febreiro de 1876, o día que Afonso XII entraba en Pamplona.
En Cataluña o levantamento realizouse mesmo antes da data que designara o pretendente, Joan Castell á fronte de 70 homes sublevouse en Gracia uns días antes. O pretendente nomeou o seu irmán Afonso Carlos como capitán xeneral de Cataluña, aínda que ata fin de ano non cruzou a fronteira e foi Rafael Tristany quen asumiu transitoriamente o posto, aínda que se formaron partidas guerrilleiras en case todas as comarcas catalás non se chegou a organizar unha estrutura militar común. A revitalización da insurrección na fronte norte e a chegada de Afonso Carlos en decembro de 1872 reactivaron as partidas carlistas en Cataluña, o tempo que a partida de Pascual Cucala conseguía o apoio popular no Maestrazgo e formábanse outras ata totalizar uns 3.000 homes, na provincia de Valencia os carlistas mantiñan 2.000 homes armados en diversas partidas e na provincia de Alacant uns 850.
Noutras zonas a mobilización carlista reduciuse a pequenas partidas illadas, destacaban uns 400 homes en Estremadura e as partidas de Castela a Nova, sobre todo na provincia de Cidade Real.
En marzo de 1874 as forzas carlistas, dirixidas por Francesc Savalls, puxeron sitio a Olot, que tras conquistar converten na súa capital, en xullo establécese en Sant Joan de les Abadesses a Deputación de Cataluña que presidía Tristany e que tentaba dotar dunha organización político-administrativa aos territorios controlados polos carlistas cataláns.
En marzo de 1875 Martínez Campos ocupou Olot, someteuse a sitio a La Seu d'Urgell que as tropas gobernamentais conquistaban en agosto e o 19 de novembro rematou a loita en Cataluña.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.