Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A segunda guerra balcánica ou segunda guerra dos Balcáns, que durou do 16 de xuño ao 18 de agosto de 1913 opuxo a Bulgaria contra os seus antigos aliados, Serbia e Grecia, descontentos da repartición das ganancias territoriais da Primeira guerra balcánica. A nova guerra provocou a entrada nela de Romanía, entón en diferente bando con respecto a Bulgaria. Cando as tropas romanesas se aproximaban á capital, Sofía, Bulgaria pediu o armisticio, que acabou no Tratado de Bucarest, no cal Bulgaria cedeu a maior parte dos territorios conseguidos na primeira guerra balcánica a Serbia, Grecia, Romanía e o Imperio Otomán.
Segunda guerra balcánica | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerras balcánicas | |||||||||||
| |||||||||||
Belixerantes | |||||||||||
Reino de Bulgaria | Reino de Montenegro Reino de Serbia Reino de Grecia Reino de Romanía Imperio Otomán | ||||||||||
Líderes | |||||||||||
Bulgaria Mihail Savov Nikola Ivanov Vasil Kutinchev Radko Dimitriev |
Constantino I Radomir Putnik Fernando I de Romania Alexandru Averescu Ahmed Cemal | ||||||||||
Forzas en combate | |||||||||||
500.000 | 300.000 220.000 150.000 12.000 |
A guerra provocou a ruptura da alianza ruso-búlgara, deixando a Serbia como única aliada de Rusia na rexión. Por iso Serbia recibiu o total apoio de Rusia cando a crise de xullo de 1914 [1] que conduciu á primeira guerra mundial.
Durante a Primeira guerra balcánica, a Liga balcánica, constituída por Serbia, Montenegro, Grecia e Bulgaria estaba decidida a expulsar aos otománs das súas provincias europeas (Albania, Macedonia, o Sandžak e Tracia), non deixándolles máis que os territorios ao leste da liña Enez-Kıyıköy (Enos-Midia) e a península de Galípoli.
O artigo 2º do Tratado de Londres, asinado o 30 de maio de 1913 indica que "Súa Maxestade o Emperador dos Otománs cede ás Súas Maxestades os Soberanos Aliados todos os territorios do seu Imperio no continente de Europa ao oeste dunha liña trazada de Enos no mar Exeo a Midia no mar Negro, coa excepción de Albania".[2] Como non estaba definida ningunha fronteira entre os membros da liga, as relacións entre os vencedores deterioráronse rapidamente debido a desacordos nesta cuestión.
Durante as negociacións de antes da guerra que levaron á creación da Liga balcánica, Serbia e Bulgaria asinaran un acordo secreto o 13 de marzo de 1912 concernente á futura fronteira en Macedonia que debía pasar por unha liña Kriva Palanka-Ohrid (esta dúas vilas volvíanse aos búlgaros) deixando a parte máis grande da Macedonia do Vardar en mans de Bulgaria. A política búlgara era asinar tal acordo para impedir a expansión de Serbia, negándose a asinar un acordo do mesmo tipo con Grecia, crendo que o seu exército podería conquistar a maior parte de Macedonia e o porto de Salónica antes que os gregos. Infelizmente para ela, os serbios conseguiron invadir unha zona moito máis ao sur que o previsto polo tratado, até a liña Bitola–Gevgelija. A zona en disputa debería resolverse mediante unha arbitraxe de Rusia. Así mesmo, os gregos lograron apoderarse do porto de Salónica, xusto antes que os búlgaros e establecer unha fronteira común cos serbios.
Cando Bulgaria reclamou a Serbia respectar o acordo de antes da guerra sobre o norte da Macedonia, os serbios, descontentos por ter que evacuar Albania baixo a presión das grandes potencias, rexeitaron categoricamente ceder máis territorios. Rapidamente, tiveron lugar altercados ao longo das fronteiras de ocupación. En resposta á ameaza búlgara, Serbia comezou negociacións con Grecia, que tamén tiña razóns para temer as ambicións búlgaras. Algúns anos antes, os dous países mantiveran unha guerra larvada mediante grupos de guerrillas en Macedonia, e un rexemento búlgaro fora autorizado para entrar en Salónica oito meses antes.
O 1 de xuño de 1913 , un día despois da sinatura do tratado de Londres e 16 días antes do ataque búlgaro, serbios e gregos asinaron un acordo militar secreto confirmando que a liña de demarcación entre as súas zonas de ocupación se convertería na fronteira entre os dous países. O acordo prevía igualmente a formación dunha alianza en caso de agresión búlgara ou austrohúngara. Nas negociacións, Serbia non menciona as causas da súa disputa con Bulgaria, en particular o acordo sobre a fronteira no norte de Macedonia. Con este acordo, Serbia acertou en implicar a Grecia na cuestión da fronteira en Macedonia, porque iso lle garantía a zona de ocupación actual serbia.[3] Bulgaria, nunha tentativa de entorpecer a aproximación serbo-grega, asinou un protocolo con Grecia confirmando unha liña de demarcación permanente entre as súas forzas respectivas recoñecendo oficiosamente o control grego do sur de Macedonia. Pero a rotura deste acordo poría fin a esta diplomacia antiserbia.
Outro punto de fricción era o rexeitamento búlgaro de ceder Silistra a Romanía, como prevía antes da guerra, a cambio da neutralidade romanesa. Cando Romanía, despois da primeira guerra balcánica, pediu a cidade, Bulgaria ofreceulle pequenas modificacións da fronteira que non incluían Silistra nin garantías sobre os dereitos dos valacos en Macedonia. Romanía ameazou con recuperar este territorio pola forza, pero unha proposición rusa de arbitraxe impediu as hostilidades. No protocolo de San Petersburgo do 8 de maio de 1913 , Bulgaria aceptou ceder Silistra, pero non a Dobruxa do Sur. Baixo presión rusa, Romanía aceptou. O acordo final era un compromiso entre as reivindicacións romanesas sobre Dobruxa e o rexeitamento búlgaro a aceptar ningunha transferencia significativa. O feito de que Rusia non protexera a integridade territorial de Bulgaria fixo que os búlgaros perderan confianza nun resultado favorábel das arbitraxes rusas concernentes á zona de ocupación disputada cos serbios.[4] O comportamento de Bulgaria tivo así mesmo consecuencias a longo prazo sobre as relacións ruso-bálgaras porque Bulgaria rexeitou calquera compromiso sobre o acordo de preguerra con respecto á fronteira con Serbia. Isto conduciu finalmente a Rusia a poñer fin á súa alianza con Bulgaria, resultando inevitábel unha confrontación con Romanía e Serbia.
En 1912, as ambicións búlgaras expresadas por Fernando I de Bulgaria e o seu estado maior superaban as disposicións máis vantaxosas do Tratado de San Stefano inclíndo Tracia, toda a Macedonia e Salónica, Edirne e Constantinopla.[5] O feito de que os búlgaros tentaran tomar Constantinopla as pesar das repetidas ameazas de Rusia amosa unha falta evidente de realismo por parte dos líderes búlgaros.[6]
Aínda que o exército búlgaro tivo éxito na toma de Edirne (coa axuda dos serbios), a ambición do tsar Fernando de coroarse emperador en Constantinopla demostrouse irrealizábel cando os búlgaros foron obrigados a retroceder na batalla de Çatalca. Ademais, o esforzo realizado para tomar Constantinopla provocou finalmente a perda dunha gran parte de Macedonia e de Salónica, o que non podía ser facilmente aceptado e impulsou aos militares búlgaros á unha guerra contra os seus antigos aliados. Porén, cos otománs rexeitando a perda da Tracia oriental no leste, e unha Romanía furiosa ao norte, a decisión de lanzar un ataque contra Grecia ao sur e contra Serbia ao norte era moi aventurada. Máis aventurada que en maio, os turcos pediran con urxencia unha misión alemá para reorganizar o seu exército, e que en xuño, con Bulgaria decatada do acordo entre Serbia e Grecia en caso dun ataque búlgaro. O 27 xuño, Montenegro anuncia que estará ao lado de Serbia en caso de guerra entre os dous países. O 5 de febreiro, Romanía arranxou as súas diferenzas territoriais con respecto a Transilvania con Austria-Hungría asinando con ela unha alianza militar e, o 28 de xuño, o Imperio Austrohúngaro advertía oficialmente a Bulgaria que non permanecería neutral en caso dunha nova guerra na rexión.[3]
Como as escaramuzas continuaban en Macedonia, principalmente entre tropas búlgaras e serbias, o tsar Nicolao II de Rusia tratou de evitar que o conflito fose coñecido porque non desexaba perder a ningún dos seus aliados eslavos nos Balcánse. O 8 de xuño enviou unha mensaxe idéntica aos reis de Bulgaria e de Serbia, ofrecendo a súa mediación sobre as disposicións do tratado de 1912 entre os dous países. Serbia pedía unha revisión do tratado porque perdera o norte de Albania debido a vontade das grandes potencias de crear o estado albanés, que foi acordada segundo o tratado. A resposta búlgara contiña tales condicións que parecía un ultimato,[7] o que leva aos diplomáticos rusos a pensar que Bulgaria xa decidira entrar en guerra con Serbia. Isto levou a Rusia a cancelar a súa iniciativa de arbitraxe e a renunciar á súa alianza con Bulgaria. As palabras exactas de Serguei Sazonov a Stoyan Danev foron "Non esperen nada de nós e esquezan a existencia de todos os nosos acordos desde 1902".[8]. Cando Serbia e Grecia propuxeron que os tres países reduciran os seus exércitos nunha cuarta parte para facilitar unha solución pacífica, Bulgaria rexeitou a idea.
Bulgaria estaba xa encamiñada á guerra porque o xefe do goberno, Ivan Evstratiev Geshov, foi substituído polo partidario da liña dure e xefe do partido rusófilo Stoyan Danev. O 16 de xuño as tropas búlgaras lanzaron un ataque sorpresa simultaneamente contra as posicións serbias e gregas sen declaración de guerra. O obxectivo búlgaro era desfacer as forzas serbias e gregas e ocupar o máximo de territorio posíbel antes de que as grandes potencias interviñeran para poñer fin ás hostilidades.
Para obter a superioridade necesaria, a totalidade do exército búlgaro empregouse nesta operación. Non se deixou ningunha reserva para facer fronte a unha intervención (anunciada oficialmente) romanesa ou otomá, supoñendo estrañamente que Rusia impediría calquera iniciativa destes países,[9], mesmo despois de que Rusia puxera fin á súa alianza e se volvera cara a Romanía (incluso lle ofreceu o título honorífico de mariscal ruso ao rei romanés Carol I. O plan consistía nun ataque concentrado contra a exército serbio na chaira do Vardar para neutralizalo e para conquistar o norte de Macedonia e nun ataque máis débil contra os gregos cerca de Salónica. Este exército era a metade do enviado contra os serbios e debía tomar a cidade e todo o sur de Macedonia. O alto mando búlgaro non sabía en realidade se estas forzas poderían vencer ao exército grego pero, no peor dos casos, serían suficientes para protexer o flanco sur e esperar reforzos do exército do norte.
Segundo a lei militar de 1903, as forzas armadas búlgaras estaban divididas en dúas categorías: o exército en activo e a milicia nacional. O núcleo do exército estaba formado por nove divisións de infantaría e unha de cabalaría. Porén, debido á subdivisión particular das divisións búlgaras, non tiñan o tamaño dun corpo de exército.
A pesar dos 599.878 soldados que tiñan ao principio da Primeira Guerra balcánica, Bulgaria non dispoñía máis que de dez divisións. En comparación, as nove divisións gregas non comprendían máis que 118.000 homes. Para agravar o desequilibrio das forzas, os Búlgaros dispoñían de 1.116 pezas de artillaría, ou sexa seis veces máis que os gregos e cinco veces máis que os serbios.
Existe, non obstante, unha controversia sobre a forza real do exército búlgaro na Segunda Guerra balcánica. Ao estalido da Primeira Guerra, Bulgaria mobilizou un total de 599.878 homes (366.209 do exército activo), 53.927 de unidades da reserva, 53.983 da milicia, 94.526 recrutados entre 1912 e 1913, 14.204 voluntarios e 14.424 gardas fronteirizos). Na Primeira Guerra morreron 33.000 soldados (14.000 en combate e 19.000 de enfermidades). Para compensar estas perdas, recrutou 60.000 homes entre as dúas guerras, principalmente nos territorios ocupados. Segundo o Estado Maior búlgaro, o exército comprendía 7.693 oficiais e 492.528 soldados o 16 de xuño,[10] pero recoñecía problemas de aprovisionamento, en particular de fusís.
O 1º e o 3º exércitos búlgaros, baixo o mando dos xenerais Vasil Kutinchev e Radko Dimitriev, respectivamente, estaban despregados na fronteira con Serbia co 5º exército do xeneral Stefan Toshev, preto de Kyoustendil, e co 4º exército, na rexión de Kotchani e Radoviš. O 2º exército, baixo o mando do xeneral Nikola Ivánov, estaba despregado fronte ao exército grego.
O exército do Reino de Serbia contaba con 348.000 homes, dos que 252.000 eran combatentes,[11] divididos en dous exércitos e dez divisións. O groso destas forzas estaba despregado ao longo do río Vardar e nas proximidades de Skopje. O seu comandante en xefe era Pedro I de Serbia pero o verdadeiro xefe dos exércitos era Radomir Putnik.
Ao comezo de xuño de 1913, o exército do Reino de Grecia estaba composto por 142.000 soldados repartidos en nove divisións. Oito divisións estaban dispostas en arco en Macedonia, e a outra estaba acuartelada no Epiro. Ao comezo das hostilidades, esta división foi trasladada para a fronte de Macedonia. Como en Serbia, o comandante en xefe era o rei, Constantino I de Grecia, que delegou a condución das operacións no xeneral Ioánnis Metaxás.
O Reino de Montenegro enviou unha división de 12.000 homes á fronte de Serbia.
O Reino de Romanía mobilizou a 330.000 homes, dos que 80.000 debían ocupar a Dobruxa do Sur e o resto do exército tiña por misión levar a ofensiva cara á Sofía.[11]
O Imperio Otomán entrou en guerra con 255.000 homes.
Os 1º, 3º, 4º e 5º exércitos búlgaros tiñan como misión atacar as posicións serbias mentres que o 2º debía atacar os gregos en Salónica. Porén, ao principio, só o 2º e o 4º exércitos recibiron a orde de atacar. Isto permitiu aos serbios concentrar as súas unidades para deter o avance búlgaro. Os búlgaros, inferiores en número aos gregos, sufriron un contraataque xeral no conxunto da fronte desde o 19 de xuño e deberon repregarse cara ao río Strymon. O obxectivo inicial de destruír rapidamente o exército serbio viuse pronto que era irrealizábel e o exército búlgaro debeu repregarse antes mesmo da intervención romanesa e otomá e o avance dos gregos fixo precisos reforzos para protexer Sofía.
O 2º exército búlgaro, ao mando do xeneral Ivánov tendía unha liña desde o lago Dojran, ao sueste e Kilkís, Lachanas, Serres até o mar Exeo a través dos montes Panxeos. Permaneceu alí desde maio e estaba considerado como unha forza de veteranos despois da súa vitoria en Adrianóplolis na Primeira Guerra balcánica. O xeneral Ivánov, quizais para evitar a súa responsabilidade no desastre militar declarou despois da guerra que o seu exército non estaba composto máis que por 36.000 homes e que numerosas unidades non contaban cos seus efectivos nominais. Porén, unha análise detallada contradí esta defensa e unha fonte oficial búlgara fala de 80.000 homes fronte a 108.000 gregos (fonte oficial grega).[12] Os historiadores modernos consideran que Ivánov subestimou os seus efectivos, pero o exército grego posuía superioridade numérica. O estado maior grego sobreestimaba o número de soldados búlgaros, que cifraba en ao redor de 100.000 homes. Porén, os gregos ignoraban onde tería lugar o ataque, o que ofrecía unha superioridade numérica temporal a Bulgaria.
O 26 de xuño, o exército búlgaro recibiu a orde de atacar e de avanzar cara aSalónica. Os gregos paráronos e lanzaron un contraataque desde o 29 de xuño. En Kilkís, os búlgaros construíran fortes defensas equipadas de canóns otománs capturados, que permitían bombardear a cahira, abaixo.
As 2ª, 4ª e 5ª divisións gregas atacaron na chaira e sufriron fortes perdas pero lograron establecer unha liña de trincheiras. No flanco esquerdo dos búlgaros, a 7ª división tomou Serres e as 1ª e 6ª, Lachanas. A destrución do 2º exército foi o máis grande desastre militar búlgaro da guerra.[13] No flanco dereito, os Evzones capturaron Gevgelija e as alturas de Matsikovo ameazaban o camiño de retirada dos búlgaros cara ao lago Dojran, e pouco faltou para transformarse en desbandada. Os gregos apoderáronse de Dojran o 5 de xullo pero non puideron cortar a retirada dos búlgaros a través do Strymon. O 11 de xullo, os gregos alcanzaron as liñas serbias e avanzaron até as gargantas de Kresna, onde as tropas gregas, esgotadas, deberon deterse.
Durante a noite do 17 de xuño de 1913, os búlgaros atacaron aos serbios no río Bregalnica. Debido ao efecto sorpresa, o ataque foi inicialmente un éxito, pero os serbios resistiron a ofensiva, aínda que numerosos soldados, considerando aos búlgaros como aliados, ignoraban contra quen combatían. A batalla encarnizada proseguiu durante varios días, pero os serbios retomaron a iniciativa e o 1 de xullo os búlgaros foron obrigados a retroceder e repregáronse cara ao leste.
Ao norte, os búlgaros comezaron o seu avance cara Pirot, o que forzou ao estado maior serbio a enviar reforzos para defender Pirot e Niš. Os búlgaros puideron entón resistir a ofensiva serbia en Macedonia na batalla de Kalimanci o 18 de xullo.
Mentres que a fronte serbia permanecía estática, o rei Constantino, vendo que o exército búlgaro xa fora batido ordenou ao exército grego reemprender o seu avance para tomar a capital búlgara, Sofía. Quería unha vitoria decisiva nesta guerra a pesar das obxeccións do seu primeiro ministro Eleftherios Venizelos, que se deu de conta de que os serbios completaran os seus obxectivos territoriais e trataban de facer soportar o peso da guerra a Grecia mentres eles permanecían pasivos. Nas gargantas de Kresna (Batalla de Kresna), os gregos caeron nunha emboscade dos 2º e 1º exércitos búlgaros chegados de reforzo desde a fronte serbia. O 8 de xullo, os gregos foron esmagados polo contraataque búlgaro que os tentaba rodear.[14]. Porén, resistiron e foron capaces de lanzar contraataques locais. Despois de fracasar empregando todas as súas forzas dispoñíbeis, Bulgaria contentouse con defender a súa liña de fronte contra as ofensivas gregas.[15]. O rei Constantino deuse de conta da inutilidade destes asaltos e, cando lle chegaron as informacións acerca da inminente caída de Sofía en mans do exército romanés, aceptou a proposta de armisticio de Bulgaria.
Os búlgaros, co exército romanés ás portas de Sofía pediron unha mediación rusa. Os otománs, que invadiran a Tracia oriental o 12 de xullo e retomaran Adrianopolis sen resistencia real búlgara non parecían dispostos a deterse. Para parar esta ofensiva, Rusia ameazou atacar o Imperio Otomán no Cáucaso e enviou a Frota do mar Negro a Constantinopla, o que provocou unha intervención británica.
Batallas da Segunda Guerra Balcánica | ||||||||
Nome | Defensor | Comandante | Atacante | Comandante | Data (calendario xuliano) | Vencedor | ||
Batalla de Kilkís | Búlgaros | Nikola Ivánov | Grecia | Constantino I | 19–21 de xuño de 1913 | Grecia | ||
Batalla de Dojran | Búlgaros | Nikola Ivánov | Grecio | Constantino I | 22–23 de xuño de 1913 | Grecia | ||
Batalla de Bregalnica | Serbia | Búlgaros | 17–25 de xuño de 1913 | Serbia | ||||
Batalla de Kalimanci | Búlgaros | Vicho Dikov | Serbia | Radomir Putnik | 15–18 de xullo de 1913 | Búlgaros | ||
Batalla de Kresna | Búlgaros | Mihail Savov Nikola Ivánov |
Grecia | Constantino I | 8–18 de xullo de 1913 | Indecisa (cesamento do fogo) [16] | ||
Batalla de Vidin | Búlgaros | Serbia | 14–18 de xullo de 1913 | Búlgaros |
Os tratados de Bucarest e de Constantinopla repartiron o territorios gañados polos diferentes belixerantes. Bulgaria perdeu a maior parte dos territorios que conquistara na Primeira guerra balcánica dos cales a Dobruxa do Sur cedeuna a Romanía, a maior parte de Macedonia e a Tracia oriental volveu ao Imperio Otomán. O apoio ruso lle permitiu conservar a Tracia occidental e o porto de Alexandropolis no mar Exeo. Bulgaria engrandecera o seu territorio un 16 % en relación coa situación antes da guerra e a súa poboación pasara de 4,3 a 4,7 millóns de habitantes. Romanía engrandeceuse un 5 %, pero a un prezo elevado: 6.000 mortos e, sobre todo, a devolución de Bulgaria que se considerou "unha puñalada nas costas", e sería a partir de entón hostil a Romanía (os dous países foran amigos desde principios do século XIX, os principados romaneses serviran de base aos komitadjis e Romanía combatera na guerra ruso-turca de 1877-1878 contra os otománs). A máis grande expansión correspondeu a Montenegro (62 %) ,[17] Grecia medrou un 68 %, e o seu número de habitantes pasou de 2,7 a 4,4 millóns. Pero a máis beneficiada destas guerras foi Serbia, que dobrou a superficie do seu territorio e aumentou a súa poboación de 2,9 a 4,5 millóns de habitantes.[18] Grecia foi forzada a retirar as súas tropas de Tracia occidental e de Macedonia occidental. A retirada destes territorios devoltos a Bulgaria e a parte do Epiro do Norte, cedido a Albania foron moi mal aceptados en Grecia. Dos territorios ocupados durante a segunda guerra, Grecia non conservou máis que a rexión de Serres e de Kavala, co apoio de Alemaña. Serbia fixo adquisicións suplementarias en Macedonia e completou as súas aspiracións territoriais ao sur, polo que puido entón volverse cara ao norte, onde a rivalidade con Austria-Hungría a propósito de Bosnia constituiría un dos elementos que desencadearon a primeira guerra mundial. Italia explotou o pretexto da guerra parar conservar a illas do Dodecaneso que ocupara na Guerra ítalo-turca de 1911.
Como consecuencia das accións de Austria-Hungría e da insistencia deste imperio e de Italia, Albania obtivo a súa independencia nos termos do Tratado de Londres. Os dous países esperaban controlar este novo estado e por tanto o Canal de Otranto no mar Adriático. O Tratado de Florencia (17 de decembro de 1913 ) estableceu as fronteiras definitivas de Albania. Serbia perdeu a súa saída ao mar Adriático e os gregos debían ceder o norte de Epiro, o que foi moi mal aceptado pola poboación grega da rexión, que se rebelou e obivo a autonomía (República Autónoma de Epiro do Norte) como consecuencia do Protocolo de Corfú.[19]
Despois da desfeita, Bulgaria transformouse nun poder local *revanchachista e buscou unha nova oportunidade para alcanzar as súas aspiracións territoriais. Aproximouse entón aos Imperios centrais na primeira guerra mundial porque os seus veciños (Serbia, Romanía e Grecia) estaban ao lado da Entente. O desastre de 1918 seguido polo Tratado de Neuilly supuxo a perda da saída ao mar Exeo e a cesión da Dobruxa do sur a Romanía.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.