Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Procavia capensis (Pallas, 1766), é unha especie de mamífero da orde dos hiracoideos, o tipo da familia dos procavíidos e única especie actual do xénero Procavia.[2]
Procavia capensis Damán do Cabo | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Procavia capensis (Pallas, 1766) | |||||||||||||||||||||
Mapa de distribución |
É un dos damáns máis estendidos por toda África, chegando tamén ao oeste da península Arábiga. Habitante dos rochedos, en aparencia aseméllase a unha marmota común ou a un coello de Indias, coas súas curtas orellas e cola.
Procavia capensis é un damán de constitución pesada, de tamaño aproximado ao dunha lebre, xa que mide entre os 43 e os 57 cm; a súa altura na cruz oscila entre os 20 e os 30 cm, e o seu peso, entre os 2,5 e os 5 kg.[3][4]
Na súa forma corporal parécense á marmota común (Marmota marmota, da familia dos esciúridos, os esquíos), pero coa cola e as patas moi curtas.[5]
Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias.
A súa pelaxe é curta e áspera, de cor que pode variar da parda amarelada á agrisada, con algúns pelos dispersos máis ou menos negros, e os flancos máis claros; as partes inferiores son de cvior amarela apagada.[3]
Ademais das típicas glándulas dispersas pola pel, teñen unha área glandular espida na parte central do lombo, rodeada de pelos eréctiles de cor diferente (que varía desde o negro, en África meridional, até a amarelada, en África oriental e occidental), cuxas secrecións utilizan para marcar o seu territorio.[3][5]
No seu esqueleto destacan as órbitas pechadas e a mandíbula maciza; no maxilar superior ten un par de longos incisivos (tipo de defensas), e crecen continuamente, como nos roedores.
Os inferiores son menores e de crecemento limitado, e están aplanados e serrados nos bordos.
Os molares aseméllanse aos dos rinocerontes.
Os membros son mesoanxónicos, e o seu eixe pasa polo terceiro dedo.
O fémur presenta un pequeno terceiro trocánter.
A estrutura do carpo é moi primitiva, cos ósos dispostos en serie.[5]
Son plantígrados, e as plantas dos seus pés están cubertas de almofadas elásticas. Teñen catro dedos nas extremidades anteriores, e tres nas posteriores; os dedos rematan en pequenos pezuños primitivos, e só o dedo interno das patas traseiras ten unha pequena garra afiada, que utilizan para rascárense, e que está fixada nunha falanxe bífida.
Carecen de clavícula.[5]
Procavia capensis distribúese por África, agás o Atlas, o Sáhara Occidental, as selvas tropicais do oeste e o centro do continente, o norte de Malaui, Zambia e gran parte de Botswana. A súa área de dispersión tamén inclúe as illas Dassen e Robben, na baía de Table, no cabo da Boa Esperanza. O chamado damán do Sinaí (subespecie Procavia procavia syriacus, considerada por algúns autores como especie independente), no Sinaí, Palestina e a península Arábiga.[3][4] (Véxase o mapa de distribución no cadro de clasificación científica, arriba á dereita).
O seu hábitat constitúeno os piares e ladeiras rochosos, os kopjes (palabra que en lingua afrikaans significa "cabezo", e que son altos e arredondados afloramentos rochosos graníticos illados en sabanas e chairas),[6][7] montañas con abas de pedra, kloofs (en afrikáner "desfiladeiros rochosos"), ás veces en paraxes moi secos, nunca nas delvas densas. No monte Kenya chegan até a zona alpina, entre os 4.000 e os 5.500 m de altitude.[3][4]
Extermadamenre sociábeis, os damáns do Cabo viven en colonias de até 60 individuos, establecidas en promontorios rochosos, ou entre penas. Estas colonias están formadas pola unión de varias unidades familiares constituídas por un só macho adulto, e varias femias e crías. Estes damáns gabean polas rochas con gran facilidade, grazas ás almofadas elásticas dos seus pés, e poden saltar dunhas rochas a outras. De hábitos diúrnos (aínda que tamén saen en noites de claro luar) pasan a maior parte do seu tempo amoreados entre si, descansando e tomando o sol enriba das rochas, comportamento que serve para axudar a regular a súa temperatura corporal, que varía coa temperatura ambiente entre os 35 e os 37 °C, xa que estes animais desenvolveron mal a regulación da súa temperatura interna, é dicir, non son estritamente homeotermos.[3][4]
Algúns individuos (aparentemente machos vellos) vixían e avisan aos outros da aproximación dalgún inimigo potencial. Cando e alarman, lánzanse ao interior dunha fenda entre as rochas ou refúxianse debaixo duna pena. Os sentidos da vista e o oído están ben desenvolvidos, así como o do olfacto (xa que o olor é a base da súa orientación). Para intercomunicárense dispoñen dunha ampla gama de sons, que comprende unha gran variedade de gritos de alarma e alerta; a voz máis corrente é unha nota miañante de ton elevado, audíbel a gran distancia.[3]
Os seus principais depredadores son o leopardo, o serval (Leptailurus serval = Felis serval), o caracal (Caracal caracal = Lynx caracal), o gato silvestre africano, os chacais de lombo negro e dourado, a civeta africana, as aguias e as grandes cobras.[4]
Exclusivamente fitófagos, aliméntanse principalmente de herba, pero tamén bagas e outros pequenos froitos, cascas de árbores e arbustos, follas e liques. Comen en zonas moi próximas ás súas goridas, pero cando a vexetación se fai escasa poden aventurarse máis lonxe, pero nunca demasiado separados de rochas onde poder agocharse en caso de perigo. Beben moi pouco, aínda que os que viven en zonas moi secas poden perorrer distancias de até 600 m en busca de auga.[3]
Os damáns do Cabo defecan e urinan en determinados lugares específicos, latrinas comúns onde se acumulan os seus excrementos, coñecidos como Hyraceum.[3][8] (Véxase máis abaixo).
Os machos vólvense agresivos na época de apareamento, defendendendo o seu territorio mediante gritos e trabadas a outros machos rivais. Despois dun período de xestación de 7 a 8 meses (anormalmente longo para un animal do seu tamaño), as femias paren, nun refuxio baixo as rochas, dunha a seis crías (usualmente, dúas ou tres). As crías nacen ben desenvolvidas, cos ollos totalmente abertos e a pelaxe completa, polo que son activas pouco despois e nacer; son coidadas por toda a colonia.[3][4]
Os xuvenís poden inxerir alimentos sólidos despois de dúas semanas, e son destetados ás dez semanas. Alcanzan a madurez sexual aos 16 ou 17 meses, e o tamaño adulto aos 3 anos. En xeral, poden chegar a vivir 9 anos, en ocasións até os 10.[3][4]
A familia dos Procaviidae creouna en 1892 o zoólogo británico Oldfield Thomas, en Proc. Zool. Soc. Lond., 51.[9]
Ao longo do tempo, esta familia coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[9]
Notas:
1. De todos estes nomes, só Hyracidae Gray, 1821 corresponde ao dunha familia.
2. Hyracidae Gray, 1821 é un nome baseado no xénero Hyrax Hermann, 1783. Revisado por Hahn (1934) e Roche (1972) a familia conservou soamente os xéneros Procavia e Dendrohyrax (cambiando consecuentemente o seu nome), e Hoeck (1978) e Meester et al. (1986) consideran a Procavia, Heterohyrax e Dendrohyrax como xéneros separados. Unha clave dos xéneros moderna foi desenvolvida por Meester et al. en 1986.[9]
O xénero Procavia foi fundado en 1780 polo médico e naturalista alemán Gottlieb Conrad Christian Storr, e publicado en Prodr. Meth. Mamm.: 40.[10]
Ademais de por este nome coñeceuse polos seguintes sinónimos:[10]
A especie Procavia capensis foi descrita por primeira vez en 1766 polo naturalista alemán Peter Simon Pallas, na súa obra Miscellanea zoologica, quibus novæ imprimis atque obscuræ animalum species describuntur et observationibus iconibusque illustrantur,[11] baixo o nome de Cavia capensis.[12]
Ademais do nome orixinario ue lle adxuidcou Pallas, e do actualmente válido, e especie coñeceuse tamén polo sinónimo Heterohyrax antineae Heim de Balsac & Bégouen, 1932.[12]
O nome da familia, Procaviidae, fórmase, como é normal, sobre a raíz do nome do seu xénero tipo, Procavia, coa desinencia do latín científico ´-idae, propia dos nomes das familias de animais, e tomada do latín clásico ´-idae, plural de ´-ides, sufixo patronímico masculino derivado do grego antigo -ιδαι -idai, plural de -ιδης -idēs, "de aspecto de", "semellante a", derivado de εἴδος eídos, "aspecto", "aparencia", "forma".
Este nome, Procavia, está formado polo elemento do latín pro-, derivado da preposisión prō, "diante de" e o xénero Cavia, o tipo da familia dos Caviidae, roedores suramericanos cuxa especie máis coñecida é o coello de Indias ou cobaia (Cavia porcellus).
Na actualidade recoñécense na familia os seguintes xéneros, especies e subespecies viventes:[2]
Familia Procaviidae
As dexeccións e a urina dos damáns do Cabo, depositadas nunha latrina común das súas colonias, producen gran cantidade dunha masa pegañenta, mestura de feces e urina que, seca e reducida a po, foi moi utilizada na farmacopea europea durante os séculos XVIII e XIX, baixo o nome de Hyraceum, para combater determiandas doenzas xinecolóxicas.[8] e outras, como a epilepsia e as convulsións, a aínda segue a ser utilizada en perfumaría.[Cómpre referencia]
Os damáns mostran moitas características primitivas e, ao mesmo tempo, numeross peculiaridades anatómicas propias. Debido a isto, os zoólogos intentaron encontrar relacións de parentesco entre os membros deste grupo e os doutras varias ordes de mamíferos fósiles e actuais. Parece fóra de toda clase de dúbidas que as especies da orde dos hiracoideos son unha rama lateral antiga de ungulados primitivos. A súa anatomía recorda máis estreitamente á dos proboscídeos e os sirenios. Son moi parecidos aos pequenos ungulados primitivos do terciario dos que evolucionou a superorde dos penungulados (Paenungulata), plantígrados, con catro dedos diante e tres nos membros posteriores, con pezuños e unha uña no dedo interno empregada para rascarse, polo que frecuentemente se agrupan con eles nesta superorde.
A evolución dos hiracoideos tivo lugar en África. Tamén se encotraron fósiles en Europa, pero só no plioceno, e hoxe se presentan tamén no Oriente Medio. No oligoceno inferior esta orde era moi rica en especies, e estaba enormemente diversificada. As especies daqueles tempos aínda tiñan unha dentición completa e unhas órbitas abertas. Ao mesmo tempo, porén, a estrutura dentaria estaba xa enormemente diferenciada: os dentes podían ser bunodontes, selenodontes ou lofodontes. Algúns alcanzaron un tamaño bastante grande (como o dunha ovella).[13]
Suxeriuse que os parentes máis próximos aos hiracoideos son os tetiterios, pero este debate non está aínda totalmente pechado. Xunto con este taxon os proboscídeos e outros extinguidos, os tetiterios forman o clado dos penungulados que, segundo os datos xenéticos moleculares queda clasificado dentro da superorde dos afroterios.[Cómpre referencia]
As relacións represéntanse neste cladograma:[14]
Penungulados |
| |||||||||
En 2006 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status da especie como LC (pouco preocuante), cualificación que mantén en 2015, debido á súa ampla área de distribución, a ampla gama de hábitats que ocupa, nas que se presume que presenta grandes poboacións, e que vive nun gran número de grandes áreas protexidas, sendo pouco probábel que as poboaciónse estean declinando, como para situala nunha categoría de maior ameaza.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.