Sarandós, Abegondo
parroquia civil do concello de Abegondo From Wikipedia, the free encyclopedia
parroquia civil do concello de Abegondo From Wikipedia, the free encyclopedia
Santa María de Sarandós é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Segundo o IGE en 2016 tiña 525 habitantes (267 mulleres e 258 homes) distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 630 habitantes. Linda coa parroquia de Figueiroa ao leste, ao norte e oeste con Carral e Herves e ao sur con Montouto, Abegondo.
Sarandós | |
---|---|
Torre de Peito de Bordel. | |
Concello | Abegondo[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°13′23″N 8°20′06″O |
Poboación | 525 hab. (2016) |
Entidades de poboación | 13[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sarandós procede probablemente dun antropónimo xermánico composto de dous elementos: "sa" e "rand". Xorde entre o século VII e X.[2][3]
Consérvanse restos de dous poboados castrexos:
O Castro de Xeixade é un posible casto da idade de ferro-romana e que está moi destruído, polo que non se pode asegurar a súa existencia. A súa posible forma sería ovalada e estaría no lugar da Agra dos Castros.[2][4].
O Castro de Bordelle está moi derruído e non conservado. A súa morfoloxía é complexo reconstruíla. Sería un castro da idade de ferro-romana de 100 por 58 metros e ovalado, que aproveita a forte pendente, polo norte e oeste, como defensa natural. Polo sur e leste podería haber restos dun pequeno parapeto cortado pola pista da concentración[2][4].
O Monte Lourido e as Covas de Mouros son un asentamento fortificado e de explotación mineira da idade ferro-romana na Aquelabanda. A extracción de grava destruíu o xacemento[4].
Unha cita popular recolle unha lenda relacionada con este xacemento[2]:
Segundo a tradición popular no lugar da Fraga (en Montouto) existen unhas covas que eran empregadas polos Mouros para levar os seus cabalos a beber ó rueiro de Bordel (Sarandós). Por isto, narran que os Mouros gardaron nas xa ditas covas un pote de ferro cheo de moedas de ouro. Este pote aparecía ás veces nas leiras e montes do lugar. Unha vez un home que ía traballar ó monte viu o pote, entón foi ós catro pés a acarón das casas máis próximas para pedir axuda ós veciños. Catro homes acompañaron ó noso protagonista ó monte, mais cando chegaron o pote xa non estaba. Todo este ouro do que estivemos a falar -segundo a tradición popular- foi cara ó mar ó non ser atopado.Esculca nº 5[5]
O Monte dos Matos, na Cruz de Beira, é un asentamento fortificado da idade media, dunha dimensión de 20 por 15 metros. Son un conxunto de estruturas concéntricas que defenden un pequeno recinto interior de forma rectangular e na que se observan dúas liñas de muralla separadas por un foxo. Suponse que este na súa orixe era máis completo: cun segundo foxo, un parapeto e exteriores. A entrada a este asentamento estaría de cara ao norte, como agora o está a actual estrada. Degradouse pola construción da estrada e consérvase en mal estado.[4].
A Torre de Peito Bordel atópase no lugar de Bordel. O edificio actual está habilitado como vivenda particular e parcialmente restaurado e data do século XVII. A construción máis antiga que o forma é unha torre arruinada do século XII. O edificio é de dúas alturas cun corpo de tres alturas e cunha fachada revestida de hedras. O corpo máis alto do edificio dá á rúa e é unha planta en "U" con renxías de distintas dimensións. Os muros son de cantería e cachotaría de granito recebados e con vans encintados en cantería, que locen un escudo cadrado na fachada principal, en referencia a liñaxe dos Figueroa e Andrade [5][6]·
Segundo a lenda das cen doncelas aquí eran recluídas as mozas cristiás destinadas aos haréns dos musulmáns ata que eran embarcadas cara ao seu destino. Por iso o coñecido como o Tributo das cen doncelas tamén se lle chamou Peito Bordel. Así ata que cinco fidalgos da liñaxe Figueroa e seguramente residentes ou ligados ao marquesado da lindeira parroquia de Figueroa, fartos de semellante aldraxe e armados só con ramas de figueira, puxeron en fuxida aos mouros de Abderramán.[7] Sobre un arco de medio punto que dá acceso á edificación, hai un escudo cadrado coas armas dos Figueroa e os Andrade e, debaixo, a cabeza dunha muller[8][9][10].
Eladio Rodríguez [11] considera que esta lenda é pura fantasía e que o nome de bordel lle vén do verbo bordelar, que significa solear, poñer unha segunda xugada á que vai turrando do carro para axudar a subir costas ou levar grandes pesos. Este tipo de axuda era moi común na Galicia rural e puido utilizarse para levantar a torre, polo que recibiu o nome de peito bordel. Igualmente, rexeita, pola mesma razón, que o nome teña nada que ver co significado de bordel, casa de prostitución[12]. Todo isto non obsta para que noutro lugar do seu Dicionario pareza aceptar a tradición das cen doncelas e o seu glorioso rescate:
En el lugar de Valdoncel, según la tradición cuenta, se rescató por heroísmo el legendario tributo de las cien doncellas en la torre de Peito Bordel, parroquia de Sarandones, Ayuntamiento de Abegondo.s. v. betanceiro
A igrexa parroquial de Santa María de Sarandós é de estilo barroco, do século XVIII, e dunha tipoloxía rural moi frecuente na comarca. Ten unha planta rectangular, con tres naves separadas por arcos. Destaca pola súa fachada principal, con dúas cruces e unha escultura da imaxe da Santa María, sobre da ventá do coro. É espadada dobre e cuberta a dúas augas coa estrutura de cercas e tella curva. Aos pés da igrexa está situada a fonte dos remedios, a chamada Fonte santa ou Fonte dos Remedios, e que é unha parada obrigada para os que acoden á romaría dos Remedios, que se celebra tódolos anos[6]. Preto da igrexa está o cruceiro de Sarandós, na baixada dos Valiños dende Figueiroa . Trátase dunha obre sobre dun pedestal de base cadrada e un arrinque de fuste con sección octogonal. Na cruz está polo anverso coa imaxe de Cristo e polo reverso coa imaxe da Virxe, ámbalas dúas figuras feitas na talla primitiva[6].
Cantar popular mencionando á virxe da igrexa e á parroquia lindeira:
- A Virgen de Sarandós
- Ten unha mantilla nova
- Para ir a visitar
- San Miguel de Figueiroa.
Asentada no centro da Calle, atópase esta capela, dunha tipoloxía frecuente na comarca. É un templo do primeiro barroco, do século XVII, cun estilo máis relevante do rexurdimento. É de pequeno tamaño e dunha estrutura simple, de planta rectangular e dunha soa nave. Está feita de pedra e dunha factura moi sinxela[6]. A fachada loce un escudo dos Moscoso, os Andrade, os Armada, Rioboo, Villardefrancos e Ribadeneira, sendo o século mais relevante o XVII e de estilo predominante Renacentista [14].
A Casa de Filipe II, tamén denominada Pazo de Barral, foi construída na primeira metade do século XVI e sitúase na Calle. Tal e como se indica nun dos seus escudos da fachada, nela fixo noite o Rei Filipe II de España, para embarcar dende a Coruña cara a Inglaterra e contraer nupcias coa súa tía, a Raíña María Tudor. A un e outro lado das armas reais, na fachada lese: "FELIPE II ESTUBO EN ESTA CASA ANO 1554". O edificio, que forma parte dese rueiro, está composto por dúas plantas, e ademais de escudos, nas súas fachadas ten arcos conopuais e linteis decorados. As portas están adornadas con arcos e resaltan a porta central con bolas. Un dos escudos na fachada é o da familia de Fernando González de Barral e Soutomaior, quen posuíu o terreo, e o outro é un escudo da realeza española, ao que non lle falta o cáliz heráldico do Reino de Galicia.[5][6][15].
Construído no século XIX, preto da igrexa parroquial. Foi un antigo hospital. A denominación procede por un edificio anterior ao actual que servira de convento e que se achaba no mesmo lugar. Ese antigo priorado de Sarandós era un dos que, segundo Ramón Villares, no século XVIII achegaba ingresos ao mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Do arquivo particular dos donos da casa, despréndese que o fundador do vínculo de Sarandós foi Gómez de Barral, rexedor de Santiago no ano 1547, e que estivo en mans eclesiásticas ata o 1836 [4][14]. Na parede do muro que linda coa estrada que vai cara a Bordelle, hai un reloxo de sol e mostra dous escudos de Figueroa.
Nas terras deste convento hai unha fonte de dimensións considerables. Está situada no lateral norte da leira e foi feita con cachotería. A súa planta é circular, ten pouca altura[4].
No Rueiro está a casa reitoral da parroquia. Foi levantada no século XVII e reformada no XVIII, dándolle un estilo máis relevante barroco. É unha casa grande nobre rural, de planta rectangular e barroca e dun estilo propio mariñán. A fábrica é de cantería e cachotería revocada e pintada en branco. A cuberta é de tres augas e tellada. No balcón central, con galería de madeira, loce o escudo dos Figueroa[4].
Nas Veigas hai unha vivenda que destaca polo seu estilo americano de construción. Posúe unha planta rectangular de tres alturas, muros de ladrillo enfuscado e dúas augas de tella árabe. A fachada principal ten vans de madeira. Na leira hai cortes e un amplo pombal. A casa estivo vinculada a propiedades do marqués de Figueroa[4].
Ao pé da estrada e do regato de Gueixadiña está este lavadoiro. Está pechado por unha tapia de cachotería. Ten un remate en penal que consta dunha pía de formigón limitada por un muro baixo de cachotería con remate de penal.
Lugares da parroquia de Sarandós no concello de Abegondo (A Coruña) | |
---|---|
Aquelabanda | Ardexurxo | Ardilleiros | Barreiros | Bordel | Bordelle | A Calle | Cruz de Beira | Desabanda | Fontán | O Nogueiral | O Rueiro | Xeixade |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.