Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Oñati é un concello da provincia de Guipúscoa, no País Vasco. O concello pertence á comarca de Debagoiena, cunha poboación de 11 428 habitantes segundo os datos do INE de 2021. Ten unha área 108,2 km², polo que a súa densidade de poboación é de 100 habitantes/km².
Alcume | txantxikuak | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | País Vasco | |||
Provincia | Guipúscoa | |||
Comarcas | Debagoiena | |||
Capital | Oñati (en) | |||
Poboación | ||||
Poboación | 11.567 (2023) (106,9 hab./km²) | |||
Lingua oficial | lingua éuscara (lingua predominante) | |||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Superficie | 108,2 km² | |||
Altitude | 230 m | |||
Comparte fronteira con | ||||
Creación | 1467 | |||
Organización política | ||||
• Alcaldesa | Izaro Elorza Arregi | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 20560, 20567, 20568 e 20569 | |||
Fuso horario | ||||
Código INE | 20059 | |||
Outro | ||||
Irmandado con | ||||
Sitio web | oñati.eus |
Oñati foi unha vila señorial que pasou a ser condado. Non se integrou na provincia de Guipúscoa até 1845. Nesta localidade fundouse a primeira universidade do País Vasco, a Universidade de Oñati, en 1543. É o concello máis extenso da provincia e o núcleo urbano áchase a unha altitude de 231 msnm, mentres que a altura máxima é de 1.368 metros no cumio do monte Artzanburu.
O escudo de armas da vila de Oñati reflicte as familias que tiveron relevancia histórica. Está dividido en tres cuarteis. Nos dous superiores represéntase: no da esquerda unha aguia como símbolo da familia dos Garibai, os Aguillos; no dereito represéntase un cervo en actitude de correr como símbolo da familia oñatiarra dos Murguia, os Cervunos; e o cuartel inferior está ocupado por un cervo ferido sobre un trigal e sobre el unha aguia con poutas e picándolle o corazón. Isto simboliza unha batalla medieval que perderon os oñatiarras, e na que foron exterminados os Murguia. Antigamente ostentaba a lenda Zara bay. — Zeren bay? — Gari bay. ("Date en prenda. — De que? — Do trigo.") Este escudo foi da familia de Garibay e foi adoptado pola vila en 1775 para substituír outro no que figuraba San Miguel.[1]
A vila de Oñati atópase no suroeste da provincia de Guipúscoa, nos límites con Araba, na conca alta do río Deba e rodeada de montañas. Oñati limita ao norte con Bergara (12 km) e Antzuola, ao sur con Araba, ao leste con Legazpi (13 km) e ao oeste con Arrasate (10 km) e Aretxabaleta. Oñati está a 27 km de Éibar, a 73 km de Donostia, capital da provincia; a 52 km de Gasteiz, capital do País Vasco; e a 64 km de Bilbao, capital de Biscaia.
A estrada principal, que percorre o territorio municipal e pasa polo núcleo urbano, é a GI-2630. Esta estrada vai dende o barrio bergarés de San Prudencio, onde se une á GI-627 que percorre o val do Deba, e á autoestrada AP-1 de Éibar a Vitoria, até a localidade de Zumárraga.
Do núcleo urbano parte a estrada GI-3591 que une este co santuario de Arantzazu e o barrio de Araotz, ao que se chega tomando a GI-3592. A estrada GI-3593 une o barrio de Urrexola e o val de Zañartu.
Desde 1923 contou cun ferrocarril de vía estreita que unía a localidade á liña Bergara-Vitoria-Estella. En 1938 electrificouse e cerrou o 31 de decembro de 1967.
O barrio de Brinkola, a 10 km do núcleo urbano, conta cunha estación de RENFE na que dan servizo os trens de proximidades de Donostia.[2]
O transporte aéreo centralízase nos aeroportos de Donostia (Guipúscoa), Gasteiz (Áraba) e Bilbao (Biscaia). Os portos de Bilbao e Pasaia completan a oferta de transporte marítimo.
Ademais do centro urbano, ten 13 barrios; Arantzazu, Araotz, Uribarri, Lezesarri, Urrexola, Murgia, Olabarrieta, Berezao, Garagaltza, Goribar, Zañartu, Torreauzo, Garibai, Santxolopetegi, Zubillaga e Larraña.
A localización de Oñati fai que o seu clima sexa temperado e húmido, dentro do oceánico temperado. As montañas que o arrodean, superiores aos 1.000 metros de altitude, fai que nos lugares altos haxa influencia do clima de montaña. A temperatura media oscila entre os 10 e 22 graos centígrados.
A vila de Oñati está rodeada de diferentes serras cuxos cumios se encontran entre os máis altos do País Vasco, coma o Aizkorri (1.528 m), Aketegui (1.544 m), Aitxuri (1.551 m), Andarto (1.076 m) ou Elgea-Artia (1.117 m). O núcleo urbano aséntase nun val no que conflúen os ríos procedentes das serras que o rodean, formando o Oñati, que é afluente do Deba.
As montañas están formadas por rocha calcaria que deu lugar a unha gran zona cárstica con complexos subterráneos de grande extensión e profundidade. Abriuse a visitas turísticas a cova de Arrikrutz como mostra do fenómeno cárstico na zona.
Dos montes que rodean Oñati baixan varios ríos que se xuntan no núcleo urbano. Por un lado o Ubao e o Olabarrieta, e por outro o Auntz-erreka. Estes ríos pasan polo curioso claustro da igrexa de San Miguel. Pouco despois xúntanse ao río Aránzazu, que percorre un quilómetro baixo terra, entra por Guesalza e sae pola cova San Elías xunto ao Araoz e ao Urkulu. O río así formado, o Oñati, desemboca no río Deba no barrio bergarra de San Prudencio.[3]
O amplo val que ocupa o núcleo urbano do concello de Oñati contrasta cos montes que o rodean, en especial cos que se sitúan ao sur, que teñen os cumes máis altos dos Montes Vascos.
O terreo é de lousas e arenitas, con calcaria arrecifal no sur, na serra de Aitzkorri.
A industria é a actividade económica máis importante do concello, seguida dos servizos. A agricultura ocupa ao 11% da poboación. Os servizos céntranse na atención das necesidades básicas e nun incipiente turismo de interior.
O sector primario ocupa ao 11% da poboación laboral. As terras do concello son boas terras de pastos, coma as campas de Urbía, que dan sustento a unha abundante gandaría composta de ovino e bovino. A agricultura tamén tivo un peso importante, así como a explotación forestal dos seus montes, ben para a obtención de madeira ou ben para a fabricación de carbón vexetal. As actividades gandeira e forestal mantéñense como actividades económicas relevantes.
O sector secundario é o motor económico do concello. Historicamente foron as actividades máis relevantes habendo antecedentes de varias ferrarías que aproveitaban a riqueza de combustible (carbón vexetal) e mais de forza hidráulica para obter ferro e transformalo posteriormente en diversos obxectos coma ferramentas, armas ou cravos. Esta actividade completábana artesáns de diferentes oficios coma cesteiros, tecedoras, muiñeiros etc.
A entrada da industria moderna propiciou a conversión dos pequenos talleres manuais en empresas industriais. A industria de Oñati é moi diversificada, dende fábricas de mixtos e chocolate até elementos metálicos de todo tipo. Dende Osinurdin en Zubillaga até o núcleo urbano creouse unha zona industrial duns catro quilómetros de lonxitude.
O sector servizos centrado en cubrir as necesidades básicas da poboación e nun turismo interior importante ten certa relevancia económica. Os servizos especializados chegan ás poboacións veciñas de Mondragón e Bergara, incluso ás capitais de provincia próximas, Vitoria e San Sebastián. O turismo está centrado en dous ámbitos diferente, por un lado a riqueza monumental na que está integrado o santuario de Arantzazu, e por outro o da riqueza natural, cuxo eixe principal é o Parque Natural de Aizkorri, coas lombas de Urbía como corazón central. O turismo rural tamén ten relevancia.
As seguintes empresas de Oñati superan os 50 traballadores, segundo o Catálogo Industrial Vasco:
Nas terras de Urbia hai numerosos monumentos megalíticos que testemuñan a presenza humana en terras do concello de Oñati dende tempos prehistóricas.
O nome da vila aparece por primeira vez en 1200 nas indulxencias concedidas polo bispo de Calahorra en 1200: Ecclesiam sancti michaeli de Onati. En castelán transformaríase en Oñate pola evolución fonética do -i final postónico en -e.
Oñati foi unha vila de señorío que pasou logo a condado. O condado estivo rexido pola familia Vela e posteriormente pola Guevara de Áraba. Os Condes de Oñati tiñan autoridade sobre o seu condado o que lles permitía cobrar impostos, nomear o alcalde e o abade da igrexa, exercer a xustiza e capitanear as tropas entre outros dereitos. Entre estes estaba o de puerco ezkurbeste que consistía na asignación para o Señor dun porco de cada piara que engordase nos montes do condado. A torre de Zumelzegui era a residencia do conde na vila e mostra do seu poder. No condado utilizábase o foro castelán para cuestións referentes aos fidalgos e o navarro para as referentes aos labregos e plebeos.
O poder do señor de Oñati foi cuestionado frecuentemente polos veciños da vila que buscaban a integración dentro de Guipúscoa ou Áraba. En 1388 produciuse un intento de desligarse do conde de Oñati por parte de 87 fidalgos da vila; o intento foi duramente reprimido polo entón conde, Beltrán de Guevara. As revoltas mantivéronse durante o ano 1389. No século XVI producíronse varias revoltas importantes nas que chegaron a participar o concello e o cabido eclesiástico, até que en 1540 se pediu legalmente a anexión a Guipúscoa.
En 1652 finalizou o preito aberto para lograr esta anexión co resultado de manter a independencia do condado de Oñati. Non sería até 1845, con motivo da supresión dos dereitos señoriais, cando se incorporou á provincia de Guipúscoa con plenos dereitos. Dentro das loitas por máis dereitos logrouse, no século XV, que o alcalde fora nomeado por votación popular, aínda que o conde se reservaba o dereito a confirmalo e a nomear o chamado "alcalde maior".[4]
A familia Guevara ostentou o señorío de Oñati dende o ano 1149 deica a súa anexión a Guipúscoa en 1845. Até 1201 os Señores de Oñati eran vasalos do rei de Navarra e logo pasaron a selo do rei castelán dependendo directamente del. Participaron nas guerras de bandos do lado gamboino e durante os séculos XIII e XIV adquiriron o padroado do mosteiro de San Miguel e o control das ferrarías de Zubillaga. Ao mando de Pedro Vélez de Guevara as tropas de Oñati queimaron a veciña vila de Mondragón en 1448.
Iñigo Vélez de Guevara chegou a enfrontarse ao poder real, o Condestable de Castela fixérase eco das demandas dos veciños, e logrou evitar a incorporación en Guipúscoa, mantendo o poder feudal incluso tralas denuncias de dar protección a bandidos e perseguidos da Xustiza real. En 1539 construíuse a Universidade por encargo do bispo Rodrigo Mercado de Zuazola.
Durante as guerras carlistas Oñati foi praza forte carlista, cuartel xeral do Pretendente e refuxio de tropas carlistas derrotadas. Chegouse a editar a "Gazeta oficial do reino e exército carlista" e construíuse unha fábrica de armas.
En 1845 despois da desaparición dos dereitos señoriais incorpórase á provincia de Guipúscoa, en cuxas Xuntas Xerais ocupou o segundo posto á esquerda do Corrixedor Real. No protocolo de anexión aceptáronse varias condicións expostas polo conde de Oñati; estas eran que se construíse unha estrada dende o veciño Ormáiztegui a Oñati, que se aumentase a concesión de mantemento á universidade e que se lle aboase unha renda anual de 20.000 reais. Esta anexión formalizouse o 9 de outubro dese ano. Antes, durante ese mesmo século XIX, dependeu de Guipúscoa nalgúns períodos de tempo, de 1808 a 1814, de 1820 a 1823 e de 1832 a 1839.
Oñati tivo até 15 ermidas. A de Santa María Magdalena ten especial relevancia ao ser o lugar onde se hospedaron os primeiros xesuítas que visitaron a vila a mediados do século XVI. Entre eles estaba San Francisco de Borja, que durmía nun chanzo. A tradición é levar un anaco de dito chanzo como reliquia. En 1845 a raíña Sabela II visitou a ermida levando o correspondente cachiño de chanzo.
As festas patronais son as de San Miguel, a finais de setembro, pero as máis recoñecidas son as do Corpus Christi, a mediados de xuño. Nestas celébrase unha procesión dende hai séculos e unha misa na mesma mañá. Canda a procesión adoitan saír os dantzaris, quen interpretan bailes tradicionais.
O xentilicio vasco oñatiarra emprégase habitualmente tamén en castelán. Oñacino/a é máis utilizado para referirse aos partidarios da Casa de Oinaz nas Guerras de bandos da Idade Media e o Renacemento. Coloquialmente emprégase tamén txantxiku, que no éuscaro local significa ra.
Oñati está irmandada con diferentes cidades e poboacións de varios países. Hai unha praza dedicada a recordar estes feitos. a Praza dos irmandamentos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.