Remove ads
praza de touros en Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia
A Praza de touros de Pontevedra é un edificio dedicado a actividades taurinas na cidade de Pontevedra, no cal se celebra cada ano a feira taurina da Peregrina.
Praza de Touros de Pontevedra | |
---|---|
Vista da praza e da entrada ao tendido 3 | |
Datos | |
Coordenadas | 42°25′49″N 8°39′07″O |
Localización | Pontevedra |
Outros nomes | Coso de San Roque |
Construción | |
Inauguración | 12 de agosto de 1900 |
Arquitecto | Siro Borrajo Montenegro |
Estadio | |
Capacidade | 7.800 espectadores |
Eventos | |
Feira da Peregrina (agosto) Feira Franca (setembro) Concertos Mitins | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O recinto ten unha capacidade para 7.800 persoas,[1] sendo polo tanto o segundo recinto con máis capacidade da capital pontevedresa, só por detrás do Estadio de Pasarón. A Praza de touros de Pontevedra é o único sitio permanente dedicado á tauromaquia en todo o territorio galego.[2]
Antes da existencia da praza de touros, as corridas celebrábanse desde o século XVII nas prazas da Ferrería e da Alhóndiga (detrás da actual casa do concello), pechándose as entradas con táboas e reservándose o dereito para utilizar as fiestras dalgunhas casas para presenciar os festexos. Estes espectáculos menciónanse nas crónicas da cidade de Pontevedra de Prudencio Landín Tobío.[3]
En 1892, o capitán de artillaría Benito Calderón Ozores, irmán da marquesa de Riestra e xenro de Eugenio Montero Ríos, en asociación con dous cordobeses, promoveu a construción dunha praza de touros de madeira no Campo da Torre, no mesmo lugar que a actual praza de pedra. Foi inaugurada o 10 de agosto de 1892 cunha corrida na que actuaron Espartero, Mazzantini e Guerrita. En 1896 recibiuse no Concello unha solicitude para a construción dunha praza de touros de pedra. A solicitude foi aprobada o 5 de novembro do mesmo ano, pero o proxecto de construción quedou en suspenso ata 1899.[4]
O arquitecto Siro Borrajo Montenegro, encargouse da dirección das obras que comezaron en outubro de 1899. Concretamente, o día 8, ao ritmo do pasodobre interpretado pola banda de música do orfanato. Antes de que se cumprise un ano do inicio das obras, a praza foi inaugurada polos toureiros Emilio Torres "Bombita" e Ricardo Torres "Bombita chico" que lidaron touros de Salas. Foi o 12 de agosto de 1900 no barrio de San Roque, o mesmo lugar onde se situou a praza de madeira.[5][6]
Dende entón moitas figuras do pasado e do presente pasaron pola praza: Manolete, Luis Miguel Dominguín, Enrique Ponce, El Juli, Antoñete, Cesar Rincón, Espartaco, José Tomás etc. Como curiosidade, o mesmo rei Afonso XIII presenciou un festexo taurino na praza en 1929.
O 16 de agosto de 1931 acolleu a disputa do combate de boxeo entre Ángel Sobral e Emile Romerio, polo campionato de España de peso medio.[7].
Desde 1975 a praza de touros é propiedade dos irmáns Lozano.[8][9] Dende o ano 1996 a praza ten unha cuberta que protexe do sol ou da choiva a todo o recinto (tanto bancadas como area).
O edificio ten dúas plantas, a primeira reservada ás bancadas e a segunda aos palcos e asentos cubertos. A praza de touros está cuberta. En 1996, a praza de touros renovouse cunha cuberta[10] dun tecido similar ao dos veleiros, que dá acubillo aos espectadores e a unha parte do rodo, deixando aberto o centro.[11] Esta cuberta de membrana de PVC cunha superficie de 4300 m² foi inaugurada o 25 de xullo, durante unha corrida na que os toureiros lidaron touros bravos do Torreón e na que se anunciaron os matadores valencianos Enrique Ponce e Vicente Barrera, así como o colombiano César Rincón.
A praza de touros de Pontevedra caracterízase polo seu gran número de afeccionados. Os tendidos de sol da praza de touros énchense de peñas que crean un gran ambiente cada tarde de touros. Ao redor de 50 peñas celebran cada ano a Feira da Virxe Peregrina. Este fenómeno das peñas é algo arraigado en Pontevedra.[12]
A praza de touros de Pontevedra é a única de Galicia e o escenario da maioría das corridas do noroeste da Península Ibérica. A feira da Peregrina é un dos ciclos taurinos da tempada española que ten máis éxito de recadación, xerando gran expectación nos seus carteis.[13] A actividade taurina concéntrase na Feira da Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra, que se celebra cada ano para partir do segundo domingo de agosto.
Na praza celébranse ademais de corridas eventos como concertos musicais, mitins políticos ou actos da Feira Franca.
Cada ano ten lugar a feira taurina da Peregrina coincidindo coas festas da cidade, na que se celebran 4 festexos durante as dúas primeiras fins de semana do mes de agosto na praza de touros de Pontevedra. Esta feira taurina ten un grande arraigo en sectores da cidade, con 47 grupos taurinos (peñas)[14], con arredor de 1350 socios.[15]
Con todo, tamén hai unha forte oposición social á celebración deste evento taurino. Así, a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra integra diferentes asociacións de diferente ideoloxía: contra o maltrato animal (Galiza mellor sen touradas, Matar por Matar NON, protectora Os Palleiros), ecoloxistas (ADEGA, APDR, Vaipolorío, Verdegaia, Colectivo Ecoloxista do Salnés), políticas (Galiza Nova, Isca!, Briga, Nós-UP) sociais (A Revira), culturais (Cineclube de Pontevedra, Liceo Mutante) ou sindicais (CNT). Demandan a abolición do maltrato animal e a reconversión da praza de touros nun espazo público[16].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.