Remove ads
parroquia civil do concello de Abegondo From Wikipedia, the free encyclopedia
San Miguel de Figueroa é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Abegondo na comarca da Coruña. Ten unha extensión de 112 hectáreas e está a unha altitude media de 149 metros.[2] Segundo o IGE, en 2022 tiña 210 habitantes (106 homes e 104 mulleres)[3], distribuídos en oito entidades de poboación.[4] Linda cara ao leste coa parroquia de Abegondo, ao oeste coa de Sarandós, ao sur coa de Montouto, todas do concello de Abegondo, e cara ao norte con Cañás, do concello de Carral.
Figueroa | |
---|---|
Torre de Figueroa. | |
Concello | Abegondo[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°13′01″N 8°19′20″O |
Área | 1,12 km² |
Poboación | 210 hab. (2022) |
Densidade | 187,5 hab./km² |
Entidades de poboación | 8[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Torre de Figueroa é un castelo da parroquia que se construíu no século XII, propiedade do marquesado do mesmo nome, e que está protexido e declarado como ben de interese cultural. Figueroa contou co couto de Gundín, fóra dos seus lindes e en Vizoño, entre o século XVII e XVIII. A súa ribeira do Barcés está dentro do ZEC do encoro de Abegondo-Cecebre e ten a carballeira da Chousa declarada como de interese local.
O topónimo oficial Figueroa é unha deturpación de Figueiroa,[5][6] que xorde do termo latino FĪCĀRĬŎLA (diminutivo de "figueira") entre o século X e o XI.[7][8]
Figueroa é unha parroquia do centro-oeste do concello de Abegondo, no sur e centro-leste da comarca da Coruña. A parroquia está comunicada pola DP-0103, que pasa por Figueroa Pequeno, A Praza e Erminde; e que conecta a AC-542 desde Santín, Montouto, ata a N-550 na vila de Paleo, en Carral. A estrada comarcal que vai desde A Praza ata San Marco, Abegondo, comunica a outra parte da parroquia.[9]
O Castro Maior de Abegondo, na parte meridional da parroquia de Vizoño forma un macizo que se estende por Figueroa configurando un dos tres sistemas orográficos do concello, que desfilan entre o río Barcés e o río Gobia. Os lugares poboados de Figueroa atópanse en altitudes aproximadas de entre os 150 e 120, e nesa vertente cara ao Barcés.[2][9] O Outeiro, o monte por riba da Chousa e Figueiroa Pequeno, está a 256 m de altitude e é o punto máis alto. Os montes da Revolta e o Casarón rematan en picos de 215 m xa en Barreiros, Abegondo. Desde estes montes báixase ata os 110 m, aproximadamente, nas ribeiras do Barcés.[9]
Figueroa está sobre dunha unidade alóctona do macizo ibérico de rochas metamórficas formada entre o Proterozoico e o Paleozoico. Esta é de rochas básicas e xistos pobres en cuarzo. A cunca do Barcés é aluvial e do Holoceno.[9][10]
O río principal que flúe por Figueroa é o Barcés, delimitando a parroquia con Sarandós e con Cañás na súa parte de ribeira. O rego conflúe co Barcés no lugar das Pontes da Barciela, lindando con Cañás, despois de nacer en Figueroa Pequeno e na Chousa de Abaixo e despois de pasar por Damil.[9]
O clima é temperá oceánico, cun ombroclima húmido inferior. Considerando que está preto da estación meteorolóxica de Mabegondo, a media anual de temperatura está entre os 12 e 14 °C, coas media das mínimas entre 8 e 9 °C e media das máximas entre os 17 e 20 °C. A variación de temperaturas non é acusada ao longo do ano. A humidade relativa media está entre o 75-80%. As choivas danse en entre 160 e 180 días do ano e deixan unha media de precipitación por día de 800–1050 mm. Adoitan dominar os ventos do oeste e o norte e no verán momentos de néboa, inda que pouco frecuentes.[10]
Figueroa está dentro da rexión bioxeográfica eursiberiana, no sector fisterrá e na unidade bioclimática subhiperoceánica.[10]
A parroquia de Figueroa ten recoñecidos oito núcleos de poboación: Damil de Abaixo, Damil de Arriba, Erminde, Figueroa Pequeno, A Manga, A Nespreira, O Outeiro e A Praza. A poboación total era de 213 habitantes segundo o censo do 2014. En 2001 eran 213 persoas, 108 mulleres e 105 homes, e deles, o 11,3% dos residentes eran menores de 16 anos e un 31% de máis de 65.[11] Con isto, a demografía da parroquia está caracterizada polo avellentamento da poboación. En 2016 a poboación foi de 104 mulleres e 100 homes.[4] O 30% das casas foron construídas entre 1950 e 1981, e outro 30% ata o ano 2001.[2][11]
No Censo do Sal de 1631, Figueroa aparece con 39 veciños.[12] Documentación do ano 1831 recolle que a poboación da parroquia era de 436 persoas.[13].
No lugar do Outeiro e das Viñas, no lugar de Figueroa Pequeno e cunha posible parte en Santín, Montouto, está o castro de Figueroa.[14][15][16] Data de entre o século I e IV d.c. e é o primeiro xacemento, e castrexo, do que hai rexistro na parroquia.
O pazo de Figueroa foi construído entre os séculos XII e XIV.[17] A liñaxe deste pazo de Figueroa ten un primeiro relato histórico asociado, que é o tributo das cen doncelas. No relato indícase que doncelas do pazo foran raptadas por mouros en Figueroa en 791 e levadas para á Torre de Peito Bordel.[18] Cinco irmáns fidalgos desa familia, armados de pólas de figueira saíron cara a alí e libraron unha batalla cos mouros en Peito Bordel e rescataron as súas irmás,[19] salvándoas de que os mouros as levasen e as embarcasen cara a Córdoba como parte dun famoso tributo.[20] Esa lenda argumenta de onde viría o nome da liñaxe, que seria unha honra outorgada aos cinco irmáns dos Figueroa e que usaran as pólas de figueira. Vasco da Ponte fixo referencia no seu libro Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia[21] ao seguinte:
Falemos de la casa de Figueroa. Digo yo que no baja de seteçientos y cinquenta años; porque en la era de setecientos ochenta alçose por rey de León Mauregato, y por quitar el reyno a su sobrino Don Alonso el Casto fuese a los moros, prometiéndoles cien donçellas cada un año de parias en Galiçia, en León y en Asturias. Y echando a las suertes a queles havían de dar sus hijas, cayó la sorte sobre un hijodalgo de FRigueroa, y aseñaláronle el día que la llevase y que fuese muy ataviada. Ansí lo hiço y muy secretamente ymbió a llamar a todos sus parientes y amigos que le ayudasen contra los moros. Y así lo hicieron. Y al tiempo que llegaron los moros erguéronse las çeladas y cortáronles las cabeças. Y ganaron por armas las follas de las figueiras con su cordón amarillo. Y de allí en adelante siempre tuvieron apellido.
Esta lenda de liberación das doncelas vencella os lugares de Figueroa e Bordel, da parroquia limítrofe de Sarandós. Nos dous tiveron asento en casaríos os Figueroa: en Figueroa están as propiedades do marquesado de Figueroa, como é a Torre de Figueroa, e en Bordel, a torre de Peito Bordel, e que hoxe está restaurada parcialmente.[2][22][23]
Figueroa contou cun couto redondo: o couto de Gundín. Isto é, entre o século XVII e XVIII, durante a vixencia da provincia de Betanzos, a parroquia tiña ademais unha entidade xurisdicional, de pequeno tamaño, con lindes alleos aos límites parroquiais. Este lugar era o couto de Gundín, actualmente en Vizoño, e dependía directamente do Marqués de Figueroa, e non do Correxemento de Betanzos.[13]
O topónimo Figueiroa ten a súa orixe no termo latino de figueira e apareceu entre o século X-XI.[17][24] A orixe do topónimo estaría no derivado latino do adxectivo FĪCĀRĬA (un figal), de FĪCŬS (figueira, figo), co sufixo -ola, *FĪCĀRĬŎLA.[7][8] O remate -ola derivou a -oa (Figueiroa) seguindo a deriva predominante galega; e non en -oá (Figueiroá) ou -uá (Figueirúa), como aconteceu para outros lugares co topónimo da mesma orixe.[7][25][26]
Porén, o topónimo recoñecido oficialmente non é «Figueiroa» mais si «Figueroa», malia que o emprego habitual na fala dos residentes da parroquia é «Figueiroa». A Xunta de Galicia instou ao Concello de Abegondo á súa corrección durante a elaboración dos planos xerais de ordenación municipal de 2012[2], pero na aprobación final o Concello mantivo o topónimo Figueroa.[6] Inda que é con respecto ao apelido, no IV Encontro para a normalización lingüística cítase Figueroa como unha deturpación dicindo:[5]
As deturpacións ou irregularidades dos apelidos galegos podemos agrupalas nos seguintes epígrafes: [...] 2. Os que presentan desgaleguizacións que afectan á redución de ditongos, alteración de sufixos e casos semellantes (Montoto por Montouto, Figueroa por Figueiroa, Soto por Souto, Sotelo por Soutelo, Otero por Outeiro, Villarino por Vilariño, Oterino por Outeiriño, Ribero ou Rivero por Ribeiro etc.).Actas dos IV encontros para a normalización lingüística
Nalgúns escritos do tributo das cen doncelas relátase que a aparición do apelido Figueroa vén de xente á que se lle outorgou por seren gañadores da batalla. Nesas referencias remátase dicindo que, a partir dese triunfo, tamén a parroquia natal dos gañadores recibiría ese nome.[18] Porén, esta lenda só se recolle nos últimos douscentos anos, cando, pola contra, é un topónimo galego e portugués común.[27] Igual ca outros apelidos frecuentes na parroquia de Figueroa, como o son Vilamarín e Andrade; o apelido Figueroa puido aparecer como un sobrenome, ou alcume, de orixe detoponímica entre o século XII e XVI.[28] Os sobrenomes complementaban os nomes da xente dos señoríos dun lugar cando chegaban á nobreza ou á fidalguía. Así, na literatura existen referencias como as que din «Pedros Lastres vezino das Figueiras criado de Ares Pardo (1564, Lores)», sendo «das Figueiras» un equivalente a «Figueroa»; ou outras como «Gonçalo Barba de Figueroa (1548)» ou «Aldonça Cordera vezina de Figueroa (1564)».[28] Con isto, o apelido Figueroa sería un detoponímico: un apelido xurdido do topónimo figueiroa.
Entre o lugar do Outeiro e das Viñas, en Figueroa Pequeno, e cunha posible parte en Santín, está o castro de Figueroa.[14][16] Data de entre o século I e IV d.c, ten un tamaño de 160 por 200 m e ocupa 2.51 ha. O seu recinto ten unha croa circular e unha explanada, en dirección norte, que pecha o recinto. Outra maior pecha o conxunto do recinto. A pista de Figueiroa Pequeno a Santín cortou unha parte do sur do xacemento. O terreo emprégase para uso forestal e a conservación do castro podería ser media.
A Torre ou Pazo de Figueroa atópase no lugar da Praza, o centro histórico da parroquia de Figueroa, e na vía que vai desde Montouto a Carral. Pertencente ao marquesado de Figueroa, familia galega nobre á cal Carlos II lle outorgou esa liñaxe no ano 1675 a Baltasar Pardo de Figueroa y Lupidana, cabaleiro da Armada e gobernador xeral de Tucumán.
A Torre de Figueroa foi construída no século XII e, segundo unha inscrición feita sobre o lintel da porta do muro sur,[29]:
reparose esta casa antiquísima del solar de los Figueroa el año 1621, siendo señor de ella Ares Pardo de Figueroa, caballero de la Orden de Santiago
Isto é, o pazo que se construíu arredor da torre foi construído no século XV, e a torre, como di a cita anterior, construída no século XII e reformada no século XVII.
O pazo componse de dous volumes claramente diferenciados: unha torre de planta rectangular con tres alturas e o resto do edificio de dúas alturas. A construción sufriu numerosas remodelacións ao longo da súa historia. A levada a cabo por D. Ares Pardo de Figueroa no 1608 é á que se debe a ornamentación barroca do edificio. Na entrada do pazo sobresae unha porta alintelada de cantería, rematada por unha cruz sobre pedestal. Tamén resalta a presenza dun escudo nunha das fachadas, na que aparecen as armas dos Gaioso, Puga, Freixomil e Moscoso e un perpiaño con inscricións que fan alusión aos Figueroa. A Torre está construída en cachotería e posúe tres andares que rematan nunha cornixa ameada. Apegada á Torre hai unha capela, tamén de cachotería, e unha gran galería de madeira nunha das fachadas laterais. A Torre está situada nun enorme terreo amurallado, con amplas vistas sobre do val cara ao monte do Saco (que son vistas ao outeiro onde linda Figueroa con Abegondo)[30] A fábrica orixinaria remontaríase ao século XII, pero as reformas posteriores pouco deixaron desta.
O Pazo de Figueroa foi declarado castelo a protexer por un decreto de 1949[31] e consolidado como tal nunha resolución de 1994[32]. Actualmente consta como ben de interese cultural de Galicia.[33]
A historia literaria deste pazo está ligada ao famoso Tributo das cen doncelas, disputado na Torre de Peito Bordel.
- O trovador vagabundo
- que entre as altas uces soña,
- e da raza de Breogán
- os altos feitos memora,
- do Figueiral figueirido
- a doce canzón recorda,
- e limpando as tenras bágoas
- que plo semblante lle rodan,
- con entusiasmo escrama:
- ¡A torre de Figueiroa!
No lugar da praza de Erminde sitúase a escola da «Ave María do Neno Xesús». Ata a década do 1970 foi unha das dúas escolas parroquiais, neste caso a de propiedade eclesiástica. O edificio está formado por tres volumes diferentes, cun central de muros de cachotería e linteis de madeira e os laterais, engadidos ao longo do tempo, de formigón e estrutura diferente. Está rodeado por un muro de pedra, do que resalta a porta, cun anxo na cabeceira e o nome da antiga escola.
O bloque central do edificio foi restaurado no 2011 en convenio coa Igrexa, propietaria, para rehabilitala como centro social de Figueroa.[2][35][36] A finais do 2014 completáronse o resto das obras de restauración, ao completar a restauración dos dous bloques laterais. A rehabilitación da escola converteuna no centro social parroquial, que ademais serve de espazo da mocidade do concello de Abegondo. Ese espazo é unha desas dúas partes laterais.[36][37][38]
A igrexa de san Miguel de Figueroa[39], o santo patrón da parroquia, é de estilo barroco e de tipoloxía rural. Ten unha planta rectangular e posúe unha soa nave, con ábsida cadrada e sancristía anexa nun dos laterais. A ornamentación exterior é sinxela. A fachada principal mostra unha ventá semicircular cun curioso remate. A espadana dobre culmina cun arco e unha cruz. Ten sólidos muros de carga e unha cuberta a catro augas. As pilastras da espadana encóntranse refundidas en varios planos, cunha segunda cornixa enriba, con remate mixtilíneo. Ten pináculos no remate dos esquinais. Na igrexa hai un adro axardinado e unha zona de enterramentos tradicionais, delimitado por un muro de cachotería, no que se fixeron soterramentos ata a década do 1950.[2]
O interior da igrexa presenta un tímpano con escenas da Epifanía no lateral dereito. É dun estilo barroco e neoclásico, posterior ó século XVIII, igual que os modelos presentes nas igrexas de Betanzos. A imaxe é a da virxe, na estigmatización, e acompañada. Está revestido por un marco barroco modurado de cinco lados, e inscrito noutro marco rectangular superior que remata en frontón coroado coas armas dos mecenas. No dosel penden cortinaxes.[40]
Nos laterais do altar da igrexa están expostas as figuras talladas en pedra da Dona Mencía das Mariñas, filla da familia das Mariñas dos Condes e dos Freires e que tiñan coutos en pobos como Sergude, Orto ou Mesía; e posiblemente do seu marido, o señor da Torre de Figueroa. Terían vivido entre o século XV e XVI.[41][42]
O altar acolle a figuras de San Miguel, Santo Amaro e San Xosé. As festas parroquiais son na honra dos dous primeiros.
Un cantar popular mencionando á igrexa:
- A Virgen de Sarandós
- Ten unha mantilla nova
- Para ir a visitar
- San Miguel de Figueiroa.
O cruceiro está situado no camiño que entra á igrexa de san Miguel de Figueroa. Ten un marcado carácter artístico e escultórico, mostra do patrimonio histórico-etnográfico e da relixiosidade popular. Trátase dunha obra sobre unha plataforma cadrada de tres chanzos, cuns símbolos nos cales consta a posible data de construción (1671). Na cruz atópase no anverso a imaxe do Cristo vivo e no reverso a imaxe da Dolorosa cun manto que a cobre da cabeza aos pés.[44]
A parroquia ten a ermida de san Amaro, no lugar do mesmo nome e preto da igrexa de san Miguel. A ermida estaba construída no 1607, pois aparece en rexistros de visitas, e abandonouse entre o 1960 e 1970. Esta ermida era o lugar de romaría e procesión deste santo, que popularmente se considerou un taumaturgo. O domingo antes de pentecoste levábase a figura do san Amaro da ermida á igrexa de san Miguel. O domingo de pentecoste a procesión devolvíase o santo da igrexa á ermida e celebrábase unha romaría na ribeira do rego de Figueiroa, que hai ao pé da ermida. Dentro da ermida había unha capela separada do altar para facer a misa propia algún fregués.[45]
Cando se deixou de celebrar a festa as figuras e santos leváronse e conserváronse na igrexa parroquial, onde se continúa celebrando a festa. A parte superior do retablo santoral colocouse nun dos laterais da igrexa de san Miguel, e a inferior na de santa Cristina de Montouto.[45]
A capela da Torre de Figueroa forma parte do conxunto da Torre. A capela está ancorada coa fachada norte da torre. Está rematada cunha pequena moldura na beira do antepeito así como unha sinxela estrutura metálica onde pende a campá a modo de espadana. Anteriormente estaba rematada en cornixa ameada. A entrada alintelada faise polo lado oeste. Na parte norte da capela atópase un xardín de buxo, ordenado xeometricamente, e que chega ata atrás do pazo.[2]
Toda a ribeira do río Barcés na parroquia forma parte do LIC e ZEC do encoro de Abegondo-Cecebre na Rede Natura 2000.[46]
A Carballeira do Marqués (foi ou é parte, terreo pertencente ao marquesado de Figueroa, de aí a súa denominación) na Chousa, entre os lugares da Praza e Figueroa Pequeno, é unha arborada de carballos e castiñeiros de elevados portes entre os vales fluviais do río Gobia e o rego da Gueixadiña e de Figueiroa e que ocupa unha área de 56 mil metros cadrados. Esta carballeira localízase na ladeira de orientación nordés, o que lle proporciona unhas condicións de avesedo idóneas para o seu desenvolvemento e por mor diso foi clasificada no plan xeral de ordenación municipal do 2012 como zona "Solo rústico especialmente protexido forestal" e "Solo rústico de especial protección de espazos naturais".[2]
A situación laboral na última década foi dun 13% adicado á agricultura, un 18% na industria, un 22% na construción e un 47% no sector servizos.[11]
Documentación do ano 1831 informa de que a produción agrícola se baseaba no cultivo de maínzo, de liño e de pastos.[13].
Lugares da parroquia de Figueroa no concello de Abegondo (A Coruña) | |
---|---|
Damil de Abaixo | Damil de Arriba | Erminde | Figueroa Pequeno | A Manga | A Nespreira | O Outeiro | A Praza |
Os núcleos de poboación recoñecidos na parroquia no último acordo do concello foron: Damil de Abaixo e de Arriba, Erminde, Figueroa Pequeno, A Manga, A Nespereira, O Outeiro e a Praza.[2]
Na parroquia hai rexistro dos seguintes topónimos, de áreas residenciais, e microtopónimos:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.