From Wikipedia, the free encyclopedia
O Preste Xoán (en latín Presbyter Johannes) é un rei e patriarca lendario cristián popular na cultura europea entre os s. XII e XVII. Dicíase que rexía unha nación de cristiáns nestorianos evanxelizados por San Tomé, perdida entre os musulmáns e pagáns de Oriente. Os relatos sobre el reúnen diversas fantasías medievais populares, que o fan descendente dos reis magos e soberano dun reino cheo de riquezas, marabillas e criaturas estrañas.
Primeiro imaxinouse que o Preste Xoán vivía na India; probablemente por influencia das historias sobre o éxito evanxelizador dos cristiáns nestorianos alí, e das viaxes do apóstolo Tomé polo subcontinente como as documentan obras como os Feitos de Tomé. Despois da chegada dos mongois a Occidente, os relatos localizaron o rei en Asia Central, e finalmente os exploradores portugueses convencéronse de acháreno en Etiopía, que fora cristiá xa desde o s. IV. O reino do Preste Xoán foi obxecto de busca, e excitou a imaxinación de xeracións de aventureiros, mais permaneceu inatinxible. Para os cristiáns europeos foi un símbolo da universalidade da Igrexa, que transcendía culturas e xeografía para abranguer toda a humanidade, nunha época na que as tensións interrelixiosas facían que tal perspectiva resultase distante.
Aínda que a xénese inmediata non está clara, a lenda do Preste Xoán baséase fortemente nas máis primitivas historias sobre Oriente e os seus viaxeiros occidentais. Particularmente influentes foron as historias do proselitismo do apóstolo San Tomé na India, rexistradas especialmente na obra do s. III coñecida como os Feitos de Tomé. Este texto inculcou nos occidentais unha imaxe da "India" como lugar de marabillas exóticas e ofreceu as primeiras descricións de San Tomé establecendo alí unha seita cristiá, motivos que influíron longamente sobre os relatos do Preste Xoán.[1] De maneira similar, noticias distorsionadas da evolución da Igrexa oriental en Asia tamén deron forma á lenda. Esta igrexa, tamén chamada nestoriana e que tiña o seu centro en Persia, gañara moitos adeptos nas nacións orientais e capturou a imaxinación occidental como un conxunto de cristiáns á vez exótico e familiar.[2] Particularmente inspirador foi o éxito dos misioneiros nestorianos entre os mongois e os turcos de Asia Central; o historiador francés René Grousset suxire que unha das sementes da que xurdiu a historia talvez viñese do clan kerait, miles de cuxos membros se converteran ao cristianismo nestoriano pouco antes do ano 1000. Arredor do s. XII, os gobernantes kerait aínda adoitaban ter nomes cristiáns, o que alimentaría máis a lenda.[3]
Amais, a base da tradición talvez estea na escura figura do cristianismo primitivo Xoán o Presbítero de Siria, cuxa existencia é inferida por primeira vez polo bispo e historiador da Igrexa Eusebio de Cesarea baseándose nas súas lecturas dos primeiros padres da igrexa.[4] Un documento di que este home sería o autor das Epístolas de Xoán,[5] e supúñase que fora o mestre do bispo mártir Papías, que á súa vez ensinou o propio mestre de Eusebio, Ireneo de Lión. Porén, alén o nome, pouco vincula esta figura, presuntamente en actividade a finais do s. I, coa lenda do Preste Xoán.[6]
As posteriores historias sobre o Preste Xoán beben claramente nos textos literarios sobre Oriente, incluíndo o gran corpus medieval de literatura de viaxes e xeografía. Colléronse detalles de historias literarias e pseudohistóricas, como o relato de Simbad o Mariñeiro.[7] Tivo especial influencia a novela de Alexandre, unha historia fabulosa sobre as conquistas de Alexandre Magno.[8] Alén as devanditas fontes, a lenda comézase a difundir a principios do s. XII coa noticia de visitas dun arcebispo da India a Constantinopla, e dun patriarca da India a Roma na época do papa Calisto II (1119–1124).[9] Non é posible confirmar estas visitas, aparentemente de cristiáns de San Tomé da India, pois as probas de ambas son informacións de segunda man. O que está comprobado é que o cronista alemán Otón de Frisinga informou no seu Chronicon de 1145 que o ano anterior atopouse cun tal Hugo, bispo de Xabala, Siria, na corte do papa Uxío III en Viterbo.[10][11][12] Hugo era un emisario do príncipe Raimundo de Antioquía que despois do Asedio de Edesa polos sarracenos procuraba axuda occidental, e o seu consello incitou a Uxío a convocar á Segunda Cruzada. El dixo a Otón, en presenza do papa, que o Preste Xoán, un cristián nestoriano á vez crego e rei, nunha gran batalla, "non hai moitos anos" recuperara dos irmáns Samiardi, monarcas dos medos e de Persia a cidade de Ecbatana. Despois o Preste Xoán presuntamente dirixiuse a Xerusalén a rescatar Terra Santa, mais a suba das augas do Tigris forzouno a retornar ao seu país. O seu cetro de esmeraldas demostraba a súa fabulosa riqueza; a súa descendencia dos reis magos, a súa santidade.[13]
A historia de Otón parece estar mesturada con feitos reais. En 1141, o Khanato de Kara-Khitai baixo Yelü Dashi venceu os turcos selxúcidas preto de Samarcanda. Entón os selxúcidas gobernaban Persia e eran a maior potencia no mundo musulmán, e a derrota de Samarcanda debilitounos substancialmente. Os súbditos de Kara-Khitan nesa época eran budistas e non cristiáns, e non hai razón para supor que Yelü Dashi xamais fora chamado Preste Xoán.[14] Porén, varios vasalos de Kara-Khitan eran cristiáns nestorianos, o que debeu contribuír á lenda,[15] como tamén a posibilidade de que os europeos, non familiarizados co budismo, suporían que se o seu caudillo non era musulmán, sería cristián.[16] Calquera fose o caso, a derrota animou os Cruzados e inspirou unha esperanza de liberación desde Oriente, e é posible que Otón rexistrara a confusa información de Hugo para previr a compracencia dos patrocinadores europeos da Cruzada; de acordo con este relato, non se podía esperar axuda de ningún poderoso rei oriental.[17]
Non hai máis rexistros da historia ata preto de 1165 cando copias dunha contrafeita Carta do Preste Xoán comezouse a espallar por toda Europa.[14] Un relato epistolar fabuloso con paralelos que suxiren que o seu autor coñecía a novela de Alexandre e os devanditos Feitos de Tomé, a Carta supostamente escrita para o emperador de Bizancio Manuel I Comneno (1143–1180) polo Preste Xoán, descendente dun dos tres reis magos e rei da India.[18][19] As moitas riquezas e marabillas as que refire a carta captou a imaxinación dos europeos, e traduciuse a numerosas linguas, incluíndo o hebreo. Circulou en forma aínda máis adornada durante séculos en manuscritos, dos cales aínda existen uns cen exemplares . A invención da imprenta perpetuou a popularidade da carta; continuaba a ser corrente na cultura popular no período da exploración europea. Parte do esencial da carta foi a existencia dun reino perdido de cristiáns nestorianos na vasta Asia Central.
A credibilidade dada ás noticias foi tal que o papa Alexandre III enviou unha carta ao Preste Xoán co seu médico Filipe o 27 de setembro de 1177. Non hai máis rexistro sobre Filipo, pero o máis probable é que non tornase cunha resposta do Preste Xoán.[20] A Carta continuou a circular, acumulando máis adornos con cada copia. En tempos modernos, a análise textual das versións hebreas da carta descubriu varias palabras italianas, e isto suxeriría que a orixe podería estar entre os xudeus do norte de Italia ou do Languedoc.[21] De calquera xeito, o autor da Carta parece ser máis ben occidental, ben que o seu propósito non queda claro.
En 1221, Jacques de Vitry, bispo de Acre, tornou da desastrosa Quinta Cruzada con boas noticias: o rei David da India, fillo ou neto do Preste Xoán, mobilizara os seus exércitos contra os sarracenos. Xa conquistara Persia, entón baixo o control do Imperio Corasmita, e tamén movíase cara a Bagdad. Este descendente do gran rei que vencera aos selxúcidas en 1141 proxectaba reconquistar e reconstruír Xerusalén.[22][23] O polémico historiador e etnólogo soviético Lev Gumilev especulou que o moi reducido Reino de Xerusalén no Levante resucitou esta lenda para afoutar as experiencias cristiás e persuadir aos monarcas europeos, que perderan interese naquela época, para se involucrar en custosas cruzadas en rexións afastadas dos seus estados e asuntos.[24]
O bispo de Acre tiña razón en crer que un gran rei conquistara Persia; porén, o agora considerado "Rei David", era o caudillo tengrista Xenxis Khan. O seu reinado levou a historia do Preste Xoán nunha nova dirección. Se ben Genghis primeiro foi visto como un flaxelo dos "inimigos" da cristiandade, probou ser tolerante coas diferentes fes entre quen non se resistían ao seu imperio, e foi o primeiro gobernante de Asia Oriental en convidar clérigos de tres grandes relixións (cristianismo, islam, e budismo) a un simposio para aprender máis sobre as súas crenzas.[25] Tamén dicíase que gobernante mongol tiña entre súas moitas esposas unha cristiá nestoriana, que os europeos imaxinaron influente no terrible saqueo mongol a Bagdad.[25]
O xurdimento do Imperio Mongol deu aos cristiáns occidentais a oportunidade de visitar terras que nunca antes viran, e botáronse en gran número polas seguras estradas do Imperio. A crenza de que un reino nestoriano existía en Oriente ou de que a salvación dos Estados Cruzados dependía dunha alianza cun monarca oriental, fixo enviar numerosos misioneiros e embaixadores cristiáns aos mongois, incluíndo o explorador franciscano Giovanni da Pian del Carpine en 1245 e Guillerme de Rubruck en 1253.[26]
O vínculo entre o Preste Xoán e Xenxis Khan elaborouse por esta época, cando o Preste identificouse co pai adoptivo de Genghis, Toghrul, rei dos kerait, a quen os Jin deron o título de Ong Khan Toghrul. Cronistas e exploradores bastante fiables como Marco Polo,[27] o historiador das Cruzadas Jean de Joinville,[28] e o viaxeiro franciscano Odorico de Pordenone[29] despoxaron ao Preste Xoán de moito da súa fachada sobrenatural, describíndoo como un monarca máis realista e terreal. Odorico localiza as terras de Xoán ao leste de Catai en ruta cara a Europa, e menciona a súa capital como Casan, que correspondería a Kazan, a capital tártara próxima a Moscova. Joinville describe a Xenxis Khan na súa crónica como un "sabio" que uniu todas as tribos tátaras e as conduciu á vitoria sobre o seu máis poderoso inimigo, o Preste Xoán.[28] Guillerme de Rubruck di que un certo "Vut", señor dos kerait e irmán do "rei" nestoriano Xoán, foi vencido polos mongois baixo Genghis. Genghis fuxiu coa filla de Vut e casouna co seu fillo, e da súa unión naceu Möngke, o khan da época na que Guillerme escribiu.[30] Segundo as Viaxes de Marco Polo, a Guerra entre o Preste e Genghis comezaron cando Genghis, novo gobernante dos rebeldes tátaros, pediu a man de filla do Preste Xoán. Anoxado porque o seu baixo vasalo fixera tal petición, o Preste Xoán negouna en malos termos. Na subseguinte guerra, Genghis triunfou e o Preste Xoán pereceu.[31]
O personaxe histórico tras este relato, Toghrul, en efecto era un monarca cristián nestoriano derrotado por Genghis. Adoptara ao futuro khan tras a morte do seu pai Yesugei e foi un dos seus primeiros aliados, mais despois tiveron certa liorta. Tras o rexeito de Toghrul á proposta de desposar un fillo e unha filla súa cos fillos de Genghis, a fisura entre eles creceu ata que estalou a guerra en 1203. Genghis capturou a Sorghaghtani Beki, filla de Jaqa Gambu, irmán de Toghrul, e casouna co seu fillo Tolui; xuntos tiveron varios fillos, incluíndo Möngke, Kublai, Hulagu, e Ariq Böke.
A principal característica das historias do Preste Xoán desta época é a descrición do rei non como un heroe invencible, senón como un dos moitos adversarios derrotados polos mongois. Mais cando o Imperio Mongol derrubouse, os europeos comezaron a abandonar a idea de que o Preste Xoán realmente fora un rei de Asia Central.[32] En calquera caso, tiñan poucas esperanzas de achalo alí, mentres que as viaxes pola rexión volvéronse perigosas sen a seguridade que o Imperio provera. En obras como The Travels of Sir John Mandeville[33][34] e Historia Trium Regum de Xoán de Hildesheim,[35] os dominios do Preste Xoán tenden a recobrar os seus aspectos fantásticos e xa non se localizan nas estepas de Asia Central, senón novamente na propia India, ou nalgún outro sitio exótico. Wolfram von Eschenbach vincula a historia do Preste Xoán co da lenda do Santo Graal. No seu poema Parzival, onde o Preste é o fillo da doncela do Graal e do cabaleiro sarraceno Feirefiz.[36]
O erudito ruso Ph. Bruun en 1876 propuxo unha teoría que suxería que o Preste Xoán fora un dos reis de Xeorxia, que, na época das Cruzadas, experimentou un rexurdimento militar que desafiou o poder musulmán. Porén, esta teoría, ben que considerada cunha certa indulxencia por Henry Yule e algúns modernos historiadores xeorxianos, foi desestimada de plano por Friedrich Zarncke.[37]
O Preste Xoán fora considerado o gobernante da India desde o inicio da lenda, pero "India" era un concepto vago entre os europeos. A miúdo os autores falaban das "Tres Indias", e non tendo un coñecemento real do océano Índico, ás veces consideraban Etiopía unha das tres. Os occidentais sabían que Etiopía era un poderoso país cristián, mais o contacto con el fora esporádico desde o xurdimento do islam. En Asia non se achou ningún Preste Xoán, entón a imaxinación europea mudouno polas difusas fronteiras da "India" ata acharlle un reino apropiadamente poderoso en Etiopía.[38]
Marco Polo presentara Etiopía como unha magnífica terra cristiá[39] e os cristiáns orientais tiñan unha lenda que dicía que unha nación un día se levantaría e invadiría Arabia,[40] mais non localizaban alí o Preste Xoán. Entón, en 1306, 30 embaixadores etíopes do emperador Wedem Arad chegaron a Europa, e nun rexistro da súa visita menciónase o Preste Xoán como o patriarca da súa igrexa.[41] Outra descrición dun Preste Xoán africano atópase na Mirabilia Descripta do misioneiro dominico Xordano, arredor de 1329.[42] Ao falar da "Terceira India", Xordano rexistra moitas historias fantásticas sobre o país e o seu rei, de quen di que os europeos chaman Preste Xoán.
Despois disto, unha localización Africana fíxose cada vez máis popular. O 7 de maio de 1487, dous enviados portugueses, Pêro da Covilhã e Afonso de Paiva, viaxaron en segredo por terra para reunir información sobre unha posible ruta marítima á India, mais tamén para pescudar sobre o Preste Xoán. Covilhã conseguiu arribar a Etiopía. Se ben foi ben recibido, foille prohibido partir. Enviáronse máis axentes en 1507, despois que os portugueses capturaron Socotra. Como resultado desta misión, e enfrontando a expansión musulmá, a raíña rexente Eleni de Etiopía enviou o embaixador Mateu ao rei Manuel I de Portugal e ao papa, á procura dunha coalición. Mateu chegou a Portugal vía Goa, e en 1520 tornou cunha embaixada portuguesa, xunto co crego Francisco Álvares. O libro de Francisco Álvares, que inclúe o testemuño de Covilhã, a Verdadeira Informação das terras do Preste João das Indias foi a primeira información directa sobre Etiopía, que aumentou grandemente o coñecemento europeo da época, xa que foi presentado ao papa, publicado e citado por Giovanni Battista Ramusio.[43]
Cando en 1520 o emperador Lebna Dengel e o portugués estableceran contacto diplomático, Preste Xoán era o nome polo que os europeos coñecían ao Emperador de Etiopía.[44] Porén, os etíopes xamais chamaran así ao seu emperador. Cando os embaixadores do Emperador Zara Yaqob asistiron ao Concilio de Florencia en 1441, ficaron confundidos cando os prelados insistiron en chamar ao seu monarca Preste Xoán. En balde eles tentaron explicaren que en ningures na listaxe de nomes rexios de Zara Yaqob existía tal título.[45] Algúns escritores que usaban o título entendían que non era un nome honorífico local; por exemplo Xordano parece usalo simplemente porque os seus lectores o coñecían, non porque o crese auténtico.[46]
Durante moitos anos sostívose que Etiopía era a orixe da lenda do Preste Xoán, pero os estudosos modernos cren que ela simplemente foi adaptada para que encaixase cun país como xa o fixera no s. XIII con Asia Central e Ong Khan. Os eruditos modernos non achan no material máis antigo nada sobre o Preste ou seu país que o faga máis identificable con Etiopía ca con outro sitio, e amais, os especialistas na historia de Etiopía efectivamente demostraron que a historia non se coñecía moito alí ata o contacto cos europeos. En 1751 o franciscano checo Remedio Prutky preguntou ao Emperador Iyasu II sobre esta identificación, e Prutky afirma que o home ficou "atónito, e díxome que os reis de Abisinia xamais se adoitaron chamar por ese nome."[47] Nunha nota ao pé a esta pasaxe, Richard Pankhurst afirma que esta sería a primeira declaración rexistrada dun monarca etíope sobre a historia, que eles eran máis ben descoñecedores dese título ata o interrogatorio de Prutky.[48]
Os académicos do s. XVI como o orientalista alemán Hiob Ludolf demostraron que non hai relación local entre o Preste Xoán e os monarcas etíopes,[49] e o lendario rei saíu do mapa para sempre. Mais a lenda afectou durante centos de anos a historia de Europa e do mundo, directa e indirectamente, animando aos exploradores, misioneiros, estudosos e cazadores de tesouros europeos.
A perspectiva de achar o Preste Xoán hai tempo que se esvaeu, mais a historia continuou a ser inspiradora no s. XX. O drama de William Shakespeare do ano 1600 Moito barullo por nada contén unha das primeiras referencias modernas ao rei lendario,[50] igual ca El Burlador de Sevilla de Tirso de Molina.[51] En 1910 o novelista e político británico John Buchan usou a lenda no seu sexto libro, Prester John, para complementar a trama sobre a insurrección zulú en Suráfrica. Este libro é un exemplo arquetípico da novela de aventura de principios do s. XX, e foi moi popular no seu día. Talvez por mor da obra de Buchan, o Preste Xoán apareceu nas revistas pulp e banda deseñadas durante todo o século. Por exemplo, Marvel Comics presentou o Preste Xoán nos Fantastic Four e Thor. Foi un personaxe secundario importante en varias historias da serie fantástica Arak: Son of Thunder de DC Comics.
O videoxogo de 1992 Castles II: Siege and Conquest contén unha sub-trama que involucra a busca do reino de Preste Xoán.
Charles Williams, membro do grupo literario do s. XX dos Inklings, fixo do Preste Xoán un protector mesiánico do Santo Graal no seu conto longo de 1930 War in Heaven. O Preste Xoán, ou como é chamado na triloxía, King John the Presbyter, tamén intervén na triloxía épica de Tad Williams, Memory, Sorrow and Thorn (1993) onde o Preste Xoán reúne a maior parte da humanidade no continente fantástico de Osten Ard, moito antes dos acontecementos que ocorren nas novelas. O Preste e o seu reino tamén figuran con prominencia na novela Baudolino de Umberto Eco do ano 2000, onde o seu protagonista recruta aos seus amigos para escribir a Carta do Preste Xoán para o seu pai adoptivo Frederico Barbarroxa, pero é roubada antes que poidan mandala. Finalmente, Baudolino e compañía deciden visitar o marabilloso reino do crego, que remata sendo todo e nada do que eles esperaban.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.